Adeus ao Manuel María

 

 

v2emilioinsuaadeusmanuelmaria.html
 

 

Véñome despedir, Manuel, de ti
(aínda que te sei lembranza inmorredoira,
voz que continuará a falar na historia)
a este Bonaval de labras maxistrais
onde repousan outros galegos rexos
(Rosalía, Brañas, Cabanillas, Castelao, Asorei),
xigantes que, coma ti, inzaron de lume no seu tempo
as palabras de dicir patria, as formas
de declarar a estirpe, os discursos
de reclamar o porvir, os versos
de recobrar a dignidade comunal.

Sobre a lápida que cobre
as cinzas do Cabanillas poeta
repousas hoxe cos labios pechos,
calmo como o Cepelo no verán,
e unha bandeira de noso, luminosa,
ampara o teu sono derradeiro.

¡Saúde sempre, mestre, poeta entre os poetas
e poeta de todos os versos
que cumpriu escreber no noso tempo!

¡Saúde sempre, irmán maior, sementador
de esperanzas e verbas, amador sin par
da Terra que agora se dispón a te acoller,
estremecida e tenra, para a eternidade!

                                        [
9.9.2004]

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega