BVG Atrás |
A Odisea segundo Nacho |
||
|
[Texto íntegro] |
|
v1nachotaiboodisea.html Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí
Augusto Monterroso
1. PRIMAVERA Cando acordou, o ciclope aínda estaba alí.
2. AS ILUSIÓNS ÓPTICAS
Escollera moi mal o negocio. Vendía lentes de contacto.
Axudaba a que a xente fose feliz. Mais os ciclopes non as gastaban por pares.
3. A INSEGURIDADE XURÍDICA O ciclope seguía alí, mais o xuíz non podería facer cousa ningunha.
4. ILLA DAS SEREAS
Cantaban alboradas as auroras na alba. Para que os navegantes viñesen a elas.
5. TERRA de TROIA
O sol sempre velado, chovía arreo ao inverno, e moito no verán. Gracias a iso o país conservábase verde. Mais eramos infelices. Verde a terra era, mais faltábanos o doce Sol.
Criámonos infelices, ata que os paxaros cegaron o tenue sol e as grises nubes tapáronnos os paracaidistas que viñan do continente, e os avións agheos deitaron as bombas que non distinguen guerreiro de vestal, que collen labrego por arqueiro. E todos nós soubemos da felicidade que daba a choiva cotiá que alimentaba as nosas leiras cando deixamos de tela, cando a substituíu o lume incendiario, o fósforo e o napalm inmerecido.
E non era verdade que nós, labregos, mariñeiros e obreiros, subtraeramos a fermosa Helena, a prostituta.
6. TANGO
O psicólogo arxentino abandonou a tarefa e liscou a valmontes cando o ciclope se espreguizou.
7. PÉRSICU Os pescadores deixaron de saír ao mar e os peixes medraron e a xente esmoreceu porque un día o barcóguerro erguera a bandeira da Coalición Internacional. Era moito: Micenas, Esparta, Azena, Corintia, Istmia e Ízaca, entre tantas outras.
Os peixes deron gracias a Zeus. Nós non.
8. A LANCHA
A miña lancha ha ter pouco calado, como a nosa alma.
A miña lancha ha de ter un motor moderado en consumo, como a nosa terra, que de momento
non dá máis.
A miña lancha non poderá saír ao maralto, como fan os nosos mariñeiros, que eu, circunstancias
delongadas dunha vida xa máis que mediada, mariñeiro non son.
A miña lancha ha de ter espacio para durmirmos catro, logo de fondearmos. Que eu non teño
leira.
Logo a miña lancha será a miña leira. Con cociña e retrete, desculpando.
Patrón son, mais sospeito que lancha, lancha nunca terei.
9. CREPÚSCULO INVERTIDO En acabando o día, o ciclope esfregou os ollos.
10. A COVA Logo de espreguizado, o ciclope ollou para min.
Mais eu firme.
11. NINGUÉN O ciclope olloume e non me recoñeceu. Para el non era Ninguén.
12. A AGARDA
Con todo --pensou Penelopa--, a volta desde Troia ás Cíes non tiña perda:
só precisaba ventos constantes do Sur, ou moita voga. Non era para tanto: dez anos de esmorga, sen avisar
que chegaría tarde á casa, xa resultaban de máis.
13. ARMAGEDDON
E estabades todos ollando para min mentres eu traballaba.
E en tanto eu bebía da miña xerra mirabades todos.
E calquera día destes o meu ollo queimará os vosos.
E eu serei o torto na república dos cegos.
BÁGOAS
14. 1 Que, con verse só, o ciclope chorou.
14. 2 POSIDONOS: Polifemo, Polifemo, el non che dixen que soíño non debías ir ao cinema?
14. 3 TOOSA: Polifemo, Polifemo, non che dixemos que non andases con rapazas ti só? Ou?
15. O SOÑO
Logo de acordar choraba o ciclope porque soñara que un anano malvado o deixara cego. E o pranto levoulle anos.
16. ARRINCADA
Deron avante toda e logo cortaron a máquina. A nau demorou moito en parar. Cando encallaron na Illa Sur, o ciclope aínda choraba.
17.ANZROPOFAXE --Comereivos a bicos e veredes que felices somos.
Mais nin con esas daba ciclope convencido a Ninguén.
18. MUDA
E a ciclopea mudoulle os picos a Polifemo. Aínda que crecido, seguía el a chorar. As cousas non lle saían ben. Debía de ir ao oftalmologós, mais o oculista latino deixárao todo e marchara nun barco. A vida é todo problema.
19. Os INCOMPRENDIDOS
O único ollo mirou con saudade para o mar, e na miopía creu albiscar a negra e oca nave arredándose á voga, co patrón a lle facer o corte das mangas.
E a única glándula lacrimal choroulle de carraxe e impotencia. Chorou a incomprensión.
20. ESTAMPA
As secas follas roxas do outono transmigráronse no vizoso azul da primavera unha vez máis.
O ciclope ergueuse do stilobato e perdeuse entre as silvas.
21. A EXTINCIÓN
Non quero que me faledes do ciclope máis nunca. Que desapareza. Que se extinga.
22. MANUSCRITO EXTRAÍDO dunha CRÁTERA CRETENSE
Querida Esposa,
Desexo afervoadamente que esteades todos ben: isto é, ti, meu pai e o rapaz, que mamá xa sei que morreu.
Non sei se esta chegará ás túas mans. Se o fai, o que máis interesa é que convenzas o noso fillo para que sexa insubmiso. Así non o aturullarán situacións como esta en que me vexo eu.
Non podo escribir máis, que o barco se move moito porque un ciclope nos guinda pedrolos.
23. INOCUO
O tal Pepiño afogou na praia, entre Sálvora e Haxios Vicente.
Mais el nada fixera. Non lle guindara pedra ningunha. O seu único ollo levaba varios días cego.
24. ZANFONÍA
Como se fose unha serea anti-néboa, desde moitas millas sentimos a penosa gaita. Tocaba un triste aire lento da beiramar. O pobre ciclope a penas daba pulsado os buratos que non vía.
25. A DEUSA
Deitada de banda na praia parecía unha suave inmensa serra que marcase o final do deserto. Daba sombra abonda a todo o areal que eu desde alí abaixo daba albiscado.
Non podería cruzala. Era unha barreira insalvábel, unha ameaza demasiado seria. Nin sequera ousaría erguerme. Se o fixese, non estaría eu presentábel.
Mais, que importaba? A auga estaría fría, e eu non precisaba bañarme para nada. Xa me duchara de mañá.
De súpeto, a pechar os ollos para debullar os gozos inmensos que tiña diante, a deusa debeu erguerse e desaparecer.
Logo foi a nada: o sol a me queimar a cara, as lenes ondas a mollarme os xeonllos, mais tampouco non estaba alí. Esvaera. Sabía que non a soñara, e seguiría a ter a convicción durante unha hora ou dúas, ata que a ausencia insuperábel para sempre comezase a transmutarse en dúbidas.
O tempo é gratis, mais, para que me duchara eu aquela mañá?
26. TRISTE TRIG Esmorecía o sol sobre o mar dedos de
ferraría
que evaporaban a única nube. O solpor
aínda duraría varias xornadas,
mais o ciclope non podía
velo. Só tiña mentes
para se laiar da
triste sorte, e
ignoraba o
que tiña
diante.
|
|
|
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |