Apresentación

 

(Texto íntegro)

 

v2loisdieguezapresentacion.html

     A globalización guiada por un poder económico representativo das xentes populares do mundo seria, pode ser, "outra cousa", como diria o poeta Novoneyra. Onde as línguas e as culturas diversas tivesen unha ampla páxina a encher e intercambiar cada dia. Onde a nosa educación fose sensíbel aos modos diferentes de ver a vida. Onde cada nación acadase a sua voz libre e o poder solidário. Outra seria a literatura, quizá. Porque a literatura necesita da liberdade para respirar, como o ser, para se desenvolver a si própria sen pexas nen complexos.
     O primeiro problema da nosa literatura está no idioma de noso, ainda a sofrer persecución, a non gozar dos usos negados. Os leitores e leitoras dunha nación son os personaxes que lle dan vida. Sen eles, a criación literária non pode coller os folgos vitais, como un corazón non pode latexar sen sangue. Enredados como estamos na pequena praza por sobresair, apenas nos decatamos de que ainda a palabra, aqui, non ten papel para se fixar. Non pode un escultor traballar sen o cicel. Será, pois, a sua primeira acción conseguí-lo. E iso, hoxe, esquece-se arreo.
     O segundo problema pode-se chamar escenário. Se o escenário está controlado, só haberá representación cando o controlador o permita. E o escritor, a escritora, non pode criar a sua obra co guión prestado ou co apontador agachado baixo a sua mesa.
     Para entrar nese xa longo camiño da criación galega habemos ter presente o antes indicado. E logo, xulgar, falar, debater. E ler. Ler moito, tarefa, por certo, complicada. Loitamos, neste intre da nosa história -si ou non? - por sermos nós e deixar clara a existéncia dunha literatura diferente, galega, que non necesita ser apadriñada por outra. O Estado e a Nación non son a mesma cousa. Poden cadrar, ou non. No noso caso non cadran. Mais si é certa esta existenza que agranda o mundo e o fai máis rico. Non se poderia entender o noso contorno sen a sua presenza. Abourá-la, nenguneá-la aseguran a sua exterminación.
     Andamos neste camiño, queridísimos e queridísimas, navegantes doutros ceos con tantas nubes brancas. Se os novos suportes, as pantallas, significasen máis liberdade, menor control polos monstros sociais que nos governan, por aqui teríamos tamén outra xanela para abrir ao azul. Utilizamo-la con agrado. Pensamos, contamos e escrebemos dentro do corpo das nosas xentes, pois son elas personaxes de interese, personaxes diferentes. Pode haber unha páxina mellor para mostrar-vos que aquela que entre no voso corazón e o faga reaxir co sorriso ou coa carraxe? Mostrar-nos en carne viva, nós, os galegos, as galegas, para encher histórias que nunca acabarán, que nunca acabarán mentres haxa alguén que colla unha pluma e a molle na tinta como se fose o seu próprio sangue, pois escreber é viver con ansiedade para compartir tantas cousas absorbidas nesa enigmática e pequena caixa do noso cerebro. Nesa caixa que non pode funcionar sen o médio onde artellou a sua engranaxe. Non estamos no ar. Sempre servimos a alguén. Tamén o escritor ao exercer o seu ofício. E o leitor, ti.

LOIS DIÉGUEZ
Outubro do 2000

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega