A Batalla de Rande

 

 

v2bernardezvilarabatalladerande.html

     O día 3 de xuño do ano 1878 entraba en Vigo un iate a vapor que chamou poderosamente a atención. Tratábase do "Saint Michel", matrícula de Nantes, propiedade do célebre escritor Jules Verne, nado nesta cidade cincuenta anos antes.
     Segundo puidemos saber a través dun comentario do "Faro de Vigo", na noite dese mesmo día "monsieur" Verne paseou pola Alameda viguesa e acudíu despois ó baile de "La Tertulia", onde pronunciou varios brindes. Estes fóronlle debidamente contestados por Manuel Bárcena Franco, o presidente da prestixiosa sociedade. Ata aquí a parca información xornalística.
     Mais, como ampliación á mesma, convén que expliquemos que este presidente de "La Tertulia" era un banqueiro vigués, senador do Reino, e, pouco tempo despois o alcalde que conseguíu para o noso Concello o título de Excelentísimo. Manuel Bárcena Franco foi tamén un dos fundadores do "Círculo Recreativo", posteriormente denominado "Casino de Vigo", así coma promotor do ferrocarril Vigo-Baiona. E en 1891 recibíu o título de Conde de Torre-Cedeira en recoñecemento polo seu labor en favor da súa cidade natal. A estes recoñecementos axuntaríanselle tamén a Grande Cruz de Isabel a Católica e os de Comendador de Carlos III, de San Olav, patrón de Noruega, e de Cabaleiro de Cristo, de Portugal. Por último, o 15 de xaneiro do ano 1880, o señor Bárcena Franco fundou, e doctou, a certa entidade que nos é sumamente querida a todos. Estamos a nos referir á "Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo". Foi, tamén, abó da nosa compañeira Cuca Bárcena, hoxe xubilada. Datos estes que consideramos que paga ben a pena que vos deamos a coñecer.
     Agora ben, no especial recibimento que naquela ocasión se lle tributou a Jules Verne tamén debeu de influir, aínda que non o recollese a nota do noso decano e consideramos máis que probable que se citase nos brindes, o feito de que, oito anos antes desta visita a Vigo publicase o francés a súa famosa novela "Vinte mil leguas baixo os mares". Porque o capítulo VIII da súa segunda parte leva por título, precisamente, "A Baía de Vigo".
     Nas súas páxinas Verne fai navegar pola nosa ría, na noite do 18 de febreiro do ano 1868, ó portentoso submarino "Nautilus", pondo ó mesmo tempo na boca do seu capitán Nemo determinadas, aínda que non excesivamente exactas, palabras acerca da batalla que no ano 1702 se dera nas augas viguesas. Ao mesmo tempo, o capitán íalle amosando o escenario da mesma, no que acababan de se deter, ó seu hóspede, Pierre Aronnax, profesor suplente do Museu de Historia Natural de París, sigamos o feito a través das impresións deste último:

     — Pois ben, "monsieur" Aronnax —contestoume o capitán Nemo— atopámonos na baía de Vigo, e de vostede depende o coñecer con todo detalle o secreto dos seus misterios.
     O capitán ergueuse e pedíume que o seguise. Eu tivera tempo xa de me repor do meu anterior desasosego, e obedecino. O salón estaba ás escuras; mais a través dos vidros víanse escintilar as augas do mar. Eu observábao. Arredor do Nautilus, nun radio dunha media milla, estas amosábanse coma impregnadas de luz eléctrica. O fondo, areoso, era limpo e claro. E os homes da tripulación, cubertos con escafandras, ocupábanse de baleirar bocois medio podres e caixas rebentadas, entre lixo denegrido. Destas caixas e destes bocois esbaraban lingotes de ouro e de prata e ríos de moedas e de diamantes. A area estaba cuberta deles. Logo, cargados co seu precioso botín, os mariñeiros volvían ó Nautilus, deixaban nel os fardos e continuaban aquela inacabable pesca de tesouros.
     Fíxenme cargo de todo. Aquel fora o escenario da loita do 22 de outubro de 1702. Alí mesmo afundíranse os galeóns cargados por conta do goberno español. E alí ía o capitán Nemo a encher as súas alforxas, segundo fose a súa necesidade. Para el, nada máis que para el, enviara América os seus galeóns ateigados de tesouros. El era o único herdeiro daquelas riquezas arrincadas ós incas, ós vencidos por Hernán Cortés
(sic).

     Na última páxina do mesmo capítulo, Verne pon tamén na boca dos seus personaxes a súa estimación acerca do valor daquel fabuloso tesouro, así como o seu coñecemento de que o goberno español acababa de lle conceder autorización para o rescate do mesmo a certa empresa, que non menciona.
     Se temos en conta que os feitos que aparecen na novela, que como dixemos foi publicada no ano 1870, figuran na mesma como acontecidos entre marzo de 1867 e xuño de 1868, e que, segundo nela tamén aparece indicado, o "Nautilus" pasara baixo o itsmo de Suez por un suposto túnel natural submarino, mentres se estaba a traballar na construcción do Canal, podemos estimar por conxecturas que concesión pode ser esta. Sabemos a este respecto que o Canal de Suez foi inaugurado o 17 de novembro de 1869, ou sexa, algo máis dun ano despois das datas que Verne lle asigna á súa fantástica viaxe baixo os mares. O cal nos fai pensar que estas débense axustar bastante ás do momento no que a escribiu. É dicir, que debeu de telo feito antes do remate do Canal, mais, tamén posiblemente, despois do 10 de xullo de 1868, data na que o goberno español dictou un Decreto de caducidade da concesión que en 1859 lle fixera ó inglés David Langlands, transferida en 1867 ó francés Saint-Simon Sicard.
     Porque, inmediatamente despois, concretamente o 26 de maio de 1869, a "Gaceta de Madrid" anunciaba unha nova adxudicación, que, un mes despois, lle sería conferida a Stanislao Barthe, representante do banqueiro francés Philippe Hypolite Magen, que debe ser a empresa á que Verne alude. O señor Magen, efectivamente, explorou o escenario do combate durante algo máis dun ano, se ben que con cativos resultados económicos.



Os preludios da batalla de Rande

     Para comprender as circunstancias que arrodean esta batalla, que a fantasía de Jules Verne alentou e contribuíu a mitificar, temos que coñecer antes os feitos que se teceron en torno á sucesión de Carlos II (1665-1700), o derradeiro dos monarcas españois da Casa de Habsburgo, habitualmente denominada de Austria.
     Este rei non tivo fillos, polo que o 2 de outubro do ano 1700, trinta días antes de morrer, designou coma herdeiro dos seus estados a Philippe de Borbón, Duque de Anjou, un territorio situado no oeste de Francia, nas marxes do Loire.
     Philippe de Borbón, logo Felipe V (1701-46), mozo entón de dezasete anos, era sobriñoneto de Carlos II, o mesmo que o outro posible herdeiro, o Archiduque Carlos de Habsburgo. Pero, este duque de Anjou, era tamén neto de Louis XIV (1643-1718), o famoso "Rei Sol", constructor do palacio de Versalles, autor da frase "O Estado son Eu", e máximo representante do absolutismo en Europa. Por outra banda, se Alexandre Dumas (1802-1870) non se inventou por completo a historia, Louis XIV foi tamén o "Home da Máscara de Ferro", a quen, en 1998, o guionista e director de cine americano Randall Wallace chegou a facer nada menos que fillo do mosqueteiro D'Artagnan.
     Volvendo ó eido estrictamente histórico, a realidade é que Felipe V foi proclamado rei dos estados españois por este espilido Louis XIV, en Francia, ós quince días da morte de Carlos II, e que non chegou a Madrid senón dous meses despois. O seu arribo á vila e corte é posterior, así mesmo, á decisión do monarca francés de proclamalo tamén herdeiro seu, cousa que aconteceu o día 1º de febreiro do ano 1701.
     A ameaza que para o equilibrio de Europa supuña o feito de que as coroas de dúas potencias militares tan activas como eran entón Francia e España puidesen recaer na persoa deste Felipe V, alertou entón ós demais países, que viron na candidatura do Archiduque Carlos unha posibilidade máis tranquilizadora. Como consecuencia, o 7 de setembro do mesmo ano, Inglaterra, o Imperio, e as Provincias Unidas, hoxe chamadas Países Baixos, ou, como impropiamente son tamén denominados, Holanda, firmaron a "Grande Alianza", entidade na que máis tarde entrarían outros estados, en contra dos Borbóns, e a favor do Archiduque. Este foi o principio da chamada Guerra de Secesión, que remataría no ano 1713 coa firma da paz de Utrech. Por este tratado, e despois dun terrible desgaste bélico e económico, Felipe V perdeu o Milanesado, Cerdeña, Nápoles, Frandes, Sicilia, Gibraltar e a illa de Menorca, e tivo que renunciar a ser rei de Francia.
     Outras das realidades contrastables é a de que Felipe V, un monarca ó que a historia considera hipocondríaco, foi manipulado por Louis XIV. Este, ademais de lle impór coma esposa á princesa María Luísa de Saboya, que aínda non cumpliara os catorce anos, unha intromisión que, sen embargo, resultou altamente beneficiosa dadas as calidades coas que a mesma contaba, tratou de gobernalo en todo momento, tanto a través dos seus embaixadores, como por medio de ordes e consellos escritos. Para comprobalo non hai nada máis que analizar as 400 cartas que lle envióu entre 1701 e 1715, que aínda se conservan.
     A historiadora Janine Fayard fai deste primeiro Borbón a seguinte e compendiadora semblanza: "El despacho le aburría, no sabía divertirse, y al final de su vida este aburrimiento lo llevaría a sumirse en una inercia total, preso de una profunda melancolía patológica. Sólo la guerra lo sacó por breves momentos de su apatía congénita. Toda su vida estuvo dominado por los familiares".



A flota da prata

     A penas tomou Felipe V posesión do trono, a mediados de febreiro de 1701, o seu abó Louis XIV tomouse xa a liberdade de enviar ás Indias ó seu almirante o Vizconde de Coetlogon coa finalidade de que protexese ós buques españois que debían de trasladar as riquezas procedentes das mesmas, e, ó parecer, a secreta orde de conducilas a un porto francés. Segundo se sabe, o navío "Le Fort" portaba tamén unha remesa en efectivo destinada ó monarca galo.
     O virrei de México, José Sarmiento de Valladares, nacido en Saxamonde, Redondela, sabendo, ou quizais nada máis que sospeitando, a manobra, obstaculizou a partida da flota, na que por outra banda, ía retornar el, xunto con toda a súa familia. Coma consecuencia, Louis XIV enviou novos reforzos baixo o mando do almirante conde de Château-Renaud.
     Con moita dilación, e logo de que os franceses non tivesen máis remedio que aceptar os argumentos de Sarmiento, o 11 de xuño do ano seguinte, ou sexa o 1702, parteu a flota de Veracruz rumbo á Habana. Esta "Flota de Indias", ou "Escadra da Prata", como acabou por ser denominada, portaba o máis importante envío de riquezas que dende a outra banda do mar se fixera nunca.
     Case simultaneamente, outro almirante francés, Du Casse, partía da Coruña cara ó novo continente levando a bordo dous mil galegos, impopularmente reclutados, para reforzas as guarnicións daquelas terras. Viaxaba tamén con el o novo virrei, o duque de Alburquerque.
     A partida da "Flota de Indias" dende a Habana fíxose o día 13 de xullo. Tan só sete días máis tarde, unha escuadra pertencente a esa "Grande Alianza", contraria ós Borbóns, encamiñábase cara a Cádiz ó mando do inglés Sir George Rookes e o holandés Van der Goes, coa pretensión de apoderarse dela.
     A altura das illas dos Açores, os mandos da "Flota de Indias" foron sabedores desta operación, polo que se viron na necesidade de ter que descartar o destino inicial, e barallar as posibilidades de se dirixir a Brest, na Bretaña, Pasajes, en Guipúzcoa, moi perto da fronteira francesa, ou a un porto galego. A elección do de Vigo debeu de obedecer tanto ó feito de atoparse a bordo o ex-virrei José Sarmiento, oriundo de Redondela, como ó de que a altura da Coruña e do Ferrol se atopase entón a escuadra inglesa do almirante Sir Cloudesley Shovel.
     Como consecuencia desa decisión, o día 22 de setembro dese ano 1702 entraba a flota na ría viguesa, pasando a fondear máis alá de Rande, na enseada do Ulló, illas de San Simón e proximidades de Rendondela. Estaba ó seu mando, Manuel de Velasco y Tejada, "Almirante Real do Océano", un home xa experimentado, que partira da península había máis de tres anos coa misión de trasladar aquelas riquezas. A escolta francesa dirixíaa o conde de Château-Renaud.
     O total de embarcacións que se acolleron ó amparo da ría ascendía a corenta, das que vinte eran españolas, tres corbetas e dezasete transportes, e vinte francesas, todas elas de guerra. O seu número de combatentes resulta sumamente difícil de determinar a causa da imprecisión dos informes, mais, segundo a copiosa documentación que manexou o historiador Avelino Rodríguez Elías, ascendía a un total de 5.980 homes.

     Como medida de precaución foron convocadas a nobleza e as milicias do Reino, aínda que con resposta case que nula. A nobleza, exenta de impostos coa condición de combater cando fose requerida, case que non se moveu, mentres que as milicias galegas atopábanse en cadro, logo de padecer unha nova leva de 4.000 homes, moi protestada, para ser enviados a Frandes e o Palatinado, onde xa se atopaba o Tercio de Vallares.

     O Capitan Xeneral de Galicia, Príncipe de Barbanzón, e o Gobernador de Vigo, Felipe de Araújo, fixeron canto puideron restaurando a toda presa os castelos de Rande e Corbeiro, a unha e outra banda do estreito, e armáronos con canóns de bronce e de ferro procedentes da propia flota.

     O vigués Serafín Avendaño (1838-1916) viu así o castelo de Rande, no ano 1880. A súa toma polo duque de Ormond ó inicio do combate facilitaría o triunfo da flota anglosaxona.

     O de Rande foi reforzado con 200 mariñeiros franceses e 150 españois ás ordes do almirante Fernando Chacón, mentres que o de Corbeiro, ou das Bestas, ficaba baixo o do propio Manuel de Velasco con dúas compañías de soldados procedentes da súa nave capitana, e 200 milicianos. Vigo foi defendido con mil homes da tropa, 500 na cidadela do Castro e 300 no forte de San Sebastián, o lugar onde se atopa hoxe o Concello, mentres outros mil eran situados fronte á enseada de Teis, e tres mil máis mantíñanse coma reserva. Ao mesmo tempo dispúxose unha especie de cadea defensiva a rente o mar entre os castelos de Rande, formada con plataformas flotantes, balsas, bocois, cables e vergas.

     O día 5 de outubro sabíase xa que a escuadra angloholandesa, despois de saquear Rota e as súas proximidades, fora rexeitada en Cádiz e se encamiñaba cara a Vigo. Nese mesmo día o Príncipe de barbanzón reclamaba 500 carros do país para reforzar ós mil que o delegado do Consello de Indias, Juan de Larrea, dispuxera a semana anterior para o traslado do cargamento da flota. Como consecuencia foi conducida a terra a consignación de Louis XIV e continuou o desembarque da parte destinada á Coroa española.

     Nun momento coma ese, o conflicto prantexado polo Consulado de Cádiz e o Consello de Indias, que consideraban contrario ós seus privilexios a descarga nun lugar distinto do porto andaluz, volveu a retrasar a manobra. Con bastante retraso tamén, o día 17 chegaba a Galicia o xeneral Bernardo Renaud, enviado polo goberno Central coa misión de movilizar novas milicias.



A batalla de Rande

     Son moitas, e mesmo bastante contradictorias, as versións que os distintos historiadores nos ofrecen acerca do que entón aconteceu nas augas viguesas. Mais, será con base ás mesmas que compendiemos o histórico acontecemento do xeito máis obxectivo posible. O 20 de octubre, practicamente un mes despois de que o fixese a "Flota de Indias", chegou á boca da ría a escuadra angloholandesa, que, xa ó seguinte día, fixo unha incursión no interior da mesma para se cerciorar da localización da flota hispanofrancesa e calibrar a potencia tanto desta como das defensas costeiras. Aínda que algún dos mariños españois, o mesmo que o párroco de Alcabre, consignaron por escrito que as naves enemigas ascendían a unhas 150, delas 70 de combate, o análise das distintas fontes coas que contamos, algunhas delas tan prolixas que mesmo recollen os nomes e o número de pezas de artillería de cada unidade, obrígannos a reducir este número a 50 embarcacións de liña, trinta delas inglesas, ademais de catro barcos-hospital e algúns brulotes, ou embarcacións auxiliares con material de guerra.

     Mandaba as naves inglesas, como xa anticipamos, Sir George Rooke, co seu buque insignia "Royal Severeign", de 110 cañóns. Nelas, ademais das súas respectivas tripulacións, viaxaban 9.663 homes de desembarque ó mando do duque de Ormond. Pola súa banda, os vinte navíos do almirante holandés Van der Goes portaban outros 3.924 infantes de mariña. Se temos en conta que esta flota contaba con varios barcos de máis de 90 cañóns, mentras que na hispanofrancesa ningún sobrepasaba as 76 bocas de fogo, e que as milicias do Reino estaban mal armadas, e o exército regular non intervíu na liorta, advertiremos a importante desproporción que se daba na capacidade de combate de ambas forzas.

     Así as cousas, o domingo día 22 de outubro, os atacantes largaban o rizón fronte a Vigo, se ben que manténdose lonxe do alcance dos seus cañóns. E o luns pola mañá, día 23, mentres sometían a un intenso bombardeo os fortes do estreito, o duque de Ormond, á fronte de 4000 homes, desembarcaba en Chapela para atacar o de Rande, que acabou por tomar, logo de que na loita perecese o gobernador do mesmo e de ser rexeitados ós tres mil milicianos que o protexían. Ao mesmo tempo outro grupo desembarcaba na praia de Domaio e atacaba o forte de Corbeiro, cuxa guarnición houbo tamén de se retirar, logo dunha hora de combate, deixando douscentos prisioneiros, entre eles o vicealmirante francés, varios oficiais, e o tenente xeneral español Fernando Chacón.

Representación holandesa da batalla. As baterías do primeiro termo deben de corresponderse ben ás do Cabo Silleiro, xa ás de Monteferro. Amosa tamén un fogo cruzado entre Vigo e Cangas. O desembarque do duque de Ormond, o seu ataque a Rande, e o combate fronte á cadea que fechaba o estreito son correctos. Menos afortunada atopamos a situación da flota hispanofrancesa na enseada de San Simón, que nin sequera aparece. Redondela advírtese ó fondo, á dereita.


     Mentres os vencedores en Rande avanzaban por terra cara a Redondela, producíuse o golpe decisivo. Segundo recolle J. H. Owen, a escuadra avanzou cara á cadea que fechaba o estreito avagandardada por 15 naves inglesas, 10 holandesas e dez brulotes. Detrás ía o resto da mesma, baixo o mando do holandés Van der Goes. O vicealmirante Hopson arremetu entón coa súa nave "Prince George" contra a cadea flotante que defendía o estreito e conseguíu fendela, polo que se iniciou de inmediato un furioso duelo artilleiro entre os atacantes e as naves francesas que se situaran detrás daquela para protexer o desembarque na praia de Cesantes. O buque francés "Le Favorit", mandado por L'Escalette, ou Delescallet, abordou ó "Prince George" e, logo de lle prender lume, conseguíu que ambos voaran polos aires.

     Perdidos os fortíns de Rande e Corbeiro, rachada a defensa do estreito, a flota enemiga xa no interior da enseada de San Simón, e as súas tropas de terra atacando Redondela, os almirantes francés e español deron por perdido o combate e, no medio do caos que estaba a reinar, tomaron a decisión de prenderlle lume ós seus barcos. As súas tripulacións tiveron que gañar terra a nado para salvar as súas vidas. A batalla decidirase en dúas horas.

     No resto da xornada, e ó longo da noite e do día seguinte, os anglo-holandeses adicáronse a apagar os incendios e a tratar de recuperar cantas naves e canta carga poideron, mentres saqueaban Redondela, o convento da illa de San Simón e trataban de se apoderar dos últimos carros.

     Este debuxo inglés ofrécenos unha visión bastante aproximada da ría viguesa a primeira hora da mañá do día 23 de octubre de 1702, coa excepción de que a flota angloholandesa non aparece ben situada, xa que nola presenta excesivamente próxima a Vigo. Á dereita advértense as illas Sías, á esquerda a enseada de San Simón, coa illa do mesmo nome, e na parte superior, Redondela. No centro pódese observar a situación dos fortíns de Rande e Corbeiro e o momento no que a nave do vicealmirante Hopson traspasa a cadea que defendía o estreito.


     Afortunadamente as milicias do Príncipe de Barbançon, parte delas a cabalo, conseguiron deter o pulo enemigo, que renuncióu a internarse no país ou atacar Vigo, ben defendida pola súa artillería. Perderon a vida neste combate uns dous mil hispanofranceses, ficando feridos a maioría dos outros catro mil. Non contamos con datos das víctimas que se produciron nas milicias. Entre os atacantes contabilizáronse oitocentos mortos e cincocentos feridos. O desastre, pois, pódese considerar absoluto posto que, ademais, perdeuse tamén a totalidade dos barcos, vinteoito afundidos, e os restantes apreixados polo enemigo, algúns co seu cargamento case que intacto, mentres que a única baixa destes foi a xa comentada do "Prince George", nos preliminares da loita.

     Para non deixar a medias un acontecemento da importancia deste prometémosvos ocuparnos con máis vagar, nun próximo número de "Latexo", do que aconteceu despois, e, sobre todo, de tratar de dilucidar a realidade que arrodea o destino das incalculables riquezas que a "Escuadra da Prata" portaba, e das que tantos, ademais de Jules Verne, se ocuparon.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega