Éter

 

 

Éter

O éter é nos libros un líquido inflamable un gas que arde o ar máis puro a esfera sobre a
esfera.

Tu
un peixe no Índico lubricán
a rosácea ascendendo Soa no trevo ou no trebón que foi o idioma enteiro
para nós.
A curación son a que che canta e a que danza coa punta do pé que é coa punta dun horto
que é coa punta da pouta dunha osa arcaica fenta dos Ancares. A curación.

Se me hei continuar na preñez da paporrubia ... cando contas os meus anos
polos círculos e os círculos ventrais quen non te queira ver que non me mire
quen non queira saber que non retorne ó líquido redondo dos dous Neve Vermella.

Alimentar a hormona dun abrazo pequeniño enchéndote despacio
oio cruzar o solpor polo recanto da Plaza de la Soledad, 1963, en Venezuela
oio a miña propia indíxena morena pisándome no peito para traerme ó mundo canda ti
sinto cómo aprendes o seseo predorsal antes cás letras
porque é unha formación de coral na gorxa dos galegos.

Eu estaba no ar na comadrona no prado descomunal que amamanta un sentimento roxo
na Amazonia
eu andaba sementando picóns de patacas novas sobre o dígrafo NH
para que mo pronuncies na nunca patria do amor dos choronís á sombra molecular dun
coco na non soberanía nacional do amor de arepas tostadas e cambures.

Indio indio indio indio
o éter é nos libros un líquido inflamable un gas que arde o ar máis puro a esfera sobre a
esfera
son eu sentada sobre ti a lumeirada meirande a Neve a Neve Vermella do caudal todo
do Orinoco a Fonmiñá
Indio indio indio
sentada sobre ti a corrente da emigración retorna sen fin coma un arroás rubíndome
ás meixelas
Indio indio
sentada sobre ti volven e van os barcos dos portos de Vigo e da Coruña indio
sentada sobre ti hai un Océano que chamo por nomes e apelidos sentada sobre ti
realizo a transfusión dos vivos e dos mortos de Galicia ás súas viúvas
sentada sobre ti coloco as pernas en forma de cartografia atlántica
así sei que me torno cobriza cubríndote e na miña lingua era o éter
un Indio indio indio indio
indio indio indio
indio.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega