A carraxe de Brinkmann

 

(Texto íntegro)

 

v9franckmeyercronicadesdealemanha.ocrebacabezasdeberlin


Un filme pon imaxes á voz grabada do primeiro escritor alemán multimedia, morto en 1975


     Ano e medio antes de falecer nun accidente de tráfico Rolf Dieter Brinkmann, "o gran poeta do underground" (Der Spiegel), grabou un total de once desasosegantes horas en cinta magnetofónica. Agora chega aos cines alemáns un filme cuxa banda sonora consiste unicamente nesas grabacións. E as súas imaxes conseguen, case, volver á vida este artista de difícil clasificación.
     Rolf Dieter Brinkmann, nacido en 1940 no norte de Alemaña, é un dos poucos autores deste país que se relaciona coa literatura pop. Ademais dos seus poemarios con títulos como Os pilotos, Fotogramas ou Herba, publicados nos anos sesenta, foron sobre todo as antoloxías preparadas por el as que lle valeron esta etiqueta. Foi, en efecto, el quen introduciu a autores americanos como Frank O'Hara, Ted Berrigan ou Charles Bukowski nun panorama marcado por poetas densos e intelectuais como Paul Celan e Ingeborg Bachmann. De repente aparece tamén na literatura alemana algo comparable á música dos Doors ou de Janis Joplin co seu afán por unha vida diferente. Mais, anoxado polo mundiño literario e toda a historia que se monta ao redor do pop, Brinkmann deixa de publicar en 1970 e retírase dun sistema que considera falso, hipócrita e oportunista.
     Neste momento iníciase, talvez, a súa fase máis creativa e produtiva, malia a precariedade económica da que non volvería saír. Xa no 68 decidira traballar cunha cámara Instamatic para fotos e cunha de 8 mm para filmes. Aplicando a técnica do cutup empeza a crear collages nos que as imaxes recollidas son tan importantes como os textos que van á par delas: reflexións, observacións, textos ficticios, diarios, recortes de prensa. Cando en 1973 a emisora WDR de Colonia lle encarga un autorretrato de 60 minutos para un programa de radio, Brinkmann aproveita o magnetófono prestado para grabar 29 cintas con todo tipo de cousas imaxinables. Desde textos listos para a imprenta, ocorrencias e bromas, pasando por enquisas atrevidas en bares ou conversas coa súa muller Maleen (de noite na casa) ata cancións, berros contra a fealdade de Colonia, anacos da vida cotiá, reflexións en voz alta ou golpes dados co micrófono na mesa a xeito de batería. Todo presentado cun xorne directo, unha sinceridade e un fervor que desacougan. Non hai límite e é xustamente neste feito onde se demostra a faceta anarquista e profundamente crítica coa sociedade de Brinkmann. Esta atitude tampouco se dilúe nos meses que pasa en Roma cunha bolsa da República Federal ou naqueles que exerce de profesor convidado na universidade de Austin (Texas). A lucidez de Brinkmann é a súa carraxe incorruptible.
     Desde 1998 os lectores galegos teñen acceso a unha parte da obra publicada en vida do autor así como do seu libro Cara ao oeste 1 & 2, que xa estaba no prelo cando morreu e aínda constitúe un poemario no sentido clásico (abstracción feita das fotos antes e despois dos textos). A antoloxía A máquina de facer zume de laranxa (Edicións Positivas), emporiso, non recolle exemplos dos materiais que, cada tantos anos, a viúva de Brinkmann permite publicar, en libros con títulos como Indagacións para precisar o sentimento para unha rebeldía (1987). Estas publicacións rompen calquera concepto de xénero literario. A parte de que o propio autor probablemente tampouco os destinara para as librarías, resístense a calquera aproveitamento directo e puntual como o faría unha antoloxía. Porén a súa influencia nas xeracións máis novas da poesía alemana resulta innegable, e a fascinación que exerce é enorme, tamén polo seu carácter de compendio dunha vida concreta nunha época próxima á nosa. Canto máis é así cando as palabras se nos transmiten coa propia voz do autor! A recepción dos 5 CDs co título Wörter Sex Schnitt ("palabras, sexo, corte"), que, publicados a finais de 2005, inclúen a prática totalidade das cintas orixinais de 1973, foi, entón, sumamente positiva. E, un ano máis tarde, Brinkmann levou postumamente outro galardón máis, neste caso polo mellor audiolibro alemán da temporada. Así que a política editorial de Maleen, a súa viúva, parece acertada -pensando na presencia do seu defunto home , por moito que os seus adeptos sintan non teren acceso a todo o material que queda, por exemplo as grabacións en 8 mm...
     E agora este filme: A carraxe de Brinkmann. O director Harald Bergmann aproveita avanditas grabacións orixinais para combinalas con material documental da época e a ficción cinematográfica con actores. O resultado é unha especie de biografía filmada de Brinkmann de grande intensidade, que crea unha proximidade sorprendente entre espectadores e historia narrada. Brinkmann volve falar e vemos cómo fala e actúa, cómo loita contra a fealdade do que o arrodea, buscando algo diferente, cómo analiza as eivas agachadas dunha sociedade que aínda hoxe segue padecendo do mesmo, p.e. dos efectos da escaseza (artificial) de tempo na psicoloxía humana e as relacións entre persoas. Tanto o director como, sobre todo, o actor que representa o autor, proceden cunha exactitude case científica. A Frankfurter Rundschau chamou o filme "un feto na literatura filmada" e o outro grande xornal de Frankfurt, o FAZ sentenciou: "unha obra mestra na súa precisión e coherencia".
     Reanimándoo cinematograficamente, o filme permite tamén descubrir a Brinkmann como o que alguén ten chamado o primeiro escritor multimedia. Alguén que aproveitou as oportunidades técnicas do momento para ampliar o seu horizonte expresivo. Que faría hoxe en día con todas as posibilidades que ofrecen os ordenadores e internet? Seguramente non se deixaría enganar polas aparencias, aportando reflexións sobre os cambios que os novos medios supoñen. De todas formas, calquera etiqueta lle parecería prexudicial, pois o que máis rexeitaba eran as palabras que condicionan a mente.
     Se a alguén non lle gusta A carraxe de Brinkmann será porque tanta implicación dun escritor, tanta entrega incondicional á busca da liberdade e da felicidade non só na arte senón tamén na vida humana lle parecen demasiado románticas e pouco cool. E, así, demostraría a súa catividade nun mundo limitado e pobre onde xa o concepto de algo diferente é considerado como ridículo. Mais outro mundo debe ser posible, velaí a obstinada fe de Brinkmann e a súa actualidade na época do pensamento único.





 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega