A música dos actuarios

 

[Texto íntegro]

 

v2monchodefidalgocontosdefada008.html

 

     Fernando Remacha, despois da Guerra Civil, abandonou a música e fíxose ferraxeiro. George Lloyd retirouse a Dover e durante vinte anos viviu do cultivo de champiñóns. Roy Harris foi camioneiro e leiteiro antes de marchar a París para estudar composición. Xenakis era arquitecto, e non dos peores, porque chegou a traballar con Le Corbusier. Hai quen atribúe a Charles Ives o raro honor de inventar tanto o sistema dodecafónico (si, antes ca Schoenberg) coma o seguro de vida; a verdade é que gañaba o sustento como actuario. Borodin era químico. Os seus compañeiros Cui, Rimsky-Korsakov e Mussorgsky eran oficiais do exército do zar. Joaquim Homs era enxeñeiro industrial; no tempo que lle tocou vivir, era impensable que puidese vivir do que compoñía.
     Das investigacións que a musicoloxía nunca realizará, a dos compositores que tiñan traballos inusuais é a miña favorita. Se cadra porque é, basicamente, unha investigación cotilla; os musicólogos somos normalmente cotillas pero non nos gusta recoñecelo, por iso nunca publicaremos unha investigación deste tipo. Por se acaso, eu xa formulei algunha hipótese de traballo e mesmo xa cheguei a algunha conclusión parcial. Se a placidez das ciencias actuariais o fai a un máis propenso a lanzarse de cabeza pola música sen seguro de vida. Se ser ferraxeiro ou leiteiro proporciona un coñecemento da alma humana superior á que se adquire sendo catedrático de composición. Se os filólogos non deixan de teorizar sobre a separación entre eu poético e autor do poema, os musicólogos, en ausencia de eu musical, témolo aínda máis difícil. Eu ao máis que chego é a formular timidamente que a música que escribimos non pode ser independente de sermos químico ou militar ou viticultor. Nin de sermos muller ou homosexual ou ateo nun mundo que nos é hostil, nin de crermos na orde e a xerarquía coma principio ordenador do universo ou de termos a esperanza dun mundo mellor e solidario. A música que creamos e que escoitamos ten todo que ver coa nosa forma de estar no mundo, e a nosa forma de estar no mundo é a política. Por iso, penso eu, quen diga que música e política non teñen nada que ver é un insensato.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega