gloria sánchez


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
Gloria Sánchez




Gloria Sánchez (Vilagarcía de Arousa, 1958)

     Teño dúas fillas, dúas ducias de libros publicados e unha árbore nun tarro. As fillas esváenseme entre os dedos a unha velocidade de medo, moito máis rápido que a miña capacidade para asimilar o seu alonxamento, o que fai que por veces renxa e adoeza como as vellas locomotoras. Os libros medran e espállanse, pero sempre regresan traéndome novas e non poucas satisfaccións. Gústame. É o máis parecido a escribir cartas ós Reis Magos e que atendan as túas demandas. Pouco pretenciosas, non se pensen, pero o xusto para ir tirando mentres ando de lea coas dúas paxaras e cunha servidora, que non é pouco. Así vai tomando sentido o dito, un fillo, un libro, unha árbore. En canto a esta última nin me pide nada nin me dá froito. Cativo e ruinzallo, preso no seu cárcere de terra de bolsa de supermercado, o pobre. Pero algún día hei ter un anaco de terra e heille dicir, aí tes, estarrica as túas raíces, dilata os pulmóns e respira. Cun pouco de sorte medrará forte e cumprido aínda que tal vez arrastre algunha doenza que lle impida alumear laranxas. Pero así e todo hei facelo; teño unha débeda con el. Ocuparse dunha árbore é un labor moi serio e eu aínda non o fixen como é debido. Unha árbore humanízanos e confórtanos; a modo, sen pretensións, sen conflictos... Antes que un fillo, antes que un libro, prantade unha árbore. En terra libre, a poder ser.

[Agosto, 2004]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega