Manuel García Barros

(1876 - 1972)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4kenkeirades.html

     Manuel García Barros naceu en 1876 en Berres (A Estrada), onde transcorreu a súa infancia e parte da mocidade. Realizou os seus estudios de Maxisterio, como alumno libre, na Escola Normal de Santiago de Compostela.
     En 1906 saiu á rúa o xornal El Estradense, do que García Barros foi fundador e director. Nos primeiros anos do século foi nomeado vicepresidente da Federación Sindical Agrícola do concello da Estrada e na década de vinte iniciou a súa colaboración no xornal O Emigrado coa sección 'Contiños da terra'. En 1923 conseguiu unha praza oficial como mestre e foi destinado á parroquia de Rubín; uns meses despois asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticacicais, que publicou no apartado 'Rexoubas' do Emigrado.
     Ao longo da súa vida xornalística foron frecuentes os problemas coa xustiza e determinados sectores da política e da vida social da zona. No ano 36, viuse obrigado a interromper a súa colaboración con O Emigrado, publicación que continuará a se editar nunha liña máis aproximada ao novo réxime político. Alén disto, foi suspendido de emprego e soldo como mestre, e catro anos máis tarde unha orde ministerial arredouno definitivamente do ensino.
     A única peza teatral da súa autoría, Carta Da Habana, foi encenada no Nadal de 1926 e, cinco anos despois, publicou Contiños da Terra, texto financiado economicamente polas Sociedades de Emigrados da Estrada en Bos Aires e A Habana. A novela As Aventuras de Alberte Quiñói (concluída en 1942) só vería a luz postumamente, trinta anos após a súa redacción. En 1952 O Centro Cultural do Partido da Estrada sacou á luz a segunda edición de Contiños da Terra, convertida xa nun dos éxitos literarios da época.
     Ken Keirades recibiu galardóns en varios certames literarios: así, gañou o certame literario promovido pola Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, co conto O fubol en Malpocados; o seu cartaz Falemos na nosa fala obtivo o primeiro premio no Certame de Exaltación da Muller Galega, celebrado en Pontevedra en 1929; do mesmo xeito, As Aventuras de Alberte Quiñói recibirían unha mención especial no Certame Literario do Centro Galego de Buenos Aires de 1949. Desde 1957 o escritor estradense foi correspondente da Real Academia Galega.
     Manuel García Barros faleceu en 1972. Postumamente foron publicados dous volumes con relatos inéditos do escritor estradense: Enredos (2000), libro que contén unha serie de contos intitulados Fiunchos que o autor escribira coa finalidade de apresentalos nun certame literario en 1952, e Dos Meus Recordos (2001), unha miscelánea autobiográfica.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega