Arroz á cantonesa

 

 

v2elvirariveiroarrozácantonesa.html


"Os maiores praceres deste mundo son os da lectura e os da carne"
The Pillow Book. Peter Greenaway



     Había ocasións en que nin lembraba de que xeito chegara a min Wei. Eran aquelas nas que a tardiña se demoraba entre poemas esparexidos polo piso e copas dun saboroso mencía que eu mesma fora buscar á casa duns labregos de Sober, ao pé das escarpadas encostas da sacra ribeira do Sil.
     Wei viñera da China como un deleitoso presente remoto e inesperado. Un día abrinlle a porta e decidiu, para a miña ventura, permanecer entre as catro paredes que mal me amparaban do (in)mundo. Todo o noso tempo compartido dedicabámolo a honrar os gozos máis suculentos. A nosa cama era un chan estrado de sabas, pezas de roupa en anarquía, alfombras, almofadas... e alí recitabamos en singular desafío: se eu traía á boca os versos de Afonso Eanes do Coton , Fernando Esquio ou Pero da Ponte, el veña a cativarme con Wang Wei, Li Po ou Su Shih; se eu respondía coas "Posturas pra copular en homenaxe" de Ferrín, el agasallábame con Shu Ting... e así decorrían as horas e os versos regados a cada pouco por aquel caldo morno e afroitado nacido nas terras de Lemos.
     Ás veces ficabamos tan ebrios de viño e poesía que Wei se erguía para ofrecerme máis dos seus gostosos praceres —non me fose eu restrinxir a aquelas dúas delicias—. Entón fechábase na cociña e saía ao pouco envolto no arrecendo dun apetitoso arroz á cantonesa que eu servía para min na donda curvatura do seu lombo cóncavo. Daquela, mentres eu me afanaba cos dedos e coa lingua no arroz e nas súas costas, a Wei dáballe por deitar tinta sobre as sabas e escribir con mestría caligráfica os versos que outrora agromaran dos seus labios. E Li Bai desfilaba en estrofas debuxadas con arte milenaria e maxistral ante as miñas pupilas ávidas de lírica e de cereal: "os sensatos, os austeros fican sos e esquecidos... bebe...". E eu comía.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega