Arraianos

 

Escolma. Meias azuis

 

v1ferrinarraianosmediasazuis.html

                                                                                                    A Flores Carballa e Paco Taboada


     Levabamos os cabalos co paso de andadura. El, o criado de Xixín, sabía o sitio. Era unha choupana triste, co solpor dándolle pola parte de tras. Posta a casa no meo dos piñeiros, semellaba un animal derrubado. No cumio, brillaba unha aiga de folla de lata. Relocía a aiga e, de lonxe, viña o fragor do Arnoia escachándose en caneiros e cenzas indecisas. Ningún can latía. O camiño que nos trouxera pasaba arrentes da casopa. Era feito de pedras grandes e antigas, aquel camiño. Pouco antes de chegarmos, o camiño demorárase nun relanzo no que as pedras amosaban carrís labrados por eternidás de carro, e calcamos unha ponte altísima na que os nosos cabalos facían soar ecoares secos, toscos, estreitos, de mil anos.
     Nada -dixera días antes o criado de Xixín. Nada, que temos que ir ás mozas a onde eu sei. Que son dúas irmás, teño eu ouvido falar. Que son boas mozas, e roxas do pelo. Brancas, brancas -dicía o criado de Xixín e ao prenuncia-la verba brancas abría a boca con veza e gula, e locíalle no dentro un cuspe pecadento, coma escuma de mar.
     O criado de Xixín era arloteiro. Puxera axóuxeres na canela do poldro que lle confiara o amo. Convenceume, e fomos.
     Entón locía un sol derradeiro, de setembro. Lateral e displicente, aquel soliño aloumiñaba a casopa e facíaa amigábel. E así chegamos, o criado de Sixín e mais eu, e puxemos pé a terra enleando el o ronzal e eu as rédeas nas ponlas baixas dun piñeiro. Lembro que os cabalos, que eran amigos como eramos o criado de Xixín e mais eu, deron en se cofear testa contra testa.
     O caso é que teñen sona de meigas -dixérame o día antes o criado de Xixín.
     E eran orfas. E vivían soas, aquelas mozas ás que nós iamos, por Tras da Chaira. Habitaban unha terra irta, montesa, fría, na que corría o corzo e se movían arrebaños de pericas, coma nubes soltas. Terra fría non dá pan. Por unha corga embaixo, cruzada polo carreiro mallado do lobo, caía o camiño pedrado en prácidos relanzos. Logo estaban as casas da aldea. Por fin, nunha tomada de piñeiros do país, figuraba a casa delas, soa. Seica eran algo meigas.
     Entramos polo eixido, o criado de Xixín e mais eu, facendo soar cada un súa espora, que levabamos firme, atada contra o leggin e a bota. Tamén facía tilín a onza de oura da miña leontina, galano recente do papai -que me empurraba así a ilo sustituíndo nos negocios de empréstimo e contrabando de vacas piscas.
     Mozas eiquí, mozas eiquí -berraba o criado de Xixín, e eu ría a cachón e veña de petar cos cotovelos na porta verde. Veu un silenzo, e coido que chiou a aiga do tellado. Logo, deseguida, houbo risos dentro, que era todo negro xa, na tardiña. Risos de raparigas frescas, como nos eramos mozos curros, e acendéronse un, logo dous guizos, e chantáronse nas paredes de cachote. E o lume da lareira foi aumentado. Pasen, pasen -dixeron as gorxas lindas. Senten, senten- insistían elas. E aínda veu unha e prendeu un candil de carburo e púxoo derriba da artesa.
     A luz azul dominou aquela cociña de teito, trabes e muros negros coma o alcatrán. Vémolas loiras, lavadas, claras, co pelo tirante e as trenzas sobre o peito. Os panos foran retirados e cobríanlles a penas o pescozo, deixando libres as testas, ambas coma cascos de ouro.
     Estaban proparadas, cos avantais e as camisas limpas. Coma se estivesen agardando por nós. E iso que non era o día de mocear. Se chega ser quinta feira (riu unha) habían ver Vustés a maravilla de mozos á espera, no mazadoiro da aira, para teren parrafeo connosco. Non nos atuaban, se cadra por gastarmos espora os dous visitantes, e, eu, leontina de ouro no chileque. Pro, engorde engordiño, foron elas ceibándose francas ao tu por tu.
     Habían de ser xémeas dun parto. Nun intre, certa sombra silente apousou nun dos escanos de onda a lareira. Gache, gache -axotaron elas. E o gato negro lanzounos unha ollada de ouro vello antes de dar un pincho e fuxir polas fonduras do fregadeiro de pedra. Dicía o criado de Xixín seren elas meigas. Cáseque se non distinguían, fóra que unha delas tiña unha mancha marrón no ollo esquerdo. O gato puxéranos frío nas res.
     E así foi pasando notiña e parte da noite. Nolos catro ás apalpadelas. Cada parexiña nun escano, notando o lume que nos queimaba as partes de baixo. Eran dadas e a cara arrecendíalle a fiúnchos e tomelos, caras de rosa rica. E riabamos coma meniños. Olla que boas mozas non foramos ir topar aló naquel confín de alén do Arnoia, de Tras da Chaira. Case adormeceramos, cando rinchan fóra os cabalos e elas dixeron, de socato moi serias, que nunha légua en rodopío da casa non entraba lobo nin xabariño. Hai, entón, outro silencio no meo do cal renxeu algo entre as tellas, e había ser a aiga do cumio. Fitei para o criado de Xixín, e noteille medo. El descansaba a cara vermella no peito da súa moza. Pasou pola cociña unha cousa dura, sen corpo nin cheirume, que nos puxo encolleitos aos dous valentes moceadores.
     O lume esmorece -rosmou unha das raparigas presentindo se cadra un certo lazo en nós outros. Foi a outra apañar un mangado de candeas dunha morea que alí estaba, onda o lar. Agachouse. Levaba saia curta. O criado de Xixín e mais eu abrimos moito os ollos por lle ver os coxotes. A moza gastaba medias azuis de lá, até lle cobriren os xeonllos. Curvou máis ela o lombo e as nádegas subíronlle moito a aba do vestido. A carne, despoixa das medias, non era branca, como esperabamos cubizosos. Era renegrida. Tiña cotra.
     Murriña, carro de merda -berrou o criado de Xixín. Sen nos pór de acordo botámonos a rir. Eu zorregueille un couce á rapariga, tal que a guindei de capitón no monte de frouma. A súa irmá voltouse contra miña coma unha gata de Algalia e arrabuñoume unha meixela. Eu pilleille o pulso e tirei con ela no lume. Érguese unha entre moxenas e a outra coa cabeza e o dengue cheos de paúlo, que semellaba un ourizo-cacheiro. Botaban foguetes polos ollos, as fillas do Inimigo. Berraban verbas que se enrolaban e se disparaban en espiral, como fan as cóbregas majá para atacar ao individo humano. Abrían os brazos e parecían o voar en esquina do morcego, ou se cadra o desoutra serpe con asas que vai polo airo a morrer na parte de Babilonia. Nós ter tiñamos medo pero riabamos delas ás gargalladas. Chamabámoslles carrañosas, medas de esterco. Elas aldraxábannos con maldicións, e abrían as pernas e erguían as saias. Viámoslles ás dúas idénticas medias azuis, e as coxas cotrañentas, e o becho peludo. Mesmo eu sentin vir aos meus narices, desde aquelas parroquias de cinta a abaixo, un fedor húmido e craso.
     Malditos sexades -dixo unha polo baixo e cos ollos case fechos de raiba. Así vos coma a noite -agoirou a outra nun chío que prolongou o gato negro desde o alto da trabe nun miaiar xordo e duradoiro.
     Corremos aos cabalos e marchamos de alí ao trote señorito, ceibando risadas até nos doer o bandullo e o van. Deixamos atrás o piñeiral e collemos verea adiante cara a nosa terra, todos felices e contentes, a nos gabar da gambernia que alá deixaramos liada. Xolda coma ela non se tiña falado na miña aldea, nin no lugar de Xixín, e aquela mesma noite habiamos de lla contar ben contada a toda a xente do fiadeiro, ai iso si, e habíamos facer rir a casadas e solteiras, ho, e se tal inda lle ía caír a máis de catro unha moxegada ou unha loita ao lle referirmos como abranguerámo-las meigas na cociña de seu.
     ¿E el serían? -preguntou de pronto o criado de Xixín. ¿Que? Meigas, meigas. Eu encollín os ombreiros e pecheime nun mutismo que enchía de temores estraños, aquel mesmo intre, o bruído dos cascos dos cabalos ao batuxar nunha parte enlamigada do camiño, camiño que de contado entrou nas bouzas de Auguela, para caír en doces revoltas polos sitios, fondos de bidos e frescura, de Ardeúva e Santa María de Rebordechao.
     Ocorreu entón que o mundo familiar e sabido polo que cabalgabamos, estoupou e desfíxose coma un globo de xabrón. No cruceiro das Sete Espadas vimos saír voando (negraz) a coruxa-do-souto de riba da mesa dos defuntos, ande ela estaba a matar un leirón que, malferido, aínda choutou chiando nas ribas do mato para se ir perder entre carrascas. Vin nun instante o resplandor vermello de Marte. Máis grande ca nunca eu vira, vai esa estrela das disgracias e da guerra -dixen eu en alta voz. O criado de Xixín non me respondeu e sinalou unha néboa mesta e suxa que viña contra nós, coma un pano, e que xa estaba a ocupar todo o arredor, e a cruz de pedra, nun sospiro, deixouse de ver. Axiña o neboeiro nos ocultou a lúa, e mailo planeta de sangue e ira. Por alí -dixo o criado de Xixín-, e seguimos un anaco polo pavimento pedrado da calzada, cara as nosas casas.
     Perdémo-lo camiño. Extraviámonos. Por touzas imprecisas, por toxeiras que ora si ora non recoñeciamos ou criamos sernos familiares, pasabamos a carreiros nos que os cabalos ourizaban as crinas e tremían coas catro patas chantadas en terra, coma se ventasen feras do monte.
     Pensabamos nós, sen nos falar, que as irmás eran meigas e que nos desviaran a rota. A min soábame nas orellas a fada que nos botara aquela que tiña a mancha marrón nun ollo. Maldizoados sexades e que vos coma a noite. Comíanos a noite.
     Nun certo ponto foise a néboa e caíu sóbor de nós un ceu tacholado de estrelas, entre as que chamaba a atención unha grande, vermella. Atopabámonos nunha gándara alongada e cha. A lúa permitíame consulta-lo reloxio, que marcaba as horas derradeiras da noite. Lonxe, por tras duns píncaros coroados de pedras ergueitas contra o ceo de leite, tal vez pedras sagras dos antigos, viña potente resplandor. Non sabíamos cal era aquel sitio e rachamos a chorar a un tempo, o criado de Xixín e mais eu. Aquela luz roxenta era, sen dúbida, unha cidade, podía que de Portugal. Pro axiña voltou de novo a néboa a tapar o mundo de ao redor. E as nosas cabalerías, cansas, esmaiaban e non querían máis andar. Non querían mais, chegados a non se sabe onde, e voltaron a trepar nunha verea vella e, como coñecéndoa, animaron o seu paso.
     Aquel camiño era feito de pedras grandes e antigas, e demorou nun relanzo no que o chao amosaba, a unha nova luz que penetraba o neboeiro, carrileiras labradas por eternidás de carro e logo despois calcamos unha ponte altísima na que os nosos cabalos facían resoar ecoares secos, toscos, estreitos, de mil anos.
     Veu o día.
     Rachou de todo a néboa coa raiola do mencer. Pararon de seu os nosos cabalos e notamos o arreguizo na res, o criado de Xixín e mais eu, porque estabamos perante unha choupana triste, co albor dándolle pola parte de diante. Posta a casa no meo dos piñeiros, semelIaba un animal derrubado. No cumio, brillaba unha aiga de foIla de lata. Relocía a aiga e, de lonxe, viña o fragor dun río, inequivocamente xa o Arnoia, escachándose en caneiros e cenzas indecisas. Ningún can latía. O camiño que nos trouxera pasaba a rentes da casopa da que partira a maldición, o castigo de medias azuis.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega