A memoria perdida

 

Política. Escolma

 

Pagina nueva 1
PRATÓRIA

     «....e non prometo novas ánsias, nen prazeres. O mundo andarevolto e é mellor finxir unha absoluta indiferéncia. Non son tempos para o aborrecimento ou a contemplación. Precisamos inaugurar un novo futuro luminoso.»


     Asi rematava a sua intervención diante da Cámara Lexislativa de Pratória o deputado da Frente Patriótica. Un discurso que durou algo mais de quince minutos e que culminou de maneira poética, logo de analisar os diferentes aspectos da sociedade pratoriana. Eis Shella, arremeteu contra os falsos demócratas e os aduladores, aos que xa se tiña acostumado. A sua opinión era inequívoca con respeito aos pontos finais das revindicacións cidadáns.
     O confusionismo sementavan-no os pais da pátria. Os intocaveis, os puros, a história viva de Pratória. Alguns sectores críticos estas preclaras glórias da nación coa pérsica denominación de "Imortais". Estes non se davan por aludidos e seguian editando unha revista literária á que só accedian a colaborar os fillos teóricos e prácticos dos anciáns. O título da publicación era VAL, e o seu direitor un ex-revolucionário de café que lles cobria as costas. Como sempre, os queimados vendian o seu fracaso revestindo-o de tons de experiéncia e se convertian, asi, nunha subdivisión dos "Imortais", os "Inalteráveis".
     Hai muitos anos tentaran levar adiante un movemento de masas, mas erraron, e pretenderon que o resto pagase con alto prezo a sua deceición. Eis Shella, que non pertece aos "Inmortais" e tampouco aos "Inalteráveis", é un peón mais nun taboleiro no que xogan o poder e a ilusión. Do seu lado, toda a mocidade pratoriana, frente del, a represora madurez.


     Se os pratorianos fosen humanos non haveria problema para achar unha saida, mais non o son, o seu destino depende dos deuses. Os pratorianos, seria lícito explicá-lo, posuen dous deuses: ás veces un masculino e outro feminino, outras dous femininos ou dos masculinos. Eles ordenan os movimentos dos pratorianos, resultando imposível rebelar-se contra esa condea. O povo pratoriano xa ten asumido que non é soberano nas suas accións. Cando ven desmoronar-se as torres do país, os xinetes e os infantes, os mellores e mais bravos capitáns e a vida dos seus monarcas en perigo, só agardan que o sofimento remate axiña para outra volta comezar. Un eterno início que non conduce a nada.


     A partida de xedrez resultou algo mais interesante nesta ocasión para Xan e Lua. Rematara en táboas. Por un dia os pratorianos non se aniquilarian entre si, vítimas dunha nova guerra de secesión. O futuro ainda pode ser alentador para eles. Mas...cuidado! Atentos! Parece que hai revancha. Todos aos seus postos, comeza unha nova contenda!
     A vida xoga-se a mui baixo prezo neste campo de batalla cuadriculado.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega