Gonzalo Navaza


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2gonzalonavaza.html

     Chámome Gonzalo Navaza Blanco e nacín o 28 de febreiro de 1957 no número 16 da rúa Xoaquín Loriga de Lalín.
     Fago o número once (o pequeno) dos fillos de Xulia Blanco e de Perfecto Navaza. Por liña paterna son fillo póstumo, pois o meu pai, que era de Toiriz (Vila de Cruces) e tiña en Lalín comercio de ultramarinos, morreu dous meses antes de eu nacer. A miña nai, natural de Palmou, era mestra de párvulos en Lalín. Tanto por liña materna como paterna pertenzo a familias rurais con vinculacións no clero (mesmo con parentes bispos) e no maxisterio (a miña avoa materna tamén era mestra, e aínda hoxe máis da metade dos once irmáns seguimos dedicándonos á docencia).
     Estudiei en Lalín as miñas primeiras letras e fixen o bacharelato en Santiago como alumno interno no colexio La Salle. Non podo precisar de qué modo naceu en min a inclinación literaria: lémbrome desde sempre moi afeccionado á lectura, aínda que debeu ser determinante a miña función como axudante do bibliotecario do colexio durante eses anos. Aos catorce ou quince comecei a publicar tiras cómicas e textos en verso e prosa na revista do colexio. Que desde o primeiro momento optase polo galego como lingua literaria débese sobre todo á influencia dos meus irmáns máis próximos a min en idade.
     En 1974, mentres facía o COU, entrei en contacto coa revista infantil Vagalume e nela publiquei historietas e contos durante os dous anos que durou a revista.
     No curso 1974-75 iniciei Filoloxía na Universidade de Santiago. Pertencín durante un tempo ó grupo de teatro Antroido, de Roberto Vidal Bolaño, e participei máis ou menos activamente na vida política universitaria do momento.
     Empecei a traballar como profesor de galego no ensino secundario en Ourense desde o curso 1979-80. Vivín nesa cidade e no veciño Maside, de onde é a miña muller, ata que nos trasladamos a Vigo en 1986. En 1981 comecei a colaborar con Edicións Xerais de Galicia como autor de libros de texto e como traductor. Algunha das miñas traduccións (A chamada da selva, de Jack London, por exemplo) convertéronse en auténticos best-sellers. Nesa mesma publiquei na revista Dorna e noutras publicacións poemas e textos narrativos breves.
     En 1983 vinme obrigado a incorporarme ó Servicio Militar con destino en Figueres e Berga, en Cataluña. Visto o panorama, e despois de cerca de tres meses de facer o parvo, conseguín ser declarado "inútil" por "psiconeurótico obsesivo" (así figura literalmente na miña cartilla militar).
     Desde 1984 colaborei co Instituto Geográfico Nacional no traballo de campo para a revisión da toponimia da cartografía de escala 1:25.000. Durante seis anos percorrín toda a provincia de Ourense e boa parte da de Pontevedra, palmo a palmo, preguntándolle á xente polos nomes de aldeas, montes, vales, ríos... En 1988 comecei a colaborar coa Comisión de Toponimia.
     En 1988 asumín a función de director da colección de diccionarios de Edicións Xerais. Ese mesmo ano estiven dous meses e medio en Basilea (Suíza) impartindo cursos de galego para emigrantes.
     En 1989 presentei un libro de poemas a un certame convocado polo concello de Dodro para honrar a memoria do poeta Eusebio Lorenzo, a quen eu coñecera e tratara durante os seus últimos anos. Concedéuseme o premio e o libro apareceu en 1991 co título de Fábrica íntima, que recibiu así mesmo o Premio da Crítica Española dese ano.
     No curso 1991-92 (o 27-XI-91, segundo o colofón; nos primeiros días de 1992, segundo os créditos do libro) publiquei A torre da derrotA, escrito en versos palindrómicos.
     Entre setembro de 92 ata xaneiro do 93 estiven na cidade de Salvador (Brasil), impartindo clases de lingua e literatura galegas na Universidade Federal da Bahia. No ano 1993 pedín a excedencia como catedrático de ensino medio e incorporeime ó Departamento de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo, onde sigo traballando na actualidade.
     En 1996 apareceu o meu primeiro libro de relatos, Erros e tánatos.
     En 1997 padecín un accidente de automóbil que case acabou comigo. Pasei máis dun mes en coma, pero os médicos do Hospital Xeral de Santiago e o afecto da familia e dos amigos conseguiron recuperarme para a vida. Pasei logo outros sete meses (para min foron anos...) inmobilizado nunha cama de hospital.
     En 1998, aínda moi tocado polo accidente, recibín por Erros e tánatos o premio Arcebispo San Clemente, concedido polo instituto compostelán Rosalía de Castro e un xurado de alumnos de COU dos institutos galegos. Compartín o premio con Saramago, que acababa de recibir o Nobel, o que lle deu á cerimonia de entrega unha repercusión inusitada.
     O mesmo ano de 1998 lin a miña tese de doutoramento sobre Fitotoponima galega.
     En 1999 publiquei o Elucidario, unha especie de diccionario paródico que aparecera uns anos antes, por entregas, no desaparecido Diario de Galicia.
     No ano 2000 opositei para converterme en profesor titular de Universidade. O mesmo día que rematei a oposición concedéuseme o Premio Martín Códax polo libro de poemas Libra, que máis tarde tamén recibiu o premio da Crítica Española dese ano.
     Vivo en Vigo, na rúa Xoaquín Loriga (os taxistas de Vigo, para a miña desesperación, pronuncian "Lóriga", esdrúxulo, o nome deste lalinense ilustre), aínda que espero poder trasladarme pronto a Peitieiros (Gondomar), onde estou construíndo unha casa cos cartos que recibín da indemnización do accidente.
     A comezos de 2002 aparecerá en Xerais unha narración breve co título de Santos e defuntos.

[Febreiro, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega