A dureza dos soños

 

(Texto íntegro)

 

v2franciscocastroescoitoaosbeatles.html


 

     Cando era neno militei no Bache, un equipo que xogaba contra nenos doutros barrios, en Teis. Na memoria gardo algúns goles. Un remate de cabeza á saída dun córner. Outro desde case que o medio do campo. O noso terreo de xogo tiña buracos por todas partes. De aí o seu nome. Os domingos, meus pais levábanme á grada de Río (falo da vella grada de Río, a do antes do Mundial), e ao ver aquel céspede tan verde e tan como de alfombra e tan como de verdade, sentía vergonza do meu campo do Bache e pensaba: que se sentirá pisando esa herba. Tiven que esperar a ser pai, e a ter un fillo futboleiro, para volvera a Balaídos. Foi ao inicio da presente temporada, contra o Barça. Din que temos unha memoria sentimental. Debe de ser certo porque nada máis subir as escaleiras da nova grada de río e meus ollos descubrir o céspede, tan verde e tan como de alfombra e tan como de verdade, dúas bagullas gordas coma aqueles balóns de coiro cos que eu xogaba no Bache, nacéronme nos ollos. Esa noite soñei que era neno outra vez e que tiñamos un partido os do Bache. Pero era en Balaídos. E marquei un gol de cabeza á saída dun córner e outro desde o medio do campo. Despois, emocionado, tireime a celebralo pola herba para adiante. No instante no que caín nun bache, espertei.
    

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega