Xosé Ramón Crecente Vega

(1896 - 1948)

 

 
Obras
Biografía
 
mb3crecentevega.html

     Xosé Ramón Crecente Vega naceu en Santa María de Outeiro (Castro de Rei, Lugo) en 1896. Fillo de labregos e segundo de seis irmáns, aprendeu as primeiras letras na súa parroquia natal e á beira do Miño transcorreu a súa infancia. Con catorce anos transladouse a Mondoñedo para comezar os seus estudos no vello Seminario Conciliar de Santa Catarina e alí interesouse pola lingua de Cicerón, da man do latinista Xosé María Chao García. Logo de estudar Latín, Filosofía e Teoloxía no Seminario, en 1920 foi nomeado coadxutor de Santa Rita de Xuvia e San Xiao de Narón e tres anos despois tomou posesión como párroco desta última vila. Durante a súa estadía en Narón, Crecente Vega fixo o Bacharelato e licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. A Guerra Civil sorprendeuno en Madrid, onde marchara para continuar os seus estudos e facer as oposicións á Catedra de Latín. Xa rematada a Guerra, foi nomeado profesor do Instituto Ramiro de Maeztu da capital española e en 1941 conseguiu, mediante oposición, unha bolsa no Instituto Antonio de Nebrija, tendo a obriga de facer unha edición comentada das Elexías de Tibulo. 
     Exerceu como Catedrático de Latín no Instituto de Antequera (Málaga) e posteriormente nun centro de ensino secundario de Segovia, do que sería nomeado director, cargo que desempeñou até a súa morte en 1948.
     Cumprindo o desexo do escritor de xacer na súa terra, en 1998 os seus restos foron transladados ao cemiterio parroquial de Santa María de Outeiro.
     O único poemario galego da súa autoría, Codeseira, saiu da imprensa en 1933. A segunda edición do volume, cun prólogo de Xosé Trapero Pardo, demoraría trinta e dous anos en publicarse. A obra sería reeditada polo Seminario de Mondoñedo na revista Amencer no ano 1996, coincidindo co centenario do nacemento do poeta. Un ano despois, a Fundación Caixa Galicia publicou José Crecente Vega, a poesía de "Codeseira", edición crítica e estudo feitos por Ricardo Polín e Luz María Durán, traballo gañador do XI Premio Anxel Fole.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega