Alexandre Bóveda, ou a loita constante polo Estatuto de Autonomia

 

 

v2uxiobreogandieguezalexandreboveda.html

     Entre o 5 e 6 de decembro de 1931 constituia-se en Pontevedra, no marco da VII Asambreia Nazonalista, unha formación política que pretendia aglutinar aos grupos galeguistas que operaban até o momento no noso país. Un partido político que, baixo o denominador comun do recoñecimento para Galiza do feito nacional, axuntara esforzos, salvando diferéncias pontuais, no marco dun novo e recén nado sistema xurídico-administrativo, a IIª República proclamada o 14 de abril 1931. Unha formación política que co seu nascimento representaba a organización do nacionalismo galego nun partido propriamente dito; é dicer nunha formación política que contaba cuns estatutos a respeitar por toda a militáncia, cunha dirección partidária única, asi como cun programa e unha declaración de princípios próprios. Plasmaba-se esta realidade na editorial d'A Nosa Terra, voceiro na altura das Irmandades da Fala: "...Hoxe xa o galeguismo acadou unha unión ausoluta, unha direición única, un programa moderno y avanzado e unha discipriña (...). Homes de diversas tendencias políticas relixiosas que coinciden en apreciar de igual maneira o problema político da nosa terra e axúntanse baixo unha maneira común, a bandeira da redención galega..." (1).
     Con efeito, este partido era o Partido Galeguista (PG) (2). Lois Tobío, Xosé Núñez Búa, Vicente Risco, Valentín Paz Andrade, Álvaro de las Casas e Ricardo Carvalho Calero, entre outros, formarán parte do primeiro Comité Executivo da nova organización (3), xunto a eles Pedro Basanta e Alexandre Bóveda, presidente e secretário xeral, respectivamente, da nova organización. Unha dirección que, tendo a representación pública da formación, ficaba encargada de veiculizar os acordos tomados na asemblea constitinte de Pontevedra e botar a andar iniciativas no período inter-asemblear que incidisen no espírito destes acordos. Entre as iniciativas que desde os seus inícios terá na sua axenda o PG, estará a aprobación para Galiza dun Estatuto de Autonomia que garantira os direitos nacionais do país no marco dun Estado español federal.



Pola consecución do Estatuto

     Logo da queda da dictadura do capitán xeneral de Valéncia e Barcelona Miguel Primo de Rivera (1923-1929) re-artellaba-se o nacionalismo galego e os proxectos do frustrado pacto tripartito do 1923, máis coñecido como a Triple Alianza, retomaban-se. Entre estes proxectos sobresaia a reivindicación dun Estatuto de Autonomia para Galiza, para Catalunya e para Euskal-Herria. Nestas tres nacións sen Estado próprio, a proclamación da IIª República en 1931 apresentaba máis cercana a posibilidade de contaren coa aprobación dun texto estatutário. Asi foi que non se perdeu tempo por parte do nacionalismo e traballou-se arreo nas tres nacións para a consecución do Estatuto.
     No noso país a campaña pro-Estatuto artellaria-se inicialmente por parte, dunha banda, dos rexionalistas da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) de Casares Quiroga e doutra dos nacionalistas, inicialmente nucleados arredor das Irmandades e, ao pouco, do PG. Á altura do 4 de xuño do 1931 desenvolve-se na Coruña a xuntanza que, sob iniciativa da Federación Republicana Gallega FRG-ORGA, dá cabida a rexionalistas e nacionalistas e pretende dar como resultado un anteproxecto de texto estatutário base para encetar discusións sobre o marco estatutário. Unhas discusións que na própria asemblea se suscitan a partir da confrontación que se estabelece entre tres proxectos prévios de Estatuto, a saber: Bases para un proyecto de Estatuto Gallego, Proyecto de Bases e o Antreproyeito de Estatuto da Galiza. O primeiro texto era da autoria do Secretariado de Galicia en Madrid, o segundo do Instituto de Estudios Gallegos coruñés e o último do Seminario de Estudos Galegos (SEG). O debate dá como resultado uns acordos mínimos, mais o feito de que só se dera cita na asemblea militáncia da ORGA e do galeguismo deslexitima, por minoritária, a proposta a facer e salda en fracaso a asemblea.
     Ainda asi, o certo é que o debate serviu para que a cuestión estatutaria tomara dimensión social, posto que das propostas levadas á asemblea publicaron-se notas de imprensa e comentarios, para alén de actos públicos de apresentación, a partir dos cais a povoación reflexionaba sobre a autonomia; doutra banda esta xuntanza fixo que organizacións, entidades e persoas que non estiveron na mesma se pronunciaran após a sua celebración sobre a necesidade ou non dun Estatuto para Galiza, cousa que non ficaba, nen moito menos, clara para todos.
     É de destacar, no tocante aos proxectos apresentados á davandita asemblea, o que redixiu a seizón de cenzas sociaes, políticas i-económicas do SEG. Un proxecto realizado non para xustificar feitos, como a personalidade nacional da Galiza, nen lembrar que a nosa nación foi "... próspera i-europea antes de realizada a inxusta uniformidade nazonal que padecemos, senón [para] saber si (ainda ca vagaxe grandemente gravosa que temos d-herdar d-unhos cantos séculos de centralismo) o réximen de autonomía integral que propoñemos nos convén, ou non..." (4). Os autores do anteproxecto: Valentin Paz Andrade, Vicente Risco, Lois Tobio, Ricardo Carvalho Calero e Alexandre Bóveda, souberon perfeitamente da conveniéncia do Estatuto logo dos resultados do traballo realizado por este último. Bóveda, que viña de atrás realizando estudos, a partir dos seus coñecimentos de contabilidade e economia, arredor do que aportaba en impostos Galiza às arcas do Estado e do que este invertia na Galiza, demonstrou con cifras a desfavorábel relación económica do país co Estato español nun traballo rigoroso que precede ao articulado estatutário. Este anteproxecto constaba de sete títulos sendo o primeiro o intitulado "Do Estado, territorio e cibdadáns da Galiza" que encetaba cun artigo primeiro no que se podia ler "A Galiza é un Estado libre drento da República Federal Española". Desde este intre podemos aseverar que Bóveda estará presente, sendo peza fundamental, en todo o deseño e desenvolvimento do proceso de elaboración e final redacción do Estatuto de Autonomia da Galiza.
     Despois desta asemblea desenvolve-se, á altura do outono do 1931, outro intento fallido de elaborar un Estatuto que fora consensuado pola totalidade das partes implicadas. Da mao dos deputados galegos na cámara baixa do Estado, da denominada minoria galega, o sector republicano e galeguista destes, representado por A. Vilar Ponte, R. Suárez Picallo, L. Peña Novo, E. González López, R. Otero Pedrayo e D. Castelao, promove en xullo un novo texto a partir dunha xuntanza que se desenvolve na Coruña (5). Logo desta reunión, na que non se chega a acordo sobre texto algun, decide-se desenvolver outra xunta en Madrid que será seguida doutra desenvolvida, tamén na villa y corte, o 15 de outubro. Desta última reunión é froito un texto no que a grande parte das propostas dos galeguistas, en minoria, desbotan-se. Este resultado derivaba do intento de integrar no proceso de redacción do Estatuto galego, para que este cobrara lexitimidade, aos deputados de ideário conservador eleitos polas circunscricións galegas. A dirección do Partido Galeguista de Pontevedra, nunha nota asinada por Pedro Basanta e Alexandre Bóveda asinala: "...iste Comité considera (...) unha obriga decrarar (...) con toda lealtade, que como no (...) proyeito apenas foron recollidas algunhas das nosas arelas, o Partido Galeguista non renuncia a seguir loitando, con mais pulos ainda, pol-o trunfo de todas as que integran o seu programa, nin pode comprometer a sua inteira libertade de fiscalizar a xestión dos que no seu dia sexan chamados pol-o pobo a rexir os destinos de Galiza" (6).
     A partir deste intre inicia-se unha paréntese no proceso estatutário que na práctica representa a conxelación do mesmo. Pasan os meses e non se albisca actividade oficial pro-Estatuto. Chega a primavera do 1932 e, baixo a iniciativa de Alexandre Bóveda, secretário de organización do novo Partido Galeguista e Enrique Rajoy Leloup, edil do concello compostelán, o 19 de abril Raimundo López Pol, alcalde de Compostela, chega ao convencimento da necesidade de reactivar o proceso estatutário. Nesta orde de cousas a cámara municipal compostelá, recollendo a suxestión de Bóveda e Leloup, aproba, con data 27 de abril, convocar unha xuntanza en Compostela de todos os concellos do país para debatiren arredor do que teria de ser o texto definitivo do Estatuto de Autonomia. Após desta convocatória e a adesión da maioria dos concellos de Galiza a esta iniciativa, marca-se data para o desenvolvimento dunha xuntanza preparatória da que logo será denominada Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto, asemblea esta que representaria o último degrau diante do proceso de redacción do articulado do Estatuto. Tres eran os pontos a tratar da orde do dia:
     a) Proxecto de Estatuto que habia de ser submetido, como ponéncia, á Asemblea de concellos.
     b) Regulamento da Asemblea.
     c) Organización da propaganda do Estatuto
     Esta xuntanza preparatória, representativa dos elementos políticos, administrativos, económicos e culturais que constituian a vida social da Galiza na altura (7), desenvolverá-se o 3 de xullo de 1932 no Paraninfo da Universidade compostelá. Encetaba ás once da mañá esta asemblea coas seguintes palabras de Raimundo López Pol: "Señores, por ter sido esta Comisión a que vos convocou aqui, dirixo-me a vós no seu nome para vos agradecer o entusiasmo co que tedes correspondido ao noso convite. Tamén vos dou as grácias en nome da nosa Terra porque viñerades comezar a labor redentora, a organizar o noso Estatuto; para que a Terra sexa libre (...) adianto-me a asegurar que o Estatuto galego (...) será pronto un feito" (8).
     A partir destas verbas de apertura encetou-se o debate arredor de que modelo de Estatuto era o máis acaido para o país. Era necesário un novo texto? Ou, pola contra, aceitaba-se algun dos textos xa redixidos? Finalmente acordou-se chegar a un texto estatutário resultado dos distintos modelos apresentados o ano anterior, un texto de carácter transaccional que, harmonizando as diversas tendéncias e informándose estrictamente na Constitución, recollera o resultado da experiencia parlamentar acumulada co Estatuto catalán (9). Para este traballo nomeou-se unha comisión parida desta asemblea. A comisión encargada da nova redacción do Estatuto estaba formaba por Salvador Cabeza de León, presidente, Enrique Rajoy Leloup, secretário, e os vogais Manuel Iglesias Corral, Eladio Rodríguez González, Manuel Lugris Freire, Jacobo Arias, Avelino López Otero, Rodrigo Sanz López, Santiago Montero Díaz e Alexandre Bóveda. Esta comisión remataria o 4 de setembro o traballo para o que fora criada. Apresentaba este novo texto cámbios, forzosamente necesários, sobre o proxecto de máximos defendido polo nacionalismo. Xa non se falaba da Galiza como un "Estado libre drento da República Federal Española" senón que pasaba a ser Galiza "una región autónoma dentro del Estado español". Asi mesmo, entre outros cámbios, se ben no proxecto do SEG equiparaba-se en rango o idioma galego ao español e se marcaba como indespensábel o seu coñecimento para o exercício da función pública no país, o certo é que isto último ficaba como unha recomendación no texto agora redixido. Estas concesións hai que ter presente que viñan dadas pola necesidade obxectiva do Estatuto para Galiza ao ver do PG. Esta organización, cunha feble base social na altura, sabia perfeitamente que a adopción dunha posición maximalista no tocante à autonomia, só podia dar como resultado quer a aprobación dun Estatuto que referendara definitivamente o centralismo estatal, respaldado por unha mínima autonomia administrativa, quer a parálise definitiva do proceso estatutário no marco do novo sistema xurídico-administrativo ainda en vias de cosolidación. O PG, como non podia ser doutro xeito, apostou por este texto, sacrificando pontualmente parte das suas propostas, que seria publicado en distintos xornais, caso de El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, La Vanguardia Gallega, Heraldo de Galicia, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, El Eco de Santiago e El Compostelano. A partir deste momento calquer representante podia apresentar emendas ao texto. Estas emendas irian todas a parar a Alexandre Bóveda quen, dunha banda, daria unha orde às emendas, para logo seren discutidas no plenário da asemblea de concellos, e doutra preparaba, fronte a estas, as argumentacións para a defensa da ponéncia oficial. Neste contexto Bóveda amosa-se optimista sobre o ritmo do proceso; en carta a Rajoy Leloup á altura do 11 de novembro indica-lle a este último: "Vexo que a causa sigue marchando moi ben e que vosté se topa c-uns azos que animan e consolan".
     Uns dias antes, concretamente o 1 de novembro os alcaldes de Compostela, Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Betanzos, Mondoñedo, Noia, Tui, O Carballiño e Lalin convocaban a todos os concellos da Galiza à Asemblea na que se daria por aprobado o articulado estatutário que teria de ser submetido en plebiscito ao parecer do povo galego.
     Bóveda remata o seu traballo respeito das emendas a finais de novembro, segundo indica nun telegrama enviado a Rajoy Leloup. A partir deste momento só restaba agardar pola celebración da Asemblea de Concellos.



A Asemblea de Concellos Pro-Estatuto

     O 10 e 11 de decembro de 1932 desenvolvia-se en Compostela a II Asemblea do PG. Nesta asemblea distintos pontos foron tratados mais a cuestión estatutário foi a que máis tempo ocupou nos debates; de tal xeito que nas conclusións programáticas recollidas polo PG nun caderniño apontaria-se que "... o Estatuto é a meirande preocupación d-estas horas críticas...". Con efeito, se houbo un partido político preocupado pola marcha do Estatuto e que traballara sen descanso pola sua consecución, ese foi o PG e, detrás do Partido, cumpre insistir, particularmente Alexandre Bóveda.
     O sábado 17 de decembro de 1932 encetaba às doce e media da mañá, logo dun retraso de hora e media, a sesión inaugural da Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto. Ao longo de tres dias debateria-se arredor do texto estatutário que o noso povo acabaria plebiscitando. Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol, nomeado presidente da Asemblea non faria o próprio por baixa médica e seria substituido por Bibiano Fernández Osorio Tafall quen se encargaria da apertura do asemblea. En nota xornalística apresentaban-se as primeiras horas do 17 de decembro en Compostela: "Desde las primeras horas de la mañana se advirtió una desusada animación en toda la ciudad. Casi todas las casas lucían colgaduras respondiendo a la invitación que hizo el señor Alcalde en su circular de ayer. A diez de la mañana recorrió las calles la Banda de Beneficencia ejecutando algunas de sus más escogidas partituras.
     Casi en todas las calles había rotuletas dando la bienvenida a los asambleístas y exaltando el amor a Galicia" (10).
     Era un ánimo que parecia augurar a boa nova. En xeral foi unha asemblea de grande debate, en canto temática e duración, na que Galiza, representada a través dos seus concellos —227 con representación dun total de 319— se xogaba o seu Estatuto. Só duas cuestións levantaron o ton dos asembleistas. Unha destas cuestións seria a cooficialidade do galego e o español, e a outra a capitalidade da Autonomia. A primeira combatida a través dun voto particular por Santiago Montero Díaz, bibliotecario da Universidade compostelá, no que facia desaparecer o início do ponto 4º do anteproxecto de Estatuto no que se dicia "serán idiomas oficiais na Galiza, indistintamente, o castelán e o galego". Montero Díaz escudaba-se, para defender esta supresión, no suposto descoñecimento xeral do galego entre a povoación e a falta dunha normativa que unificara o idioma ortograficamente á hora de o utilizar oficialmente con coeréncia e homoxeneidade. Bóveda, convencendo a maioria dos asistentes, defendeu a Ponéncia de xeito contundente afirmando que:
     "...se non se recoñece a cooficialidade, todas as xentes do agro e do mar terán do galego a mesma idea que tiveran até agora, é dicer, dunha cousa que se debe empregar e que está por baixo doutras", acrescentado que "...a unificación do galego está elaborando-se e que nada de particular ten que despois de ser vencido o noso idioma, máis ainda que polo rádio do castelán, por un centralismo imperialista de catro séculos que perseguiu ao idioma, pode este sufrir unha crise de diferenciación na escrita, mais isto xa o está salvando a Académia Galega" (11). Aliás, a cuestión da capitalidade foi problemática ainda que menos ca do idioma. Tendo-se proposto Compostela como capital da Galiza o alcalde da Coruña, Manuel Iglesias Corral, propuña a cidade herculina como capital da futura Autonomia. Diante deste debate Iglesias Corral marcha do debate mentres Bóveda argumentaba en defensa da Ponéncia producindo-se grande escándalo. Finalmente dá-se un acordo entre o Partido Galeguista e o Partido Republicano Gallego, extensivo para o conxunto de formacións políticas presentes na asemblea, que se baseaba no aprazamento da eleición da capital galega. Finalmente, e salvando estas disensións minoritárias, aproba-se o 19 de decembro o Estatuto de Autonomia pola Asemblea de Concellos cun apoio de 209 cámaras municipais do total de 227 representadas. Todo un éxito do que Alexandre Bóveda tivera grande responsabilidade, como redactor, representante e defensor da Ponéncia oficial. Tal e como se ten asinalado, na Asemblea de Concellos "... discutiu-se, artigo por artigo, a Ponéncia formulada pola Comisión de téinicos, producindo-se debates acalorados e de grande outura, nos que se puxo de manifesto a voutade férrea e o talento luminoso de Bóveda, herói daquelas xornadas" (12).
     Logo da asemblea a ledicia que sentian todas as persoas que contribuiron ao bon desenvolvimento do acto era plena. Editoriais, volantinas e cartaces, entre outros meios, foron utilizados para expresar esta ledicia e transmitir ao conxunto da nación o feito histórico que representaba a aprobación do articulado estatutário. Podia-se ler nun periódico do momento: "Ya tenemos Estatuto. Ya Galicia dió su primer paso para su liberación del yugo centralista y se dispone a plebiscitar su Estatuto" (13).
     O camiño cara a aprobación do Estatuto estaba, en parte, andado, só restaba, como nesta nota xornalística se resaltaba, plebiscitá-lo (14), algo para o que haberia que agardar ao trunfo da coaligación de esquerda Fronte Popular nas eleicións de fevereiro do 1936.
Uxio-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Historiador especializado no nacionalismo galego. Xerente da Fundación Alexandre Bóveda. Director de Murguia, Revista Galega de História.


[Madrid, 1978]




—————

(1) A Nosa Terra (ANT), nº291, 1/01/1932, p.1. ANT pasará a ser despois da constitución do PG, desde o seu número 292, o voceiro do recén nado partido nacionalista.
(2) Tomaba este partido nome do Partido Galeguista de Pontevedra do que Alexandre Bóveda era o secretário xeral e Pedro Basanta o presidente. Partido que, creado seis meses atrás, foi o verdadeiro impulsor da unidade organizativa do nacionalismo galego.
(3) Daniel Castelao non formaba parte do Comité executivo porque, segundo acordo fundacional do PG, era incompatíbel formar parte do máximo órgao de dirección do Partido sendo cargo institucional do Partido, caso do rianxeiro.
(4) Anteproyeito de Estatuto da Galiza, Pontevedra, Seminario de Estudos Galegos, 1931.
(5) Xuntanza na Coruña á altura do 12 de xullo.
(6) Ante o Estatuto de Galiza, Nota do Comité Xeral do Partido Galeguista, 4/11/1931 Arquivo Persoal de Alexandre Bóveda-Família Alexandre Bóveda/Fundación Alexandre Bóveda
(7) Estatuto de Galicia (anteproxecto), Compostela: Tipografia de El Eco de Santiago, 1932, p.7
(8) El Pueblo Gallego (EPG), nº 2.582, 5/07/1932, p.1
(9) López Pol, Raimundo, La Autonomía Regional, EPG, 16/06/1932 p.2
(10) El Eco de Santiago 17/12/1932
(11) Diéguez Cequiel, Uxio-Breogán, (2002) A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto, Pontevedra, Fundación Alexandre Bóveda, p.48-51
(12) Bougueira, Isaac da, "Limiar", en Rodríguez Castelao, Daniel, O Estatuto de Galiza, ed. Nós 1975 p.3
(13) Faro Vilalbés, periódico quincenal do Partido Republicano Gallego, nº 21, 16/01/1933 p.2
(14) O plebiscito do Estatuto de Autonomia, unha vez aprobado o texto na Asemblea de Concellos, estaria previsto celebrar-se na segunda metade do 1933 mais a chegada da direita españolista radical ao governo do Estado, trás as eleicións de novembro deste ano, fan que até o 28 de xuño de 1936 non sexa posíbel que se desenvolva o plebiscito logo de que en fevereiro a coaligazón de esquerda Fronte Popular trunfara nas eleicións.





BIBLIOGRAFIA

— ALFONSO BOZZO, Alfonso, (1976), Los partidos políticos y la autonomía en Galicia 1931-1936, Madrid, Akal eds.

— ÁLVAREZ BLAZQUEZ, Darío, "Bóveda, o noso Capitán. Lembranza e semblanza de Alexandre", en La Voz de Galicia, 14/08/1977

— ÁLVAREZ GALLEGO, Xerardo, (1996) Vida, paixón e morte, Vigo, eds. A Nosa Terra.

— BERAMENDI, Justo/NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel, (1995) O nacionalismo galego, Vigo, eds. A Nosa Terra.

— CORES TRASMONTE, Baldomero, (1976) El Estatuto de Galicia, (actas y documentación), A Coruña, ed. Librigal

— (1986) Las polémicas de Bóveda en la gestación del Estatuto de Autonomía, Sada, eds. do Castro.

— DIÉGUEZ CEQUIEL, Uxio-Breogán, (2002) A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto, Pontevedra, Fundación Alexandre Bóveda.

— (2003) "A Terra Chá e Alexandre Bóveda diante da Asemble de Concellos de Galiza Pro-Estatuto", Terra Chá, nº 8.

— (2003) "A comarca da Ria de Muros e Noia diante da Asemble de Concellos de Galiza Pro-Estatuto", en Mostra Filatélica Enteiros 2003-Colección Angel Laiz Castro, Noia, Grupo Filatélico e Numismático de Noia.

— RODRÍGUEZ CASTELAO, Daniel, (1974) O Estatuto de Galiza: antecedentes e comentarios, Buenos Aires, Eds. Galiza.

— VELASCO SOUTO, Carlos F., (2000) Galiza na II República, Vigo, Eds. A Nosa Terra.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega