Luís Pimentel

(1895 - 1958)

 

 
Obras
Biografía
 
Pimentel. html

     Luís Pimentel nace en 1895 en Lugo, vila onde moraría a maior parte da súa vida e de onde só se afastaría na súa época de estudante. Finaliza o Bacharelato en 1914 e establécese en Santiago para cursar Medicina na universidade compostelana. Nesta altura asina os seus primeiros versos, redixidos en español, aínda que —segundo o seu propio testemuño— tiña comezado a escribir en lingua galega. Compuxera Pimentel, con apenas catorce anos, un libro de poemas na nosa lingua inspirado polas lecturas rosalianas, que deixarían unha forte marca na obra do autor lugués.
     Unha vez licenciado (en 1922), transládase a Madrid para realizar o doutoramento. Durante a súa estancia na capital española vai participar do ambiente cultural da cidade, sobre todo por medio do convivio, na Residencia de Estudiantes, coas máis destacadas figuras da xeración do 27 (Lorca, Buñuel, Dalí).
     De volta a Lugo levará unha vida tranquila, só alterada polos seus frecuentes ataques de angustia. Vai exercer como médico no Hospital Municipal, mais manterá a vinculación co mundo artístico e literario asistindo ás tertulias de Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega. Axiña se acrecentará o seu interese pola poesía, influído por Evaristo Correa Calderón, director e principal promotor da revista Ronsel. Correa vaino pór en contacto coa obra dos grandes poetas (Bécquer, Rubén Darío, Dámaso Alonso, Guillén, Juan Ramón, Francis James, Rilke, Antonio Machado, Unamuno..), de grande pegada na poética pimenteliana, e facilitalle a publicación en Ronsel. Nesa época inicia a súa amizade co musicólogo Bal e Gay, autor de Hacia el ballet gallego, que estimula especialmente a curiosidade de Pimentel pola música e as danzas populares. Inclinado ás artes no xeral, o noso autor realizou algúns bocetos escénicos para ballet e mesmo varios apontamentos dramáticos —nalgunha ocasión manifestou que tería gostado de escribir teatro—.
     O especial proceso de elaboración literaria de Pimentel ten provocado vivas discusións á volta da súa consideración como escritor das nosas letras. A pesar de ter redixido a maior parte dos seus versos orixinariamente en español —amigos como Ramón Piñeiro ou Fole se encargaban de verquer ao galego, baixo a supervisión de Pimentel, os seus poemas—, sempre manifestou boa disposición perante a tradución ao noso idioma da súa obra, entrando a formar parte da literatura galega con pleno dereito.
     A súa produción lírica —que, a pesar de contar con certas pegadas avangardistas, non se pode adscreber a nengún "ismo"—, só coñece a publicación tras a guerra. Pimentel nunca mostrou grande interese por ver en letra impresa as súas composicións. Así, para alén dos versos aparecidos en Ronsel, dá á luz algúns poemas en diversas revistas da altura (La Gaceta Literaria, Resol, Yunque, Vanguardia Gallega, Galiza, a revista portuguesa Descobrimento). Só en 1950 —vinte anos despois da morte de Manuel Antonio e Amado Carballo, os poetas máis representativos da súa xeración—, Pimentel reunirá oito dos seus poemas nun folleto —prologado por Fole— que titula Triscos e se abre co poema"Nai de Galicia", dedicado a Rosalía.
     O resto da súa obra apareceu postumamente. En 1959, un ano despois do falecemento de Pimentel, edítase Sombra do aire na herba —considerada a súa obra cume—, onde Celestino Fernández de la Vega prologa e compila a maior parte dos textos en galego do poeta lugués. A seguir, en 1960, xorde Barco sin luces, versión en español dun poemario galego que tiña de ser publicado por Nós, mais que se perdera a consecuencia do asalto á editorial galeguista durante o conflito bélico. Anos máis tarde, xa en 1981, sae a súa produción inédita ou non compilada anteriormente en Poesía enteira —onde encontramos o poema galego "Cunetas" que reflicte o horror e a crueldade da guerra, moi presente nas composicións do autor—.
     Caracteriza a poética pimenteliana —afastada do esteticismo deshumanizante imperante no momento— a recreación dun clima de intimidade e recollemento a través da reflexión melancólica e, por veces, angustiada. Estilisticamente, sobresae nos seus versos a sinxeleza na construción, a precisión expresiva e os valores eufónicos e sensitivos. Prescinde Pimentel da estrutura estrófica e da rima —o que confere ás composicións un ton de prosa poética plena de sensibilidade e ecos musicais— e xustapón, por medio dunha linguaxe coloquial e con fórmulas próximas ao impresionismo, unha serie de imaxes aparentemente inconexas.
     Creador orixinal e controvertido, Pimentel falece no seu lugar natal en 1958. Nese mesmo ano o grupo Brais Pinto realiza no Centro Galego de Madrid un acto de lembranza en honor do poeta e, dous anos máis tarde, organiza na mesma institución unha sentida homenaxe. Dedícase ao escritor lugués o Día das Letras de 1990.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega