As debandadoras de seda

 

Texto íntegro

 

v9marilaraleixandreasdebandadorasdeseda.html

                                                                                    A Pauline Khng

dedos como vermes
das debandadoras de seda en Suzhou
é a auga quente a que enruga a pel
suave como auga
as coxas dunha rapaza de trece anos
suave como o sangue
do decrú
Yes, Mister, she is a virgin

as debandadoras matan aos vermes da seda arrolándoos
na auga fervendo
con agarimo
antes de debandar o fío
dous mil chi de fío nun casulo
cen dólares
para mercarlle aos país unha rapaza
en Cheng-Mai:

logo que o verme morre
nun delirio de calores
cómpre debandar o fío axiña
apurar, apurar, en poucos minutos
antes de que a podremia lixe a seda
estrague a súa brancura
neste clima dos trópicos todo acontece rápido
a madureza das mulleres
ten dezaseis anos, xa non é unha nena
non vale ese prezo

o verme da seda
corroído por unha fame ancestral
en poucas semanas
devora cincuenta mil veces o seu peso
nalgures, as debandadoras comen os vermes
corroídas pola fame
ou lembranzas da fame
nalgures, pola fame
cincuenta mil rapazas
devoradas polo comercio sexual
nalgures, corroídos desde dentro
homes que comercian coa carne
como vermes

o verme da seda
ennobela as súas babas
cisma oitos sobre oitos de fío
leve mortalla da que non sairá voando
oitos deitados, un tempo infinito
fío negro debandado polas Parcas
infinitas as baballas do estranxeiro
sobre a túa lingua de nena
tradeando nun corpo miúdo
todo un continente
riscando de novo na pel
as fronteiras dun imperio
descomposto

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega