Ansia (Balbúceos)

 

[Texto íntegro]

 

modelo

"O poeta é um fingidor.
Finge tão completamente
Que chega a fingir que é dor
A dor que deveras sente."
(Fernando Pessoa)


1.
MORRE
gris e verde
a lúa como un corno
A mañá anota
cotiá os camiños
Cara a onde non sei
Nada me agarda

2.
O MILLEIRAL é un pombal
de paxaros amarelos con penacho
Ningún ergue o voo
Eu
tampouco

3.
POR FIN o sol
É un alto
Non me atrevo a sorrir
A pouco que descendo
(cruzada a ponte
sobre o río Chamoso)
volve a néboa
A miña

4.
O INCENDIO avanza
Que distinto o lume da noite
vermello
a este gris
fume das mañás
Por que ardo?
Até cando este incendio?

6.
INTERPRETAR este baleiro
Imposíbel
Quizais tampouco o mundo exista

7.
A INFANCIA escribina
con cebolas e frío

Quen rachou o envoltorio?
Quen ma explica?

8.
SILENCIO e tristura
coas mans amarradas axúdanse
O infortunio habita en min
que miro
A súa inconsciencia defínese amor
Na rúa chove
Saio

9.
ACABOU
Existir é
unha senda de nada

10.
RASPO das paredes
vermellos e azuis
paixóns e soños
Tapo con amarelo
coma se o sol habitase
na casa da noite

11.
SEI o final
O pozo é fondo
e fresco
A auga non me apaga a sede
O seu silencio si

12.
COMO me gustaría
Pero non
Escarvo
até me disecar por dentro

13.
UN ROSARIO de gotas
no perlado cristal
contra o gris
ceo
As árbores abanéanse con sixilo
Non me aventan o frío

14.
DE BURATO en burato
Obstáculos
Un longo percorrido
accidentado
Golpes

Un partido de golf
A vida

15. A CASA
É a casa
a miña historia
A partir dun intre
todo o que son
ditoumo ela
Limiteime a copiar
os seus mandados

Posuíume

16.
CASA con goteiras
curtocircuítos
e a ilusión
das reformas
interiores
no psiquiatra

17.
VENDE
a porta fría
braseiros eléctricos

Compro
compañía

18.
Sumo
Loito
Sumo
Loito
Sumo
Loito
Maldito empeño
para chegar a
cero

19.
CERO en conduta
Cero á esquerda
Unha ética
e
na tumba
a meta:
o cero
dunha elipse

20.
POR QUE AMALO?
Desapiadado carniceiro
cortando cabezas
guerra a guerra
Por que amalo?

21.
DA LOUCURA I

A dor profunda
próxima ao quebranto
do eterno desvelo

para facer terroríficas
as noites

22.
DA LOUCURA II

Agardar engruñado
a súa marcha
(as mans esposadas
entre as coxas)
Esas agullas
que me furan a pel
non se van
do cerebro

E non amañece

23.
DA LOUCURA III

A perfección obsesiva:
unha parálise numérica
(non hai logaritmo que resolva
integralmente
este delirio)
Unha milésima basta
para volver fracaso o logro
Que significa este destino?
Que acocha esta teima?

24.
QUE me colla
en silencio
soñando poemas
balbucindo imposíbeis
Que me leve
e a dor me lembre
que fun

Que me leve

25.
É así
Tal vez o perdón sexa
ao final
unha boa causa
unha máis

26.
SAÍR do labirinto
Fuxir das lembranzas
O mar o mar
Que brúe o touro

Libre

27.
BALLÓN de primavera
Entre as nubes
brilla o sol
Reflíctese nos charcos
Un baño de ledicia
Árdeme a cara
Ergo as mans

28.
          (para Marcos López en Rio de Janeiro)
O mar
Unha bicicleta veloz
percorre o peirao
O vento na cara
O sol

Seguir unha estela
Soltar as mans

© Antón Fortes Torres, 2010.





 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega