A chamada

 

(Texto íntegro)

 

v2lourdesmaceiraschamada.html
     AGARDABA a súa chamada. Tumbada sobre a cama, miraba para o teito sen velo. Estaba bastante farta da familia. Lembraba agora, paseniño, cando o coñecera nos xardíns. Ela estaba sentada xunto ós bambáns cos amigos, cando chegara un do grupo con el e o presentara dicindo que remataba de mudarse a esta vila coa familia. Nos días seguintes descubriran que se gustaban e se atopaban ben xuntos. Había outras e outros, pero entre eles corría un fío invisible de luz e enerxía que escintilaba cando as súas olladas se cruzaban. «¿Que queres facer de maior?». «Compartir a miña vida con alguén coma ti». E un bico cruzou o espacio cabalgando sobre uns sorrisos.
     Irremediablemente as familias remataran enterándose. E fixeran bromas. Que se non tiñan idade para iso, que se parecían nenos, que se xa estaba ben, que se... ¡Pois non!, ¡non eran nenos!, ¡eran unha muller e un home! E se non había idades para odiar, tampouco non as habería para amar... ¿ou?... ¡Que ganas de amolar, carafio! Ela propúxolle marcharen xuntos por aí e el respondeu que non poderían sobrevivir economicamente, que necesitaban ás familias, pero ante a cara de desilusión dela prometeulle pensalo, e se chegaba á conclusión de que si, a chamaría ó día seguinte pola mañá e se irían esa mesma tarde.
     O repinico do teléfono fixo que o seu corazón brincase no peito. Escoitou pasos que se achegaban á súa habitación. Petaron na porta e... o sorriso da súa neta máis nova encheu de ledicia a estancia: «Avoa, chámante ó teléfono».

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega