Luís Seoane

(1910 - 1979)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2luisseoane.html

     Luís Seoane López naceu en 1910 en Bos Aires no seo dunha familia de emigrantes galegos. Cando neno, veu coa familia a Galiza e estableceuse na Coruña. Tras cursar o Bacharelato, estudou Dereito en Compostela, licenciándose en 1932. Procedente do colectivo estudantil Federación Universitaria Escolar, Seoane ingresou nas fileiras do galeguismo primeiro como secretario en 1931 da Agrupación Nazonalista e no ano seguinte como militante da Unión Socialista Galega. Con Arturo Cuadrado, fundou Resol, colaborou con artigos e deseños en diferentes publicacións, realizou as ilustracións dos primeiros poemarios de Álvaro Cunqueiro e comezou a pintar ao óleo. Xa instalado no Colexio de Avogados, deseñou o cartaz da Frente Popular, da que formaría parte o Partido Galeguista, a favor do Estatuto do Autonomía.
     Uns meses despois da escalada fascista, o multifacetado artista exiliouse a Bos Aires
, mais non abandonou o seu fondo compromiso coa realidade do país (no mesmo ano 1936 publica baixo pseudónimo artigos sobre o terror fascista), converténdose axiña nun dos alicerces do movemento cultural galego da capital arxentina. Así, creou, con X. Núñez Bua, o semanario Galicia Libre (1937), comezou a colaborar como ilustrador na editorial Losada e, un ano despois, situouse á frente da revista Galicia. Fundou varias coleccións ("Hórreo" e "Dorna", "Pomba" e "Camino de Santiago") e promoveu varias editoriais. Deu á luz a revista Galicia Emigrante (1954-1959), que el mesmo dirixiría, transformada tempo despois nun programa radiofónico. Así mesmo, editou e expuxo con éxito internacional unha produción pictórica moi diversa: gravuras, litografía, deseños, óleos, murais, cerámicas, etc. Porén, tamén encontrou oco para o cultivo da literatura, que iniciou en 1952 coa publicación do poemario Fardel de eisilado. Á súa primeira obra poética seguirán Na brétema, Sant-Iago (1956), Cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). Con Lorenzo Varela e Emilio Pita, Seoane é un dos primeiros escritores do noso socialrrealismo poético. Os núcleos temáticos da súa poesía, recollida nun só volume por Ediciós do Castro en 1977, van ser a emigración, o exilio e a saudade das terras galegas. Mais tamén compón Seoane pezas teatrais. En 1957 sae do prelo La Soldadera, cuxa primeira versión fora redixida en galego. O mesmo acontecerá con El irlandés astrólogo, que se edita dous anos máis tarde.
     En 1963 Seoane retornou ao país galego a incorporouse de maneira activa ao movemento de reactivación da cultura galega, participando no nacemento do Laboratorio de Formas de Galicia xunto con Isaac Díaz Pardo. En 1979 o intelectual galego-arxentino, membro da Academia de Belas Artes arxentina, morreu na Coruña.

 

Fundación Luís Seoane

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega