As arpas de Iwerddon

 

[Escolma]

 

v9pozogarzaasarpasdeiwerddon

Páxina atlántica

Para Xesús Alonso Montero

Vin a aldea arredada no seu propio segredo
Nin se perdeu o celme inxel do Beatus Ille
Pasei a contemplar tanta fidelidade

Vin burriños cargados de herba e de xestas vivas
alpendres que harmonizan cos aparellos rústicos
a humilde ferramenta trasnoitada
ou talvez encetar o pan de cada día signándolle
unha cruz por riba cun coitelo

Vin a camelia gaélica en Bínn Eadair
A paixón dos triskeles baixo o rigor dos liques
                                            e da chuvia insubmisa
Vin pallozas e torques
e os míticos tesouros daquel reino de Tara

A cerimonia erótica do arado

Vin revelarse as antas na afinidade da morte
todo se pode ler nesta páxina atlántica
na sustancia unitaria do narcisismo celta
Na camelia gaélica do xardín de Bínn Eadair



A pureza da boca

E todo se nos volve fugaz e transitorio
se esquecemos a luz
Se non vemos a luz como presaxio
a desvelar as sombras

Se non descubre a seducción dos labios
que son libres
A pureza da boca cando cala
A pureza da boca cando fala en gaélico
A pureza da boca cando canta un alalá
perdido

Os oficios humildes
madeiras de abeleira serradas nun alpendre
coa saudade da patria
cando nacen as xestas na harmonía do cosmos

e o Celtic twilight mesmo
que concede ó poeta tantos saberes feéricos



 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega