A luz e as súas cicatrices

 

[Escolma]

 

v9evaveigaaluzeassuascicatrices De súpeto, abro as mans e escoito a música
da tarde que se pousa como un paxaro,
entregada coma area finísima
na que se desfai o primeiro estourido
das galaxias. Tan lonxe e tan cerca estamos
de todo canto flúe eternamente.
Ave sonora vai deixando un ronsel
de silencio nos dedos asombrados.
Inatinxible gozo da ebriedade.
Toco a morte, pero xa fun coa vida


***


Vai frío e saímos ao monte
buscar leña e tamén traemos
piñas coas que prender o lume.
Sobre a lareira dispoñemos
as achas e as chamas inician
con vehemencia a combustión
da periferia ata que o lume
se instala na cerna do bosque
e reina coma un deus inapelable
a quen se lle rende o sacrificio das horas.
Pola cheminea medra unha flor de fume
que esfolla o vento.


***


Baixo até o río
e no fondo da súa transparencia
miro os cantos dispostos
en azaroso orde apenas removidos
e convocados polo íntimo fulgor
da corrente.
Aparentemente inconexas as brunidas pedras
viven
a súa existencia profunda
cada unha
abrigando un peixe ou unha ausencia.
E pregúntome
se haberá alguén capaz de distinguilas
a todas pola verdade do seu nome:
Poderiamos entón descifrar
que di a auga,
que di o tempo.







 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega