A canción do milenio

 

(Texto íntegro)

 

v1xavierseoanecancionmilenio.html

     No mes de marzo de 1998, na miña casa de A Coruña, o pintor Antón Patiño e máis eu escribimos, durante tres días intensos de escrita e de procura, o libro, entre o ensaio e o manifesto, Hai suficiente infinito, publicado logo por Edicións Xerais.
     Tamén realizamos un texto poético que foi para nós como un divertimento. É "A canción do milenio".






¿Non temos a Heidegger, pero si a Rosalía?
¿A luz do crepúsculo é a nosa aporía?

¿Somos unha cultura somnámbula, de ocaso?
¿Leremos a Pessoa en poltronas de raso?

¿As bandeiras de néboa son o noso estandarte?
¿Será ese o destino da nosa húmida arte?

¿Deixar a illa de pedra á deriva no mar?
¿Virá don Sebastián, ou ese é outro cantar?

¿E Merlín o Profeta, o celta armoricán,
daralle horizontes á Grei de Breogán?

A nosa salvación, ¿son os Botafumeiros?
A nosa identidade, ¿millares de Gaiteiros?

Como pobo de antergos e novos soñadores,
¿podemos afirmar que somos os mellores?

Ah memoria na pedra, ah choiva torrencial:
¿o efecto "mondariz" é a cultura gremial?

Ah mirada oceánica no infinito do mar:
Todos xuntos, moi xuntos, ¿haberémola armar?

¿En contra do onanismo e da incestuosa unión,
fomentaremos sempre a orxía e a creación?

¡Caída demográfica: Nin dios pervivirá!
Breogán, cando volte, moito se cabreiroá.

¡Hipermercado Europa! ¡Suevos! ¡Celtas! ¡Galicia!...
¿Estes gozos e sombras, son tan soio sevicia?

Manuel Antonio, Curros, Luís Seoane, Reimundo,
¡canta falta facedes neste momento inmundo!

¿Se formos máis sinceros, e dicirmos verdade,
só nos queda o churrasco, o lacón e a saudade?

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega