A pombiña de Deus

 

(Texto íntegro)

 

v2doravazquezpombiñadedeus.html

 

I

     Ela era unha pombiña branca, moi branca. Branca coma neve. Tan branquiña da pluma coma de alma. Entre a súa plumaxe non se vía ningunha sinal de outra cor.
     Era unha pomba de brancura ideal. De brancura perfecta, sen mancha no corpo nin na alma. Unha "pomba de Deus", como lle chamaba súa nai, que tiña a plumaxe toda pintada de cores.
     A súa nai vira como a pombiña ía medrando, cobríndose de branco, embelecéndose ata ser admirada polas outras pombas que con ela no mesmo niño se criaban. Mais logo, as aves irmás, de plumas coloradas coma a pomba nai, comezaron a mirala con envexa da súa beleza.
     Todo foi porque ningunha delas era branquiña coma ela. Branquiña de todo, coma ela. E todas as do niño querían ser tan brancas coma ela, a pomba que a súa nai chamaba "Pombiña de Deus", por iso, porque era toda branca, boa, e bonita. E xa lles estorbaba no niño; dábanlle picadas co bico no peito, facéndoa alonxarse delas e irse para onde a nai. E onda ela, a pomba choraba, baixiño...
     A pomba nai deuse conta dos malos sentimentos que as crias ían mostrando contra a pombiña branca. E un día díxolles, antes de que se foran do niño:
     - Non sexades ruins ca pombiña branca. Ela non se mete con vós. Aguanta as vosas picadas sen queixarse nin defenderse, porque é de bo corazón e non quere guerra. É unha pomba de Deus, e tédeslle envexa. Sede boas con ela, tratádea ben, con cariño, andai...
     Mais as outras pombiñas, canto máis abondosa en pluma e brancura a vían medrar, máis envexa sentían cara ela. Ata que unha noite, notou as picadas no corpo tan fortes, que a arrempuxaron fora do niño onde durmía.
     Quedou suspendida no aire da noite, e de súpeto as súas ás emprumadas e brancas, fixeron forza e abríronse, alzáronse, e encontrouse con que podía voar e fuxir.
     E fuxiu ata unha árbore no escuro da noite, no que nunha pola estaba unha curuxa. Ó ver aquela ave branqueando, ceibou un berro longo que espaventou á pombiña de Deus, e a fixo dar volta e sair voando de onda ela. Voou de seguido ata cansar as ás, e pousouse na herba do monte nunha matugada chea de fentos. Entre as plantas se acobillou, chorou, e despois durmiu por primeiriña vez fora do niño do seu fogar, lonxe da súa nai e das outras pombas da cría.



II

     Cando espertou, recordou á súa nai e ás compañeiras ó encontrarse soa. Non sabía onde quedara o seu niño, porque nunca del saíra ata que as pombas a botaran. Descoñecía onde estaba, e non coñecía tampouco ás outras aviñas miudas, que pasaban voando por enriba dela atravesando o ceo azul, dorado polo sol da mañá, enchendo o ambiente de chilros e ledicia.
     A pombiña de Deus chorou, lembrando á súa nai; o cariño con que lle chamaba "miña pombiña de Deus". Sabía que a nomeaba asi, porque coñecía que o seu corazón era pacífico, amigo da solidariedade e a boa convivencia. Por iso enxamais quixera pelexarse cas irmás do niño. Sen dúbeda que a nai a comprendía e por iso a amaba. E decidiu que sería sempre asi, como lle gostaba a ela, á súa nai.
     Pensaba que sendo desa maneira, amando a paz e a orde, e despreciando a violencia, tódolos seres da terra quererían ser amigos dela: as aves, os animais, os seres humanos tamén, ata os insectos e os reptís. Que verían nela unha ave branquiña de pluma e de alma, e lle chamarían, como a súa nai lle puxera, "pombiña de Deus".
     Entón, a pombiña branca de corpo e de alma, deixou de chorar. Pensou que tiña que vivir para servir de bon exemplo ós seres do mundo. Ser mensaxeira entre eles, para que nunca se picoaran, como fixeran con ela. Quería ser para todos coma un símbolo de irmandade feliz. Que todos a coñeceran co nome que lle adicara súa nai, "Pombiña de Deus", e que ela interpretaba como "Pombiña da Paz".
     Xa consolada co iste propósito, a pombiña branca de pluma e de alma, dispúxose para erguer as ás de entre aquela fenteira, e atopouse voando, decidida, e dichosa, a cruzar baixo o azul do ceo daquela mañá radiosa de sol.
     Ía cara unha viaxe que a levaría non sabía para onde, pero si a coñecer mundo, terras e homes, que a coñeceran tamén a ela, tal como ela desexaba. Como Pombiña da Paz e Pombiña de Deus.



III

     A pomba da Paz e de Deus viaxaba de día e durmía de noite onde atopaba acocho seguro. Cruzaba os aires observando as nubes do ceo, os bicos lonxanos das cumes montesías, ás veces brancas coma a súa pluma, mirando as terras sementadas, ou as colleitas que os seitores e labregos recollían, onde ela se detiña para repousar e se manter.
     E vía as cidades cos seus homes, mulleres e nenos, e razonaba que a vida era o traballo, o progreso, o adianto, cando existía nela a paz, e que todo se ía alcanzando ca súa fórmula de gobernala ca benquerencia e a solidariedade de uns para os outros; ca razón, e o entusiasmo por facelo todo ben en amor e compañía.
     Neses lugares onde vía tranquilidade e traballo non se detiña moito. Durmía na ponla dunha árbore do parque ou do xardín, e seguía camiño aire adiante á saida do sol cara outros lugares onde cría podería ser útil a súa presencia.
     E asi se foi facendo a pombiña da Paz e de Deus unha ave emigrante, chegando ata terras lonxanas dos cinco continentes. Os seres humanos eran os que máis cautivaban a súa atención, pois parecíanlle superiores ás demais especies que na terra ela vía.
     Cando se pousaba para o descanso ou a mantenza, escoitaba as súas conversas. Ó comenzo, non entendía as palabras dos idiomas que nos paises que visitaba se falaban. Pero, pouco a pouco, chegou a comprender canto lles ocorría polo que falaban, asi como o seu estado de ánimo segundo se expresaban.
     Un día, na súa viaxe como observadora curiosa, chegou ata un pobo dun continente lonxano, no que os seus poboadores falaban de que estalara a guerra entre eles e os moradores de outro pobo. A pombiña branca fixouse que tiñan acampamentos cheiños de armamento de toda clase, dende avións de combate ata ametralladoras, cañóns, carros de armas blindados, fusis, grandadas, bombas atómicas...
     Toda unha serie de armas para entre eles matarse e morrer, botándose a culpa uns a os outros do seu conflicto, pero sen facer nada por chamar pola pomba da paz. Entón presentouse un xeral estranxeiro para intervir entre eles. Cos seus rexementos e armas impúxose, e logo a forza de razoamentos, conseguiu a fin que aqueles pobos loitantes alcanzaran a paz e viviran máis felices.
     E a pombiña de Deus e da Paz, quedou ceibe para voar e coñecer outras terras. E tamén outros homes e costumes.



IV

     Soubo entón a pombiña da pluma branca, que na xeografía da terra que ía coñecendo, existían moitos problemas. Multitude de problemas, uns de orixe tribal, outros ambicioso, ou económico, ou guerreiro. Conflictos nos que a pomba quixera poder mediar, para que os homes puideran morar, e vivir, e morrer cando fose a súa hora, entre sorrisos de paz.
     Asistiu a conflictos polas latitudes do lonxe, onde as nacións tiveran que enviar tropas a distintos pobos, para acudir con auxilio humanitario a unhas poboacións en guerra. A pombiña da paz voaba por enriba das tropas entre os estoupidos dos bombardeos. Facíase ver dos combatentes; quería que souberan que ela estaba ali con eles; que era amiga de todos eles; que desexaba que viviran en paz cas súas familias e cas dos pobos rivais; que traballaran nas terras e nas fábricas para daren paso ó progreso, ó amor e á convivencia: a civilización.
     Pero a ela non a vían. Nengún combatente quería vela, cheo de xenreira e odio como estaba. E a pomba da pluma branca cansouse de pasar e revoar, e un día, chorando de pena, deixounos ca súa terquedade, ca súa inquina racial, co seu non querer a convivencia e boa irmandade entre os pobos enfrontados.
     E foise directa a onde a levaron as ás; unhas cidades querian independencia, e tamén loitaban pola soberanía, sen decidirse dunha vez pola chamada da paz.
     A pombiña andivo un tempo indo de uns para outros, mostrándoselle, locindo a súa pluma branquiña e pura. Algúns combatentes vírona, contemplárona, pero non quixeron collela para tela con eles e gozar da súa presencia. E seguían porfiando, paz si, paz non, ata que ela, chorando de pena, os deixou ca súa teima e a incomprensión.
     Encamiñou o voo cara outro continente. Detívose nun país onde temían unha ofensiva dun pobo e estaban suxetos a continua vixilancia como a pomba puido comprender. Voou sobre duns e dos outros guerreiros ensinando a súa pluma branca, para que se fixaran na visión da súa imaxe limpa e pura, como sino da paz.
     Facíase ver dos bandos, pero sin resultado favorable. Nin de amor para ela, nin de paz para os bandos que se vixiaban e atacaban, cando uns, cando outros. E deste xeito, a pombiña de Deus e da Paz, tivo que deixalos tamén cos seus problemas conflictivos, buscando terras onde houbera homes que souberan vivir sin pelexarse, ¡vivir en paz!
     A seguinte viaxe levouna cara Europa, a un país onde parecían querer voltar problemas raciais. Viu como familias e familias fuxían dali en busca de outra terra e fogar, da paz que ali tiñan por perdida. A pomba deixábase ver delas. Os nenos e as mulleres chamábana, ¡Ven, pombiña, ven!... Todos se detiñan a contemplar as súas evolucións, pero logo seguían a camiñar, fuxindo de présa antes de que os viran marchar á busca da liberdade, da vida, da paz...
     E de novo, chorando bágullas de dor e amargura, a pombiña de Deus e da Paz voou cara outros lugares, levada polo vento da súa tristura... Para ir a dar á terra dos desertos. Tamén nos pobos das areas brancas había loitas e tampouco querían vela, sentir a súa mensaxe. E noutros puntos onde foi encontrouse con atentados, asasinatos a sangue fría, secuestros. E pensou nos grandes problemas da Humanidade, que nun lugar ou noutro, nunha ou noutra rexión, nun pais ou noutro, existían conflictos de falta de paz, terras onde non a coñecían a ela, ou non querían ter tratos para solucionalos co medio da palabra, da razón e da boa vontade.
     Iso era o que vía a pombiña da pluma branca, no seu recorrido pola xeografía da Terra en moitas das súas partes. Partes que ela visitara para mostrar ós homes, as xentes de toda raza e cor, a súa imaxe de ave mansa e pacífica, de nívea brancura de alma e de corpo, para invitalas a vivir no sosego da paz venturosa e milagreira, e nela residir polo eterno dos tempos da Humanidade. Ela pedía que non houbera no mundo máis guerras, armamentos, violencias, mortes que non fosen naturais. Esa era a súa mensaxe, para a paz e a felicidade dos pobos e as súas xentiñas.



V

     Tal foi o resultado da viaxe que fixo a Pombiña de Deus e da Paz polo planeta Terra, buscando acomodo entre toda xente de raza e cor, vida e costumes, encontrando que eran raras as partes xeográficas dos continentes onde non coñeceran a guerra e a súa batalla algunha vez na súa historia, xa se tratara de poboados pequenos, grandes rexións, ou nacións extensas.
     Ela soubo dos armamentos inventados polos homes para combatirse, defenderse, ou matarse, ata chegar o descubrimento da bomba nuclear, que xa fora empregada con espantosos resultados para a vida das xentes e da terra. Ela vira tamén que tódalas nacións, máis ou menos poderosas, estaban preparadas con exércitos de aire, terra e mar, para atacar ou defenderse de nemigos, cando os gobernos ordenaban.
     E a pomba da pluma branca matinaba que era triste que se prepararan máis para a guerra que para brindar a paz ós pobos, ás xentes, ós xoves, ós nenos. Que non se fixaran na brancura do seu corpo e da súa alma, na soavidade das súas ás, na dozura do seu arrolo, preferindo mellor os estrondos da pólvora, os carros de combate, a potencia das granadas, o rumor terrible da fusilería, a hecatombe nacional ou mundial. Todo o máis horrible da existencia, á brandura da vida nos finos entramados e belidos da paz universal.
     Da paz que ela, "pombiña mensaxeira da branca pruma", que cantara o vate ourensán Curros Enríquez, quixera ser tamén feliz mensaxeira entre os homes e as razas do mundo sin poder conseguilo. Ela fora a mostrárselle, e eles non quixeran coñecela, nin verlle a pluma branca do corpo e da alma, nin as súas bágoas sentidas polo seu desprecio e a súa ignorancia.
     Ela viñera a eles. E eles... ¡non a coñeceron! ¿Coñeceránme algunha vez?, pensaba a pombiña. ¿Deixaránme pasar de longo sen chamarme, bicarme, agarimarme, coidarme, pola cume dos tempos...?
     E pensou que era mellor morrer, que quería morrer. Que estivera nas terras das feras, das estepas e dos volcáns, dos desertos e os xeos. E en todas partes vira que non a querían, que sobraba onda eles. Entón prefería morrer. Pero axiña reaccionou. Se ela morría, morrería con ela a esperanza dun tempo mellor. Un tempo, que cecais chegaría algún día, en que tódolos homes do mundo se amasen, axudasen, conviviran en paz e amistade os uns cos outros, polos séculos dos séculos futuros.



VI

     Aquela visión que tivo, tan fermosa para os tempos vindoiros, pareceulle tan bela tamén a pombiña da pluma e alma branca, que comezou a sorrir pracenteiramente. E deuse volta sorrindo, emprendendo voo cara as súas orixes do pombal das terras de Galicia, onde nacera branquiña e perfecta.
     Agora quería, despois de coñecer o mundo e ós homes, vivir libre nunha terra en paz cas súas conxéneres pombas e torcaces, cos xílgaros e as andoriñas, os merlos e as cotovías. Con todas as aves chilrantes e garruleiras, xogando pola planura verde da terra e voando pola azul do ceo.
     Porque presentía que tras dela virían outras pombas branquiñas coma ela, e coma ela pombas de Deus e da Paz, a seguir ca mensaxe que ela levara sen que polo de agora puidera ser coñecida en tódolos pobos habitados. Ela cria que algún día, cecais xa non tan lonxano, os homes culpables das guerras e os conflictos, mirarían con amor á pombiña da branca pluma e branco corazón. Colleríana nos seus brazos arelantes de paz, bicaríana, escoitaríana...
     Entón, a súa mensaxe sería coñecida polos homes de boa vontade e por toda a Humanidade. E istes felices pensamentos encheron á pombiña de tal ledicia que, repousando xunto dunha oliveira do monte, lanzouse a ela coma unha frecha para arrincarlle unha poliña con follas. Sostúvoa no bico, e danzou asi con ela nas ás do ventiño galego.
     Ela non vira como un rapazote xa ben mociño, tiña naquel intre en que a estaba observando, unha máquina de facer fotos na man. Viu á pomba cerquiña, voando xubilosa por enriba del ca póla da oliveira no bico, e sen máis sacoulle unha foto. A pombiña de Deus e da Paz non se enterara de nada, e desaparecera voando, voando... Xogando co sol e co vento.
     Cando o mozote revelou o carrete da máquina, e viu a foto da pomba ca folla da oliveira no bico, gustoulle tanto aquela imaxe, que lle chamou "Símbolo da Paz". Fixo unha enorme multipricación de copias, que se foron estendendo mundo adiante, daquela foto da pombiña branca ca póla da oliva no bico.
     Asi quedou sinalada por sempre aquela doce pombiña de branca pluma, como mensaxeira simbólica do gran ben da Paz e do amor entre os pobos todos da terra, e coma pomba de Deus que tamén era.
     E asi, a coñecemos hoxe. Co nome de "Pomba da Paz", representando o seu símbolo por unha poma, branquiña de corpo e de alma, cas ás abertas e as folliñas da oliveira no bico prendidas, voando ó redor do Mundo, da Terra e dos Tempos.



VII


     E asi a coñeceron tamén os rapaciños da escola. Porque a ven pintada nos libros, nos de contos e os de estudios, cando falan nas leccións da mensaxeira da Paz e as ilustran ca figura branca da Pombiña de Deus. E os nenos ámana, fixanse nas ás estendidas e na póla da oliveira que leva no bico, e pensan: "¡Que bonitiña é...! ¡Qué bonita!..."
     E len o conto que fala dela, e entéranse de que as irmás a botaron do niño porque lle tiñan envexa. E os nenos din: "¡Qué malas eran...! ¡Qué malas!..."
     E saben, porque o libro o conta, dos esforzos da pombiña para que os guerreiros en loita se fixaran nela e deixaran de matarse uns a outros. Porque ela era a Mensaxeira da Paz, e quería que a viran, e que pensaran nela e seguiran a súa mensaxe de paz e amor.
     Porque ca paz non hai liortas, nin entre os homes nin entre os nenos e os rapaces maiores. Só hai o respeto duns para os outros, o ben tratarse, a boa convivencia e a solidariedade, o axudarse mutuamente.
     Á Pombiña da Paz non lle gusta a guerra, nin as pelexas nas rúas, nin as gamberradas que chaman violencias. Ela é amiga da orde, da limpeza, do ben falar, do estudio, do traballo, da paz e do amor. De tantas virtudes que fan do neno, e despois do home cando o neno medra, un ser educado, culto, xeneroso, ordenado e traballador. Un home cabal, que ama a paz, e por conseguila se sacrifica, opina, fala, perdoa, loita, esmérase...
     Pero "loita" ca palabra soamente. E co exemplo de home de ben, firme na paz e no amor ó próximo, á boa convivencia; á veneración desa pomba que nos libros se manifesta, voando heroica duns pobos a outros do mundo, para que a vexan os seus homes e deteñan as armas, si están con elas na man; e a chamen e agarimen, e a teñan entre eles nun cadro ben á vista para que enxamais a olviden. Para que aprendan a ser coma ela, de alma branquiña e branco corazón, con pólas de oliveira no obrar; facendo o ben ata o sacrificio polos seus conxéneres, os seus irmáns; predicando co seu exemplo de boas persoas, amantes da Pombiña de Deus e da Paz.
     Ista historia desta pombiña branca de corpo e de alma, foi escrita con ise obxeto: Que todo o mundo, e tamén os nenos e nenas, saiban como sofriu co que viu no seu percorrido polos continentes, e que todos cheguen a coñecela e admirala polo seu esforzo en deixarse ver, en ensinarlles a súa mensaxe da paz, a harmonía, a felicidade. ¡O amor á Paz Universal!


Outono 2001

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega