Autopoética

 

[Texto íntegro]

 

v9quirogaautopoetica
Non é un amigo, nin sequera é un compañeiro ou camarada de viaxe, o tempo é unha sombra obstinada coa que día a día nos acostumamos a camiñar. Cremos que somos nós os que a levamos, os que a portamos como se porta un triste fardo co que hai que cargar porque un estraño pecado capital así nolo impuxo, desde sempre. Pero non. Ca! E ela a que, polas costas e a traizón, por veces aliada coa noite ou tapada polo sol, é ela, digo, a que nos empuxa, a que nos leva, a que nos afala como se quixese chegar a tempo á estación da desfeita, alí onde se amorean os anos e os recordos, alí onde esmorece a conciencia e se lle pon o ramo a todo camiño.

O tempo, si, ese malnacido morico de minutos que por veces atalla polas congostras do pensamento e por veces se perde á mantenta por solares baleiros ou chousas sen fin, o tempo é unha coitelada que se espeta no siso e que sen do fura nel até que, pinga a pinga, caemos algo así coma na trampa do desazo.

Porque el ten ese poder: o tempo todo o pode.

Por moito que pensemos o contrario, malia que unha e outra vez queiramos someter canto nos abeira, recoñezamolo xa, por dentro os humanos somos criaturas débiles que devecen no amargor de cada intre.

Se cadra por iso, para non caer de novo onde doe, fuximos asombrados cara adiante e nos vertemos escribindo, porque, que é escribir senón verterse cada dia?

Se cadra tamen e por iso polo que escribo historias... Para verterme e para queixarme, simplemente, do constante e pertinaz paso do tempo.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega