Apresados sen presa

 

Escolma

 

v2luisavillaltaapresados.html


           A man, esta man que te procura
debuxa o lento amañecer sobre o teu corpo,
a mesma man que onte á noite un a un
baixou os doces degraus da tua camisa,
descorreu a cortina do artifício,
puxo o tempo a brillar na tua pel
e no teu sexo, agora tan sereo.
A man, esta man, conten-no todo,
o balcón do teu dormir sobre o meu leito,
o teu soño de onte e de desexo
e a selva de mañá, a incógnita, a cegueira.
Ela fabrica o teu molde desde o saúdo
con que te vin perto de min por vez primeira,
co tacto doutros corpos e os seus buques
de adeuses, guerras, leviandades
xoguetes rotos de risas desafiadas
De ti recebe o gozo de mover-se, esta man,
artesá da matéria dunha vida
e tamén do vacio impreso en lume
con que te volverá a formar despois, no frio.


Estou como escrita, amor, no fundo dos versos fluídos
que afastados nacen nos astros para chegar a ti, ao sangue,
a saliva, o seme, para brotar nas horas en que non nos vemos,
e facer espiñas baixo as rosas ainda non nacidas.
Dor, amor, dor de ti, do que xa se dixo, do que todos
os humanos damos en ser cando non somos nada
cando o riso se enguedella no fundo do ventre
e quere anoar-se, temperán, á soga da mandrágora.
Que estás e non estás, esa cualidade divina de existires
está escrita en min que estou escrita no pasado, en versos
de recoñecimento, de traxédia feita carne, ditirambo, coro,
convocando-te para poder sobreviver ao destino de non ver-te.


Abrir a boca en ti, onde as estrelas
configuran a constelación dos nosos nomes,
abrandar a vontade que nos puxa
implacabelmente para os extremos opostos
con esa forza de non sermos nen eu ti nen ti eu,
cortar a fita para inaugurar o tempo
no que nos miramos o ollo no ollo multiplicado
como o rio aquel, o suor, o beixo continuado
balizado por latexos que se escapan,
e palabras atadas que nos fican dentro,
para fabricar o xesto de buscar-nos
por debaixo das sombras e os vestidos.
Abrir a boca á escuridade para encontrar o dia.


Para amar-nos fuximos, amor, do amor
inventado por autores de óperas e comédias,
nun libreto anónimo improvisado
no que xa figuran os diálogos que nós sabemos
porque os escrebemos no tempo silencioso da invernia
cando o verme preparaba a sua forma borboleta ou a flor
era seme ainda na mandrágora, ou o rio nube
ou a nube alento abrasado no deserto.
Furtamos os ollos do público, como eva a sua mazá,
para mordé-los ao noso pracer, sen esperar aplauso.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega