A cabeza do señor conselleiro

 

 

A cabeza do señor conselleiro

    
Shizuka era unha ninja consentida. Coñecía á perfección a arte das sombras e convertérase nunha consumada artista no manexo da espada, pero prestáballe máis a canícula auriense, a barra fixa dos Faraones e vivir da conta corrente do panocas Magohachi, aquel marruco fillo de samurais que seguía namorado dela coma un perdido. Shizuka, virtuosa do Iaijitsu, abandonara Kyoto cando coñecera por chat un opositor ourensán guapísimo.
     —Estou namorado de ti, Shizuka —confesáralle un día aquel tremendo homazo.
     —E eu de ti, Severino —respondera ela coidando de non espertar ao parvo Magohachi, que tiña o soño moi lixeiro—. Heite perseguir co meu radar de amor.
     Shizuka, interesada na técnica do palao, dixéralle ao pastrán Magohachi que a viaxe a Ourense respondía a un convite da organización dun curso de xogos e deportes indíxenas. Unha burda escusa. O que Shizuka desexaba como auga de maio era catar o corpo montaraz daquel musculado paragüeiro, que de tanto esburacar na deshonesta guerreira acabou suspendendo a oposición e apretándolle duro nas tascas do Couto.
     Malos tempos. O varias veces insípido Magohachi pechara a billa ao se enterar por un samurai perrenchas que Shizuka entregábase todas as noites ao nerviudo Severino, arruinado en depresións postcoitais porque non daba chegado a fin de mes. Foi entón cando a lúbrica ninja recibiu o encargo do patrón Hiroyasu. A cabeza do señor conselleiro a cambio dun fardico de euros.
     Shizuka aceptou sen pensalo dúas veces. A forza do seu amor por Severino non podía ser inútil.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega