A cultura tradicional do pan

 

Escolma. A cultura do pan hoxe

 

v1xlripaldaculturapan010.html

     Na actualidade, os traballos da laboura de colleita que antes precisaban de moitos días, fanse hoxe nun tempo mínimo comparado con aquel. A maquinaria moderna fixo posible todo isto, xa que ela pode con diversos dispositivos: segar, mallar e aventar, o que fixo que os labregos quedasen máis folgados. Sen embargo, perdeuse o espírito de colaboración que permitía que as xentes non estivesen illadas e tamén aquela alegría festeira coa que remataban estes traballos. O mesmo poderiamos dicir dos muíños de auga ou dos fornos que foron pouco a pouco, uns desaparecendo, e os outros cambiando a primitiva forma tradicional do emprego da leña, por diferentes combustibles.
     O muíños, que tiveran o seu momento de apoxeo no século XVII coa implantación en Galicia do cultivo do millo, iniciaron a súa decadencia coa creación en 1937 do Servicio Nacional do Trigo, que trouxo consigo unha incautación de todos os puntos de trasnformación cerealista, polo que tiveron que apandar os muiñeiros cunha desmesurada intervención da administración: licencias, control, inspección, lista de quendas de cada muíño, entre outras. A presión aínda aumentou máis a partir de 1941, polo castigo con multas a quen non cumpría coas rigorosas normas establecidas. Todo isto fixo que moitos muiñeiros, incapaces de soportar tales cargas, enxeitasen os muíños.
     Ademais das devanditas causas, outros enumeran as seguintes: cambio na alimentación, o pan de millo deixou de ser a base da alimentación a prol do pan de trigo; a aparición da maquinaria moderna fixo que non se necesitasen xa os bois para certos traballos: acarrexo e tiro do arado, que fixo descender o cultivo do millo, que era o alimento deste gando. Por outro lado, a causa da emigración da xente das aldeas e do emprego na industria das cidades, fixo que tamén a cabaña gandeira fose en diminución.
     Hoxe estanse a facer grandes esforzos para amosar ás novas xeracións a cultura tradicional do pan como podemos ver pola continua restauración de muíños. En relación con este feito, ben está lembrar as palabras do mestre Lauro Pereira, co gallo precisamente da restauración do muíño de Fausto na freguesía de Coiro, en Cangas, nas Primeiras Xornadas do muíño en marzo de 1990.
     "En primeiro lugar eu quería aplaudir esta idea que tiveron de restaurar un muíño porque todo o que sexa restaurar, repoñer ou renovar os sinais de identidade do noso pasado, é digno de loubanza e de encomio. Por tanto, neste sentigo, penso que hai que agradecer esta idea. Pero ademais, o feito de que se restaure un muíño nestes tempos, e mais se continuásemos co sistema progresivo de degradación ó que asistimos, as futuras xeracións legarémoslle un mundo no que van vicir, máis limitado, con moitas máis dificultades das que nos deixaron a nós os nosos pais. Pero, indubidablemente, facer ecoloxía non é dicir catro palabras bonitas, nin tampouco é para algúns iniciados que saiban algo diso ou que escriban moi ben, senón que facer ecoloxía ten que ser algo que forma parte da nosa vida. Ó mellor, non tirar unha bolsa ou papel ó chan é máis ecolóxico ca escribir centos de páxinas ou libros. Entón, eu penso que isto é un feito práctico e real, que nese camiño que veño de dicir, é unha contribución obxectiva a que a ecoloxía e o medio ambiente se conserven e polo tanto, poidamos deixarlles ás futuras xeracións un mellor medio ambiente onde desenvolverse. Eu penso que non teño máis que engadir a non ser que o exemplo do muiño de Fausto en Cangas sexa imitado o máis posible".
     Esta festa do muíño de Fausto en lugar na devandita freguesía, unha festa coa continuidade granatizada pola creación dun patronato que, ademais do seu mantenemento e organización, fomenta a visita dos escolares que dexergan con ledicia o xirar da moa e bailan ó seu compás a danza do "Manete" ou "Rodete", típica desta zona de Cangas.
     Non podemos deixar de constatar as palabras do tamén etnógrafo e mestre Xerardo das Airas pronunciadas co gallo dunha destas festas.
     "Un ano máis axuntámonos aquí neste lugar, para celebrar unha nova edición desta singular festa. Digo singular porque de cantas festas se celebran ó longo e ancho do noso país, esta debe ser das poucas que, prescindindo da advocación relixiosa, ten unha figura leiga como eixe conmemorativo. Mesmo a gastronomía, tan de moda hoxe en día, aparece tan só como elemento complementario dunha das senlleiras construccións populares, tal son os muíños".
     O desexo de Lauro de que este exemplo tivese continuidade vaise cumprindo, polo que hoxe podemos enumerar moitos casos de recuperación dos muíños de auga. Como exemplo citamos o muíño do Buraco en Allariz (Ourense), no marco dunha fermosa paisaxe a carón do río Arnoia. Destaca o muíño da maquía en Zamáns (Vigo), de dúas plantas; na superior está a vivenda, que ocupaba no seu día o muiñeiro, e na inferior o muíño. Xunto a el outro muíño coa súa canle. Algo semellante ocorre cos da freguesía de Coruxo, no mesmo concello. E , como non, os coñecidos muíños do Folón no Rosal (Pontevedra), que veñen de ser declarados Ben de Interese Cultural con categoría de interese etnográfico. Nos que se poden observar gravados nas portas e muros. De entre eles hai que destacar o "Muíño de Nemesio" que, como outros moitos da zona, leva o nome do seu propietario, quen traballou máis de cincuenta anos nesta profesión e que manexaba a moa segundo o dicir das xentes "que daba xenio velo". O mesmo diriamos de tantos muíños espallados pola nosa terra como exemplo de recuperación.
     De igual xeito podiamos falar doutras típicas construccións tan ligadas ó cultivo do millo, os hórreos e que en moitos xasos son motivo de adorno de xardíns ou parques. Arredor da cultura tradicional do pan hai un rico folclore de refráns, cantigas, contos e lendas que tamén se están a recuperar.
     Sen embargo, non podemos deixar de mencionar as palabras de Antonio Gato Soengas no seu libro Os muíños de auga na Ulloa, quen se queixa do uso que se lle está dando ós muíños.
     "Lamentablemente, o deterioro dos muíños sucede á expoliación das súas pezas. Desgraciadamente, moitos muíños hoxe son recoñecidos polos seus cementos ou cerramentos, porque practicamente as súas peciñas principais: mobles, rodicios, moegas, quenllas, cernidores, etc, ou que forman a substancia do inmoble: pés, rodas, puntóns, cangas..., desapareceron. O destino é moi variado: casas particulares, que os exhiben como materiais ornamentais, o mesmo que en determinados lugares de esparexemento que, curiosamente, construíu a Administración Pública. Tal destino non deixa de ser un certo insulto á intelixencia e conciencia colectica dun pobo."


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega