(Re)ser(vado) (Polifonías)

 

[Texto íntegro]

 

modelo

A

Unha navalla lenta é o proxecto da identidade.
Unha celebración añil o re-coñecemento.

¿Cómo deixei que todo isto me sobreviñera?
O meu propio soño marchou de min comigo
Non podo permitir que se me malinterprete unha vez máis
¿Por qué me afectas?, ¿por qué me afectas aínda?
Unha absurda desposesión infranqueable.

Pero que eu estaría ben, que non cumpren coidados xa sabes que total eu


estaría ben, sempre ben, aínda que non se me entendese aínda
que perdese a saúde na miña mocidade.
Eu tamén pensaba que podería controlalo.
¿Por qué me desesperas?, ¿por qué aínda me desesperas?

Unha poza de notas sostidas,
un reiseñor mecánico é a tarde
¿Cómo tiven a coraxe de asumir a túa estratexia?

B

Cando deixo de ser flor,
molesto.

Pero o duro era ser, o
                                  infatigablemente aciago.

Que eu contraese algunha seria doenza
favorecería grandemente a miña obra literaria.

Como non teña traballo, marcho para Las Vegas.
Nos Estados Unidos son máis guapa que en ningún sitio.

Pero teño sido agre e pretenciosa,
teño sorrido por interese propia,
a axetreada capitalista sexy;
compensei polos meus días de impotencia.
Ser
é o difícil.
Cando falei só contemplaron os meus labios.

¿Se me tomo un descanso iso
faráme irresponsable?
se son vulnerable
serei pisoteada?
¿se me fosen peor as cousas
quereríadesme máis?

Unha profusa navalla é o proxecto da identidade,
un reiseñor mecánico a tarde.
Tanto souvenir acabará con Notre Dame
¿Onde estabas cando te necesitei?

C

Hanayo compréndeme. Non sei
se talvez se me entendería mellor no Xapón.

Ó peixe débil      a corrente levaráo a algún lugar seguro.
O peixe forte     estará só nun esforzo que se multiplica.

O doado
              non é ser.

Non tería comprometido tanto
por medo a facer que ti me despreciases,
non tería sido tan autodestructiva,
non tería prescindido de necesidades,
non tería negado os meus empeños
¿se son guapa terei
menos posibilidades de estar sóa?

Hanayo compréndeme. Non sei
se talvez se me entendería mellor no Xapón.

Ó peixe débil      a corrente levaráo a algún lugar seguro.
O peixe forte     estará só nun esforzo que se multiplica.

O doado
              non é ser.

Non tería comprometido tanto
por medo a facer que ti me despreciases,
non tería sido tan autodestructiva,
non tería prescindido de necesidades,
non tería negado os meus empeños
¿se son guapa terei
menos posibilidades de estar sóa?.

D

Tanto souvenir acabará con Notre Dame,
¿qué é o que vexo?, vexo que nin un só día, nin
un día só deixei de sospeitar da miña inclinación ás esporas.

-Non foi aquilo o que non che perdoo (podo aguantalo case todo)-.

Definitivamente, eu, tampouco farei nada por salvarme.
Pero farei.
Estragareime en vida, farei
do meu ventre un circo, darei de comer
                                                 o meu corazón ás bestas.

O que non che perdoarei foi apenas que atopases
unha mínima razón para pegarme.

Imperdoable cómica desesperada farás
do teu ventre
                           un circo.

Unha      mínima      razón      para pegarme.

E

Eu nada máis quería debuxar un amuleto
pero cando falei só contemplaron os meus labios.

Preguntarlle ós lirios, as pantallas, ós papeis térmicos,
preguntarlle ós demáis quen demos é que era eu.
Corrín o risco de perderme,  -a min, que fun todo canto tiven-
apoucada nena pálida do uniforme azul.

¿Faría da nosa casa o éxito un fracaso?

Privilexio da miseria é ter o seu lugar
Como non teña traballo, marcho para Las Vegas.

O volume de todas as miñas cifras incide nas esporas ás que me inclino.
Xúroche que non terí asometido tanto
por medo a non estar a aquela altura.
¿Se non quero     é que non quero?

Ó peixe débil     a corrente levaráo a algún lugar seguro.
O peixe forte     estará só nun esforzo que me multiplica.
Misericordioso é o premio quero estar enferma
¿Ónde estabas cando te necesitei?.














 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega