8 contos

 

Carpameta-carpadeduna e os seus amigos (autoría de Xoán Babarro)

 

v3xoanbabarrosonsonetinho.html

   Hai unha chea de tempo coñecín eu a unha man que andaba polo mundo. Tiña, como teñen a maioría das mans, cinco dedos e chamaba a cada un deles polo seu nome: ó meimiño decíalle FIRFILINDIRTI; ó seu sobriño, PURPULUNDURTU; ó mordetodos, MARMALANDARTA; ó furabolos, REMELENDERTE, e ó matapiollos tíñalle de nome GORGOLONDORTO.
   Pero a pobre man trabucábase decote cando tiña que chamalos, e un día tomou unha repentina decisión:
—Desde hoxe chamareivos Firfi, Purpu, Marma, Reme e Gorgo. E se non vos gusta, botádelle azucre.
   Os dedos, pola contra, viron o ceo aberto; pois era un bo momento para lle pagar a ela coa mesma moeda. Firfi, o pequerrecho, que para poronuncia-lo nome da man tiña que facer un descanso no medio tomando un refresco de laranxa para poder continuar, aproveitou a ocasión:
—Pois nosoutros, de agora para adiante tampouco che imos chamar CARPAMETACARPADEDUNA. E mellor que che digamos simplemente Carpa.
—¡Que boa idea! —dixo Gorgo.
—¡Estupenda! —asegundou Reme.
—¡Fantástica! —terciou Marma.
—¡Fenomenaaal! —berrou de último Purpu.
Carpa era moi viaxanta e aventureira e gustáballe meterse en camisas de once varas por ondequera que fose. Verás que feliz ocorrencia se lle veu á cabeza:
—Vouvos deixar libres un mes; para ver quen de nó-los seis conta a aventura máis emocionante.
—¡Que boa idea! —dixo Gorgo. —¡Estupenda! —asegundou Reme.
—¡Fantástica! —terciou Marma.
—¡Fenomenaaal! —berrou Purpu.
—¡Sinsiciniiiil! —asubiou finiño Firfilindirti.
—Pois dentro dun mes estaremos de volta todos neste mesmo lugar — esixiu Carpa, antes de se despediren.
   Gorgo montouse no ¡pooo-pooo! dun camión e colleu camiño da autoestrada. Reme enganchouse ó ¡meee-meee! dunha ovella e botouse a chimpacarneiras polo prado.
   Marma quixo ve-lo que pasaba dentro dun bote de marmelada e meteuse debaixo da tapa.

   Purpu enganchouse no ¡cuuu-cuuu! do cuco e deu en voar de árbore en árbore. Firfi, o máis pequeniño, esperou á mañá cedo e subiuse ás carramulas do ¡quiquiriquiiii! do galo poara camiñar por unha raiola de sol.
   E por fin Carpametacarpadeduna dixo ó se ver soa:
—Pois eu voume canda a miña tocaia traballar no circo.
   E pasados os trinta días xustiños do mes, volveron atoparse no mesmo sitio para contárense as aventuras.
   Carpa foi a primeira en falar:
—¡Unha experiencia inolvidable!. O domador de leóns emprestoume o látigo. Deixáronme facer equilibrio polo arame dos funambulistas. Fixen acrobacias no lombo dun cabalo. Bambeeime na trompa dun elefante. Calcei unha bota xigante do pallaso Seteleguas. E salvei dunha grave caída a dous trapecistas.
—¡Que boa idea! —díxolle Gorgo—. Tesnos que levar un día a todos a ese circo. Eu en cambio paseino "rechúlez" contando marcas de coches último-modelo: mercedes, ferraris, lamborghinis... e aínda tiven tempo de impedir que o camioneiro chocase nun cambio de rasante cun toliño que viña adiantando en sitio prohibido.
—¡Que estupendo! —falou Reme—. A min tamén me gustaría ir canda ti ver coches.
Pois eu pasei o tempo emborcallándome pola herba a percibindo miles de arrecendos. Falei cos saltóns e as carricantas e un grilo aprendeume a toca-la frauta. Unha vez salvei a unha ra de caer no peteiro dunha cigoña.
—¡Fantástico! —berrou Marma—. Temos que ir todos de novo a ese sitio, para que o grilo nos dirixa nun grupo musical. Pois veréde-lo que me pasou a min. Metinme tranquilamente no bote de marmelada. ¡Que ben se estaba alí lambendo o doce de froita! Pero unha boa mañá, abren o bote para unta-las torradas do almorzo e... "¡¡¡AAAAAAAAhhhhhhhh!!!" berraron estridentemente ó ve-la miña uña; e quedaron todos sen probar bocado. A ama foise dereitiña ó comerciante ameazando que o ía denunciar por caníbal e falsificador de productos. A sorte que tivo o dono da tenda foi que eu me convertese en invisible, e por máis análises que fixeron, atoparon decote unha marmelada de primeira categoría sen falsificacións nin canibalismo de ningún tipo.
—¡Fenomenal! —engadiu Purpu— . A próxima vez pido ese papel, que quero facer unha trastada caníbal. Pois eu fíxenme amigo dos cucos, das rulas e das bubelas e aprendín deles moitas cancións en u maior e u menor. Agora xa non teñen segredo para min as ramas das árbores nin a música do vento nas follas. Unha vez impedín que o miñato arramplase coas crías dunha escribenta.
   Todos esperaban oí-lo "¡¡¡Sinsiciniiil!!!" de Firfi; pero foi precisamente nese intre cando se decataron de que o dedo meimiñ o aínda non aparecera no grupo.
—¿Que lle pasaría? —dixo Gorgo.
—¿Por onde andará? —asegundou Reme
—¿Perderíase polo camiño? —terciou Marma.
—¿Enganaríase ó conta-los días? —imaxinou Purpu.
—Témolo que ir buscar —esixiu Carpa.
   E por medo a se perderen uns dos outros, saíron xuntos a buscalo, preguntando por un sitio e outro:
—¿Viches a Firfi?
—Non o vin nin o sentín.
—¿Vistes a Firfi?
—Non o vimos nin o sentimos —respondían por un sitio e outro.
   E cando xa estaban cansiños e agotados de preguntar e preguntar, díxolles unha xoaniña:
—O Firfilindirti despois de pasear encantouse no meu lunariño pra non se secar.
   E así fora. Firfi viaxara coa raiola polo espello do río, polas ondas do mar, polo orballo das follas; e tan entusiasmado estaba co seu brillo, que se esqueceu de beber. A porquiña rubia atopouno desfalecido e levoulle á boca unha pinguiña de orballo que o fixo revivir ó tempo que o transformaba nun dedo tan pequeniño, tan pequeniño, que era practicamente imposible velo. A xoaniña cargouno ó lombo e el extraviouse no medio dun lunariño.
   Había que rescatalo fose como fose; e esta foi a solución:
   A porquiña rubia colocouse na palma de Carpa e os dedos berraron a coro moi forte:
—¡¡¡Firfilindirtiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii!!!
   E a longa chamada chegou deica o fondo do lunar onde estaba perdido Firfi. Este agarrouse a un i e foi gateando pola escada de i-i-i-i-i-i-i-is ata presentarse na palma da man diante dos amigos, que celebraron con moita alegría o encontro.
   É por iso polo que as porquiñas rubias son tan amigas de conta-los dedos e voar de man en man.

 

Autoría de Xoán Babarro
 



    


 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega