Aperta de Brunilda

 

Texto íntegro.

 

v2bieitoiglesiasbrunilda.html
APERTA DE BRUNILDA

Regañou o teu beixo en agosto resésigo,
na sesta velosa de pexegos,
cando subía ás árbores con desexo prénsil
e remedaba acenos do mato aganado.

Tronzado pola aperta de Brunilda
(nome de catástrofe, de virus vendaval,
dama de copas de baralla wagneriana,
valquiria en negra hora beixada por Sigfrido,
bela adormecida de labio letal)
agrandaba as maos no abalo das pólas
e aferraba os barrotes da infancia enxaulada.

Estas maos desmedidas que che escoan o van
e viaxan entre as pencas con cisma contable,
a que desquicia ó trasno se vira a tega,
cando computa nabiña e se impacienta.

Gadoupas desmañadas que envexan a fineza,
o delicado tacto dos anxos.
Os dedos culleres de prata que pintou Leonardo
avergoñan a pouta mesteiral de rillados sabugos
-medialúas torturadas, esgarros na bóveda da noite-
e encrespan o Mar da Tranquilidade.

Ameite polo tempo dos figos e moito antes,
nos ollos dos ciganos caxougueiros do río,
nas pernas xenuflexas das damas orantes
                              na igrexa das Caldas,
consagradas ó culto da cuncha,
da venera que vertía auga lustral
no rego trazado polo peite de mamá.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega