Miguel-Anxo%20Murado


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2miguelanxomurado.html

     Nado en Lugo en 1965. Escritor, guionista de cinema e televisión.
     Licenciado en Xeografía e Historia, arqueólogo de formación, dedícase sen embargo profesionalmente á literatura.
     En 1983, cando contaba só 17 anos, obtivo o premio nacional "Café Gijón" coa súa novela Metamorfosis benezianas. A partir de entón, escribiu toda a súa obra literaria en lingua galega, tocando practicamente todos os xéneros literarios: novela, relatos, poesía, ensaio ou teatro. Libros seus de relatos son Memoria de derribos (1987), Mércores de cinza (1997) e sobre todo Ruído, relatos de guerra (1995), que acadou cinco edicións, foi traducido ó español e logrou o Premio Sanclemente de narrativa (ex aecquo co escritor italiano Antonio Tabucchi).
     No campo da poesía, o seu Bestiario dos descontentos (1986) foi traducido e publicado nos Estados Unidos, e en 1990 Murado foi finalista do Premio Esquío con Lapidario dos heterodoxos.
     Canto ó teatro, é autor de dúas comedias representadas e publicadas: A grande noite de Fiz (1992) e Historias peregrinas (1994). Así mesmo, publicou varios libros de ensaio, entre eles o recente Caderno de Xapón (2001).
     En paralelo co seu traballo literario, Murado desenvolveu durante anos un labor de guionista, polo que obtivo en tres ocasións o Premio Carlos Velo para guionistas da Xunta de Galicia. Seus son os guións de películas do cinema español como La Ley de la Frontera ou Finisterre. En televisión, escribiu e realizou dunha ducia de documentais sobre Xeografía, Literatura e Política. Así mesmo, colaborou en varias series de televisión, entre elas as populares Pratos combinados e Mareas Vivas.
     Por último, Murado ten desenvolvido unha actividade intermitente no campo do xornalismo. Desde hai case vinte anos é columnista habitual en diversos medios (El Mundo, Tempos, O Correo Galego, El Europeo) e en 1991 e 1993 cubriu como reporteiro as guerras balcánicas. Tamén residiu varios anos en Oriente Medio, onde traballou sucesivamente para as Nacións Unidas, o Goberno da Autoridade Palestina e como correspondente de prensa. Na Autoridade ocupou os cargos de Xefe de Relacións Exteriores do Ministerio de Medio Ambiente palestino en Ramallah e do Ministerio Especial para Belén 2000, ademais de Oficial de Prensa adxunto ó Comité Executivo da OLP. No ano 2000 abandonou a administración palestina e traballou como correspondente da axencia de noticias Europa Press e de Radio France Internacional.
     Actualmente reside en Xerusalén, onde é correspondente do diario español El Mundo.

[Febreiro, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega