A rota dos baleeiros

 

[Texto íntegro]

 

v2monchodefidalgocontosdefada008.html

    

A literatura galega ante o século XXI

 

A rota dos baleeiros é o título da primeira carpeta que Edicións do Dragón publica en 1991. No seu prólogo ou inicio, Alfredo López, Tokio, di "... ao igual que os baleeiros esculcaban o mar en busca da grande vida dende as atalaias, dende o picoto da sensibilidade algunhas persoas buscan no horizonte dos seus mares internos o camiño da grande balea.
     Soamente cando uns cantos buscadores se xuntan tentando un camiño crean a rota, a rota dos baleeiros."
     Estas palabras que, naquel momento, eran a presentación dunha colección que botaba a andar, sérvennos hoxe para encadrar a nosa intervención. Como os atalaieiros que esculcaban o horizonte do océano á procura da balea que simbolizaba riqueza e fartura, os poetas acadan os derradeiros anos do século XX, ao axexo dunha mudanza literaria que leve as letras galegas polo camiño da consolidación e da normalidade, polo camiño da verdade poética, da paixón enunciativa, da emoción da palabra.
     A miña intervención non ten o carácter dunha análise literaria rigorosa, senón que vai ser unha visión interna, a interpretación e a confesión de quen, desde a modestia que me corresponde, participou nos avatares da literatura galega destes anos. A miña será unha visión subxectiva, mais unha subxectividade compartida e vivida, é a visión dunha poeta-balea navegando no océano, atlántico, das letras.

COMPAS PARA A NAVEGACIÓN (quen somos?)

     Hai trinta anos, en 1986, aparece en Cee o colectivo Un medio, para dar a coñecer o seu labor poético. Intégrano: Miro e Rafa Villar, Estevo e David Creus, Artur Trillo.
     Ao ano seguinte, hai 29 anos, en abril de 1987, na cidade de Vigo, catro autores xuntabámonos para asinar o manifesto Na Cidade Espida, contra a movida viguesa allea á cultura galega, a prol da nosa identidade cultural. Alí estábamos Fran Alonso e eu mesma.
     Son as primeiras evidencias, as foulas coas que se iniciaría a década dos 90. No Norte e no Sur a inquedanzas literarias lévannos a alzar a voz, subir o volume e presentarnos publicamente: con publicacións, manifestos e recitais. Comeza un novo período.
     Non é casual. No Norte a actividade teatral de Talía, a Asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade, cunha revista e un certame literario, é o xermolo dunha nova época, que se ve e se escoita nos corredores do Instituto de Cee.
     No Sur, contra a movida viguesa da modernidade urbanita, respiran os fanzines "cutres" dos arrabaldes de Vigo (Castrellis, Katarsis), en Pubs alternativos nacen revistas literarias, en todas partes aparece unha poesía que nada ten que ver con La movida viguesa que vende Tintimán, máis madrileña ca galega. As aulas de filoloxía do CUVI eran un invernadoiro para as nosas mentes poéticas. Da necesidade de afirmarse contra a invasión cultureta españolista nace Na cidade espida, manifesto e acto efémero, breve, mais alentador.
     Daquelas lamas temos estas terras. Paco Souto, Fran Alonso, Miro Villar, Emilio Insua, Rafa Villar ou eu mesma, imos coincidir arredor da Faculdade de Filoloxía nos anos 88-90 e comezaremos colaborar nas páxinas de Olisbos.
     Estes son os inicios do que hoxe chamamos Promoción dos 90: contra a frivolidade da movida, contra o culturalismo innecesario, comprometidos coa lingua e co país, formados no noso idioma e na nosa literatura, por veces con máis paixón que coñecemento, desexosos de sinceridade e de engaiolar pola poesía, de render os lectores, de convertelos en poetas tamén.
     O noso obxectivo era fuxir dun formalismo excesivo, que chegaba introducir ruído na comunicación producindo unha sensación de falsidade. Buscábamos unha expresión de sinceridade e a comunicación, ante todo. Este afán comunicativo levounos a sacar o poema das páxinas escritas, a convertelo en voz que acariciaba os oídos do público próximo e visíbel. Os recitais do Tarasca e do Pepa a Loba son unha mostra desta necesidade.

Trazos caracterizadores.
     Para os manuais de Historia da Literatura a Promoción dos 90 estaría constituída polos poetas que inician a publicación da súa obra individual nesta década, de aí o nome da Promoción. Fálase de Promoción e non de xeración, por ser este un termo pouco axeitado para describir este conxunto de autores e autoras. Os que cumprimos este requisito, nacimos entre 1962 e 1980 e comezamos a publicar en libros colectivos e revistas a finais dos 80. Os trazos que nos definen, tal e como nós o consideramos, son:
     - ter como referencia a literatura galega e os seus autores e autoras, os poetas dos oitenta e a xeración de 57. Se seguimos as declaracións dalgún dos integrantes da Promoción a través das entrevistas da antoloxía Para saír do século1, veremos que entre as fontes literarias que se citan están os poetas do XIX, a xeración de preguerra e a do 57, de feito, X.M. Millán chega dicir "quérome neto da xeración de Avilés, Cribeiro e Reimundo Patiño". Somos a primeira xeración que puido estudar a nosa lingua e literatura na Secundaria, co cal a aproximación ao noso idioma e á nosa cultura é tamén académica.
     - A desbarroquización das formas, é dicir, a maior sinxeleza expresiva, moitas veces produto dun laborioso traballo de creación. Esta sinxeleza expresiva que entre os autores de maior idade toma a forma dunha poesía de expresión espida da que case desaparece o culturalismo, evolúe cara unha expresión naif entre algún dos poetas de menor idade. En xeral, o resultado desta desbarroquización é a produción de poemas máis directos, máis sinceiros, ou cunha maior aparencia de sinceridade.
     - En canto aos temas tratados hai unha recuperación dos temas sociais (isto tamén é así entre os poetas dos 80 nesta década, como podemos ver en autores como Xosé María Alvarez Cáccamo), a poesía do nós, e unha maior presencia do cotián, ao tempo que seguen a cultivarse unha ampla variedade de temas. Xa Rodríguez e Seara precisaran na introdución á súa antoloxía2 que a poesía dos 90 recupera dalgún xeito a temática comprometida, actualizada, até tal punto que a súa poesía foi denominada ironicamente "Nova poesía comprometida". De feito, outro dos trazos que se ten dado para certa poesía dos 90 atopámolo xa na do 57, que se caracterizou polo predominio da corrente socialrealista: a narratividade do poema.
     - A presencia da muller no texto poético, entendida coma un xeito diferente de abordar os temas ou achegar novos temas e de empregar a linguaxe, desde unha perspectiva feminina. Este trazo é aínda de maior relevo se consideramos un feito singular como é que na poesía dos 90 prodúcese a confluencia na tendencia xinocéntrica (seguindo os termos empregados por Pilar Pallarés) das autoras de todas as xeracións que, nesta altura, publican obras marcadas en feminino, así: Tempo de Ría, Metáfora da metáfora... Ademais, esta renovación nos temas e o seu tratamento comezará sendo característico da obra das mulleres, mais acabará caracterizando a obra dos compañeiros de xeración: Rafa Villar, Carlos, Negro, Sechu Sende, Eduardo Estévez... Nesta renovación dos temas cabe mencionar, entre as autoras máis novas, unha maior presencia do erotismo, da sensualidade, da provocación, da poesía como posta en escena.
     A estes trazos caracterizadores, dos que os integrantes da promoción eramos perfectamente conscientes (como se comprobou nas entrevistas realizadas por Rodríguez e Seara, mais tamén noutras intervencións públicas realizadas polos integrantes da promoción), os teóricos que se teñen aproximado, xa rematada a década, como López Bernárdez3 e outros por exemplo, engaden:
- O coidado da lingua, unha lingua máis directa, ás veces máis coloquial, algo que herdamos da promoción anterior.
- A socialización do feito poético, é dicir a realización de recitais fundamentalmente, ou a existencia de colectivos.
     En relación con isto último podemos citar a existencia dos seguintes colectivos:
   A) o Batallón Literario da Costa da Morte, efémero como todas as conquistas poéticas, mais fundamental para entender o devir literario, gamboa nutricia que nos dá novas voces, a el pertencían Miro Villar, Alexandre Nerium, David Creus, Rafa Villar, Artur Trillo, Modesto Fraga, Estevo Creus ou María Lado.
   B) Blas Espín, da Ponte do Porto en Camariñas, do que formaban parte Rafael Lema ou Xandra Tedín.
   C) Serán Vencello, en Santiago de Compostela...
   D) E o colectivo Ronseltz, integrado por Xabier Cordal, Serxio Iglesias, Miki Montes, Joan C. Rodríguez e Manuel Cortés, que desde a súa propia denominación manifestan o seu afán rupturista, patente nas súas publicacións colectivas como Unicornio de cenorias que cabalgas aos sábados na liña do que fora Rompente nos anos 80.
     Dolores Vilavedra4 apunta que moitos dos autores e autoras dos 90 teñen unha práctica literaria de vocación nacionalista. Certo é que somos persoas comprometidas activamente, mesmo de xeito significado e público, e sentimos a necesidade de expresar as nosas reivindicacións, por exemplo en prol dos nosos dereitos nacionais e lingüísticos. Porén este factor vai perdendo protagonismo entre os máis novos, tal e como recolle Carme Vidal.
     "Trátase dunha xeración que vive o feito literario com normalidade e que se gaba da cantidade de información que manexa. Coidan maiormente que non é obriga do escritor ser militante en diversos frontes pero non refugan sem embargo o compromiso com causas sociais como o ecoloxismo ou o antimilitarismo."5
     A diferencia é evidente: o compromiso, a necesidade de afirmación que sentiamos os que despuntabamos desde o 85 teñen a ver coas nosas vivencias: a morte do ditador, o inicio da democracia, as primeiras aulas en galego, o debate sobre a galeguización do ensino, son fundamentais á hora de presentarnos ante o feito literario. Os máis novos e as máis novas nacen xa na democracia, e se atopan coa nosa lingua desde os primeiros anos na escola.
     Por dicilo noutras palabras os máis novos da promoción dos 90 están máis despolitizados, tal e como acontece na sociedade, unha sociedade que está a crear persoas individualistas e desideoloxizadas, froito da estratexia de gobernos conservadores. Non esquezamos que mentres os de maior idade somos adolescentes mentres goberna o centro-esquerda e se inician os primeiros anos de goberno da Xunta de Galiza, os que nos seguen en idade, viven a súa adolescencia con Manuel Fraga como presidente da Xunta e cunha dereita en alza que acaba acadando o goberno do Estado.
     Con todo é tamén certo que o compromiso social estoupa entre todos os integrantes da xeración en 2002. A catástrofe do Prestige non deixa indiferente á sociedade galega, e tampouco aos seus escritores e escritoras. Rafa Villar, un dos nosos autores máis comprometidos e activos, é o portavoz da Plataforma Nunca Máis e Rosa Aneiros, tivo tamén un papel de relevo nos actos da Plataforma e de Burla Negra.

DE EDICIÓNS DO DRAGÓN A LETRAS DE CAL (que ou como o fixemos?)

     Entre os anos 91 e 93 publícanse algúns dos títulos máis relevantes da nosa poesía e narrativa, títulos que ademais son indicadores da chegada dun novo período. En 1991 Metáfora da metáfora de M. Xosé Queizán, Urania de Chus Pato, Historia dun paraugas azul de Miranda ou Cabeza de chorlito de Xurxo Borrazás. En 1992, Tras as portas do rostro de Marica Campo, Este é o tempo do sal de X.M. Millán, Tempo de Ría de Xohana Torres, a primeira novela de Caneiro, O infortunio da soidade, Amor de tango de Queizán ou Soños eléctricos de R. Caride. En 1993, Despertar das amantes de Queizán, Liques da memoria de Rafa Villar, Arianrod de Xabier Cordal, a primeira novela de Marilar Aleixandre, Tránsito dos gramáticos, En salvaxe compaña de Rivas ou Tic-tac de Suso de Toro.
     Nese mesmo ano bota a andar Edicións do Dragón, unha iniciativa que procuraba dar saída á necesidade de expresión. A empresa concretouse na edición carpetas manufacturadas, en cartón de papel reciclado, únicas e diferentes cada unha delas, cos poemas escritos da propia man do autor ou autora. A primeira carpeta, A rota dos baleeiros (1991), está ilustrada polo debuxante Tokio e polas fotografías do Casón, que acababa de accidentarse fronte ás costas galegas no inverno de 1987. Así, entre dúas catástrofes, a do Casón e a do Prestige: nace e medra toda unha xeración literaria.
     Fran Alonso, Miro Villar e Paco Souto foron os impulsores de Edicións do Dragón. Cando en 1993 publicaban 8 e médio manifestaban:

     "con 8 e médio produce-se a decisiva consolidación de selo afondando nos elementos caracterizadores: aportazón das novas voces, textos autógrafos que se, ás vezes, dificultan a leitura, confiren-lle ao poema toda a sua personalidade e dimensión plástica, coidada seleczón do material gráfico, prezos asequíveis mas que garantan a permanencia da edizón, independencia institucional."6

     Foi o primeiro fito, o segundo prodúcese pouco despois: 1996, I Congreso dos Escritores Novos: incomprensión e debate aceleran o que había nacer de todos os xeitos: Letras de Cal, segundo impulso importante, canle que lle dá voz aos autores máis novos.
     Edicións do Dragón e Letras de Cal nacen na cidade de Compostela, o segundo é un proxecto máis amplo, máis cooperativo, un proxecto que une as voces que lle dan continuidade á poesía neste tránsito entre séculos: os promotores, de maior idade, e as voces que se dan a coñecer: o que nos une e o que nos diferencia.
     O dous proxectos inspiráronse nos mesmos criterios: o coidado ecolóxico dos materiais, o aspecto gráfico, a pluralidade normativa e a atención ao prezo dos exemplares. E sempre a necesidade de dar a coñecer as voces poéticas do momento (Letras de Cal chegou crear un certame literario). Os dous proxectos coincidiron no seu desexo de ofrecer as voces máis novas, asegurando a estes autores e autoras un espazo no que publicar, e ao mesmo tempo preocupáronse desde o primeiro momento de que os seus produtos editoriais fosen asequíbeis e estivesen debidamente distribuídos, quizais estes últimos sexan ademais os factores máis importantes. Esta continuidade entre ambos os proxectos pon de relevo a importancia dos factores enumerados, verdadeiras preocupacións para os seus impulsores.
     Os integrantes de ambos os dous proxectos son conscientes da necesidade de promoción da obra literaria, promoción que se inicia no propio deseño do libro e que pasando polo seu prezo vai até a súa distribución e promoción. Para isto último bótase man do que ten sido sinalado como un dos trazos definidores desta última promoción, a socialización da poesía, é dicir, os recitais, os recitais en ámbitos informais (os pubs da zona vella compostelá son unha boa mostra deste feito).
     En Edicións do Dragón publicaron os que iniciaban a súa andaina poética nos primeiros 90, que comparten espacio vital, académico e poético cos que comezaron publicar xa mediados os 90 esta vez en Letras de Cal. Nesta última colección viron a luz os primeiros libros de María Lado, Kiko Neves, Igor Lugrís, Sechu Sende e Suso Baamonde, e na última entrega o gañador e o accésit do certame que acababa de nacer foron Xosé de Cea e Verónica Martínez. Ao lado destas primeiras obras apareceron libros de autores non noveis como Francisco Souto, Olga Novo ou Celso   Fernández Sanmartín. Ademais en 1999 publicaba D?Efecto 2000, antoloxía de poetas dos 90.
     Até aquí dous fenómenos editoriais construídos polos propios creadores da Promoción, mais non os únicos. Hai que mencionar a importancia de que nesta década bote a andar unha das editoriais máis significativas de Galiza neste momento: Espiral Maior. A Editorial de Miguel Anxo Fernán Vello, un dos poetas dos 80, inaugúrase precisamente coa publicación de Metáfora da metáfora, un libro moi significado á hora de analizar a poesía dos 90 e a poesía producida por mulleres. Pilar Pallarés, nun artigo publicado en 1997, "Literatura e xénero: unha cuestión aínda pertinente"7, dirá deste libro de Queizán que será o que abra o camiño a unha "tendencia xinocéntrica... perceptíbel na nosa poesía recente, tan practicada -menos teorizada- polas autoras máis novas e á que abriu camiño María Xosé Queizán con Metáfora da metáfora en 1991."8 En Espiral Maior publicarase parte da mellor poesía producida ao longo destes anos.
     Outros feitos, como a existencia de certames de poesía para autores noveis menores de trinta anos, deron a coñecer, en forma de libro, a moitos autores que xa estaban comezando publicar en revistas e libros colectivos: o Espiral Maior de poesía que lle foi concedido a Rafael Lema, Francisco Souto, Martín Veiga, Cristina Cabada, Emma Couceiro ou o Fermín Bouza Brey, concedido a Rafa Villar, Yolanda Castaño, e Isolda Santiago.

AS ANTOLOXÍAS:


     Non podemos obviar o papel das antoloxías á hora de estabelecer os parámetros que definen unha xeración ou promoción literaria, e así o deberon considerar os autores de Para saír do século, Luciano Rodríguez e Teresa Seara, unha das primeiras antoloxías publicadas nos 90. Xa con anterioridade, Luciano Rodríguez realizara unha das antoloxías máis consideradas á hora de estabelecer o canon literario da poesía dos 80.
     A antoloxía dos 90 publícase en 1997 e nela recóllese a obra de Ana Romaní, Antón Dobao, Manuel X. Neira, Xosé M. Millán, Miro Villar, Marta Dacosta, Martín Veiga e Yolanda Castaño, oito autores nados entre 1962 e 1977.
     Os autores de Para saír do século manifestan que realizaron a antoloxía "polo desexo de dar conta da aparición de novas voces, invitamos ao lector que asista ao fenecer deste vello século XX... armado con versos."9 Din "Non nos marcamos o obxectivo de saudar o nacemento dunha nova xeración poética... senón o de presentar colectivamente aos autores galegos máis novos que han deixar, ao noso ver, unha impronta nesta fin de século. Englobamos así, sob o epígrafe de novos autores, a aqueles que chegan ao panorama poético desde 1986, ano en que se editaba a antoloxía Desde a palabra, doce voces."10 De aí que figuren na antoloxía autores como Ana Romaní, Dobao ou Millán que normalmente non se inclúen con claridade dentro do que se chama promoción dos 90, malia que eles, Millán, se consideren integrantes desta promoción.
     En 1999 Letras de Cal publica unha antoloxía da Promoción dos 90, titúlase D'Efecto 2000 e o procedemento seguido para elaborar a antoloxía foi o de recoller os autores e autoras máis votados entre os que publicaran o seu primeiro libro de poesía na década dos 90, de aí saiu unha antoloxía en que figuran: Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Xabier Cordal, Emma Couceiro, Estevo Creus, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, Celso Fdez Sanmartín, Lupe Gómez, María Lado, Igor Lugrís, Olga Novo, Manuel Outeiriño, Chus Pato, Isolda Santiago, Secgu Sende, Francisco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.

Promoción ou xeración? Estamos xa ante unha nova xeración?
     Falamos até agora de Promoción dos 90 sen utilizar nunca o termo xeración. Nas análises que se teñen realizado prescindiuse do termo xeración por non axustarse á realidade literaria que se estaba a producir no noso país. O Doutor Franciso Rodíguez Sánchez, autor de Literatura galega contemporánea (problemas de método e interpretación)11, sinala sabiamente que

    "podera-se empregar, como complementário, o critério xeracional, nunca como exclusivo ou prioritário. Ao ser a nosa unha situación anormal, a idade ou data de nacimento non sempre unifica aos escritores nen sequeren canto ao momento cronolóxico das suas contribucións na literatura pátria."12

     Falamos pois de Promoción dos 90 e indicamos que o seu límite inicial está en publicar a primeira obra nesta década. Mais que autores comprende esta xeración? So os que publicaron a súa primeira obra nesta década? Ou podemos considerar como integrantes da xeración a autores e autoras que publican a súa primeira obra poética nos primeiros anos do século XXI? Estíbaliz Espinosa, Pan (2000), Adolfo Caamaño (1959), Poemario irlandés (2000), Maite Dono, O mar vertical (2000), Lucía Novas (1979), Epiderme de Estío (2001), Xerardo Quintiá (1970), Ailalelo de auga (2001), Xesús Pensado (1960), Cantos da seiva (2002), Xurxo Alonso (1956), Onde viven os saqueadores de naufraxios (2002), Charo Pita (1966), Desde Arcadia para Govinda (2002), María Reimóndez (1975), Moda galega (2002), Alexandre Nerium (1960), Vogar de Couse (2003), Antía Otero (1982), O son da xordeira (2003), Daniel Salgado (1981), Sucede (2004), Óliver Escobar Rguez (1979), A última bengala (2004), Elvira Riveiro Tobío (1971), Andar ao leu (2005), entre outros.
     Algún destes autores publicara com antelación algún texto narrativo. Con carácter xeral podemos dicir que por idade e polos seus presupostos estético-temáticos están á par dos poetas dos 90. A risco de precipitarnos, e con tan escasa distancia, consideraremos a estes autores como integrantes da Promoción dos 90, unha promoción que se situaría entre os dous séculos e que nacida da transición viviu unha época, de anormalidade cultural, mais menos convulsa cá das xeracións que a precederon. Naceron entre 1962 e 1982, publican a súa primeira obra individual entre 1990 e 2005. A súa mocidade coincide coa chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta de Galiza en 1989, coa apertura dunha situación política que non potenciou nosa identidade, a nosa lingua, a nosa cultura, que se perpetuará até 2005, ano en que remata a era Fraga, despois do Prestige e da Guerra de Iraque. Nese período 1990-2005 estaría comprendida a produción desta promoción. Mais este é tema para outro relatorio.
     Non se trata dun conxunto de autores que adopten homoxeneamente unha mesma estética e posición literaria, mais cumpren de forma marioritaria os trazos que deseñamos ao inicio, e así podemos apreciar certas similitudes entre a poesía de Rafa Villar e Elvira Riveiro, como a atopamos entre Yolanda Castaño e Lucía Novas ou Emma Pedreira. E para a norma, as excepcións, como a poesía culturalista seguidora da estética dos 80 de Martín Veiga, ou um culturalismo de novo formato en María do Cebreiro.

A narrativa:
     En 2002 Xerais publica a antoloxía Materia prima. Relatos contemporáneos13. Segundo a presentación da editorial o volume é unha representación da narrativa galega contemporánea. Como a antoloxía de Luciano Rodríguez e Teresa Seara, presenta ao lector e á lectora unha aproximación á narrativa que se encamiña cara ao século XXI.
     Deste volume forman parte Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Anxo Angueira, Xurxo Borrazás, Xosé Carlos Caneiro, Cid Cabido, Bieito Iglesias, Ramón Loureiro, Xosé Miranda, Miguel Anxo Murado, Xabier Queipo, Luís Rei Núñez, Antón Riveiro Coello, Xurxo Souto, Suso de Toro, Xesús Manuel Valcárcel e Luísa Villalta. Ao rematarmos esta nómina sabemos que é incompleta, mais tamén somos conscientes que unha antoloxía non é un informe e por ese motivo comprendemos que non formen parte do volume outros nomes destacados das nosas letras: Gonzalo Navaza, Manuel Rivas, Santiago Jaureguizar, Marica Campo, Isidro Novo, Carlos Quiroga, ou autores que, por ser clasificados habitualmente como autores de narrativa xuvenil, non reciben a mesma consideración có resto dos narradores, é o caso de Agustín Fernández Paz ou Xabier Docampo. Mais tamén poderíamos afirmar que a "cartografía" de Xerais non é uniforme, se á calidade e proxección dos autores e autoras que antologa nos referimos.
     Ao falarmos da narrativa non empregamos a periodización que se estabeleceu a propósito da poesía. A nosa literatura é unha literatura en que predomina a poesía, Francisco Rodríguez recolle as palabras de Carballo Calero cando sinalaba que "A despersonalización de Galicia, a súa probreza material, a sangría da emigración, en fin, o estado evidente de decadencia en que os poetas de mediados do XIX atoparon a sua terra, deteminou que aquel lirismo fose elexíaco." E engade "non só determinou que fose elexíaco, senón que determinou que fose o xénero lírico a forma literária preponderante."14
     Na evolución da literatura galega desde 1975 asistimos á grande presenza da poesía na década dos 80, que chega a un momento de declive contra finais da década, cando unha grande parte dos poetas comezan empregarse nos terreos da novela e o relato, para entrar na década dos 90 cun novo embate poético, mais desta volta, acompañada por unha nova época de empuxe na narrativa, que, nos principios dos 90, se inicia co cultivo da narrativa de xénero: novela histórica, de ciencia fición, de terror, novela negra, novela erótica... dando lugar, mesmo, a libros de autoría colectiva, pensados para un determinado xénero, coa intención de fomentar o seu emprego (Contos eróticos, Xerais, 1991).
     Este fenómeno foi froito dunha análise que vía na narrativa galega a eiva de non abordar todos os xéneros da novela, e a xeito de experimentación científica, propiciouse a creación e publicación de novela e relato de xénero, con resultados irregulares, pois nacía dunha análise realizada desde os presupostos da literatura non galega e ignorando a nosa realidade.
     Hoxe, sen experimentalismos, a novela galega é suficientemente variada, xa contamos con autores como Diego Ameixeiras que inician un conxunto de novelas argalladas ao redor dunha mesma personaxe, un detective que desenvolve o seu traballo na cidade de Ourense, ou a Isidro Novo, que transitou os territorios da parodia, a parodia do western, e da denuncia cunha novela sobre os malos tratos. A novela de carácter histórico e de compromiso que producen autores como Darío Xohán Cabana ou Rei Núñez, Expediente Artieda, o naturalismo de Borrazás, Criminal, a ciencia fición da man de Caride fundamentalmente, a reflexión sobre a xeración á que pertencen com Xan Fraga ou Francisco Castro.
     Paso a paso, a narrativa galega vaise consolidando. Nos datos dos Informes de Literatura elaborados polo CIL podemos comprobar como os títulos de narrativa publicados son menos cós de poesía

 

 

1996

1998

1999 2000
Nar.

63 

51

57

56

Poe

71

83

63

68



     Seguimos sendo unha literatura eminentemente poética, mais nos últimos tempos a narrativa vaise consolidando da man dos autores de promocións anteriores, como os xa citados, e dos máis novos: Anxos Sumai, María Reimóndez, Teresa Moure, Rosa Aneiros, Sechu Sende.
     Nicolás e Requeixo15 sinalan que a literatura galega da década dos 90 "constitúe a de maior e máis variada producción de toda a súas historia", un período que se caracteriza "pola multiplicidade case inclasificable dos vieiros narrativos transitados"16. Bernárdez e outros falan de que a chegada da nosa lingua ao ensino dálle un impulso importante á narrativa, ao abrir un mercado de lectores até o momento inexistente.
     A década iníciase coa publicación de títulos significados: Galván en Saor (1989), Un millón de vacas (1990), Cabeza de chorlito (1991), Soños eléctricos (1992), O infortunio da soidade (1992), En salvaxe compaña (1993), Tic-tac (1993).
     A novela faise urbana, multitemática e tamén innovadora. Ademais, tamén na narrativa o traballo das autoras ocupa un papel importante, da man das narradoras a novela transita territorios experimentais como Caderno de bitácora de María Reimóndez que a través da ciencia fición a vivencia do amor e do desamor, ou que se converte en narrativa confesional que navegou a rede, nun persoal diario do terceiro milenio, com Anxos Sumai en Anxos de garda.
     As mulleres son protagonistas, Confusión e morte de María Balteria de Marica Campo, ás veces asumindo roles que non se lle asignaran, como en Compañía clandestina de contra publicidade, de Marilar Aleixandre; construíndo a fición narrativa sobre o combate da muller para superar os obstáculos sociais e enfrontarse en solitario á construción da familia e da vida, en Teresa Moure, ou recuperando a memoria das devanceiras, en Memoria para Xoana de Marica Campo.
     A novela evade, mais tamén reflexiona sobre o pasado: Eu tamén fun coas vacas, Afonso Eiré, O exiliado e a primavera, Manuel Veiga, ou sobre o presente: Orixe, Sechu Sende, Veu visitarme o mar, Rosa Aneiros, Anxos de garda, Anxos Sumai, obras de autores de idades moi diferentes e que, porén, demostran un dos criterios metodolóxicos recollidos por Francisco Rodríguez no seu ensaio sobre a periodización da literatura galega: "Na situación de Galiza, literatura e ideoloxía e/ou política gardan relación evidente."17
     As cinco obras que mencionamos son froito do compromiso e da reflexión, tamén política, dos seus autores. As dúas primeiras, dos autores de maior idade, pertencentes a unha xeración marcada aínda polo franquismo, narran historias que se desenvolven nese marco político ou como consecuencia dese marco político. As dos mais novos son froito do momento histórico que se configura nos primeiros anos do XXI: a reacción contra a marea negra e contra a falta de liberdade de expreción que imperaba nese anos.
     Chegamos así á conexión coa obra dos poetas. O compromiso que palpita na poesía é recoñecíbel na narrativa galega dos últimos anos. Os narradores tamén teñen xa como referencia a nosa propia literatura, a presencia das narradoras significa renovación.
     Gustaríanos poder dicir que estamos xa no camiño da normalidade, mais aínda non podemos facer esta afirmación sem matizala. O cambio político que se produciu en 2005 posibelmente fechará esta etapa de que estamos a falar e abrirá novas expectativas. Un momento histórico diferente, como o que agora se inicia, poderá dar lugar a unha literatura nova que está por contruír. Estamos xusto na linde, e o noso maior desexo é o da normalidade plena da nosa lingua e da nosa cultura. Ese é o porto en que queremos atracar, folgar e encher de novo as adegas para iniciar unha nova singradura.
 

 

______________________________________________________

1 Rodríguez, L. e Seara, T., ed., Para saír do século, 1997, Vigo, Xerais, páx. 65
2 Iden.

3 Carlos L. Bernárdez e outros, Literatura galega século XX, 2001, A Nosa Terra, pàx. 337
4 Dolores Vilavedra, Historia da literatura galega, 1999, Galaxia

5 Carme Vidal, "A literatura con menos anos", A Nosa Terra, especial novo milenio, setembro 2001, páx.44
6 Edicións do Dragón, 8 e médio, 1993, Ed. do Dragón
7 Pilar Pallarés, "Literatura e xénero: unha cuestión aínda pertinente", Terra e tempo, n 6-7, 1997, recollido en Pensar en Galiza, Santiago de Compostela, Edicións Terra e Tempo, 2004.
8 iden, páx. 64. Pilar Pallarés cita a Gisela Ecker, a "Introducción. Sobre el esencialismo", en Estética feminista, Barcelona, Icaria, 1986.
9 Rodríguez, L. e Seara, T., Para saír do século, Vigo, Xerais, 1997, páx. 19
10 Idem, páx. 18.
11 Franciso Rodíguez Sánchez, Literatura galega contemporánea (problemas de método e interpretación), 1990, Vigo, Edicións do Cumio
12 Iden, páx. 19
13 AAVV, Materia Prima. Relatos contemporáneos, 2002, Vigo, Xerais.
14 Francisco Rodríguez, op.cit., páx. 12
15 Ramón Nicolás e Armando Requeixo, "A narrativa galega nos últimos anos", en AAVV, Materia Prima. Relatos contemporáneos, 2002, Vigo, Xerais
16 Iden, páx. 7.
17 Francisco Rodríguez, op.cit., páx. 18.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega