A "Carta de París", considerada como de Cristóbal Colón

 

 

v2bernardezvilarcartadeparis.html

     O documento cartográfico do que nos imos ocupar foi adquirido pola Bibliothèque Nationale de France a un tal monsieur Challus o 27 de setembro do ano 1848. Trátase dun vello pergamiño coloreado, sobre vitela, de aproximadamente 110 centímetros de longo por 70 de ancho, que ofrece a particularidade de presentar, nas súas dúas terceiras partes, un Portolano, mentres que o resto, o situado á súa esquerda, contén un pequeno Mapamundi circular arrodeado polas nove esferas celestiais. O documento está todo el realizado con tintas negra, sepia, roxa, verde e azul, con aplicacións douradas, e distintos tipos de letra.
     Del debemos dicir que, no que a Galicia se refire, e de norte a sur, ofrécenos as seguintes indicacións: Ribadeo, Bivero, St. Marta, Perol —conxecturalmente, Ferrol—, Curunna, Mugia, Sisargas, Finis Terra, Noia, Pontevedra e Baiona. Así mesmo, amosa un enorme templo románico, o de Compostela, única representación en todo el que non ostenta ningunha clase de pendón ou bandeira. Contén, así mesmo, a referencia: "Europa, ab Europa rege neab Europa Agenoris filia, enim vocata et bocatur tercia pars mondi et incipit ab flumen Tanai et finitur in Galliciea in capit Finis Terra". "Europa, así chamado do rei Europo e de Europa, filla de Agenor, considerada unha das tres partes do mundo, comeza no río Tanais —o hoxe denominado Don— e remata no cabo Finis Terra en Galicia".
    Tanto polas súas dimensións como polo seu ornato a "Carta" parece tratarse máis dun ostentoso documento oficial, ou quizais un agasallo, que dun simple instrumento de traballo. Unha obra, en suma, moi fermosa, e posiblemente destinada a ser lida. José Comellas mesmo aventura a posibilidade de que fose feita "para un gran señor, por un gran cartógrafo" (1).
     Dado que a inmensa maioría dos case que 1200 rótulos e textos que nela figuran están escritos en latín e portugués, pasou a figurar de inmediato na Sección de Mapas e Planos da indicada Bibliothèque Nationale como Carta Portuguesa do século XVI, baixo a signatura de C 12356 Mv. Gen. 203, se ben que na actualidade está sinalada como Ge AA 562.
     Uns setenta e cinco anos despois da súa adquisición, o 14 de abril de 1924, Charles de la Roncière, Conservador da Sección de Impresos da entidade propietaria e prestixioso historiador da Mariña Francesa, especializado na navegación e na xeografía medievais, publicou un revolucionario artigo na revista L'Ilustration, no que chegaba á conclusión de que o autor deste dúplice e destacado documento fora nada menos que Cristóbal Colón. Unha hipótese que deu lugar a unha dilatada polémica, aínda non fechada, da que veu resultar a curiosa situación de que a ata aquel momento considerada como "Carta Portuguesa", pasase a ser universalmente denominada xa "Carta de Colón".

Copia simple do Mapamundi Circular da "Carta de París", no que se poden apreciar, ademais do contorno do mundo entón coñecido, Islandia, Grenlandia e o cabo de "Buena Esperansa".





¿Cando foi elaborada esta "Carta"?

     Como primeira provisión para entrar en materia, imos tratar de situar no tempo a "Carta" en cuestión. O feito de que esta conteña tanto un Mapamundi circular, coma un Portolano, apunta xa cara a unha posible concepción xeográfica medieval por parte do seu autor. Porque os Mapamundis circulares non son senón unha fase serodia dos vellos mapas tripartitos, ou circulares, tamén denominados en "T" ou en "O", nos que, unha vez perdidos os coñecementos acadados polo mundo clásico, e quizais a partir xa de Isidoro de Sevilla, no século VII, trataron tanto os "beatos" como os demais autores, de representar as tres partes entón coñecidas do mundo, se ben que coa limitación de utilizar datos practicamente tirados nada máis que da Biblia. Neles, a Terra Santa aparece sempre no seu punto central, a semellanza de cómo na Antigüidade se articulaban os mapas en torno a Delfos, considerado como o Omphalos ou embigo do mundo.
     En canto ós Portolanos, ou máis correctamente, as Cartas-Portolano, xurdiron a mediados do século XIII. Trátase duns documentos doctados dunha eficace técnica de representación baseada nas experiencias tanto de viaxeiros como de navegadores. No seu momento supuxeron unha auténtica revolución fronte a absoluta ineficacia dos mapas circulares anteriores, cos que coexistirían aínda ó longo de máis de dous séculos.
     Estas Cartas-Portolano utilizaban coma técnica a prática da navegación chamada á estima, un recurso co que os mariñeiros de todos os tempos souperon acadar sorprendentes exactitudes. Presentan, ademais, distintas rosas dos ventos, así como liñas e feixes de rumbos e de escalas gráficas, con divisións e subdivisións, que facilitaban o seu manexo e comprensión. A eles engadíanse tamén toda clase de explicacións complementarias relativas a portos, coñecementos prácticos, ventos e accidentes. Estas figuraban ben nas propias Cartas xa no denominado libro-portolano que soía acompañalas. Moitas delas amosan, así mesmo, representacións iconográficas, algunhas autenticamente espectaculares, aínda que non sempre exactas. Pesia ás súas limitacións, tales documentos, evidentemente inspirados nos vellos Periplos da antigüidade, permitían a calquera patrón da Baixa Idade Media chegar ó seu destino.


Copia simple da parte do Portolano da "Carta de País" que contén a Península Ibérica e o Norte de África. Obsérvense os deseños da Catedral de Compostela e das posibles Santa Fe e Granada, así como de Melilla, das que nos ocupamos no comentario.


     A definitiva eclosión da Cartografía produciríase despois do descubrimento, traducción e publicación, na primeira metade do século XV, dos 27 mapas que acompañaban á Geographike Hyphegesis do alexandrino Claudio Ptolomeo (87-150c), e de xeito especial, a partir do momento no que estes foron impresos en Vicenza, Italia, no ano 1475 (2).
     A difusión da obra deste xeógrafo supuxo a inmediata incorporación á cartografía baixomedieval dos importantes coñecementos que aquela contiña. En primeiro lugar, a idea da esfericidade da Terra, cientificamente demostrada por Tales de Mileto (640-545 aC), e polo director da Biblioteca de Alexandría, Erathostenes de Cirene (276-194 aC), e defendida tanto por Pitágoras de Samos (580-500 aC), como por Aristóteles de Estagira (384-322 aC), que, se ben esquecida despois, acabou por ser de novo asumida por Alberto Magno (1200-1280), profesor de teoloxía e de filosofía en París e Colonia, con base ó seu coñecemento deste último autor. Outra das novedades que supuxo a difusión de Ptolomeo foi a reincorporación á Cartografía do sistema de coordenadas, meridianos e paralelos, equidistantes entre si, ideada por Anaximandro de Mileto (611-547 aC), Hecateo, nacido cara ó 549 aC, e o propio Erathostenes, que permitía unha rápida localización de calquera punto da superficie terrestre. A aplicación tamén a estes círculos da vella medida babilonia dos 360 graos, subdivididos á súa vez, en minutos e segundos, aportada por Hiparcos de Rodas (190-125 aC), e perfeccionada por Marino de Tiro, no século II dC., así como a utilización de escalas, atopábanse xa, así mesmo, nestes mapas ptolemaicos que o século XV puxo diante dos pasmados ollos dos eruditos e dos navegadores daquel tempo. Foi a través do descoñecido Agathodemon, que neles aparece indicado como o seu deseñador, que Ptolomeo fixo sabedores a todos eles da representación cartográfica do mundo do seu século II, utilizando a proxección cónica, unha das catro por el coñecidas.
     A iniciación, xa antes de 1425, polo danés Claudius Clausso Swart (1388-14??), máis coñecido como Claudius Clavus, da adaptación destas cartas á entón incipiente expansión xeográfica, ó incluír nelas o norte de Europa, Islandia e Grenlandia, marcaría xa un rumbo imparable para a nova cartografía, que incorporou de inmediato os coñecementos acumulados nas Cartas-Portolano, así como os recursos dos rudimentos do cálculo astronómico naquel tempo iniciados, así como os numerosos lugares que se foron descubrindo e explorando ó longo dos séculos XV e XVI. O fecundo, aínda que breve, reinado póstumo da obra de Ptolomeo remataría a principios do século XVI, ó seren superados xa nese momento os coñecementos que contiña. A partir dese intre, aínda á marxe da discutida, e discutible, influencia que puido representar a chegada a Europa de determinados coñecementos procedentes da China (3), os mapas foron, cada vez máis, tal como os chegou a considerar o flamengo Abraham Ortelius (1527-1598), os "ollos da Historia".
     Queremos significar con este comentario, que a simple sistematización dos contidos desta Carta de Colón, ademais do feito de que siga a manter o norte embaixo, fai pensar que se atopa un tanto afastada da cartografía do século XVI ó que inicialmente fora asignada. Sabido o cal, pasamos a tratar de determinar unha máis exacta cronoloxía para a mesma, de acordo cos seus contidos.
     Comezando pola Carta-Portolano, esta centra a súa atención, como resulta habitual en todas elas, nas costas, ofrecendo unha pormenorizada representacións das do Atlántico e Sur de Europa, ata aproximadamente o paralelo 70º norte, así como das do Oriente Medio, Mar Roxo incluído. En canto ó seu occidente africano, chega ata o sur da foz do río Zaire, ou Congo, do que sabemos que foi descuberto no ano 1484 polo portugués Diogo Cão. O que nos alerta no sentido de ter que pensar que a sú confección ten que ser posterior a esta data posto que o seu autor é coñecedor deste feito.
     Por unha banda, entre as 28 fermosas representacións de cidades, fortalezas e templos que contén, existen dúas que parecen corresponderse, e así ven sendo admitido, coas cidades de Santa Fe e Granada, sobre as que ondea o pendón de Castela-León. Se a interpretación é correcta, e dado que esta última rendeuse ós Reis Católicos o 25 de novembro do ano 1491 (4), e que estes tomaron posesión dela o 2 de xaneiro seguinte, a inclusión do seu gallardete na representación ten que significar que a información neste documento recollida é tamén posterior a algunha destas datas, ou a ambas. Así mesmo, advírtese que o pavillón que aparece sobre Melilla, conquistada por Pedro de Estopiñán no ano 1497, non é o de Castela-León (5), o que, en boa lóxica tennos que conducir a conxecturar que o Portulano, ou sequera, a información nel recollida, debe de ser anterior a esta data. Non podemos, sen embargo, precisar canto anterior pode ser, polo feito de que a representación do occidente do Atlántico non está completa, o que non nos permite ser sabedores de se nela podía figurar algunha alusión ás illas descubertas por Colón nalgunha das súas dúas primeiras viaxes, das que retornou o 4 de marzo de 1493, e o 11 de xuño de 1496, respectivamente. Todo o cal nos permite situar a elaboración deste importante documento entre despois de novembro de 1491, e o ano 1497.
     En canto ó pequeno Mapamundi Circular, temos que dicir que se trata doutra sobranceira representación que, aínda que a causa do seu tamaño, conteña menos información que o Portolano, aporta algunha outra, distinta, e complementaria. A visión que nos ofrece, é tamén claramente medieval, como o parece indicar o feito de aparecer Xerusalén no seu centro, e de situar, neste caso o mesmo que o Portolano, no Atlántico Occidental a Illa das Sete Cidades, así como coñecer certas xeralidades acerca de Grenlandia e Tartaria, que aparecen noutros escritos medievais. Sabe, así mesmo, da existencia da Rocha Magnética, descrita no ano 1360 polo monxe inglés Nicholas de Lynn, na súa Inventio Fortunata (6); trata de situar os lugares que aparecen na vella Navigatio Sancti Brandani, e, por último, reproduce á letra unha parte do epílogo da célebre Imago Mundi do Cardeal Pierre d'Ailly, rematada entre os anos 1410 e 1414. No que ó Oriente se refire, non ofrece máis que datos bíblicos, ou procedentes dos mundos clásico, medieval e renacentista.
     Sabido isto xa non nos pode sorprender que a cronoloxía deste outro e máis reducido mapa, se sitúe entre o mes de decembro do ano 1488, data na que, segundo testemuño do propio Colón, foi coñecido en Lisboa o descubrimento por Bartolomeu Días do Cabo da Boa Esperança, accidente xeográfico que figura nel representado e nomeado, e antes do retorno, mes de agosto do 1499, de Vasco da Gama da súa primeira viaxe á India. Dato este que se deduce do feito de que este Mapamundi non sexa coñecedor de ningún topónimo africano, ou asiático, dos polos portugueses entón impostos. A testemuña de Colón antes indicada figura nunha das súas numerosas anotacións marxinais, neste caso feita en latín, na obra Imago Mundi, da súa propiedade, que aínda se conserva. Colón atopábase naquel momento en Lisboa, reclamado polo rei João II (1455-1495), por carta do 20 de marzo do mesmo ano, que se conserva no Arquivo do Duque de Veragua. O que parece confirmar a apreciación acerca das características medievais do documento.
     Por outra banda, e con base á antigüídade e á inconcrección dos datos que da costa oriental de Africa contén, podemos conxecturar tamén que este Mapamundi deba de ser considerado máis achegado á primeira das indicadas datas, que á segunda.
    Así, pois, e aínda que con certa precariedade, parece que contamos con elementos suficientes para estimar que tanto un como outro documentos cartográficos deberon de ter sido elaborados, ou cando menos, conteñen datos, coma moi tarde, de mediados da última década do século XV, podendo ser mesmo coetáneos.



Outras peculiaridades da "Carta de Colón"

     Resulta así mesmo evidente que o autor desta dúplice Carta, quenqueira que fose, ou calesqueira que resulten ser as fontes que utilizou, demostra uns coñecementos autenticamente notables, posto que, ademais de nos ofrecer unha visión que podemos calificar de relevante acerca de cómo era, ou como se consideraba que podía ser entón o mundo, está tamén extraordinariamente ben informado acerca de lugares tan afastados como Islandia e Grenlandia. Da primeira ofrécenos un deseño bastante próximo ó real, aínda que de maior tamaño, e datos moi puntuais, así como a representación de tres das súas igrexas, mentres que de Grenlandia, oficialmente non visitada nos oitenta anos que precederon á confección da Carta, segundo recoñece o 23 de decembro de 1492 o papa Alexandre VI, Borgia (1492-1503) (7), é tamén sabedor da súa forma triangular meridional (8), e do feito de contar con poboación permanente —"hic habitat populus mansosus"—, indicios claros da calidade das fontes que utilizou.



Copia simple da parte da "Carta de París" referida a Islandia. Nela inclúese unha parte do texto que a acompaña, e as tres igrexas da illa.


     Deteñámonos agora no feito de que a inmensa maioría dos textos que na Carta aparecen atópanse en latín e en portugués, o que inclinou a considerar a posibilidade dunha autoría portuguesa para a mesma. Unha análise máis detida leva a ser algo máis cautos, xa que tamén se pode detectar nela a existencia de topónimos castelanizados, ou híbridos (9), denominacións italianizadas (10), e mesmo arcaísmos (11). Para rematar de enguedellar a cuestión respecto ós coñecementos lingüísticos do seu autor, tamén se advirten formas con evidentes influencias tanto portuguesas —ou galegas—, como itálicas: Fonterrabía, Olba (Huelva), Ampola, Terragona, ou Galvei (Galway, Irlanda).



Razóns en favor da autoría de Cristóbal Colón

     A existencia dunha toponimia deste xeito viciado fixo pensar ós analistas que o autor da Carta, máis que dun portugués, debía de se tratar de alguén que, ademais de contar con notables coñecementos cartográficos, tiña nocións de latín, portugués, castelán e dalgunha das falas itálicas. Alertado, sen dúbida por estas circunstancias, así como polo feito de que os contidos da Carta inclinan a situala nos momentos nos que Cristóbal Colón residía en Castela-León, polo que non pode resultar anómalo que, de ser el o seu autor, vertese ó castelán parte da súa terminoloxía, Charles de la Roncière pasou a advertir tamén o xeito destacado como figuraban nela certos lugares estreitamente relacionados co Descubridor, personaxe no que parece que poden considerarse tamén reunidas as características antes comentadas. Porque, ademais de "coñecedor" dos catro idiomas que figuran na Carta, aínda que do italiano non nos deixase máis que unhas serodias e escasamente firmes liñas, Colón sabía trazar Cartas de Marear, segundo el mesmo afirma nunha comunicación ós Reis do ano 1501 (12). Sosteñen así mesmo que chegou a vivir da confección deste tipo de documentos, Bartolomé de las Casas (1474-1566), Pedro de Medina (1522-1567), e o açoriano Gaspar Frutuoso (1522-1591) (13).
     Os lugares que de la Roncière atopou nesta Carta con Colón relacionados foron: Santa Fe, onde mantivo tratos cos Reis, e onde, o 17 de abril de 1492, firmou con eles as famosas Capitulacións de Santa Fe, que precederon ó Descubrimento, Granada, a Génova na que a hipótese maioritariamente aceptada considera que naceu, Túnez, cidade dende a que, arredor do ano 1472, conducíu unha galeaza de Renato de Anjou (14), o Castelo da Mina, en Ghana, do que se gaba ter visitado en máis dunha ocasión, tanto nalgunha das notas que incluíu nas marxes dos libros da súa pequena biblioteca, como nun comunicado ós Reis Católicos de xaneiro de 1495 (15); a illa grega de Quíos, que noutra anotación, esta no seu diario de a bordo do 12-11-1492, e nunha carta a Luís de Santangel o 15-2-1493, afirma ter visitado. Por último, Islandia, acerda da que, nun despacho dirixido ós Reis en xaneiro de 1495, declara ter coñecido no ano 1477.
     A todos estes indicios e probas circunstancias, sumáronselle inmediatamente outras razóns:
     A) Que a Carta reproduce textualmente partes do "Imago Mundi", de Pierre d'Ailli, unha das obras predilectas de Colón, da que se conserva aínda o exemplar da súa propiedade, con máis de 900 anotacións marxinais súas.
     B) Que o texto que figura na Carta ó pé da Illa das Sete Cidades, sexa case que o mesmo que o utilizado polo seu fillo, Hernando Colón, e polo Padre Las Casas, que bebían directamente dos escritos do Almirante.
     C) Que o texto que no documento aparece onda o Mar Roxo, ademais de reproducir frases tomadas do "Imago Mundi", contén a falta sintáctica, ou "solecismo", de utilizar DE IBI, en lugar de DE UBI, exactamente igual a como aparece da man do propio Colón na nota no exemplar desta obra da súa propiedade, no capítulo 51, punto 3º.
     D) Que a altura do Cabo das Palmas, en Serra Leona, África, existe a anotación "Hic non videtur polus Arcticus", "Aquí non se ve o polo Ártico", é dicir, a Estrela Polar, erro idéntico ó cometido por Colón cando se ocupa da inmediata Illa dos Ídolos no seu escolio núm. 860 á obra "Descripción de Asia", de Eneas Silvio Piccólomini (16).
     E) Na Carta advírtense tamén denominacións habityuais en Colón, como son, no Portolano, a de "Athalans Mons", en lugar de Atlas Mons, e no Mapamundi, a de "Aurea", en vez de Chersonesus Aureus, aparecendo ademais "Aurea Chersonesus" no chamado "Mapa Esquemático", obra do seu irmán Bartolomeo e de Alessandro Zorzi (17).
     F) Por último, o Portulano contén comentarios acerca de certos aspectos xeográficos practicamente idénticos ós que aparecen nos escritos que do Almirante se conservan.



As dúbidas acerca da autoría colombina

     En contra destas curiosas, e ata certo punto abrumadoras concordancias e analoxías, existe o feito claro de que na Carta figuran representadas, de xeito así mesmo destacado, outras vintentas poboacións que non teñen ningunha relación co Almirante, polo que, o que estean as que si a tiveron, non ten po que significar ningunha especial intencionalidade por parte do autor. E, o que resulta índa máis difícil de explicar, outros lugares con decisiva influencia no decurso da vida de aquel, como son Lisboa, Madeira ou Porto Santo, nos que residiu, comerciou, casou e tivo fillos, entre os anos 1476 e mediados do 1485, ou mesmo a irlandesa Galway, acerca da que afirma ter visto nela a dous navegantes chineses (18), ou o propio Mosteiro da Rábida, en Palos, onde atopou axuda para a súa empresa exploradora, son relegados a segundo termo na Carta, ou nin sequera aparecen. Así mesmo, tampouco menciona esta puntos de tan marcado interese para Colón como Cipango e a Illa Antilia.
     A aparición de italianismos tampouco se pode considerar como ningunha proba determinante, por canto son tamén moitos os que figuran na maior parte da cartografía do século XV.
     E poderían atoparse razóns capaces de explicar tamén as posturas propiciadoras da súa autoría aducidas nos puntos A) ó F).
     Do que ven resultar que, se ben as probas favorables a esta hipótese, inicialmente aportadas por Charles e Monique de la Roncière, e as recentemente achegadas por José Comellas, resultan de auténtico peso, existen outras que as debilitan e as converten nun tanto dubidosas, ata o punto que debamos de manter unha certa cautela ó respecto.
     Mesmo se pode pensar que a Carta sexa obra de varios autores, xa que son tamén varias as letras que nela se observan, ou considerar que toda esa morea de coincidencias moi ben podería obedecer ó feito de ter utilizado Colón, nos seus escritos, as mesmas fontes que o autor, ou autores, do documento Cartográfico que nos ocupa. Ou, se acaso, que fose este mesmo, unha das por el utilizadas.
     O Almirante, segundo estima a práctica totalidade dos seus analistas, coñeceu e utilizou moitísimas fontes, se ben que o seu acceso ás mesmas parece ser, en xeral, e maioritariamente, posterior a 1492. E son contados os documentos autógrafos que del existen, e todos eles posteriores ó descubrimento, estando algúns mesmo baixo a sospeita de non seren xenuínos. A maior parte do que Colón escribiu, chegou a nós gracias a copias efectuadas pola man do seu biógrafo Bartolomé de Las Casas. En canto ós numerosos escolios, ou "apostillas", que figuran nas obras da súa propiedade que se conservan, as máis antigas foron realizadas despois do ano 1484, e os que figuran nas de Marco Polo, Caio Plinio Secundo, ou do Cardeal Pierre d'Ailly, a maioría dos investigadores considéranos posteriores a 1497 (19). É dicir, que pertencen a datas aínda máis serodias que a da confección da Carta de París. O que non invalida a posibilidade de que poidese ter utilizado tamén esta.



O coñecemento de Islandia

     Como consecuencia, imos facer algo distinto. Imos abrir unha nova vía de análise desta cuestión. Para o que recorreremos a comparar un texto saído das mans do autor do Portolano, con outro, moi próximo a el nos seus contidos, do que si sabemos que é obra de Colón.
     Este está tirado do que parece ser unha Comunicación enviada por el ós Reis Fernando e Isabel, no mes de xaneiro do ano 1495, no decurso da súa segunda viaxe, dende a recén descuberta illa da Española. Non se conserva o orixinal da mesma, senón que contamos nada máis que cunha copia, ó parecer das súas partes máis salientables (20), efectuada por frei Bartolomé de Las Casas, que aparece tanto na biografía do Almirante feita polo seu fillo Hernando Colón (1488-1539), como na documentada "Historia General de las Indias", do propio padre Las Casas (21).
     Ambos textos ofrecen a vantaxe de ter sido redactados de xeito case que coetáneo, pois se do que figura no Portolano sabemos que é anterior á conquista de Melilla, ano 1497, se ben que posterior á rendición de Granada de novembro de 1491, a comuniciación colombina é de xaneiro de 1495. Unha distancia cronolóxica entre os mesmos demasiado breve para que, de seren do mesmo autor, amosen diferencias conceptuais acusadas.
     Vexamos, pois, os dous contidos:


Comunicación Colombina Texto da Carta-Portolano
     "Yo navegué el año de cuatrocientos setenta y siete, en el mes de Hebrero, ultra Tile, isla, cient leguas, cuya parte austral dista del equinocial setenta y tres grados, y no sesenta y tres, como algunos dizen, y no está dentro de la línea que incluye el Ocçidente, como dize Ptolomeo, sino mucho más ocçidental. Y a esta isla, que es tan grande como Inglaterra, van los ingleses con mercadería, especialmente los de Bristol, y al tiempo que yo a ella fue no estaba congelado elo mar, aunque avía grandísimas mareas, tanto que en algunas partes dos vezes al día subía veint y cinco braças y descendía otras tantas en altura".      "Esta illa, chea de montes e case que sempre arrodeada de neve e de xeo, chamada polo seu propio nome Islandia, ou Thile en latín, por atoparse a grandísima distancia da illa Británica e enormemente lonxe da liña do Ecuador, ten longuísimos días e noites, que poden acadar 22 horas solares, polo que parece un clima frixidísimo, de sorte que apenas se atopa outra comida que o peixe afumado, ou conxelado, que os seus habitantes intercambian cos británicos por trigo e outros artigos. Segundo contan os ingleses, viven en casas moi rústicas e mal amobladas que, ó longo de seis meses ó ano consisten en covas de neve e xeo".


     Digamos antes de nada que, a pesar dos anacronismos que se observan na Comunicación, unha boa parte dos autores considera auténtica esta viaxe que Colón di ter feito a Tile-Islandia no mes de febreiro do ano 1477, especialmente pola circunstancia de que se ignora onde puido estar entre a súa chegada a Portugal, o 13 de agosto de 1476, e o mes de xullo de 1478, momento no que interviu na adquisición dunha partida de azucre na illa de Madeira. A primeira data tírase dos contradictorios informes do seu fillo e do padre Las Casas, e dos datos máis precisos que aportan os cronistas Alonso de Palencia (1423-1492), e Rui de Pina (1440-1522), mentres que a segunda figura no discutido Documento Assereto.


O autor nas proximidades do volcán islandés Hekla.


     Do que afirma nesta Comunicación (22), son exactas as súas afirmacións acerca do comercio inglés con Tile-Islandia (23), que esta é moito máis occidental do que a situara Ptolomeo, xa que este conferíralle á súa Tile as coordenadas da Noruega Central, así como que no mes de febreiro non está na primeira xiado o mar, circunstancia que coincide co feito de que era en febreiro cando os comerciantes e pescadores ingleses se desplazaban a Islandia. Pode, así mesmo, darse por boa a sua comparanza entre o tamaño desta, uns 103.000 Kms., co de Inglaterra, arredor de 130.000 Km2., e mesmo que, aínda que a distancia á que Islandia se atopa do Ecuador sexa a de 63º 25', feito perfectamente coñecido pola inmensa maioría dos cartógrafos daquel tempo, mesmo polo cardeal Pierre d'Ailly do que o Almirante era un acendido devoto, poida afirmar que tal distancia era de 73º, xa que puido ter cometido aquí un novo erro de medición e cálculo semellante a outros moitos que del coñecemos.
     Non é, en troques, de recibo a súa afirmación de que en Tile-Islandia houbese mareas de vintecinco brazas, vinteseis segundo o seu fillo Hernando. O que implicaría admitir a existencia nela de movementos neríticos de 14,45 a 43 metros de altura, segundo o tipo e braza que adoptemos, a xenovesa ou calquera outra das entón existentes no mundo. Porque as mareas de Islandia non teñen nada de especiais, e a súa oscilación actual é duns 3,8 metros, cun máximo de 4,63 (24). Que Colón diga iso é suficiente, ó noso xeito de ver, para non aceptar a viaxe que a ela di ter efectuado. Ninguén que visitase Islandia en 1477, tempo no que as mareas eran semellantes ás actuais, podería situar tamañas oscilacións nela. Se a isto lle engadimos que o propio Colón admitía o 21-12-1492 que o Norte por el coñecido non pasaba entón de Inglaterra (25), nin existe nos máis de dous mil escolios, posteriores todos eles cando menos ó ano 1484, como xa indicamos, a menor alusión, cada vez que se ocupa de Tile, a que a visitara antes, resulta francamente difícil admitir que puidese ter estado nela en 1477.


Hafnarjördur, hoxe a segunda cidade de Islandia e no século XV o seu principal porto. Situada no sodoeste da illa, a súa igrexa principal, daquela posiblemente no memsmo lugar que algunha das que aparecen na fotografía, debe ser unha das que figuran na "Carta de París".


     A Comunicación colombina presenta todos os síntomas de ter sido tomada de oídas, posiblemente dos imprecisos datos da expedición dano-portuguesa comandada por Pining e Pothorst, da que parece ter sido piloto o danés Johannes Scolvus, que, parece ter acadado "circa annum 1476" o actual estreito de Hudson, no que si se dan mareas como as por el descritas, á procura dun paso cara ás Illas da Especiaría.
     En canto ó Portolano, demostra importantes coñecementos acerca de Islandia, aínda que debamos de matizar un tanto as súas indicacións ó seu tamaño e ó seu clima, xa que este está bastante atemperado pola benéfica acción da "Corrente do Golfo". Mesmo sitúa con precisión as súas dúas Sés episcopais, a de Hólar, no norte, e no sur a de Skálholt. Un terceiro templo que aparece neste mapa debe de se corresponder coa igrexa da vila de Hafnarfjördur, a finais do século XV o porto máis visitado tanto polas naves inglesas como polas hanseáticas, moi próximo á actual Reykjavik. Trátase, sen dúbida, de datos tomados, como indica, —"ut referunt anglici"—, dos tripulantes das embarcacións que a visitaban, e ocasionalmente, invernaban nela. Datos tamén coincidentes, en grande parte, con canto acerta de Islandia e Grenlandia nos refire Martin Behaim no seu globo terrestre rematado en Nürenberg no ano 1492.
     Agora ben, entre os textos que acabadmos de reseñar advírtense certas discrepancias que, pola súa importancia, pasamos a comentar:
     A) Colón utiliza o nome de Tile cando se refire a Islandia, mentres que o texto da Carta-Portolano sabe, aínda que iso non sexa exacto, que o primeiro é o nome latino da illa, cuxa denominación propia era a de Islandia, característica ata certo punto reflexada tamén no Mapamundi, no que se le: "Islandia vel Thile", "Islandia, ou ben Thile".
     Sabemos que a aplicación a esta illa da vella denominación de Tile, Thule ou Thile, produciuse no ano 825 no "Liber de Mensura Orbis Terrae" do irlandés Dicuil, e que foi reivindicada no 1075 por Adam de Bremen, na súa "Gesta Hamburguensis Ecclesiae Pontificum", e no século seguinte polo danés Saxo Gramaticus. No XV, sen embargo, sabíase xa que non era así, e a maior parte dos mapas representaban xa por separado ambos territorios, circunstancia que Colón parece ignorar na súa comunicación.
     B) Este sostén que a Tile por el visitada era "tan grande como Inglaterra", mentres que no Portulando Islandia aparece bastante máis extensa que esta, aínda que non sexa así na realidade.
     C) Colón indica que no mes de febreiro de 1477 "no estaba congelado el mar", o cal é certo. En troques, a Carta salienta o feito de que Thile-Islandia está "case que sempre arrodeada de neve e de xeo", e que "padece un clima fixidísimo", circunstancia recollida no propio deseño que da mesma ofrece, no que aparecen diversas zonas con xeos flutuantes.
     D) Por último, Colón afirma, respecto a Tile-Islandia, que a súa "parte austral dista del equinocial setenta y tres grados, e no sesenta y tres como algunos dizen". Pois ben, a representación que o Portolano nos ofrece de Islandia sitúa a súa parte meridional a unha latitude duns 62º, distinta, pero moi próxima á real, que, como sabemos, é de 63º 25'.


Skálholt, "o máis noble lugar de Islandia", foi sé episcopal, entre os anos 1056 e 1796, do sur da illa. Dela debe de ser outro dos templos que aparecen na Carta. O actual, que podemos ver á dereita, nesta fotografía, foi construído en 1963 sobre a cimentación do primeiro. Ao fondo, o famoso volcán Hekla.


     Evidentemente debemos de partir do feito de que a Comunicación do Almirante non tiña porque recoller canto respecto a Islandia poidese saber. Mais, de ser este o autor dos dous textos que acabamos de comparar, non cabe a menor dúbida de que tampouco se deberían de dar as discrepancias que deles acabamos de salientar. Como consecuencia, a non ser que realizase deliberada e intencionadamente, por algunha especial razón, dúas versións case que antagónicas respecto ó que sabía acerca de Islandia, moito nos tememos que esta nosa breve incursión polos contidos da Carta de París, a el atribuída por Charles de la Roncière e os seus seguidores, non veña senon a aumentar as dificultades que para aceptar da súa autoría existen.
     Quizais cando se acade unha maior precisión na cronoloxía das máis de dúas mil anotacións que nas marxes dos seus libros deixou Colón, se poderá determinar se os contidos da "Carta" son anteriores ou posteriores a tales escolios. E, coma consecuencia, saber con seguridade se, máis que autor da mesma, o que en realidade fixo foi utilizala, ou ben aproveitar as fontes polo seu autor, ou autores manexados. De momento, o considerar o documento parisino como da súa autoría non parece ser máis que unha simple hipótese.

16-2-04











          NOTAS

1 José Comellas, páx. 65.
2 Germaine Aujac, páx. 7, 8, 17 e 19; P.D.A. Harvey, páxs. 51-52; Alfredo Pinheiro Marques, páxs. 24-27. Rebecca Stefoff, páxs. 233-34.
3 O coñecemento destas posibilidades está compendiado na obra de Gavi Menzies, que citamos na bibliografía.
4 Antonio Romeu de Armas (1974), páxina 189.
5 José Comellas, páxina 162.
6 Desta obra sabemos que a súa adquisición lle foi encargada en 1497 polo propio Almirante ó seu amigo o comerciante de Bristol, John Day [Juan Gil (1984), páx. 267]. Nela relátase a viaxe do inglés Frier "á illa mái septentrional do mundo", e recolle datos acerca do Polo e desta rocha magnética próxima a el (Luigi de Anna, páxs. 114-115).
7 Gwyn Jones, páxina 101.
8 Esta forma fora xa representada por Claudius Clavus, no seu segundo mapa de arredor de 1425, así como por Johannes Schnitzer e Donnus Nicolaus Germanos (Ulm, 1482) e Martin Behaim (Nüremberg, 1492).
9 Como: Insule de las Septem Civitatum, Cabo Carbonero, por Carvoeiro, Albufera, Cabo Bogador, Castillo Darguim, Illa de los ïdolos, Río das Gallinas, La gran apoblación, Río Primero, Río de la Mina, Insula de las Purcelas, C. de buena esperansa,... ou Unha flor, por Honfleur.
10 Como: Insule deli Azori, S. Giorgi, Cabo daque Frede (na costa catalana), Insule de Capo Viridi, ou Anno Buom, na Guinea.
11 Entre eles: Mouvedro (Sagunto), e Maiorqua e Minorqua.
12 "A este mi deseo fallé a Nuestro Señor muy propicio y ove d'El para ello espírito de inteligençia. En la marinería me fiso abondoso, de astrología me dio lo que abastava y ansí de geometría y arismética, y engenio en el ánima, y manos para debusar espera, y en ella las cibdades, ríos y montañas, islas y puertos, todo en su sitio" (Consuelo Varela, páxina 277).
13 José Comellas, páxina 75-77, e Mª Fernanda Alegría, páfxina 146.
14 "A mi acaeçió que el rey Reynel, que Dios tiene, me enbió a Túnez para prender la galeaça Fernandina..." Comentario de 1495, recollido tanto polo padre Las Casas, como polo fillo do Almirante, Hernando Colón. Reynel é Renato de Anjou, o Bó (1409-80), personaxe que ostentou numerosos títulos nobiliarios, entre eles os de rei de Nápoles e Xerusalén, monarca oficioso tamén de Aragón no período 1466-72, no que lle disputou militarmente o reino ó pai de Fernando o Católico.
15 Mercedes Varela, páx. 167, tamén recollido polo padre Las Casas e por Hernando Colón. O Almirante equivócase aquí, sen embargo, ó considerar a este Castelo situado ó sur do Ecuador, cando a realidade é que se atopa na latitude 5º 6', ó norte da liña equinocial.
16 José Comellas, páx. 192.
17 Kenneth Nebenzhal, páxinas 38-39.
18 "(Homine)s de Catayo versus oriens venierunt. (N)os vidi(mi)mus multa notabilia et (spe)cialiter in Galvei Iberne virum et (ux)orem in duobus lignis areptis ex mirabili (for)ma": "Homes de Catayo viñeron traídos ó Oriente. Vimos moitas cousas notables, sobre todo en Galway, Irlanda, un home e unha muller nuns leños arrastrados pola tempestade de xeito admirable". Escolio núm. 19 da xa mencionada obra de Eneas Silvio Piccolómini.
19 Juan Gil (1992), páx. IX. Mercedes Varela, páxs. IX á XI.
20 Copia que se atopa na Biblioteca Nacional: Ms Rs. 21 f e ss. (Mercedes Varela, páxs. 166-167).
21 Bartolomé de Las Casas, Vol. I, páxs. 30-31; Hernando Colón, páxs. 29 e 56-57.
22 Por nós detidamente analisada nos traballos que incluímos na Bibliografía.
23 Detalladamente estudiado pola profesora da London School of Economics, Carus Wilson, e recollido nos traballos que de Björn Thorsteinsson e G. J. Marcus figuran na Bibliografía.
24 Datos do Almanaque para Islandia, 1991-92, editado pola Universidade deste país.
25 "Yo he andado veinte y tres años en la mar, sin salir d'ella tiempo que se aya de contar, y vi todo el Levante y Poniente que dizé para ir al camino de Septentrión, que es Inglaterra...". Mercedes Varela (1989), páx. 89.




Bibliografía Principal

Ailly, Pierr d' (1992): Ymago mundi y otros opúsculos. Alianza Editorial. Madrid.

ALEGRÍA, Mª Fernanda (1996): "Fontes Cartográficas de Cristóvão Colombo"; páxs. 145-164 en Las relaciones entre Portugal y Castilla en la época de los Descubrimientos. Universidad de Salamanca.

ANNA, Luigi de (1993): Le isole perduto e le isole ritrovate. Cristóforo Colombo, Tile e Frislanda. Universita di Turku (Finland).

AUJAC, Germaine (1998): La Géographie de Ptolomée. Anthese. Arcueil.

BERNÁRDEZ VILAR, Xoán (2001): Antes da invención de América. As descubertas precolombinas do século XV. Universidade de Vigo. Vigo.

——— (2002): A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile. Editorial Galaxia. Vigo.


CASAS, Bartolomé de Las (1956): Historia de las Indias. III volumes. Ayacucho. Caracas.


COLÓN, Hernando (1984): Historia del Almirante. Historia 16. Madrid.


COMELLAS, José (1995): La Carta de Cristóbal Colón. Mapamundi circa 1492. M. Moleiro. Barcelona.


FERNÁNDEZ-ARMESTO, Felipe (1995): The Time Atlas de las Grandes Exploraciones. GSC. Barcelona.


GIL, Juan (1984): Cartas de particulares a Colón y relaciones coetáneas. Alianza. Madrid.


——— (1992): El libro de Marco Polo. Alianza. Madrid. 

HARVEY, P.D.A. (1991): Medieval Maps. The British Library. London.


JONES, Gwyn (1965): El primer descubrimiento de América. Occidente. Barcelona.


LAGUARDIA TRÍAS, Rolando (1974): El enigma de las latitudes de Colón. Casa Museo de Colón. Valladolid.


LARSEN, Sofus (1983): Dinamarca e Portugal no século XV. Biblioteca Nacional. Lisboa.


MARCUS, G. J. (1998): The Conquest of the North Atlantic. The Boydel Press. Suffolk.


KARROW, Robert W. (1993): Mapmakers of the Sixteen Century and their Maps. Speculum Orbis Press. Chicago.


MARTÍN HERAS, Luísa (1993): Cartografía Marítima Hispana. CSIC. Madrid.

MENZIES, Gavin (2003): 1421. El año en que China descubrió el mundo. Círculo de Lectores. Barcelona.


NEBENZHAL, Kennet (1990): Atlas de Colón y los Grandes Descubrimientos. Magisterio. Madrid.


PICCOLÓMINI, Eneas Silvio (1992): Descripción de Asia. Alianza. Madrid.


PINHEIRO MARQUES, Alfredo (1994): A Cartografia dos Descobrimentos. Elo. Instituto Camões.


RUMEU DE ARMAS, Antonio (1974): Itinerario de los Reyes Católicos. CSIC. Madrid.


——— (1985): Nueva luz sobre las Capitulaciones de Santa Fe de 1492. CSIC. Madrid.

STEFANSON, Vilhjalmur (1944): Ultima Thule. The Macmillan Company. New York.


STEFOFF, Rebecca (1995): Maps and Mapmaking. British Library. London.


TATON, René (1988): Historia General de las Ciencias. Orbis. Barcelona.


THORSTEINSSON, Björn (1969): Enskar Heilmildir un sögu Isledinga a 15 og 14 öld. Hid Islenzka Bokmenntafelag. Reykjavik.


——— (1970): "Helztu Heimildir um Landkonnundinn Dridrik Pining". En Enska Oldin i sögu Isledinga. Mal og Menning. Reykjavik.

——— (1970): "Landkönnundurinn Johannes Scolvus", en Enska Oldin...

——— (1970): "Siglingaleidir Engledinga a Nordur-Atlantshafe a 15. öld, en Enska Oldin...

VARELA, Consuelo (1989): Cristóbal Colón. Textos y documentos completos. Alianza. Madrid

VARIOS AUTORES (1967): Historia Universal de las Exploraciones. VI vols. Planeta. Barcelona.

——— (1993): Las Capitulaciones de Santa Fe (1492-1498). Diputación Provincial de Granada.2

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega