Antoloxía poética

 

 

v2vazquezpintorantoloxiapoetica.html

1.-

Eu bebín nunha cunca
o pranto margurento dos homes pequeniños.
E soubo a fel e a medo.
Tiven sede de areas, de pó, de sol e niños...
Niños de palla ou pedra.
e percorrín as arbres. Roubei os paxariños
aló nas primaveras
e ollei aquel vó sen Norde duns pais sen fillos.
E soubo a Dor e a Terra.
Despois arelei ser home, ter mozas e libros
e cartos... Soubo a cinza
aquela cunca chea de pouso e tempo e lixo...
Xa derradeiramente
bebín na tasca a dor silandeira dos feridos
e enchinme da carpanta
facéndome de folla chantada nos ouvidos.
Agora estou baleiro,
dende ises anos en que me escarallei a tiros

Do libro Gándaras. Ed. Celta, Lugo, 1971 (3º Premio no VI Encontro Cultural Minho-Galaico CONVIVIO- GUIMARAES)





2.-

El tiña un saquete
e chan aberto:
era ceibe
coma ti.
Pro no intre do camiño tivo fame
e a Terra misturouno coa semente
daqueles que un día xermolarán.





POSTER ÍNTIMO ( ás miñas tribos de Quian e de Melide)

Galicia é
Un mundo soio
Sete cans ladrando ao vento
Un croio
Un cemiterio do tempo
Un pedrón
O paricio dun meigallo
Un pranto e un espantallo
Pro a do canto non.
Galicia é
Un pé
Que tripa xeo
Un pobo ao rego
Unha gaita e un fol
Un xenio mol...
O demo bebeu no corgo
E Deus mirouno beber
¡que pracer
que desacordo!
Entón o demo carpantouse
De rías e de paisaxes.
Deus lembrouse
Dos aldraxes
E puxo no ceo unha estrela
Pra que alumase a gamela
Do pobre traballador.
E o demo dixo: "Señor,
Non alumes á Sombra,
Que a súa mau responda".
E a Terra foi un prado
Verde, pro malpocado.
E as rías
marabillas.
E a choiva
unha noiva.
E Compostela
unha estrela.
E os homes
os pronomes.

Naquela lúa de remo e de arado
Ficabas na solaina matinando
Cara ao azul e ao verde
Homildosa e triste,
                            coma sempre
Nai:


Naciche no solpor dunha marea
Atafegada de sal no hourizonte.
Eres filla do mar. Na túa fronte
Bicoute esa onda que percorre a area.

Braceira que te esgotas cara a aldea
Lembrando adeuses fixos naquel onte.
Cos teus ollos que fitan dende o monte
Xungues terra e mar, mar e terra allea.

Quen te mirou sorrir non che perdoa
O bico dos teus labres pola praia
Naquel serán de sol bocarribeira.

O tempo agarda e murcha a túa coroa
Mentres o a ar che cingue o van da saia
¡Ouh filla, cotidián e mariñeira!

Carme do toxo famelgo no monte
E os ollos cansos da vaca pequena
Ti rapaza que nunca foches nena
Bebendo sudes no fondal da fonte.

Atadeira nas ceifas dun antronte
A vida mesma amósache a condena.
Ergueita segues na arriscada pena
Ollando a Terra máis alá da ponte.

Coma un nai de fillos margurados
Estás envolta nunha saba vella
Xunguida ao carro que percorre o chan.

E vas cos teus desexos emigrados
Por unha triste e lóbrega canella
Onde fan bágoas pra amasar o pan.

Do libro Terra e pan. Ed. de autor, Pontevedra, 1975





3.-

Abride as xanelas, homes do mar,
erguede as testas unha a unha xentes da chaira,
cubride o peito de mimosas voceiros novos:
unha vela branca está chegando na mañá
coma unha noiva de terra en lenta marusía.
Axuntade as voces para berrar a un tempo noso
que nos enche as arttesasde pan e de palabras.
Espide o corpo e prantédeo coma un millo duro
nas gándaras abertas e cheas de paxaros.
Encirrade os cans escontra a sombra dos carballos
ao tempo que na fraga se escoita un aturuxo.
Unha mau aberta ben rachou coma unha saba
os muros de mil anos que habitan os biosbardos...
No outo da mariña voan ceibes as gaivotas
e a Galicia ancha ule rente ao mar coma unha moza:
Terra da Miranda e As Frieiras, Rosal e Xallas,
Bergantiños, Terra Chá, Limia, Salnés e O Deza,
O Bolo e O Courel, Valedouro e Amahía,
Terra de Montes, As Mariñas, Val de Camba...
Todas vós sodes un colo cun meniño roibo
de trigo e de centeo labrado nas devesas.
Todas vós os nomes da lareira e do traballo
percorrendo as nosas frebas coma un pé de canto.
¡¡Sálvevos, terras paridoras, a nosa sorte
con milleiros de espigas e monllos que son homes!!

Do libro O espertar tamén é noso. Ed. Do Rueiro, 1977




4.-

 

Que teran de segredo as carballeiras

Pra resistir cen anos cada outono.

Sempre foron xigantes na xanela,

Como aqueles homes do espido corpo

Que acenaban ao lonxe, sabedores

Dun pasado baril, daquel bon Xordo.

 

Pois que terán que sempre que as ollamos

Estamos a lembrar o noso pobo.

Do libro O espertar tamén é noso. Ed. Do Rueiro, 1977

 


5.-

A CASA GRANDE DO ALÉN MAR,
a outra morada do exilio, a pasantía da noite
con rexistro en Chacarita,
o esteiro, a chaira, a encosta, o berro
oculto en Tucumán...Todo leva nesta hora
a viaxe do cóndor cara aos Andes:
esa espada de América no corazón do Océano.
Quixeramos terte aquí, digo
non, partido en cen anacos nesta mesa
en comunión con nós, sentado
arredor dos cen mil ollos que te choran cara adentro
dende aquel minguante de xaneiro
/Daniel/
Prófético paxaro que mudou a aurora
en marusía do Nordés, cabo Rianxo.
/Daniel/
amador da patria en opresión de zánganos
ocultos na néboa do mar, na fraga, nas mil arterias
desta Terra que sangra viño en mutación de pranto.
/Querémoste/ Así, esquelete ou caricato,
conversador de légaos, compañeiro das rosas.
/Querémoste/ co brazo en alto
a convocar as pitonisas que sei fremosas pola banda de Ons.
Aquí nos tes como salgueiros de maio, como maré.
A vella Teucro, a vide da cepa máis frondosa,
agárdate de volta a pasear na noite.
A vir de bar en bar, golfo canda nós
de Amor á Terra, bébedo en palabras,
profundador de Cousas.

/Ven, Daniel/
de vagariño, agora tamén cara ao solsticio.

Do libro Ofidios de diario. Ed. do Cerne/minor, 1984 (Finalista das Primeiras Xustas Literarias Galegas, 1980; finalista Premio Reconquista, 1982; Eduardo Pondal, 1981)



6.-

AFIADOR DA BRÉTEMA
que vas polos camiños converxentes da saudade
cun bocado de paxaro na boca:
levítame no espacio e na mesura,
di-me da voz da aurora e do solpor, di-me do frío
da navalla no duodeno do esmiril.
Cóntame das risas, de enguedellos, maldicer

de meigas na premonición dos sapos.
Afía-me de Amor
ao quente do sol, na praza
exagonal da cidá vella,
como se fose en Cuzco ou en Venezia
a moza inquisidora do teu paso en rotativa
no cilindro dos decámetros.           

Do libro Ofidios de diario. Ed. do Cerne/Minor, 1984



7.-

O CINCEIRO

Onde haxa presente o vicio ti habitas
aí, seriote, mourecido, leve
coma un vidro. O aire pesa e non se atreve
contigo amable arder, pois resucitas

nesa ilusión da cinza que se nega
á nada coma un verso duro e caro.
O edificio teu de íntimo é-me amaro
compañeiro da noite que nos brega.

Infeliz son todo eu cando te miro
quedar sosmente cos meus soños mudos
na mañá que me obriga a saír fóra

onde na luz procuro coma un tiro
de gracia. Se así fose e dous teimudos
amigos me queimasen na desora,

descanse en ti por sempre, como agora.

Do libro Na vertical da noite. Ed. do Concello de Ourense (Premio "Cidade de Ourense", 1989)



8.-

ALBORECEU MOI TRISTE E NON É TEMPO
Para o mimo cando se queima a chuvia
E un deserto nace en cada palma.
A cidade vella non é senón na pedra.
Vougo na espelunca dos recantos
E as tabernas están cheas de orfandade:
Non hai bocas para o viño
Nin palabra con sal nin porta aberta.
A brétema pesa coma un morto
E as faiscas do mencer son andoriñas loiras.


No arasolis murado da Moureira

Un saxo canta por glenn miller

E duke ellington

Reclama un blues para a putiña nova

Que desce....garrida en Compostela.


Do libro Na vertical da noite. Ed. do Concello de Ourense, 1989



9.-

E velaí que chegan á casa da tribo os restos
de homes supetamente
tristes desde a selva que habitaron no singular espacio
que vai de sol a sol
entre ameneiros febles que sorrín á noite porque a noite
aniña e nunca mata.
Velaí que chegan os albardeiros coa pregunta nos labios,
teimudos, confidentes
alén da porta e reclaman para si como un dereito
aos homes da palabra:
aqueles que teñen a sombra no corazón mancado.


Do libro No corazón mancado. Ed. Colección Esquío de Poesía, Ferrol, 1990 (Premio Esquío, 1989)

 


10.-

LINGUA:
Ámo-te así, na boca, como se ama

Á moza no limiar do coito, porque
Sabes á esencia e patrimonio, porque
Es nosa e miña a un tempo cando vou
Na soedade do xardín e teño
Espacio para estar, contra o designio,
Nese cáliz da rosa permanente
Que ti es, desde o máis antigo sol
Que chama na mañá polos insectos.


Do libro No corazón mancado. Ed. Colección Esquío de Poesía, Ferrol, 1990 (Premio Esquío, 1989)



 

11.-

-Ao pintor de Cangas Antón Nores, in memoriam

 

Como Dalí se viste
No surreal e rouba o soño de Paul Èluard

Nesa hora atenta, Antonio,
O noso pintor axexa o imperfecto no solpor
E anuncia o fraude espido
No baño onde a íntima macieza por onde Gala
Comprime e repulsa o inútil
É o segredo para o cuarto dos monecos, apenas
Submetidos nunha danza, insectos transmudados
Que agardan o pracer

De seren testemuñas na primeira vez oculta

Entre o moucho e a muller

Que na espiral provoca o éxtase e un labio profana.

Do libro No corazón mancado. Ed. Colección Esquío de Poesía, Ferrol, 1990 (Premio Esquío, 1989)




12.-

...houbo un tempo de miserable silencio
que adoraba as espadas:
nel nacín e foi tanto en serio o paso da infancia
que non souben do amor máis cá do instinto.
E nesto ameite na ausencia, lexitimando os espacios
ocultos, os lugares secos que espantan as raposas.
Era de día e de noite cando vareaba o corpo
contra a mística para non ser testemuña do meu sexo,
dos primeiros centímetros
que medraban na marabillosa distancia da mau
coma un prodixio de ave.
Daquela pechei os ollos e navegamos acaso
tantas noites de consumo que mareleei da febre
e a pouco vou cos tísicos
na fervenza dos desaucios: limpo o corazón e a morte
incauta e prematura.
Pero dei en regresar para que hoxe poidas á fin
facerma e que cha faga
A VIAXE INTEMPORAL QUE SUMA VIDA

Do libro Rotación violeta. Ed. Espiral Maior/Poesía, 1996





13.-

Que serán das tullas que o escribán dicía en letra
de ornato maior, tinta levada en pruma de ave

Que será da artesa onde medraba o pan e os ollos
do rapaz nas maus morenas da muller da casa

Que será do xergón de carocha, cantador
das noites de resolio cando os brazos abertos

Que será da pedra da lareira cando ardeu
a fragancia e todos deron costas á luz viva

Que será de nosoutros sen nome, cifra e código
de barras, lote de músculo que hoxe caduca

enteiro e firme sen furia nin resposta ¿Qué?

Do libro Banzados. Ed. Espiral Maior/Poesía , 2001 (Premio Uxío Novoneyra, 2000)





14.-

Aquí aínda hai homes que desvisten as sobreiras
e esfolan as maus no corredor de moitas noites
que non cesan de cadrar a mentira e a espera

Aquí aínda hai mulleres que zurcen todo o río
antigo da consolación e aman a esperanza
cos andares fermosos da mañá de xaneiro

toda friaxe e nova luz que conta as horas antes
sen despois posible á reflexión por tanta perda

Do libro Banzados. Ed. Espiral Maior/Poesía, 2001 (Premio Uxío Novoneyra, 2000)





15.-

Veñen os arroaces fermoseando a ría,
señores do alemparte tan amigos do xogo
que a navegación con eles é unha maruxe
no oficio do soño que debeu presidir o alto
océano nas horas do designio e as ventadas.

Aínda chegan onda nós vestidos de azul lamia
a sobornar as lindes dos climas e as ausencias
na benvida aos ollos do home mar que nunca dorme
sono profundo a pé de nave: vellos os dous
na mornura da borraxa e o gasto do cigarro

Que desfuma o chapapote do pulmón a arder.

Do libro Banzados. Ed. Espiral Maior/Poesía, 2001 (Premio Uxío Novoneyra, 2000)

 

16.-

Nesta nosa angueira de lecturas coma fames
Proxéctanse os vicios da discordia en cirimonia
Adolescente de atar a noite coas metáforas
E dicimos alba, luz, mencer...antes que a roda
Ilumine o testeiro das curotas do leste

E a escrita é así un labio doce de mel e abella
Secundaria que alimenta os trobos do señor
De alúmina e cinc, ese arquitecto do consumo
A proclamar decencia nas feiras da palabra
Por onde hai un neno cego e mineral, de xabre

Reclamando versos para a memoria de nós

Do libro Banzados. Ed. Espiral Maior/Poesía, 2001 (Premio Uxío Novoneyra, 2000)

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega