Arco da vella

 

 

v2lourdesmaceirasarcodavella.html


Para Mariña




I. O meu Arco da Vella


Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de cores.
Ten no teito unha tella.
Ten no leito unhas flores.

Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de amores.
Feito de bicos semella
e pintura dos solpores.

Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de arrolos.
El entra pola xanela
ás veces con algúns choros.

Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de xogos.
Para taparme as orellas
se estoupan bombas e fogos.

Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de risas.
Xoga connosco ás carreiras
empurrado polas brisas.

Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de caricias.
Dounas, danmas e repito.
Compartimos as ledicias.

Teño un Arco da Vella.
Teño un arco de libros.
Imos con eles ó campo
para que lean os grilos.

Teño un Arco da Vella.
Teño un arco con xiros.
Á dereita, á esquerda,
el guía os nosos navíos.






II. O arco da vella


O arco da vella
veu cunha cantiga
roubada da chuvia
e deulla a Mariña.

O arco da vella
trae sete colores
que aprende Mariña
xogando coas flores.

O arco da vella
ve chegar o sol
e vaise amodiño
como un caracol.





III. Arco de vella


Arco de vella, arco de vella,
ponnos o ceo limpo e azul.
Arco de vella, riso das nubes,
as sete cores fillas da luz.

A vermella está no viño,
nos beizos e nas cereixas,
nas fazulas dos rapaces
e nas feridas das guerras.

Vive a laranxa no lume,
parte o nome coas laranxas,
tingue o cabelo do sol
cando o sol toca as montañas.

A amarela anda no mel,
no millo e mais no centeo,
no sol e nas bolboretas,
nas follas que tira o vento.

Corre a verde polos prados,
repousa nas matogueiras,
está na pel das mazás,
vive no limo das pedras.

Azul e anil van no mar,
as dúas son mariñeiras.
Azul gusta de voar
e case toca as estrelas.

Violeta anda nas flores
e recende coma elas.
É unha cor moi delgadiña,
case se perde na néboa.





O Arco da Vella I é de Lourdes Maceiras, 23 de abril de 2005.
O Arco da Vella II é de Helena Villar Janeiro, 22 de novembro de 2005.
O Arco da Vella III é de Marica Campo, setembro de 2004.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega