mb2filgueiravalverde.html
Xosé
Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de
doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela
e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do
Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia
da Literatura. Desde ese momento e até a súa morte, acontecida
en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha gran
actividade na promoción de iniciativas culturais.
Filgueira Valverde iniciou o seu amplo
labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra.
En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e
posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi
alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume do
"vello profesor".
Membro numerario da Real Academia Galega
desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de
Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado
vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago
de Compostela. Dirixiu ademais o Museo "Rosalía de
Castro", o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o
Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de
Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
Na
década de trinta foi colaborador habitual de El
Pueblo Gallego e Logos, publicación esta última en
que mantería unha sección de comentarios bibliográficos
asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa
obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o
teatro. Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os
nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o
texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936)
estreado en 1932, de novo asinada por J. Acuña; as
antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño
novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do
medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital
galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva
(1971).
Porén,
a maior aportación de Filgueira Valverde constitúena os seus
traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas,
espalladas pola imprensa diaria, foron recollidas polo autor nos
nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral
entre os anos 1979 e 1996. As súas aportacións ao coñecemento
da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios
sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).
|