Amencida de alucinación

 

[Texto íntegro]

 

v9garciabodañoamencidadealucinacion.html

Relendo a Rosalía nos confíns da noite.

De páxina en páxina procúrote,
búscote
nos teus poemas máis profundos,
leo a túa voz muda en cada letra
e case que te vexo
e te percibo
no aire alucinado do amencer.

Chamo por ti na flor da madrugada
cando te sinto próxima
e perdida
no ámbito ferido dos teus versos,
no pasado sen vida da memoria.

Dende as tebras da miña ansiedade,
tento chegarme a ti
atoutiñando
nas portas invísíbeís do misterio,
ir
ata ese non ser que te desterra
no silencio total que te posúe.

Síntote, na penumbra do imposíbel,
a esvaer na túa ausencia
como un soño,
un soño no que xa non te soñaras.

A túa imaxe
presa nos retratos
dime apenas como eras (vagamente),
como vestías,
como che gustaban
os calculados rizos sobre a fronte
na adornada escureza do teu pelo.
Como foi o teu rostro redondeado,
de leve
e melancólico sorrir,
onde a dor puxo un xesto de tristura.

Nos delirios da mente preséntasteme
nunha imprecisa néboa
atemporal
que te trae silandeira a par de min.

De ti coñezo como escribías,
e coñezo tamén como pensabas,
o teu sentir da vida
e dos demais,
mais de ti apenas sei fisícamente,
do teu xeito de andar e de moverte,
e fáiseme terríbel non ouvir
o timbre
nin o ton do teu falar.

¿Cal sería o vibrar da túa voz
xa extinguida
nos teus días pretéritos?
¿Era de acentos graves e intensos?
¿firme e clara quizais?
¿doce e contida?...

Na soidade da noite que te acolle
vagan perdidas as túas palabras.

 

No Casal das Figueiras, 15 de maio de 2006

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega