Aspectos da sintaxe do galego desde a perspectiva tipolóxica

 

 

v2teresamoureaspectosdasintaxedogalego.html

Abstract (1)

     A gramática descritiva do galego agacha algúns fenómenos estraños: aspectos locais que, non sendo altamente productivos, quedan relegados ó caixón das excepcións. A historia da lingua ou as relacións de veciñanza con ouras variedades románicas nunca os explican; como moito aventuran as causas da súa resistencia a través do tempo. O presente traballo pretende rescatar tres fenómenos aparentemente marxinais da sintaxe do galego estándar actual e relacionalos na perspectiva tipolóxica. O obxectivo de fondo é reflexionar sobre do tipo de coñecemento que a gramática nos proporciona e reivindica-lo programa de investigación tipolóxico en lingüística como vieiro idóneo para construír unha teoría xeral das linguas.



1. Acusatividade fronte a ergatividade

     A tradición gramatical en Occidente construiuse sobre un número moi reducido de linguas: latín e grego, e contadas incursións noutras variedades foron abondo para edifica-lo perfecto constructo da gramática. Co paso do tempo irase rescatando a importancia das linguas "vulgares", as linguas vernáculas faladas en Europa, e algo máis tarde o prestixio social e económico de determinadas comunidades garantirá que a descrición se ocupe tamén dalgunha outra lingua, coma o inglés. Pero, ó contar cun elenco de datos mínimo, moitas das semellanzas estructurais entre as linguas que a gramática supuña para elabora-lo seu aparato conceptual eran só aparentes. Máis que responder a tendencias universais, resultaban da proximidade xenética e tipolóxica das linguas consideradas. Desde logo, só cunha visión chata da realidade lingüística (ademais de antropoloxicamente ben nesgada cara ó privilexio de Occidente) pode entenderse que a gramática estableza o seu aparato conceptual sobre nocións como suxeito ou obxecto sen previamente dirimir se se trata de universais sintácticos. Boa parte da teoría sintáctica, adicada exclusivamente a describi-los rasgos formais das linguas, acaba admitindo un único concepto de suxeito identificado co caso nominativo na descrición do latín, con determinada orde de palabras no caso do inglés ou coa concordancia en número e persoa co verbo para o galego. Só coa considerable cantidade de contraexemplos chegados de distintas linguas se puido atender a factores mais valiosos, coma o reparto de marcas. O panorama preséntase daquela un pouco mais abstracto.
     As linguas da familia indoeuropea —xustamente as que tomara como modelo a descrición tradicional
— responden básicamente á distribución que ilustra a serie (1): equiparan cun mesmo tratamento o único participante da construcción intransitiva (S) e o axente da construcción transitiva (A), mentres que reservan unha marca específica para o paciente da construcción transitiva (P). Deste xeito, a noción de suxeito, resultante da fusión de S e A, acaba confundida coa marca que aúna estes dous papeles pragmáticos, semánticos e gramaticais. En latín tanto o paciente de (1a) coma o axente de (1b) se expresan en nominativo, polo que resulta practicamente imposible diferencia-lo caso morfolóxico da función sintáctica que desempeña a unidade que adopta tal revestimento:

    lat.:     1a)     Petrus dormit
                         Snom
               1b)     Petrus     librum legit
                         Anom      Pacus
    
     Nunha descrición xeral diríase que S e A se expresan en nominativo, aínda tratándose de actantes diferentes: o S de (1a) é o único participante da construcción e semanticamente aparece caracterizado coma un paciente; o A de (1b), en cambio, é un dos participantes dunha construcción biactancial e, xa que logo, atopa o seu contrapunto en P, ademais de definirse semanticamente como a xente que controla voluntariamente a acción de ler. Fronte a S/A en nominativo, o acusativo, pola súa parte, identifica ó paciente da cláusula transitiva. Por suposto, nun nivel de descripción máis afinado habería que aclarar que o reparto de casos nominativo/acusativo non é o único procedemento con que contan as linguas. Véxanse, así, os casos seguintes:

     ing.:     2a)     John sleeps                         Sconcordancia
                2b)     John reads the book            Aconcordancia-Ppostverbal

     gal.:     3a)     Xoán dorme                         Sconcordancia
                3b)     Xoán le o libro                     Aconcordancia-PØ

     Por suposto, en canto se viu necesario obter prediccións universais, os conceptos gramaticais tiveron que variar notablemente. Ainda se latín, inglés ou galego posúen solucións diferentes como caso, concordancia ou orde de palabras fixo, as tres linguas remiten a un mesmo tipo de organización sintáctica onde se lle concede ó obxecto unha expresión exclusiva, a costa de confundir participantes de natureza moi diferente baixo da etiqueta de suxeito. Esta organización caracteriza ó grupo de linguas que se coñecen coma nominativo-acusativas ou, simplemente, acusativas. En aberta oposición, as linguas ergativo-absolutivas ou, simplemente ergativas adican un caso particular, o ergativo, á expresión do A, mentres o S intransitivo e o P transitivo se somen no caso absolutivo. En exemplos do euskera:

     eusk.:     4a)     Gizona-Ø        etorri  -da
                             home-ABS     vir  -  PERF
                             'O home veu'

                   4b)     Gizona-k        gozokia-Ø       jan-du
                             home-ERG     pastel-ABS     comer-PERF
                             'O home comeu o pastel'

     Estes repartos parecen producir confusión e dificulta-lo estudio conxunto das linguas pero, en realidade, a súa aparente complexidade desaparece cando se advirte que ámbolos dous responden á gramaticalización de funcións semánticas. Os efectos da acusatividade ou da ergatividade só poden observarse en esquemas biactanciais, o marco propio da transitividade; a construcción intransitiva neutraliza estas diferencias baixo unha apariencia neutra, que recobre diferentes valores. De aí que o ambivalente S poida ocupa-la área do axente, a do paciente ou ámbalas dúas. No patrón acusativo, P é o termo marcado; no patrón ergativo o termo marcado é A. O termo non-marcado da oposición en cada caso confúndese co S:



     Supoñamos un continuum que avanza ininterrompidamente desde o axente prototípico ata o paciente prototípico, deixando no medio unha zona de indefinición ocupada por S:
     
     


     As diferencias entre acusatividade e ergatividade limítanse a esa zona intermedia que, pola súa indefinición, pode verse como axente atípico ou como paciente atípico (Moure 1995). En todo caso, a variabilidade sintáctica non é caótica, como parece a primeira vista. Estamos ante dous tipos básicos de estructuras, é dicir, ante dúas estratexias para codificar valores semánticos. Estas estructuras tipolóxicas resultan especialmente fructíferas na comparación interlingüística posto que amplían uns conceptos gramaticais inicialmente trazados sobre escasa base empírica. Ademais, o recoñecemento destes dous patróns rompe definitivamente coa tradicional visión da gramática como constructo feito ó servicio das linguas de Occidente e sitúa, en pé de igualdade con estas, outras variedades de menor presencia nesta cara do mundo.
     Agora ben, a barreira entre linguas acusativas e ergativas mantívose moito tempo coma un marco insuperable: inglés ou galego, por exemplo, clasificáronse coma linguas acusativas; euskera e dyirbal coma ergativas. Esta tendencia da gramática a establecer categorías ríxidas, onde cada exemplar se inclúe ou non se inclúe decididamente, non é máis ca unha simplificación da realidade hoxe reemplazada, cada día con máis forza, por visións non-discretas, para as que a pertenza a unha categoría pode ser tamén unha cuestión de grao (Moure 1996). Mesmo unha clasificación tan establecida como a división das linguas do mundo nos tipos illante, aglutinante e flexivo, coa que os tipólogos do século XIX revolucionaron a morfoloxía, contémplase hoxe coma unha tendencia que as linguas cobren con desigual fortuna. Nesta mesma liña, a hipótese de que os tipos sintáticos da acusatividade e ergatividade constitúan unha dimensión gradual vénse instalando nos últimos anos na teoría lingüística como unha consecuencia da maduración da disciplina: as linguas do mundo amosarían graos de ergatividade ou de acusatividade, mais ca unha filiación decidida a un destes patróns (2). O fenómeno é máis que lóxico. En realidade tódalas linguas estenden o sistema de marcas alén da súa motivación orixinaria: mesmo a lingua máis citada como paradigma da ergatividade, o dyirbal, apenas ofrece unha ergatividade parcial (Silverstein 1976), xa que os argumentos realizados por pronomes se axustan ó patrón acusativo fronte ós realizados por outras clases de palabras que esixirían o patrón ergativo. Ante semellantes evidencia, cómpre optar por unha visión gradual deste fenómeno e en tal caso, sería posible que o galego, polo xeral lingua acusativa, amosase algún indicio de ergatividade.



2. A construcción ergativa en galego

     Segundo vimos indicando, o patrón ergativo vai identificar ó único participante da construcción instransitiva co paciente transitivo. Eis uns exemplos de tal fenómeno en galego:

     gal.:     5a)     Aí       o      vai
                                   Sacus

                5b)     Aquí    as    veñen
                                   Sacus

     Aínda que a construcción está dabondo restrinxida nos seus usos e que parece vivir un certo retroceso, resulta, mesmo como reliquia, enormemente valiosa. Evidentemente, nunha gramática descriptiva non pode pasar de ser un exemplo raro, para o que se procura como máximo información pragmática ou estilística. Nesta liña, Álvarez, Regueira e Monteagudo (1986) notan que é proferido cunha "intención claramente sinaladora e de atracción da mirada do interlocutor cara a persoa do axente da acción que se indica". Pero desde a perspectiva da lingüística xeral o capricho histórico da lingua, que mantén unha construcción tan anómala no conxunto do sistema, é relevante para a comparación interlingüística. Se, por exemplo, contasemos coa posibilidade de reconstruí-los usos latinos dos que procede, poderiamos argumenta-la causa de que perdurara ata a actualidade; esta é a procura habitual na gramática histórica. En cambio, desde a perspectiva tipolóxica, que unha construcción apareza en lingua moi afastadas xeograficamente e faladas por comunidades carentes de conexións históricas é, en cambio, indicativa dos fundamentos universais que rexen a linguaxe humana. Por suposto, nesta liña as explicacións psicolingüísticas (en termos de simplicidade ou eficencia no procesamento das mensaxes lingüísticas) ou pragmáticas (en termos de necesidades comunicativas e triunfo dun modelo simbólico para certo tipo de enunciado) resultan realzadas. A suposta diferencia enfática de estilo tamén se reforza na comparación interlingüística: non hai senón que pensar no carácter marcado da estructura existencial en inglés (tipo There is a man, There are flowers in the garden), inicialmente unha estructura con adverbial focalizado como a que nos ocupa en galego.
     Sen tentarmos agora unha explicación para a vixencia da estructura ergativa, o certo é que contamos cun caso marxinal gramaticalmente inexplicable: por moita énfase que se poña, fóra deste caso, as cláusulas do galego non marcan os seus suxeitos coma se fosen obxectos. Se, tal e como propoño, se considerase este uso un efecto da ergatividade residual, non sería para facer do galego unha lingua máis exótica, senón como exemplo de que as linguas románicas, case sempre identificadas no seu comportamento, non son idénticas no que respecta á transitividade. En todo caso, o galego ainda nos ofrece outros entornos tipicamente ergativos (3).



3. A construcción antipasiva

     Desde o traballo de Hopper e Thompson (1980), a transitividade deixou de verse coma o resultado da aparición de determinada función sintáctica (o complemento directo) para contemplarse coma unha propiedade gramatical e discursiva de grande alcance, na que están implicados un feixe de trazos verificables en maior ou menor medida. A presencia de dous actanctes ben caraterizados ou dun verbo que denote acción, a polaridade afirmativa, a volicionalidade, o aspecto perfectivo, o modo real, a axentividade, a afección e a individuación do obxecto garanten que no acto de fala se estean a expresa-los efectos que determinada acción, controlada polo axente, produciron no paciente. Ó tempo, estes trazos permiten calibra-los distintos estadios de cumprimento dunha propiedade eminentemente gradual. Segundo esta hipóteses, as tres cláusulas que se ofrecen a continuación (identificadas pola tradición como transitivas por detentar un complemento directo) non son igualmente transitivas:
     
     gal.:     6a)     Xoán cortou a árbore.
                          Xoán busca piso.
                          Xoán ten frío.

    Por cumplir tódolos requerimentos establecidos na hipótese, (6a) preséntase como un exemplar idóneo de transitividade: describe o efecto que un axente produce volicionalmente sobre un paciente ben caracterizado. Pero en (6b) obsérvase xa un sensible descenso no grao de transitividade en tanto que a acción non se presenta como algo efectivamente realizado (ten aspecto imperfectivo) e, polo tanto, os seus efectos aínda non poden observarse. Ademais, o obxecto non está convenientemente individualizado; non pasa de ser unha etiqueta lingüística que non se dá actualizado no discurso. En lugar de buscar un determinado participante do tipo 'piso', Xoán anda a buscar algo menos preciso; un fogar ou algo semellante. Finalmente en (6c) obsérvase un grao de transitividade inferior: nin o participante obxecto está individualizado, nin se trata dun paciente afectado polo estado de cousas, nin aparece acción ningunha o resultado da cal se poida transferir.
     Pois ben, as linguas do mundo amosan tendencia universal a adicar unha expresión específica á transitividade, sexa seguindo o patrón acusativo, sexa seguindo o ergativo. En coherencia coa hipótese da transitividade de Hopper e Thompson (1980), a medida que as cláusulas incumpran os requerimentos do patrón transitivo, as linguas tenderán a marcalas como anómalas. A bibliografía sobre ergatividade indica como neste contexto de descenso da transitividade prototípica, tende a aparecer unha construcción chamada antipasiva e que en certos marcos é tida coma unha "transformación" da ergativa propiamente dita. Con datos de Givón (1985: 93) podemos observa-los seus efectos en newari:
     
     new.:     7a)   wo misa-yata            a                  yal      -a
                          a muller-DAT    mango (ABS)   gustar- PERF
                          'Á muller gustoulle o mango'    
     
                  7a)   wo manu-ya     ni-mha          maca          du
                          o home-DAT   dous-corpo    fillo (ABS)   haber
                          lit.: 'Hai dous fillos para o home'   
                          'O home ten dous fillos'
     
     A construcción antipasiva supón unha inversión de marcas: A perde o caso marcado que lle caracterizaba e pasa a expresarse no caso non-marcado, mentres que P se degrada marcándose cun caso oblicuo ou ben elidíndose completamente. Esa devaluación do obxecto fomenta que a cláusula se interprete como intransitiva. Con datos do dyirbal, tal e como os presentan Foley e Van Valin (1984: 168) P é o punto de mira habitual (o pivote pragmático) e, daquela, exprésase cun caso non-marcado. En determinadas situacións este participante perde relevancia e xorde a construcción antipasiva, que posibilita que argumentos non-pacientes ocupen esa posición salientable no discurso que P deixara vacante:
     
     dyir.:     8a)   Balan dugumbil       bangul           yara-ngu       bura-n
                          muller ABS          masc (ERG)    home-ERG    ver-PERF
                          'O home viu á muller'   
     
                  8a)   Bayi    yara     bagun         dugumbil-gu    bural-na-nu
                          ABS   home  masc (ABS)   muller-DAT   ver-ANTI-PERF
                          'O home viu á muller' 
     
     Pois ben, a hipótese de continuidade entre os tipos lingüísticos permite considerar que as linguas acusativas coñezan tamén este tipo de construcción. Parece haber acordo bastante xeral (Silverstein 1976, Heath 1976, Foley e Van Valin 1984, Givón 1991, Moure 1995) en que as estructuras antipasivas poden transcende-lo grupo das chamadas linguas ergativas, unha hipótese tanto máis aceptable de considerarmo-los tipos lingüísticos como entidades graduais.
     Inicialmente Silverstein (1976) chamou antipasivas ás construccións biactanciais cun participante en absolutivo e outro en oblicuo ou elidido. Pero axiña Heath (1976) ampliou o termo recoñecendo varias clases de antipasividade distintas que apenas teñen en común un cambio no punto de vista motivado pola degradación sintáctica do P. O problema, desde o meu punto de vista, radica en que tal vez se estea ampliando o concepto inutilmente. Unha cousa é elimina-la fronteira entre acusatividade e ergatividade e outra ben distinta é xustificar calquera alteración sintáctica apelando ó exótico modelo antipasivo. De entre a enorme cantidade de comentarios que durante a última década se produciron a este respecto, valla como exemplo a proposta de Givón (1991) que interpreta como antipasiva en inglés toda cláusula na que se teña eliminado un P xenérico do tipo de:
     
     ing.:     9a)   Speeds kills 
                9b)   John has already eaten
                9c)   John drinks a lot
     
     Deste xeito, a antipasiva acaba identificándose coa elisión de P ou a súa codificación a través de mecanismos inesperados. Pero a construcción antipasiva das linguas acusativas non precisa ser un calco da antipasiva característica da ergatividade porque tal variación non é unha simple alteración de casos, senón un xeito de dar cobertura diferente ás funcións semánticas e de altera-la relevancia discursiva dos argumentos. A construcción antipasiva suporía que:
     a) O participante expresado no caso marcado pasa a detenta-lo caso non-marcado;
     b) O participante expresado no caso non-marcado é degradado sintacticamente cun caso oblicuo ou coa total elisión;
     c) Como resultado desta transformacilón invértese o punto de vista do estado de cousas e obtense unha interpretación menos transitiva.
     Deste xeito séguese atendendo á antipasividade clásica das linguas ergativas pero tamén a unha posible antipasividade desde o reparto acusativo. Obsérvense agora as seguintes estructuras do galego:
     
                10a)   Á máquina estoupoulle o motor 
                10b)   A Alfredo gústanlle os xelados
                10c)   Ó neno caeulle o vaso
                10d)   Dóeme a cabeza
     
     A tradición gramatical hispánica, herdeira da francesa, analiza estas estructuras como cláusulas biactanciais con complemento indirecto pero, á marxe da estraña sorte de tal etiqueta sintáctica nese marco, a esta visión escápalle a consideración en galego, como en español e outras linguas románicas, dunha estructura caracterizada: a construcción biactancial con complemento indirecto e verbo de estado. A cláusula transloce neses casos unha certa inversión do punto de vista orixinal, que focaliza ó obxecto e arrebata ó suxeito o seu papel habitual de tema. Ademais do carácter pragmaticamente marcado da construcción, está a devaluación semántica do verbo, un estado e nunca unha acción, a pesar da presencia doutros trazos que permitirían unha interpretación máis transitiva. Noutras palabras, diríase que estamos ante unha estructura alternativa, na que se marca a forte devaluación da transitividade. O efecto pódese observar nos seguintes pares:
     
                11a)   O neno rompeu      o vaso
                          Asux                     Pcdir
                11b)   Ó neno rompeulle   o vaso
                          Acind                    Psux
                12a)   Xoán  ve   a paisaxe
                          Asux        Pcdir
                12b)   A Xoán véselle       a intención
                          Acind                     Psux 
     
     A asociación entre a presencia de dous participantes diferenciados e a interpretación transitiva da cláusula é unha tendencia icónica, non unha regra arbitraria, e como tal tendencia pode verse alterada. Pero o sistema de marcas tomará nota dunha transgresión coma esta do seu reparto motivado e marcaraa gramaticalmente. Destas transgresións e dos mecanismos que as linguas habilitan para atendelas xorden os maiores índices de variabilidade sintáctica. Unha construcción con dous participantes tende a ser transitiva pero, se o predicado non enuncia unha actividade, a transitividade non é viable posto que non hai unha acción que se poida transferir. En tales circunstancias, o galego, como algunhas outras linguas, acode á codificación antipasiva e altera o sistema de marcas. Con esta interpretación, as cláusulas do latín nas que o verbo sum se combina con dativo posesivo ou de relación responderían tamén o modelo antipasivo (4):
     
     lat.:     13)   filli                  duo              homini           sunt 
                       fillos (NOM)  dous (NOM)   home (DAT)     son
                       lit.: 'Hai dous fillos para o home'
                       'O home ten dous fillos'
     
     En todo caso, non é necesario instar ás explicacións semánticas ou aspectuais presentes en moitos traballos (Blake 1982, Cooreman 1988) para xustifica-la antipasividade, posto que os valores que esta construcción actualiza en cada lingua son diversos. Máis ben conviría recoller estes indicios de alteración no grao de transitividade da cláusula. De feito, segundo Hopper e Thompson (1980) o uso da antipasiva sería correlativo coa baixa transitividade en máis dun parámetro.
     
     
     
4. Complementos directos coa preposición en
     
     A lingüística románica tense ocupado ata a saciedade dos complementos directos precedidos pola preposición derivada do latín ad e que se atopan, con diferente incidencia, por toda a Romania: en galego, portugués, español, catalán, nalgúns dialectos occitanos e do sur de Italia, en variedades retorromances, sardo e rumano. Por suposto, este interese é máis que lóxico. Unha vez identificado o complemento directo co participante que se relaciona "directamente" co verbo, isto é, sen preposición que actúe como mediadora, a presencia desta anomalía resulta dabondo incómoda para a teoría. En comparación con este grao de detalle resulta aínda máis rechamante o escaso ou nulo protagonismo que o galego concede ó complemento directo precedido da preposición en do tipo de:
     
                14a)   Xoán comeu nas patacas.
                14b)   Xoán anda cosendo na roupa.
                14c)   Xoán non para de ler no libro novo.
                14d)   Está sempre encirrando nel.
                14e)   Quedan poucos libros; non andes regalando neles.
     
     Moitos gramáticos analizarían os complementos das cláusulas anteriores como oblicuos (na ampla gama que vai desde o suplemento ó circunstancial) e acabarían bruscamente co asunto. A postura máis sólida na gramática descriptiva do galego é a que atopamos en Álvarez, Regueira e Monteagudo (1986: 501; 521) onde se alude a complementos directos introducidos pola preposición en tras verbos que expresan unha acción en desenvolvemento do tipo dos exemplos da serie (14). Deste xeito o valor aspectual non descansaría unicamente no verbo senón que transitaría toda a cláusula e notaría a súa marca no complemento directo. Ese valor aspectual asociado á construcción é obvio. Aínda que algo como Xoán sacha nas patacas non podería ser tachado de agramatical, resultaría cando menos pouco aceptable. O consenso na aceptabilidade aumenta de asegurar un contexto claramente durativo: ¿Onde está Xoán? - ¿Onde vai estar? Sachando nas patacas. En todo caso, nunha teoría sintáctica resulta comprometido considerar que Sacha-las patacas se analice como sucesión de predicado e complemento directo e Sachar nas patacas como predicado e suplemento. E isto porque o suplemento lexitímase no feito de que a preposición veña rexida polo verbo e este non é o caso. Pero aínda máis comprometido resulta aceptar un complemento directo con preposición en para unha tradición que lle chama directo por non levar en principio preposición. Agora ben, unha ollada a sintaxe xeral de trazado tipolóxico pode muda-lo panorama.
     En finés, unha lingua cun completo reparto de marcas para o obxecto (Collinge 1984), os complementos directos totalmente afectados pola acción márcanse en acusativo, mentres que os parcialmente afectados se expresan en partitivo:
     
     fin.:     16a)   Juo  -n       maido-n 
                         beber-eu    leite-ACUS
                       
               16b)   Juo  -n        maito-a
                         beber-eu     leite-PART
                         'Bebo (algo de) leite'
     
     Fronte ó complemento directo prototípico expresado en (16a), un complemento directo en caso partitivo úsase nos casos en que, coma (16b) non se introduce un participante no discurso senón unha etiqueta lingüística para actualizar un nome masa. Algo semellante teriamos nos datos do francés que se presentan de seguido:
     
     fr.:      17a)   Je bois le lait               CDIRØ 
                         'Bebo o leite'
                       
               16b)   Je bois du lait              CDIRde
                         'Bebo (algo de) leite'

     A análise tradicional na gramática francesa catalogaba o exemplar de (17b) como CDIR pero facendo unha viravolta conceptual: recoñeca-la existencia dun artigo partitivo que se usaría exclusivamente no caso destes nomes masa. Desde unha perspectiva tipolóxica ese suposto dun artigo (sincrético co contracto) é innecesario; simplemente trátase dunha preposición que marca un CDIR non prototípico.
     De xeito semellante, o acusativo vese reemplazado por un oblicuo de valor locativo en húngaro (Moravcsik 1984: 57) ou en newari (Langacker 1989: 233). Os exemplos son para nós especialmente salientables porque nos permiten comparar un efecto descrito nesas dúas linguas co que intentamos avaliar en galego. Confróntese así:
     
     hung.: 18)     A kenyérbe haraptam 
                         'Como pan' [lit. 'Como no pan']
                       
     new.:  19a)    wa-n        laasaa               daala
                         él-ERG    colchón (ABS)   golpea
     
               19b)    wa-n        laasaa-e            daala
                         él-ERG    colchón-LOC      golpea
     
     Novamente, a afección total ou parcial do obxecto determina esta alteración sintáctica, co que parece lexítimo postular que os complementos directos que se perciben menos afectados polo estado de cousas usen unha codificación distinta da habitual. Segundo Langacker, os obxectos inanimados poden suxeitarse a variación constructivas con maior proclividade cós inanimados polas cualidades físicas das entidades que actualifzan no discurso. O sustantivo colchón designaría unha entidade abondo grande para ser manipulada (ou, o que é o mesmo, obviamente afectada) pero, alomenos, si se trata dun obxecto claramente discernible e individualizado. Nalgunhas linguas, da que o newari sería bo expoñente, este tipo de entidades poden construirse como participantes do tipo complemento directo ou ben é posible que o falante lles outorgue certa énfase como xeito de levar a cabo unha situación marcándoos cunha forma obliqua.
     Finalmente, outras alteracións na codificación do obxecto como a conxugación obxectiva do húngaro (en parte tamén observable en galego), a antipasiva do inuit ou a incorporación do obxecto en nahuatl desencadean alteracións sintácticas semellantes. Estabamos acostumados a que as categorías gramaticais estivesen compostas de exemplares idénticos e inmutables de xeito que calquera forma "distinta" era marxinada e tratada coma excepcional. Cando damos conta destas diferencias sintácticas demostramos que as teorías están preparadas para construír, tamén, unha sintaxe da variación, os usos anómalos e desviados, e non só dos exemplares idealizados.



Conclusións: descripción gramatical e teoría lingüística

     A pesar do pouco que sabemos sobre a orixe da linguaxe e, conseguintemente, do espallamento das linguas primixenias, ou precisamente por iso, o máis sorprendente das linguas naturais é que sexan distintas. Tendemos a pensar que os comportamentos biolóxicos son idénticos nos individuos (aínda que isto non sexa totalmente certo) e que os comportamentos culturais son diferentes (aínda que isto tampouco sexa totalmente certo). A linguaxe, a medio camiño entre o biolóxico e o cultural, maniféstase en linguas aparentemente variadas pero que, tralas evidentes diferencias, mostran abundante material común. Pero o ser humano leva tanto tempo loitando con esas, aparentemente insalvables, barreiras lingüísticas que non lle permiten comunicarse cos veciños inmediatos que ás veces esquece a unidade subxacente ás linguas. Como declaraba Roger Bacon no século XII "a gramática é única en esencia para tódalas linguas e as diferencias externas son simples variacións accidentais". A unidade da gramática a pesar da diversidade obvia das linguas é, unha vez máis, comparable á unidade da xeometría, independente das diferentes formas e tamaños dos diagramas que efectivamente se fagan.
     A medida que a linguaxe se recoñece entre os atributos da especie humana, a variedade das linguas pasa, pois, a un segundo plano; en adiante os estudios lingüísticos non salientarán unhas diferencias ben visibles senón que procurarán a semellanza entre as linguas: se tódalas sociedades humanas desenvolven códigos complexos, que superan as ríxidas posibilidades dos sistemas de comunicación animal, será porque, a pesar das súas diverxencias, as linguas do mundo posúen trazos comúns. Neste sentido, a tipoloxía lingüística, que aparece coma unha das correntes de investigación máis fructíferas na lingüística actual, vénse ocupando da cuestión dos universais (inicialmente contraria ós seus obxectivos contrastivos). Neste marco, trataríase de relaciona-las linguas do mundo mediante patróns tipolóxicos, unha filiación que desborda a pura xenealoxía e o parentesco xeográfico ou cultural para identifica-las solucións que as linguas dan a cuestións gramaticais concretas. Así se entende a importancia de libera-la gramática de descripcións demasiado apegadas a unha lingua determinada. Calquera concepto gramatical que atenda con exclusividade ós feitos dunha lingua particular corre o risco de identificarse cos procedementos con que se reviste nela.
     Noutro sentido, a tipoloxía lingüística vénnos revelando, dun xeito tan notorio coma o da Sociolingüística, o fenómeno do multilingüismo no mundo, moitas veces esquecido desde a visión europea dos Estados fortemente centralistas. A gramática enlaza así cos fundamentos sociais e coa ecolingüística. Críamos ter unha estable teoría gramatical e non nos decatabamos de que adoecía de escasa base empírica. Efectivamente, esa gramática non contaba coas linguas minoritarias pero tampouco era unha cuestión de números. Entre as vinte linguas máis faladas no mundo en millóns de falantes atópanse (Grimes 1992) o bengalí, o peniabí, o xavanés, o birahí, o coreano, o telegú, o tamil ou o maratí e ningunha delas, fóra dos traballos de orientación tipolóxica, é tida en conta pola descripción gramatical. As duascentas corenta e catro linguas faladas en Brasil, as cento sesenta e nove na China, as oitenta e unha faladas en Canadá, as cento noventa e unha dos Estados Univos ou as dúascentas sesenta e seis de Australia e as oitocentas sesenta e sete de Papúa-Nova Guinea tamén teñen dereito a entrar na descripción gramatical.
     Nos últimos anos os estudios neste campo foron comprometéndose na defensa da variedade das linguas e do seu uso social. O ritmo vertixinoso ó que se están perdendo linguas faladas por grupos "periféricos" impulsa unha lingüística comprometida sobre a extinción: se non cuidamos da nosa riqueza e diversidade lingüística en poucos anos desaparecerán centos de linguas. Varios séculos de investigación lingüística reveláronnos que cada lingua supón unha peculiar óptica ante o mundo: a perda de linguas é a perda doutras tantas visións particulares, sistemas de crenzas e produccións estéticas que a humanidade xerou desde os seus comenzos. O imperialismo lingüístico das grandes potencias económicas e o acoso que as súas linguas impoñen ás variedades minorizadas non vai servir, contra o que moitos pensan, ó mellor entendemento dos seres humanos. O enforque xeralista e contrastivo da tipoloxía lingüística permítenos explicar fenómenos locais da sintaxe, coma os tres que nos ocuparon neste traballo. Estes fenómenos, vistos desde unha soa lingua poden pasar por curiosidades puntuais. Só cando se enlazan con principios máis xerais, que rexen universalmente nas linguas, esa curiosidade convértese nun aspecto de notable interés para a teoría lingüística, capaz de desplazar a atención do gramático das linguas habituais na descripción cara ás linguas minoritarias e, finalmente, prevén os falantes de cultivar esas peculiaridades onde descansa, tamén, a idiosincrasia da lingua.






Referencias bibliográficas

Álvarez, R; X. L. Regueira & H. Monteagudo (1986): Gramática galega, Vigo, Galaxia.

Blake, B. (1982): "The absolutive: its scope in English and Kalkatungu" en P. Hopper e S. Thompson, eds., Syntax and Semantics, 15: Studies in transitivity, New York, Academic Press, 71-94.

Collinge, N. (1984): "How to discover Direct Objects" en F. Plank, ed., Objects. Towards a theory of grammatical relations, London, Academic Press, 9-27.

Comrie, B. (1979): "Degrees of Ergativity: some Chukchee evidence" en F. Pland, ed., Ergativity. Towards a theory of grammatical relations, London, Academic Press, 219-240.

Cooreman, A. (1988): "The antipassive in Chamorro: variations on the theme of transitivity" en M. Shibatani, ed., Passive and voice, Amsterdam-Philadelphia, John Benjamins Pub. Co., 561-593.

Foley, W. & R. Van Valin (1984): Functional syntax and universal grammar, Cambridge Univ. Press.

Givón, T. (1984): Syntax: a functional-typological introduction, Amsterdam-Philadelphia, John Benjamins Pub.

—— (1985): "Ergative morphology and transitivity gradients in Newari" en F. Plank, ed., Relational typology, Berlin, Mouton Publishers, 89-107.

—— (1991): "Isomorphism in the grammatical code: Cognitive and biological considerations", Studies in Language, 15/1, 85-114.

Grimes, B. ed. (199212): Ethnologue: Languages of the world, Dallas, Summer Institute of Linguistics.

Heathe, J. 81976): "Antipassivization: a functional typology", Proceedings of the second Annual Meeting of the Berkeley Linguistics Society, 2002-211.

Hooper, P. & S. Thompson (1980): "Transitiviy in Grammar and Discourse", Language 56/2, 251-299.

Langacker, R. (1989): "Settings, participants, and grammatical relations" en S. Tsohatzidis, ed., Meanings and prototypes. Studies on linguistic categorization, London, Routldge and Kegan Paul, 213-238.

Moravcsik, E. (1984): "The place of direct object among the noun phrase constituents of Hungarian" en F. Plank, ed., Objects. Towards a theory of grammatical relations, London, Academic Press, 55-85.

Moure, T. (1995): "Gradaciones tipológicas: Evidencias de la ergatividad en lenguas acusativas", Verba 22, 397-428.

—— (1996): La alternancia no-discreta en lingüística. Una perspectiva histórica y metodológica, Univ. de Santiago de Compostela.

Nedjalkov, V. P. 81979): "Degrees of Ergativity in Chukchee" en F. Plank, ed., Ergativiy. Towards a theory of grammatical relations, Londres, Academic Press, 241-262.


Plank, F. (1985): "The extended accusative/restricted nominative in perspective" en F. Plank, ed., Relational typology, Berlin, Mouton Publishers, 269-310.

Silverstein, M. 81976): "Hierarchy of features and ergativity" en R. Dixon, ed., Grammatical categories in Australian Languages, Canberra, Australian Institute of Aboriginal Studies, 112-171.





NOTAS
——————————


1 Quero expresa-lo meu agradecemento a Javier Rivas, incansable crítico e fervente colaborador. En moitas horas de comentarios e discusións chegamos a estar moderadamente de acordo sobre as cuestións que se tratan neste traballo. O entusiasmo con que el recibiu as miñas primeiras investigacións nesta materia proporcionáronme a satisfacción e o estímulo necesarios para seguir traballando.
2 Para a consideración da ergatividade coma un parámetro gradual vid. Comrie (1979), Nedjalkov (1979), Plank (1985) e Moure (1995).
3 Probablemente o uso das formas oblicuas do pronome persoal como segundo termo das comparativas pode ser tamén sintomático de certo grao de ergatividade. Compárese, neste sentido, o galego Xoán é máis alto ca mín ou o inglés John is taller than me co español Juan es más alto que yo, con pronome persoal suxeito.
4 As construccións chamadas de suxeito en dativo que a cotío se citan para o newari ou o kannada (Givón 1984: 143) responderían igualmente a esta visión: trataríase de antipasivas.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega