Xos%E9 Lois Ripalda


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1xlripalda.html

     Nacín na pequena freguesía de Erbedeiro, concello de Carballedo provincia de Lugo o 31 de xaneiro de 1940, aldea situada nas abas dunha montaña na que as viñas chegan ata a beira do río Miño. Erbedeiro é unha terra onde a primavera síntese dunha maneira especial, xa que o campo arrecende coas flores dos sabugueiros, xestas e toxais. Unha terra con prados sempre frescos e vizosos pola abundante auga que deitan os manantiais.
     Eiquí pasei a miña neneza e durante estes anos graváronse no meu maxín as inquedanzas da xente que están un pouco a cabalo das provincias de Lugo e Ourense. Esta encrucillada, mistura: lendas, historias e tradicións. Escarabellando neste caudal da narración escribín e publiquei unha escolma de relatos pola miña conta.
     Un fachico de contos, Contos para engaiolar e Contos da baiuca.
     A estes libros debo de engadir Memorias dun esquelete de aldea, que permaneceu ata de agora inédito e que complementa os temas dos outros libros por aparecer de novo vivencias relacionadas co agro, como poden ser: a Santa Compaña, o lobishome, a febre do Wolfran, o estraperlo, os fuxidos, entre outros moitos temas.
     Teño estudios de Maxisterio, cursados en Pontevedra, onde acadei tamén as oposicións que me permitiron exercer o ensino por aldeas do rural tanto de Galicia como de Asturias. Esto contribuíu a seguir enriquecéndome con aquel caudal da miña infancia.
     Despois, puiden contrastar a diferencia de vida das xentes do interior coas da costa ó ser destinado a estos lugares, como o concello de Nigrán e Baiona, para rematar no colexio Celso Emilio Ferreiro en Vigo a miña tarefa de mestre despois de cuarenta anos de servicios.
     Durante esta derradeira etapa seguín a escribir novos libros, As bolboretas brancas, que acadou un dos premios Barco de Vapor, concretamente na súa quinta convocatoria, e tamén escribín As botas de Zapeto. Debo dicir que o ir de estos anos dirixín traballos escolares de etnografía sobre temas tan variados como os dedicados a fontes, árbores, medecina popular, hórreor, entre outros, acadando premios do Museo de Pontevedra.
     Teño outros traballos etnográficos inéditos, A cultura do pan e As rodas de pedra e a súa literatura popular, polos que se teñen interesado algúns editoriais pero que ata agora non entraron no prelo.
     Debo dicir que co gallo do "Día das Letras Galegas" percorrín colexios onde me solicitaron para dar conferencias ós rapaces e rapazas sobre o homenaxeado correspondente.
      Quixera salientar que en todos os meus traballos sempre foi algo moi primordial para min recuperar o vocabulario da nosa lingua, na miña opinión moi maltratado actualmente.
     E xa como final, agradezo á Universidade da Coruña a súa xentileza por crearme a miña propia páxina web, onde darei a coñecer a devandita obra Memorias dun esquelete de aldea e tamén Erbedeiro, vida e esmorecer dunha aldea, que reflexa con mágoa algo que lle está ocurrindo a moitas das nosas aldeas: a desaparición.
     E sen máis abeizón a todos os que dunha maneira ou de outra fan posible que perdure eternas primaveras esta lingua dun pobo nobre, eterno e agarimoso: GALICIA.

[Febreiro, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega