Alegoría do ensoño ferido

 

(Texto íntegro)

 

v2mckruckenbergalegoriadoensonoferido.html
Novamente terei que procurar
a intuición que perdín,
na figura estremecida
do corazón.












A palabra cancelada no silencio
quedouse sen resposta
na nacente cegueira transitoria...
A palabra é un fío efímero
cando rompe o troquel da loita
onde descansan os coitelos do imposible.












A lúa vixiante
na oscuridade da miña realidade,
sen saber da brancura
ingrávida do ceo.
A lúa xa non ten misterio
de eternidade,
non é máis que unha estrela
vagaxeira
que dá luz á negrura da noite;
aletexando o corazón silandeiro
que bate no presentimento
de plenitude.
E incomprensible que a inocencia
xa non teña sentido de claridade.












Pregunto:
¿Como arrancar os arames
que levo desde sempre
atenazándome a caricia?
Pregunto:
¿Que fago deste peito
que se perde, por non saber aínda
o seu camiño?












Levo tantos anos coas azas cortadas
que non sei a razón que me volve o latexo,
quizais sexa o tempo que me arricou a pola
da mais ergueita folla dos anceios.
Ou quizais sexa o desleixo que fura
como a pinga incesante do lamento.
Unha agarda, e non sabe o que se agarda.
E a esperanza esmorece
escorregando polos muros dos cemiterios
donde foron queimando amor, os enamorados
esquencidos de bicos e tremores.

Non sei se agora ou sempre
teño necesidade dun suspiro,
aínda que non saiba achegarme ó agarimo
dun corpo intacto.












Verdadeiramente o que teño
e un anaco de nada,
o mesmo que o amor
e unha sombra de ningúres.












Ninguén ten dereito
a esnaquizar o canto
do reiseñor.
Nen a queimar
os labios da melancolía.
Ninguén debe arder
na liberdade dunha bágoa,
porque ninguén ten dereito
a matar a esperanza
da fermosura enamorada.












Fogueira lastimada na ribeira
do amor escurecido.
Aínda se pode rexurdir
renovando as alboradas
belidas de paxaros verdecidos.
O carón do silencio
un estrano círculo acoitelado
fire o corazón da tristura.












Ledas as mans, repiten
o segredo da pel
esbarando na oscuridade
da noite.
As fontes fanse ríos
de fermosura
resucitando a carne
da inquedanza revivida.
Un cheiro de inmensidade
marca o suco
do músculo recuperado
queimando as estrelas debecidas.












Tras o espello, buscándo
as folerpas do noso espirito
insistentemente.
A linea horizontal
duhn corpo semellante
tremulando xunto o noso
ao grito da beleza.

A voz non ten maneira de nós mesmos.

Sempre tras a concordancia
que dá a propia imaxe,
devolve esa ilusión fugaz
que racha o día.












Xa estou aqui en Alexandria,
sen mans de amor neste ir e vir
incesante do deserto.
Konstantino Kavafis
polos cafés da cidade
morrendo de caricias imposibles
non e mais ca unha sombra
baixo este ceo ouro-azul do porto.

Todas imos deixando o tremor
duhn corpo pendurado no camiño.












É tan leve o encanto
duhn sorriso,
que a penas sinto o corpo
desarmado.












O xogo apunta irremisiblemente
a noite consumida
nos recantos do sofremento,
conseguindo desencanto
sen retorno de vida.

Unha desperta titubeante de segredos.

O fin, a volta da penumbra
inclina a imaxe dos sentidos
o enigma imposible da poeta.












Os anos van caíndo
no meu corpo
como follas arrincadas polo vento.
E as vibracións da pel
vanse queimando en soños
silandeiros polos beizos.
O tremor acalado
ás veces rompo
no leito desta lingua
adormecida.












É como un longo cansancio
de dedos
iniciados no desencanto
da fronteira desolada do desexo.
É como a esperanza da existencia.
Tamén é, unha carreira perdida
que esmorece no deserto do latexo.












Deitaríame a beira
duhn corpo ferido
testimuñando o sangue
que agallopa inseguro
polas veas do incerto destino.
Lanzaríame a voar
na ausencia do tempo
que me esta a roubar
a apaixoada melodía
duhn suspiro doente.












O rumor das ondas chega
ata o meu leito ferido,
semella un doce lamento
a dor enteiro do Miño.

¿Onde estan os sedentos sacrificios
que se estinguen na palabra permanente,
onde o húmido segredo persistente
dunha boca marxinada polos beizos?

¿Que se fixo da dourada oscuridade
encamiñada ó cansancio das estrelas,
e do pracer acochado na ramaxe
da tormentosa faísca da fogueira?

¿Por qué morre unha tantas mortes
ó longo da esperanza presentida?

O rumor das ondas chega
o pé do meu soño antigo
perdurable no seu xogo
de río ausente de medo.












Rir desta tolemia
non ten sentido,
porque ó fin,
o home chora a súa dúbida.












A esbelta música do vento
afina a lonxanía da memoria
que ardente chega nos menceres calmos
crebando as mans insomnes do desvelo.
Imáxes sen nome definido
desprazan a ledicia do recordo
nuhn tránsito de trevas polo río.
E unha, volta dos espacios debullados,
traslúcida, como as follas do salgueiro.












Se non podo escalar
os teus soños adormecidos,
deixa mareias fondas do teu corpo,
ata morrer,
afogada no espello da túa noite.












Tras os muros aparentes
do meu peito conquistado,
as ondas escuman
a sua transparencia
pola máxia imposta do pasado.
Na outra banda dos meus ensoños
vai a razón do meu berro limitado
advertido pola forza do costume.

As gaivotas aletexan a súa liberdade
ignorando a seducción do mar.












Non se pode medir a plenitude
polo xesto duhn día,
nen se pode prever a permanencia
duhn palpitar eterno no sorriso.
Nada discorre igual pola faciana
que refrexa o espello.

A verdade esmorece mainamente
esnaquizando un soño indefinido.












Gostaríame levar
unha palabra nova
pendurada nos labres da apetencia,
e desfacer con ela, docemente,
a máis equilibrada das estrelas.












Non deixes que se perda o sonido do silencio
arredor da alborada,
nen a ollada evanescente do mar
na máxica presencia da escuma dourada.
Non permitas que a tolemia do amor
frene o seu gallopar de paixón atormentada.
Non deixes que ninguén conxele
a levedade do vento polos teus bicos.












Canto choro perdido,
canta tristura deixada na ribeira
dos meus desexos
extinguíndose no inmenso mar do desencanto.
Canta palabra
voando polo deserto da inquedanza,
e canto agardar o tremor
que non foi máis
que unha lumarada acesa pola aurora.












O corvo vixía a morte do río
como unha escultura recortada no vento,
que retorna co a música recuperada de seculos,
nas alboradas espidas de futuro.
As luces do pasado desfanse desfiañadas
cara a miña fiestra
nuhn esforzo irrepetible de conquerir o ceo;
e as esperanzas, depostas pola guerra implacable
que supón soportar este mundo do asurdo.

Todo ten sentido de deserto,
de abdicación, de areas desoladas,
aínda que loitemos cos ollos da memoria
polo amor que esmorece alén da eternidade.












¡Desacougo de límites!
Eu non podo ter
o que non teño.












Nesta encuberta morte
da inquedanza,
non importa comprender
as vibracións do vento
esbarándo na brétema.
Porque no alén dos ollos
persiste a incertidume da verdade.

Coñecer a lóxica do canto
non ten sentido
para un pulso aletexante












Cinguirte cos meus brazos
arredor de min
coma un fio de agua,
que me rebaixe esta febre
que non esmorece nos meus osos.
Terte coma as ondas na miña praia interna,
escumando o meu arrepio,
ou cinguirte cos ollos nuhn intento de grito,
atormenta meu ardor salvaxe ata a fogueira.

Que tremendo e ter aceso o corazón
cando os beizos xermolas solitarios.












Non teño un corpo novo onde morrer
nen labres onde deitar os bicos;
por iso ando ergueita e aínda viva
esperando que se cumpra a fantasía
duhn ensoño dormido.












Quixera adoitar a estructura do espacio
ao movemento acompasado do meu corpo,
o mesmo que os paxaros
xubilosos de inmensidade,
buscan e rachan a luz do vento
coma follas estremecidas.
¿por qué non eu?
Navegando polo pozo da vida,
sen a nostalxia silenciosa
de voar escravizada polos recordos
que remataron sen privilexios
unha noite calquera no xardin.












Non quero esquecer nada,
nin siquera a inquedanza
dos espacios devecidos,
nin as desoladas noites de espera
febrís sen o suco da caricia.
Non quero esquecer nada, non podo
deixar as cinzas aterecidas
no fogar do peito,
nin este xermolar de areas polo corpo.
Non quero esquecer nada. Non podo esquecer nada.
A vida do desexo é sempre breve.












Mundo,
onde cairon infinitos farrapos
da miña alma.
Xamais a dimensión da esperanza
foi estraña ó meu sentir.
Respirar o alonxamento do espacio,
faime sumerxir no pálido consolo
dos astros.
O mundo da fermosura
non é permanente,
e sófrese de incertidume
polo perdido desvelo
e a insoportable compaixón
dos que amamos.












As veces se pode atopar
no xesto da conciencia
a solución espida
para morrer sen agua.












E posible que deixándo
a esencia do encanto,
e o enmudecido manantial
da irrealidade
pendente do despertar da noite;
vivir, sexa a razón primaria
que convirte a existencia
en transitoria.












Froito do compromiso compartido
choran envoltos en cabelos
indecisos
os laios da vergoña,
alongados polas horas sen ritmo
dos corpos imposibles,
que se afogan sen cerimonia
rendidos en lonxanía estéril.

Habería que descorrer o tempo
musical da palabra,
como un cálido exercicio
de orballos recobrados
no término dos reductos máis queridos.

O sentido cromático da luz,
adiviña a incertidume da súplica
que parece desolada
na ribeira do desencanto.












Teño que roubarlle tempo ó tempo
e renovar a dor inocente
que se axita e presinte
o remate interior de plenitude.
Teño que abxurar da nocturnidade,
duhn susurro que sucumbe
no alén do esquecemento.
E teño que transitar pola transparencia
titubeante dunha bágoa
que orixinou este anoitecer de soedade.












Soterrado abismo
das condenas perpétuas.
A miña memoria laméntase
da vixía persistente duhn delito
que brinda unicamente soedade.












Máxicamente, volveron as imáxes
resucitadas pola impaciencia
da memoria,
e retornaron como súplicas
alongadas pola paixón da sua inmensidade,
perturbando a presencia secreta
do desexo.
Novamente percibo o pasado
como un dorido tormento
entregado ó tráxico sofremento
dos sentidos,
nuhn suicidio permanente de saudade.












¿Que lle agarda ó paraiso
compartido,
cando o mencer
canso de entregar estrelas
ó infinito,
rebélase
pola difusa transparencia
da dozura?












Que sería de min
sen o empeño da lembranza
e sen a ritual procura
do pasado;
un laberinto agoniante
endexamais esquencido
pola melancolia da mirada.
Os testigos da transparencia
desbaratan o derradeiro sarcasmo
ate as portas do límite.

Porque eu sería, un excesivo naufraxio
no infinito sol do inverno,
e quizais una caricia
zozobrándo na suavidade do vento.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega