As mil horas

 

 

v2albertemomanasmilhoras.html






As mil horas non é unha proposición de vangarda, non é, nin tan sequera, unha proposición. Trátase, unha vez máis, dun fragmento dunha vida tan real como propia, apta para todos os públicos, pero nunca obrigatoria.











A miña única pretensión na poesía é que o que perdo
coa erección sexa o que teña gañado cos preliminares.













A escaleira










baixei para parar no terceiro
no chanzo número tres
despois dubidei
subir un para volvelo baixar
e fiquei outro anaco
ollando para o meu rostro no metálico do pasamáns
non había marcas doutras pegadas
fóra das miñas
e o rostro
            lixeiramente distorsionado
non deixaba de asemellarse ao meu
serio
            desta volta
procurando mostrar indiferenza











unha hora tras doutra
na escaleira
as olladas de quen baixaba
ou subía
cheas de desconfianza
facíanme virar o rostro cara outro lado
o tempo converteuse en lousa
e o gris sombrío da escaleira
veuse a min
            ameazante
facéndome quebrar as intencións últimas











doe un pouco cando o frío ebrio
das lousas chega ao esfínter
por medio do pantalón vaqueiro

a escaleira sempre sempre permanece lixada
por moito que un pretenda limpala
quedando cun horrible cheiro a desinfectante
e ao po da vida que a foi erosionando
para facer cavernas na súa superficie
abrupta xa
formando un ecosistema propio e particular

doen as horas na escaleira










e un nunca sabe cara onde virarse
en canto sube ou baixa alguén
sempre un breve instante de dúbida
unha infausta confusión
a corrección do erro
e o regreso á desconfianza
logo o tempo que pasa
e a desconfianza vírase obsesión
ate que un dá en marchar
nese momento
todos son corpos falando polo baixo
na penumbra dos andares
como se non houbese bares
e momentos máis propicios para a discusión










a escaleira foi feita para descansar
para agardar a que a luz
automática
se apague
ou para obrigarnos a correr entre chanzo e
chanzo
con medo a quedar ás escuras
e caer










a min non me gusta agardar na porta das
vivendas
sempre me toman por un delincuente
así que quedo na escaleira
sorprendo aos veciños
ao aparecer en canto a luz se acende
e saudando con timidez
como quen pretende ocultar
as probas dun delito















A rúa e o frío










dende fóra os edificios son fríos
sobre todo no inverno
con portais que limpan industriosas señoras
con resignación
deixando un espazo
en canto advirten que alguén se achega
e pedindo perdón

eu aprendín a dicir
non sei aínda ben en que idioma
desculpe vostede que está traballando
pero ninguén parece comprender










á hora de agardar
non me molesto nin en achegarme ao portal
do edificio
quedo a uns pasos de distancia
mirando para todas partes
evidenciando a espera
para non semellar sospeitoso

ollo o reloxo unha e outra vez
e se cadra fago que falo por teléfono con alguén

os que agardan son ociosos e maleantes
portadores de todos os vicios










ás veces sento nun recuncho escuro
da rúa ou de calquera outro lado
temendo sempre manchar o cu do pantalón

vou sempre prevido para a friaxe
sendo por iso que dou en suar
moito
e miro para os lados pensando nos que
se decatan preguntándose
que estará a facer ese que tanto súa?

en canto deixo de agardar
vou para un bar
e tomo sempre unha primeira cervexa
engulíndoa sen respirar










os edificios públicos
son malos lugares de espera
á noite contan con cámaras
e un garda xurado que non se despega
das miñas costas
ate que marcho
logo ségueme coa ollada
mentres me perdo de vista
e fala
            se cadra
pola radio
non sei se cun alguén imaxinario















Bares










nos bares non son quen de agardar
sento e pido algo de beber
mirando para todas partes
sen nada que facer

cando está á vista
collo un xornal
            ás veces
e fago que leo algún artigo
sen saber ben de que me está a falar

consumo rápido a miña bebida
para saír e agardar fóra











a soidade nos bares
é como a permanencia dunha parella
en rigoroso silencio
por iso sempre quedo a mirar para os que non falan
preguntándome as causas
as razóns últimas
ás veces permanecendo eu calado durante moito tempo
ate que xurde unha pregunta
e véxome na obriga de responder










as conversas nos bares sempre son
o fútbol
o traballo
os fillos
            baixo a perspectiva de pais oufanos pola súa creación
ou non tanto
visións particulares sobre o estado das cousas


eu nunca sei que dicir cando o meu interlocutor cala
ás veces é o tempo
ou o último filme visionado
outra un sinxelo pois si
logo pérdome nalgún rostro suxerinte
e esquézome de inventar unha razón para falar

co tempo obsesiónome cos aspectos aburridos
do silencio
e vou ao gran cun
que pensas?















Nus










vexo espirse os rostros
e sinto unhas cóxegas que soben do estómago
e van cara o nariz
como o champaña

fico durante moito tempo ollando
as partes visibles dos corpos
as mans
pernas
brazos
en calquera lugar nos que estou afeito
a agardar
despois relaciónoas con aquelas que coñecín
que biquei ás veces
e sorríolle á contemplación

fago poesía
ou iso creo
mentres canto
sorrío
ou escoito algún tipo de música
The Doors están ben
pero todo depende do momento










hai tamén quen imaxina un amante
estupendo
pero as pernas frouxean
obsesionadas co que poden ofrecer
tamén con delicadeza
obsesiónome con dar pracer
un pracer multiorgásmico
para disimular as miñas eivas
que por outra banda
son imaxinables
pero gústame agardar
co tempo fun aprendendo a aprecialo
así que me vou deixando para o último momento
para marchar como nunha fuxida










non me importa pasearme nu
tampouco erecto teño reparo
son reminiscencias doutros tempos
tamén por que adoro o xesto dun rostro virxinal
sorprendido polo prohibido

vou ao baño e regreso
un chisco incómodo polo que me espera
polo que agradezo un sorriso cómplice
e a comprensión condensada nunha caricia










prefiro sacar a roupa interior
e fixarme nos perfís da carne
nas engurras e nos pequenos detalles
da porosidade da pel

gústame memorizar o corpo todo
e examinarme unha vez comprendida a lección
coñecer os puntos onde doe
e onde non
aqueles que deixan sen alento
e aqueles que nos obrigan a aspirar
o aire todo

son como un aparello multifunción
na sala dalgún hospital















A despedida










as despedidas son sempre complexas
nunca sei como dicir que sinto unha forte
apatía postcoital
e os bicos alónganse facéndose eternos
as horas doen como un parto
pero sempre gardo unha caricia para ese instante
e a despedida dolorosa dun amante namorado










xustificar a miña marcha
sendo unha persoa ociosa
é sempre difícil
para iso se inventaron as enfermidades
pero malia todo non sufro de hipocondría
os meus males existen
aínda que estean só na miña mente

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega