Xos%E9 Manuel Beiras


 

Novidades
Obras
Biografía
 
mb2rosalia.html

    Xosé Manuel Beiras Torrado naceu en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936. En 1957 licénciase en Dereito na súa cidade natal e matricúlase na Faculté de Droit et des Sciences Economiques na Sorbonne (París), estudando tamén Literatura e Lingua francesas na universidade parisina. En 1960 impartirá o primeiro curso de Economía Política na Facultade de Dereito na Universidade de Madrid. Un ano despois, continúa os seus estudos sobre ciencias económicas na London Economics School. En 1966-67 a Fundación March outórgalle unha bolsa de estudos que lle permite realizar un curso de especialización avanzada e investigación con François Perrou no Institut de Science Economique Apliquée de París, para en 1968 facerse cargo da Cátedra de Estruturas e Institucións Económicas da Falcultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, da que será decano por primeira vez en 1982.
    A publicación de obras como El problema del desarrollo en la Galicia rural  (1967), -polo que recibe o Premio da Casa de Galiza de NY-, Estructura y problemas de la población gallega (1970) ou O atraso económico da Galiza (1997) significan a súa consolidación como analista económico de innegábel prestixio. A súa sólida formación e inquedanzas culturais lévano, ao carón de Xaime Isla Couto, á promoción das coleccións "Agra Aberta" e "Enquisa", a dirixir a colección "Alén-Nós", entre moitas outras actividades, como a tradución ao noso idioma de obras de Jean Giradoux, Jean Anouilh, Camus (Lettres á un ami allemand) ou o seu labor como columnista no xornal Galicia Hoxe.
    Mais o compromiso de Beiras con Galiza excede por demais o ámbito dos estudos económicos e da súa importante actividade cultural, para pasar á esfera da actuación política. Xosé Manuel Beiras asume o nacionalismo dos máis-vellos (fundamentalmente Alexandre Bóveda), e a súa cosmovisión do marxismo ultrapasa os formulamentos e metodoloxía científica para se converter en compromiso político con Galiza, sen condicións de ningún xénero. En 1963, na clandestinidade, funda o Partido Socialista Galego (PSG), asumindo o cargo de secretario xeral en 1971, ao que renunciará en 1977, após non acadar ningún escano na lista da provincia da Coruña que encabezaba. Así, non será até o 24 de novembro de 1985 que se produza o seu primeiro éxito electoral, data en que consegue os votos suficientes para acceder ao parlamento da Galiza. En 1993 o seu grupo parlamentario (BNG) pasa de 5 a 13 escanos, e en 1997 este crecemento consolídase, xa que o BNG acada os 18 deputados, converténdose na principal forza da oposición. Non obstante, a partir de 2001 iníciase unha tendencia caracterizada por unha perda progresiva de votos no grupo político de que é Portavoz Nacional, presentando finalmente a súa demisión o 11 de abril de 2005 como presidente do Consello Nacional do BNG e a súa renuncia a formar parte das listas electorais do seu partido á Xunta da Galiza. A súa traxectoria e arela incesante dunha patria non expoliada, convertérono nunha das figuras máis respectadas e controvertidas do noso tempo.

 

[Novembro, 2006]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega