Auto do Entroido

 

 

v3manuellourenzogautodoentroido.html
     Escenario baleiro de personaxes. O público, no seu lugar, agarda.
     Empézase a oír unha especie de ladaíña lonxana que se vai achegando pouco a pouco: é o CORO dos procesionarios repetindo compasadamente todos a unha voz:


Rampatamplán     Rampatamplán
Rampatamplán
     Rampatamplán
Rampatamplán
     Rampatamplán
Rampatamplán     .....

     Ao mesmo tempo, superpoñéndose, voces e lamentos en triste queixa discordante, mesturados de cando en cando con sons inconcretos (asobíos, tracas, ruxidos, gargalladas...)
     O CORO das voces vaise achegando, aumentando o seu volume.
     Entra a tropa no local ou lugar da representación. Entran por detrás do público e percorren polo medio o corredor que os leva ao escenario. Veñen simulando unha procesión de almas en pena. Diante vén o REI, teso, sereno, silencioso. Tras del, os PAXES, tamén silenciosos ainda que facendo acenos co corpo e coa cara; portan en alto a figura do ENTROIDO; andan coma se fosen bailando, dun lado a outro do camiño; dan voltas coma os cabezudos, dan pasos adiante e atrás, brincan, etc. A certa distancia, a tropa vai en fileira de a dous ou tres, sen moita orde, portando cada un o seu facho aceso para guiárense na noite da que proveñen. Andan paseniño, coma se estivesen moi cansos, marcando con certa regularidade o paso da súa cantinela, o "rampatamplán ". Xesticulan ás veces, deixan sair algún laio, algunha gargallada rouca e escura, algún asobío...
     No intre en que a tropa estea perto do público, é dicir, en canto poidan ser ben oídas as súas voces, enlazarán o monótono e obsesivo "rampatamplán " coa serie de estrofas transcritas máis abaixo, procurando que con isto se cubra o traxecto ata chegar ao lugar da representación. A recitación farase do xeito seguinte: o CORO, a viva voz e mantendo o ritmo do "rampatamplán ", di a estrofa primeira; continúa un recitante solista, calquera (PERS. 1), coa estrofa seguinte tamén a viva voz; o CORO acompañarao recuperando o "rampatamplán rampatamplán /rampatamplán... ", baixando o volume para que poida ser escoitado o PERS. 1, remarcando a súa voz con esta música primitiva e tebrosa. O ton de voz do PERS. 1 será lastimeiro e desmesurado. É importante facer coincidir o ritmo recitativo entre el e o CORO: cada medio verso do recitante, un "rampatamplán ". En canto o PERS. 1 remata, o CORO, de novo a viva voz, continúa coa segunda estrofa, repitíndose este esquema cos seguintes recitantes solistas (PERS. 2, PERS. 3...)


CORO

                     ....rampatamplán
Rampatamplán   rampatamplán.
Rampatamplán   abride camiño
Rampatamplán   andade, fantoches,
Rampatamplán   seguídelle os pasos
A aquel que nos guía   na negrura da noite
PERS. 1. Ollade para o chan    non tropecedes
Que o demo vos leve   aos que caiades
Non hai máis camiño   para os que perden o rumbo
Tras de vós imos nós    tras de nós ¿quen o sabe?
CORO Rampatamplán   abride camiño
Rampatamplán   andade para adiante
Rampatamplán   seguídelle os pasos
A aquel que nos guía   por enriba dos mares.
PERS. 2. Marea que sobe   marea que baixa
A onda máis grande   desfaise en escuma
O tempo é un mar    que non ten ribeiras
¡Ai daquel que naufraga   na súa negrura!
CORO. Rampatamplán   abride camiño
Rampatamplán   andade sen demora
Rampatampián   seguídelle os pasos
A aquel que nos guía   pola senda da historia
PERS. 3. Victorias e derrotas   amoríos e sufrimentos
Risos e máis risos   lamentos e lamentos
Ollade para o chan:   as herbas que pisades
Onte non existían,   mañán serán esterco
CORO. Rampatamplán   abride camiño
Rampatamplán   andade sen perda
Rampatamplán
   seguídelle os pasos
A aquel que nos guía
   por debaixo da terra
PERS. 4. Nós somos as almas   dos que xa morreron
E dos que aínda están vivos   e dos que han de nacer
Somos a alma da noite   e do mar e do vento
De todo canto xermolou   e ha de fenecer
CORO. Rampatamplán   abride camiño
Rampatamplán   andade para adiante
Rampatamplán   seguídelle os pasos
A aquel que nos guía   polos camiños das idades


     Conforme pasan, irán pousando os fachos cada un nun lugar previsto.
     Máis ou menos na metade da recitación estarán xa situados no escenario e iranse colocando sen deixar de moverse compasadamente ao ritmo das voces. Colocaranse con notoria desorde, ocupando toda a escena, ainda que en posicións previamente acordadas segundo os movementos que vaian facer a continuación. A tropa proseguirá co seu obsesivo "rampatamplán 11, ata pasar ao seguinte recitado. O REI situarase, dignísimo, no centro da parte anterior, perto do seu asento ou do elemento que faga tal función. Os PAXES depositan o ENTROIDO no medio do amplo espacio que quedará entre o REI e o público, ficando a tropa, por agora, a rebulir sen parar en torno a todos eles. A recitación dos textos que veñen a continuación farase de forma combinada entre os PAXES e os compoñentes do CORO, e terá un aire festivo: xestos cómicos e desmedidos, igual que as voces, desprazamentos pola escena, brincos, algún chumbalagato, posturas arlequinescas, tráxicas e cómicas... Nas mesturas de voces buscaranse tons acordantes e tamén discordantes. O ritmo recitativo será veloz e sen pausas, procurando con todo isto o máximo de acción.
     O son do "rampatamplán " vai declinando en canto a tropa se dá colocado no escenario. Acaba por desaparecer e entran as novas voces:

 

PAXES. Aquí vimos, aquí estamos,
Esta tropa vagabunda.
1 PERS. Vimos porque nos escoitedes
E olledes para nós
1 PERS. Pois somos coma vós
Aínda que parezamos unha marabunta.
2 PERS. Os anos pasados tamén estivemos
Sen que vós o souberades.
1 PERS. Estivemos nas vosas casas, nas rúas e nos montes
Aló no máis escuro da noite.
1 PERS. Alí onde reinan o sapo e a cobra.
1 PERS. Alí onde a lúa se agacha do sol
1 PERS. Onde o vento se fai música e roxe
3 PERS. Onde mouran os mouros e as fadas se enfadan,
Na fonte onde manan os soños dos homes.
PAXE 1. Aquí vimos, aquí estamos
Esta tropa singular
PAXE 2. Para facer, unha vez máis,
Que se cumpra o ciclo do Tempo
5 PERS. En que todo nace, vive e morre
E todo volta a empezar.
PAXE 1. Nós somos os espíritos dos antigos
PAXE 2. Os vellos costumes vimos reclamar
5 PERS. E agora que é tempo do Entroido
Cunha festa o imos celebrar.
PAXE 1. Todos estes que aquí vedes
E outros que andan aí polo medio
Nalgún tempo tamén foron xente
E xa vedes no que deron.
PAXE 2. Todos sufriron males, tristuras,
Inxustizas e penas sen conto
E todos morreron de mal morremento
E non atopan descanso no seu cadaleito.
PAXE 1. E agora van polo mundo, coitados,
Pedindo xustiza e condenación
PAXE 2 Pedindo o que pediriades vós
Para o culpábel dos seus pesares.
PAXE 1. ¿E quen é? ¿quen é?, vos preguntaredes
Pero ¿e que aínda non o sabedes?
PAXE 2. ¡Pois que volo digan eles mesmos
Que, ainda que mortos, conservan a voz e o xesto!
PAXES. Decide, veciños,
Romeiros sen camiño e sen consolo,
¿Quen é o culpábel das vosas coitas?
TODOS P. ¡O Entroido! ¡O Entroido!
PAXES. ¿Quen vos fixo tanto mal en vida
que aínda vos doe estando mortos?
TODOS P. ¡O Entroido ten a culpa!
¿Toda a culpa a ten o Entroido!
PAXES. ¿E que pedides, veciños?
¿Que reclamades deste foro?
TODOS P. ¡Xustiza! ¡Pedimos xustiza!
¡Xustiza por riba de todo!
¡Descanso para as nosas almas
E morte para o Entroido!

 

     O último verso dirase con voz moi forte. Seguiralle un silencio tenso, moi contrastado co bulicio anterior. Mentres os PAXES rematan co que vén a continuación, o resto da tropa empezará un murmurio nasal baixo e rouco que irá en aumento, nun ton claramente ameazador, acompafiado con acenos alporizados ainda que moi lentos, esaxeradamente lentos, dirixidos contra o ENTROIDO; os corpos iranse desprazando en derredor seu.


PAXE 1. Xa está no seu lugar o Tempo, noso Rei, 
No centro mesmo do altar.
PAXE 2. Os mortos e os vivos arremeten
Non teñen paciencia para agardar.
PAXE 1. E aí está, prisioneiro dunha estaca.
Vestido coma un lacazán,
O mal demo do Entroido
Trampulleiro e mentirán.
PAXE 2.  O Entroido vai ser xulgado
Por todos cantos aquí están.
PAXE 1.  Todos cantos teñan algo que dicir
Neste estrado falarán.
PAXE 2. Xa veremos que tal sorte lle agarda,
¡Empece o xuizo xa!
PAXES. ¡Para divertimento dalgúns
E escarmento dos demais!
PAXE 1. E como corresponde
En toda ocasión e lugar,
PAXE 2. Ten a palabra o Tempo, noso Rei, 
Sexa el o primeiro en falar,

 

     Os PAXES retíranse cunha reverencia aos dous extremos dianteiros do escenario. O murmurio da tropa continúa elevándose e está xa nun ton estentóreo. De súbito, o REI dá un golpe coa súa caxata no chan. O CORO fica en silencio e inmóbil, cadaquén paralizado no xesto en que estaba cando o REI deu o golpe; a tropa figurará un cadro de imaxes grotescas e arrepiantes.
     O REI érguese, solemne, e avanza. Fala moi a modo, con voz fonda, alongando as sílabas.

 

O REI. Eu son aquel que non nace nin morre
Eu son aquel que non ocupa ningún lugar
Eu son aquel que non bebe nin come
Nin traballa nin descansa
Nin está desperto nin dorme
Nin fala nin deixa de falar.
Eu son o Tempo...

 

     Cando o REI di "Eu son o Tempo ", o CORO comezará a repetir en voz baixa "El é o Tempo / El é o Tempo / El é o Tempo...", facendo de fondo ao resto das palabras que lle quedan por dicir ao REI. Co mesmo ritmo, iranse movendo lentamente ata chegar a ocupar o sitio que previamente tivesen acordado cada un, de xeito que queden facendo coma un semicírculo aos dous lados do trono do REI, entre o un e o outro PAXES.
     O REI, alleo a todo isto, prosegue coa súa recitación:

 

O REI. ... Pai e máis nai de todo canto existe.
Principio e final e tránsito. 
Eu son o camiño e máis o andar
Son o mar e son o soterráneo
Son o lume que arde e o leño que se queima
Son o vento que zoa
Son o auga do río, o raio da tronada
Son unha pinga de xeada derriba dunha flor
E son tamén esa flor.
Todo son e todo me pertence
Porque todo está feito de min
O mundo é a miña substancia 
Eu son o principio e o fin.

 

     Cesa o acompañamento do CORO. Tras as palabras do REI falarán os PAXES, sentándose cada un despois no chan.

 

PAXE 1. A el pertencemos
El é o Tempo, noso Rei.
PAXE 2. Na vida e máis na morte
Todos formamos parte del.

 

     Tras disto, comezando polo lado esquerdo, o primeiro personaxe do CORO repetirá estes mesmos catro versos anteriores, pero de maneira que en canto diga "... noso Rei ", mentres el segue cos dous versos restantes será o segundo personaxe quen comece a mesma estrofa, repetindose a secuencia en todos os personaxes do CORO ata rematar no outro lado. En canto esta especie de onda chegue ao final, serán todos xuntos, é dicir, CORO, os que reciten, ben forte, os dous versos últimos. Ao mesmo tempo cada personaxe, tras dicir os versos, irase sentando no chan. A continuación falará o REI:


O REI. Eu son o que foi, o que é, o que ha de ser
E tamén o que non foi nin será. 
Quen non está en min non ten existencia
Pois só eu son.

 

     O REI, maxestosamente como sempre, avanza e achégase onda o espantallo. Óllao detidamente.

  

O REI. ¿Quen é este vasalo meu
A quen hoxe hei de xulgar?

 

     Os PAXES, os dous a un tempo, solícitos e teatrais, dun chimpo sitúanse onda o REI e o ENTROIDO.


PAXES.  Este é o Entroido trapalleiro
Lacazán e faranduleiro.
O REI.  Boa facha non che ten
Semella un pouco choqueiro
E ten cara de can, ¿ou de ovella?
O pobre está nos ósos
E atarece co frío.
Imos xulgalo, pois.
Escoitemos a voz popular.
Quen saiba algo, que fale,
Quen non, que cale e deixe falar.

 

     O REI vaise sentar no lugar previsto, que ha ser elevado. Os PAXES póñense a dar voltas arredor do ENTROIDO, acenando aparatosamente.


PAXE 1.  Vai comezar o xuízo! 
PAXE 2. ¡Por fin chegou a bronca!
PAXE 1. O Entroido está na palestra
E os testigos en derredor
PAXE 2.  O Rei no seu trono escoita
Antes de tomar decisión.
PAXES. 0 ceu estremécese! ¡Arde a terra!
¡Tremen os homes de rabia e de espanto! 
Pero todos claman: ¡Bronca, bronca, xuízo!
¡Carraxe, aniquilación, quebranto!

 

     Conforme medra a excitación nos dous PAXES, os personaxes do CORO mostraranse inquedos, simulando falar entre eles e xesticulando en contra do ENTROIDO. Por veces, mentras falan os PAXES, repiten palabras e expresións súas: "¡Bronca!... ¡Carraxe!... ¡Xuízo!... ¡Bronca!... ¡Aniquilación.!... ¡ O ceu estremécese, arde a terra!... " Algúns levántanse. Rematan por formar pequenos grupos, ficando uns en pé, outros en xeonllos, sentados, etc. , sen perder a estrutura semicircular.


PAXE 1. ¡Roxe o mar!  
PAXE 2. ¡Brúa a montaña!
PAXES ¡O lume flamexa de xenio e de espanto
Para facer máis fortes as queixas
Dos que aquí están congregados!
PAXE 1. ¡Adiante, compañeiros, falade!
PAXE 2. ¡Falade para que o Tempo vos escoite!
PAXES. ¡Falade, e que as vosas voces
sexan as voces de cantos viven na noite!

 

     A partir de aquí comezan os parlamentos dos que teñen cargos e acusacións contra o ENTROIDO. Esta é a parte da peza que mellor se presta a ser elaborada polos propios actores, tanto na redacción dos textos como na súa posta en encena. Os textos que aquí damos son só mostras que se poden utilizar ou substituír. Agás onde se sinala, os papeis poden ser representados por homes ou por mulleres.
     Se ata agora a obra se baseaba na actuación coral sobre todo, compoñendo cadros de voces e xestos en conxunto todos os personaxes, nas seguintes encenas sustentarase case por enteiro en actuacións individuais, nas que o CORO simplemente destacará certas pasaxes, será contrapunto doutras, e acompañará por veces coma un mar de fondo a recitación de cada un.
     Os recitantes irán saíndo ao centro do estrado cando lles corresponda, non pola orde en que están colocados. Mellor que estean salteados. O resto do CORO seguirá en semicírculo, aínda que xesticularán e se desprazarán polo lugar canto conveña.
     Primeiro recitante (PERS. A). O CORO manifestará, ademais do que se sinala abaixo, unha actitude animosa en favor do falante. Falarán entre si coma se comentasen a súa declaración, acompañándoa con xestos de aprobación.


PERS. A. Sexa, pois, veciños, 
Comecemos a falar,
Que moito temos que dicir hoxe
En contra deste langrán.
1 PERS. ¡Fala ti primeiro, para que sirva de aviso!
1 PERS. ¡Fala ti primeiro, que a min dáme o riso!
PERS. A. Aló na igrexa de Vilasede
Eu fun, xa hai anos diso, sacristán.
Eu era querido de todos
Pois a ninguén fixen mal:
Nin roubaba do peto das ánimas. 
Nin nos oficios cobraba de máis, 
Nin andaba coa criada do crego, 
Nin lle daba patadas aos cans...
1 PERS. ¡Era un santo de home!

 

     Outros do CORO repetirán sucesivamente uns aos outros: "¡Era un santo!... ¡Era un santo!... ", en tanto continúa o PERS. A. co seu discurso.

 

PERS. A  Só había unha cousa no mundo
Contra a cal non podía loitar: 
Era que me gostaba o viño
Que máis xa non me podía gostar.
1 PERS. ¡Era un santo feliz!... 

 

     O mesmo dito anteriormente.

 

PERS. A. Todos dixeron que estaba bébedo
Aquela noite de verán
En que caín do campanario
E esmaguei a testa contra o chan;
Porque, claro, ¿que facía eu no campanario
Ás catro e media da mañá?
1 PERS. ¡Era un santo feliz e trasnoitador!
1 PERS. ¡Era noctámbulo!
1 PERS. ¡Era un bo peixe!
PERS. A. Eu non estaba bébedo, non,
Que estaba máis sereno ca un can.
¡Alguén me ergueu polo aire
Turrando de min coas súas mans...!

 

     Do CORO sairán murmurios de terror.

 

PERS. A.  E me levou para a cima do campanario
E despois chimpoume contra o chan
Para que a miña morte parecese
Un "accidente laboral".

 

     O recitaste dirá isto último con retranca. O CORO berrará, imitando un eslogan de manifestación:

 

CORO. ¡Seguridade
No posto de traballo!
¡Seguridade
No posto de traballo!...
PERS. A. El foi, o Entroido.
Quen me fixo tanto mal,
Que eu non estaba bébedo a aquelas horas
Cando saía da taberna do Pascual.
PAXES.  ¡EI non estaba bébedo, bébedo, bébedo, 
Coma unha botella, coma unha pipa, coma un mundo,
Cando saía a aquelas horas da taberna do Pascual!
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte!
¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xusticia na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!


     O PERS. A. retírase ao seu lugar, continuando coa súa queixa aos que están á beira. Sae adiante o segundo personaxe, PERS. B. Vestirá de mariñeiro, aínda que sen folclorismos; fala con voz cantareira, esaxerando os acentos. Algúns do CORO repetirán, simulando un eco, os finais de cada verso: "eira-eira-eira..., ar-ar-ar...", disminuíndo de cada vez o volume de voz ata desaparecer. Isto farase ata onde se indica.

 

PERS. B. Eu era mariñeiro de ribeira
E tiña unha gamela pequeneira. 
Os peixiños do mar 
Eran todo o meu traballar.
Erguíame moi cediño
Para pescar algún xureliño, 
Despois vendíallo a bon prezo, 
A quen lle tivese aprecio.

 

     Cambio de ton. Voz dura, forte. Os do CORO fan posturas de medo e cesan de ecoar.

 

PERS. B. E unha mañán na que saín
Coma sempre a pescar,
¿Sabedes o que vin?
1 PERS. ¿Que vería?
1 PERS.  ¿Que sería o que vería?
PERS. B. Todos os peixiños que a min
Me axudaban a gañar a vida
Vin como boiaban pola auga...
¡Todos mortísimos de morte morrida!
1 PERS. ¡Todos mortísimos!
1 PERS. ¡Os peixiños do mar! 
1 PERS. ¡De morte morrida!
3 PERS. Iso si que debe amolar.
PERS. B.  ¿Sabedes quen foi ese malvado
Que exterminou o meu pescado?
1 PERS. ¿Quen sería?
1 PERS. ¿Quen sería o que sería?
PERS. B. Foi o malvado do Entroido
Revestido de contaminación.
Agora non teño froito nin gañancia
o teño que ir buscar o peixe a Francia
Ou máis alá: ao Canadá.
¡Mal raio leve o Entroido
E os que teñen a culpa da contaminación!
PAXES. ¡Mal raio leve o Entroido
E os que teñen a culpa da contaminación!
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte!
¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     Afástase e sae o terceiro personaxe, PERS. C. É unha moza vestida de noiva, co seu traxe branco feito farrapos.

 

PERS. C Eu era moza feitiña
E estaba para casar.

 

     Exclamacións, asobíos de admiración, algunha gracia retranqueira, pero sen arroutadas machistas; tamén se pode acompañar a súa entrada tatareando a Marcha Nupcial.

 

PERS. C Miña nai xa me tiña dado o dote,
Avisado estaba o crego 
Avisado estaba o sacristán.

 

     Todo o CORO, en voz baixa, repetirán "tan-tán, tan-tán, tan-tán... ", en tanto a moza segue recitando ata onde se indica. Acompañando o "tan-tán ", os corpos dos personaxes arrandearanse a un e outro lado coma se fosen campás. A moza recita con voz ensoñadora, entusiasmándose cada vez máis no que di.


PERS. C. El era galán e fachendoso
Alto coma un piñeiro, fermoso coma unha estrela. 
E tiña dúas casas e tiña dez ovellas, 
Doce vacas, vinte cochos, trinta galiñas
E máis de cincoenta leiras. 
Eu era boa e estaba ¡tan...

 

     A moza dirá este "tan " alto e forte, dirixíndose ao CORO ameazadoramente. O CORO fica en silencio.


PERS. C ...namorada!
¡
Pobre de min! ¡Quen me dixera
Que o meu noivo era noivo
De once mozas máis
Desde aquí a Compostela!
1 PERS. ¡Vaia tela!
1 PERS. ¡Tela de vela!
1 PERS. ¡De vela e non creta!
PERS. C. ¡Once mozas máis, once... peideiras!
E eu viña completando a ducia.
Cando souben, ¡ai, cando o souben!...

 

     O CORO dirá os versos seguintes con moita celeridade, resaltando ben os acentos. A moza seguirá falando despois do verso quinto en diante, superpoñéndose ao CORO, con moita carraxe e animosidade, dándolle tempo a éste de chegar aos finais "ra-ra-rás ".


CORO. Corre que te corre
Polas rochas Xan Pacorro
Que esta rosa leva un ferro
Para arrearche en todo o morro. 
Xan Pacorro Xan Pacorro
Corre corre polas rochas
Rasca o rabo rasca o morro
Por ir de farra con outras rosas.
Riza o rizo rube arriba
Ruxe roe rincha macarra
Por ir de farra por ir de farra
Rosa Rosiña Rosa rosada
Vaiche romper cunha barra de ferro
O rabo e o morro carracho macarra.
¡Ra-ra-rá,
Rosiña gañarrá!
¡Ra-ra-rá,
Sorriña ñagarrá!
PERS. C. ¡Para fuxir coma un demo
Non Ile chegaban as pernas!
Fun tras del monte arriba
Armada cunha fungueira, 
Crucei leiras, vadeei regatos, 
Busqueino polas vilas e polas fragas
E ata polos máis cativos buratos...
¡Que se o collo!... 
¡Anda que se o chego a coller!...

 

     Neste punto coincidirán os "ra-ra-rás" do CORO.

 

PERS. C. Non o collín, non,
E por iso estou aquí, agora que xa morrín,
E vou con estas almas en pena
Para xulgar o Entroido, pois el foi aquel galán
Que me fixo tolear sendo moza casadeira.
PAXES. Ela era boa e estaba tan contenta...
¡Non merecía tan grande cornamenta!
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte! ¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     Cuarto personaxe (PERS. D). Ten o nariz esaxeradamente grande e a súa voz é chorosa e tímida á vez. Como se indica, as súas frases altérnanse con outras de personaxes do CORO, sós, ou por grupos. Estes comentarios provocarán as gargalladas estrepitosas de todo o CORO, contrastando co apoucamento de quen está recitando.

 

PERS. D. A min peteiroume un galo
1 PERS.  ¡Que maio era o galo!
PERS. D. Na punta mesmo do nariz.
2 PERS. ¡Pobre infeliz! ¡Que pena de nariz!
PERS. D. Eu nada malo non lle fixen
Crieino a verzas e pan de broa
1 PERS. Un día púxose a facer un caldo
¡E o galo non quixo entrar na ola!
PERS. D.  Tratábao mellor que se un fillo fose,
¡Non sei por que se botou a min!
2 PERS. E como o galo tiña xenio
¡Tivo que facer o caldo co seu nariz!
PERS. D. O nariz colléuseme e inchou,
Púxoseme coma un pandeiro.
2 PERS. Daba gusto velo tan coloradiño
En pleno mes de febreiro.
PERS. D. Tiveron que operarme
Catro médicos e sete enfermeiros
E aínda así e todo
Funme para o cadaleito.
2 PERS. ¡Unha caixa grande coma un mundo
Para poder meter o nariz dentro!
PERS. D. Agora estou aquí
Por ver se atopo o condenado, 
Que eu ben sei que foi o Entroido
Aínda que se revestise de galo.
PAXES. O galo peteiroulle
Na puntiña do nariz
¿E sabedes o que dixo? ¡Viva o Entroido Kikirikí!
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte!
¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     Quinto e sexto personaxes (PERS. E e F). Un coxea aparatosamente dunha perna; o outro leva unha man vendada, suxeita cunha estribeira. Son dous irmáns; visten de maneira semellante, aparentando no posíbel que son xemelgos. Por falaren interrómpense o un ao outro atropeladamente.

 

PERS. E. Nós eramos dous irmáns de boa familia, 
Medramos xuntos levándonos ben.
PERS. F. Todo foi do mellor nas nosas vidas,
Eramos o un para o outro coma o leite e o mel.
1 PERS. ¡Eu son testemuña!
3 PERS. ¡Podemos xuralo!
2 PERS. ¡Coma o pan e o queixo se levaban de ben!
PERS. E. Pero cando chegamos a mozos
Un mal fado nos trocou o entendemento:
PERS. F. ¡Os dous queriamos casar coa mesma muller! 
1 PERS. ¡Íache boa!
1 PERS. ¡Xa é malo aturar un home só... !
1 PERS. ¡Pois eu seiche de algunha que pode con tres!
PERS. E.  Ela era fermosa, leda, e tan inocente parecía... 
PERS. F. ¡Engaiolounos aos dous e utilizounos a pracer!
PERS. E. A min fíxome ir roubar, nunca tal cousa fixera.
PERS. F. A min fíxome ir descalzo ata o Caurel.
PERS. E. Xogaba connosco e divertíase véndonos sufrir.
PERS. F. Un día dixo que só un dos dous podía escoller
PERS. E. Sentimos ciúmes, a rabia adonouse de nós:
PERS. F. Botamos man dos coitelos dispostos a matar ou morrer.
PERS. E. Por sorte acudiron os veciños e salváronnos,
PERS. F. Pero el perdeu unha man e eu perdín un pé.
1 PERS. ¡Canto mal se fai polas mulleres! 
1 PERS. ¡Canto dano, canta mágoa xunta! 
2 PERS. ¡Para os homes larpeiros todo lles está ben!
PERS. E. Ao final deixounos aos dous e casou cun boticario. Pero o boticario arruinouse e deixouno tamén.
PERS. F.  Andou cun contrabandista ata que o apañaron. Despois cun capitán, cun comandante e cun coronel.
PERS. E. E cando rematou con todo o escalafón militar
PERS. F. Meteuse a monxa para aspirar a santa na vellez.
P. E e F. ¡E nós, coitados pecadores,
Así perdemos a facenda e a fe,
E imos polo mundo a pedir caridade
Ensinando a falta da man e do pé!
PERS. E. Pero nós sabemos quen era esa moza
PERS. F. E  E queremos avisar á xente de ben:
P. E e F. ¡Era o Entroido, maldito sexa, 
Por sempre, Xesús, amén.
PAXES. Non has de casar, filliño,
Non has de casar, meu ben, 
Con muller vestida de Entroido
Nin con Entroido vestido de muller.
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte! 
¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     Sétimo personaxe (PERS. G). Trátase dunha muller.

 

PERS. G. Eu estaba un día no monte
Apañando un pouco de toxo
Cando de repente veu un aire moi forte
Que me levou a voar.

 

     Os do CORO simularán un vento a base de sons e leves asobíos. Continuarán así durante o resto da recitación ata onde se sinala, mesturando cada vez máis sons estraños, chíos, exclamacións, etc.

 

PERS. G. Nunca en tal agoiro che me vin
Levada por derriba dos piñeiros
Levada moi lonxe sen tocar o chan.
Aparecín nunha beira descoñecida
Onde había cousas moi estrañas
Cousas que máis valera non contar:
Alí vin montañas que se movían e mudaban de sitio,

E vin ríos que estaban quedos, silandeiros,
E vin peixes que voaban por enriba do mar; 
Cabalos que ladraban, cabuxas sen cornos, con peteiro, 

Paxaros que aniñaban no medio do lume,
E paxaros que voaban para atrás:
E vin plantas que medraban para abaixo, 
Pedras das que manaba viño con gaseosa,
E nubes de chumbo que falaban alemán...

 

     Fican en silencio a recitante e o CORO. A recitante deixa a súa actitude ensoñadora e ponse seria.

 

PERS. G. Cando me decatei tíñanme presa no Conxo. 
Dicían que vía demasiadas cousas
E que era malo tanto mirar.
¡Eu pido que se condene o Entroido, 
Pois el foi o que con tantos enganos
Me fixo vivir só para soñar!
PAXES. Vivir para soñar non é bo,
Mais non é mellor vivir sen soñar; 
Cadaquén escolla a súa ración
Que para todos hai nesta beira do mar
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte!
¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo! 
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     O oitavo personaxe (PERS. H) é máis ben tirando a como se describe no texto, coas redondeces ben esaxeradas e a pel vermella e brillante.

 

PERS. H.  Eu agora de morto aínda medrei algo
Pero daquela era cativo e regordecho
E tan coloradiño de pel
Que todos me dicían "O Pexego".
1 PERS.  E como, para disimular, vestía de escuro,
3 PERS. ¡Outros chamábanlle "O Abruño"!
1 PERS. ¡Cantos deveceron por darlle unha trabada, 
Unha trabadiña no nariz ou no queixo!
2 PERS. Pero el non se deixaba, pretextando
Que dentro tiña un becho.
PERS. H. Eu anceliaba medrar.
Visitei médicos e curandeiros.
Fun de romeiro ás Cabezas, a Teixido,
Comín fabas podres, refregueime con bosta de merlo...
1 PERS. ¡Aínda fixo algunha que non conta!
¡E nin así tivo escarmento!
PERS. H.  Toda a miña fortuna gastei
En viaxes, médicos e medicamentos. 
Vendín a casa, o hórreo, a horta, 
As leiras que me daban o sustento.
Ata as miñas roupas tiven que empeñar
E fiquei en coiros, famento e sedento.
1 PERS. ¡Tiñas que ter acudido á Seguridade Social
1 PERS. E non ir pola privada, que cobran coma demos!
PERS. H. Mais aínda así, non foi nada:
Seguía sendo o pequeno e repoludo "Pexego".
E un día que estaba desesperado
Sentado no medio dun lameiro
Veu un porco bravo foza que te foza
E dunha dentellada chimpoume todo para adentro.
1 PERS. ¿A carabuña tamén?
1 PERS. ¡Haiche porcos moi famentos!
2 PERS. Nunca tal se viu: un porco
¡Que busca pexegos nun lameiro!
PERS. H.  Eu, señores, pido xustiza,
Pois a culpa dos meus males todo é ser pequeno.
E o Entroido tivo moito que ver
Como ten moito que ven quen non está cego.
PAXES. Xa escoitastes o que dixo
O noso amigo "Pexego"
Corpo grande ande ou non ande,
E a quen madruga que zanto voendo.
CORO. ¡A morte!  ¡A morte! ¡A morte! ¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

Noveno personaxe (PERS. 1). Trátase dun tipo ben traxeado, aínda que a súa roupa, como a dos demais, arestora está feita farrapos.

 

PERS. 1. Aquí me tendes tamén a min
Convertido nun moinante
Sen profisión, sen oficio, 
Sen fortuna nin beneficio,
A pedir esmola polo mundo adiante.
Eu antes non era así,
Non era nin parecido.
Eu era un home ben habido
Un modelo, un manequí.
¡Ata vivía en Madrí,
Nun piso subvencionado
Cos diñeiros do Estado
No barrio de Chamberí!

 

Con retranca:

 

1 PERS. ¿En Madrí? ¡Nunca se viu tal!
3 PERS.  ¡Que home tan principal!
PERS. 1. Si, si. Velaí.
No mesmísimo Madrí.
2 PERS. E logo ¿quen eras ti?
E ¿que facías alí, en Madrí?

 

     Os membros do CORO fanse uns a outros esta mesma pregunta moitas veces, engadindo respostas improvisadas que rematen en "is" acentuados, do tipo de "Porque quería ser felí ", "¡Vaia vida que hai alí! ", "¿A Madrí ? ¡Vai ti! "... Ata que, finalmente:

 

PERS. 1. Eu era... un político.

 

Os rumores anteriores convértense nun " ¡Ooooooooohhh! " xeral de abraio; o CORO retírase contra atrás, con caras de susto.

 

CORO. ¡Un político!
PERS. 1. ¡Honrado! ¡Atención: honrado!
CORO. ¡¡Un político honrado!!
PERS. 1. ¡Inmaculado! ¡Coidado! ¡San e honrado! 
CORO. ¡¡¡Un político... de coidado!!!
PERS. I. É inocente e inxenuo
Coma un paxariño, coma unha flor. 
Pero, vaite que un día 
Fórmase unha Comisión 
Para investigar a miña fortuna 
As miñas ben gañadas posesións.
E descubriron, non sei como,
Que tiña dez coches e seis camións
E quince pisos e trinta veigas
E rendas e divisas e accións, 
Todo iso adornado
Con probas de malversación.
E unha conta multimillonaria 
Disque nun banco da Suíza.
¿Pero que mundo é este?
¿É que xa non hai xustiza?
PAXE 1. Xa non hai xustiza
PAXE 2. Nin aquí nin na Suíza.
PERS. I. Porque non creredes que fun eu
Quen tanto neste país roubou.
Eu, que son honrado coma poucos, 
Sinxelo e inocente coma unha flor.
Foi o Entroido, que tomou o meu nome,
E se dedicou á malversación. 
Para destruír a miña carreira
E "atacar a Constitución"
E "atentar contra a democracia"
Disfrazándose de corrupción. 
Por iso pido xustiza, señores,
E que se cree outra Comisión
Para investigar o Entroido, 
Que eu non dimito. Non.
PAXES. Tende coidado, meus amigos
Con aqueles aos que dades o mando.
Que políticos de verdade hai moi poucos, 
O que sobran son caciques do cazo.
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte!
¡Bronca, ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     Adiántase o PERS. L. É unha muller pobremente vestida que porta un saco ao lombo.

 

PERS. L. Miñas donas, meus señores
Velaquí confirmados os meus temores.

 

     Abre o saco e cisca polo chan algunhas patacas, mazarocas de millo, leitugas...

 

PERS. L. Velaquí a proba de que non somos ninguén
Nesta Europa do "todo va bien". 
Estas patacas antes nacían na miña terra
Agora teño que mercalas en Inglaterra. 
As leitugas, os nabos e as nabizas
Veñen de Italia coma as pizzas.
O millo vén da Alemaña,
O leite de Holanda vén.
O viño vén da Francia
E a madeira de Portugal.
1 PERS. E a carne vén de Rusia.
E o peixe do Canadá.
1 PERS. E a muiñeira do Xapón.
1 PERS. E o resto ¡que máis dá!
6 PERS. ¡Nunca se viu cousa igual!
¡Nunca se viu cousa igual!
3 PERS. "Pobre Galicia, non debes
Chamarte nunca europea,
Que a nai que dun filio se esquece..."
Non merece o nome que leva.
PERS. L. Eu non son ninguén nin teño nada:
Son unha terra sacrificada.
Se para comer só podo importar
¿Con que poderei pagar?
¿Por que non podo vender igual que comprar?
¿Quen ten a culpa desta trapallada? 
O Entroido ten a culpa
O Entroido e os que están arriba,
Que todos son a mesma cousa, 
¡Todos son Entroidos da vida!
PAXE 1. ¡A xustiza do mundo vai ser pouca
Para resolver tantas encomendas!
PAXE 2. ¡De moito ten que responder o Entroido! 
¿Haberá tempo para pagar tantas penas?
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte!
¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     Os personaxes seguintes sairán seguidos, case atropeladamente. Os seus parlamentos son breves. O CORO intervirá só con exclamacións, xestos e algún dicir improvisado. Hase de notar xa desde as intervencións anteriores o medre da tensión e a animosidade en contra do Entroido; nas escenas que seguen esta tensión será máxima.

 

PERS. M. Eu tiña un canciño,
Un canciño pequeniño,
Que andaba dereitiño
Coma un can holandés. 
Desde que veu o Entroidiño
Fartouse de chourizos e touciño
E deulle a volta ao rabiño
E agora anda sempre do revés.
E cheira polas orellas e oe polo fociño
E come polo cu con moitísima rapidez.
¡Que pena de canciño tan feitiño! 
¡Que pena velo andar do revés!
PERS. N.  A min marcháronme da casa
A vaca, o can, o porco e o castrón,
Todos se foron monte arriba
Por culpa do Entroido que os escorrentou.
E a figueira deixou de dar figos
E ata o pozo se me foi secar
E a miña avoa caiu de costas
Non sei se de riso ou porque tropezou
E esmagou unha tixola, unha cesta, un caldeiro, 
Unha mesa, unha cama, unha porta e un palleiro.
¡Eu pido vinganza, señores, 
Contra tanta destrución!
PERS. O. ¿Quen agostaba o meu trigo?
¿Quen apodrecía as uvas nas miñas cepas?
¿Que mal vento sementou a morte no meu pomar
E no meu agro antes da colleita?
PERS. P. ¿Quen roubou as castañas do meu castiñeiro?
PERS. Q. ¿Quen prendeu lume na miña palleira?
PERS. R. ¿Quen empreñou a miña vaca
Que pariu sete corvos e unha ovella?
CORO. ¡A morte! ¡A morte! ¡A morte! 
¡Bronca! ¡Carraxe! ¡Estrondo!
¡Xustiza na terra para os homes
E morte na morte para o Entroido!

 

     Os versos anteriores diranse con moita fereza. Inmediatamente en canto rematan, soan tres fortes golpes do bastón do REI. Despois, no silencio de fondo máis total, a súa voz grave e acougada.

 

REI. ¡Xa chega! ¡Abonda xa!
Probas hai para condenar o Entroido
Cen veces e outras cen máis.
E así se ha de facer
Se ninguén o vén salvar.

 

     Os PAXES dirixiranse ao público, falando primeiro aos da zona central, logo aos da dereita e logo aos da esquerda: 

 

PAXES. ¿Quere dicir algo en defensa do Entroido
Algún veciño deste lugar?
¿Quere dicir algo en defensa do Entroido
Algún veciño deste lugar? 
¿Quere dicir algo en defensa do Entroido
Algún veciño deste lugar?

 

     Previsibelmente, ninguén do público intervirá. Porén, os integrantes do CORO haberán de estar preparados por se fose ao contrario. As reaccións serán diferentes segundo os casos. O ideal sería que os actores tivesen o enxeño suficiente para desénvolver unha improvisación divertida dirixida a negar e revirar as razóns argüídas polo "espontáneo ", por exemplo en base ao seu aspecto, vestimenta ou circunstancias da súa vida que se inventarán no momento, de todo o cal, por suposto, se culpará ao ENTROIDO. En todo caso, e por se a preparación dos actores non permite esta improvisación co público, pódese cortar cunha tremenda bronca por parte dos integrantes do CORO contra quen sexa, bronca a base de exclamacións, improperios, inclusive, se a broma pode chegar alá, ameaza física. De novo o bàstón do REI pode dar remate á confusión.

 

PAXE 1. Xa está, pois, todo dito.
PAXE 2.  Ninguén máis falará.
PAXES Agora que diga o noso señor o Rei
Que o que el diga razón de lei será.

 

     O REI érguese cerimoniosamente e vaise cara ao público.

 

REI. O meu xuizo é de lei:
O Entroido ha de morrer
Para que se cumpra o mandado
E poida voltar a nacer.

 

     Os PAXES póñense un a cada lado.

 

PAXES. O tempo do Entroido xa pasou.
Malo de quen non o aproveitou.
REI.  E ha de morrer na fogueira
Prendida co lume da miña man
Para que nada del quede salvado
Para que as súas cinzas sementen o chan.

 

     Unha parte dos do CORO adiántanse, deixando atrás o ENTROIDO.

 

PAXES. O tempo do Entroido xa pasou.
Malo de quen non o aproveitou.
REI. Agora outra tempada cómpre,
Cómpre que a roda siga xirando;
Todo ha de nacer de novo
En canto este Entroido sexa queimado.

 

     Adiántanse o resto dos do CORO. Rematan por facer un círculo arredor da figura do ENTROIDO.

 

PARES. O tempo do Entroido xa pasou.
 Malo de quen non o aproveitou.

 

     Os do CORO cóllense das mans e empezan a dar voltas arredor do ENTROIDO. Móvense no sentido das agullas do reloxio, como fan os rapaces cando xogan á "roda-roda ". Corren, cada vez con máis velocidade, aníñanse, dan chimpos, mentres repiten un tras outro: "¡O tempo do Entroido xa pasou / Malo de quen non o aproveitou! / ¡O tempo do Entroido... "
     Isto farano de xeito que en canto un di "O tempo... " xa comeza a dicir o mesmo o seguinte en tanto el remata a frase. Seguirán con esta cantinela ata onde se indica; farán períodos de dicilo a viva voz e outros en voz máis baixa, para que se oia o que din os PAXES (transcrito máis abaixo). Entretanto o REI, seguido dos dous PAXES, empezará a dar voltas arredor do CORO pero en sentido contrario, coa súa parsimonia habitual. Dará tres voltas e á terceira ficará en pé á beira do seu trono. Isto é o que dirán os PAXES en tanto duran as tres voltas, alzando a voz sobre a cantinela do CORO:

 

PAXE 1. ¡Esta é a roda da vida!
PAXE 2. ¡Nomes e mulleres bailan en derredor! 
PAXES. ¡Malfadado quen non baile este baile!
¡Malfadado quen non cante esta canción!
PAXE 2. ¡Esta é a roda da morte! 
PAXE 1. ¡Todos estamos ao seu dispor!
PAXES. ¡Coitado quen conte con escapar,
Porque non atopará descanso nin perdón!
PAXE 1. ¡Esta é a roda da vida! 
PAXE 2. ¡Esta é a roda da morte!
PAXES. ¡A sorte de todos vai nela cumprida! 
¡Todos nesta roda atopamos a nosa sorte!
PAXE 1. ¡Brincade rapaces, maiores e vellos!
PAXE 2. ¡Brincade coma tolos na brincadeira dos espellos!
PAXES. ¡Este é o tempo do Entroido que pasou,

 

     O CORO cesa na cantinela anterior desfacéndose a roda e berrando ben forte:

 

CORO. ¡Malo de quen non o aproveitou!
¡Malo de quen non o aproveitou!
¡Malo de quen non o aproveitou!

 

     En canto din isto, os PAXES van ao centro e collen o ENTROIDO. O REI di o que vén a continuación e despois séntase no seu trono.

 

REI. Este xuízo dase por rematado.
E como última disposición
Mando e ordeno que o Entroido sexa queimado
Mañá pola mañá en canto raie o sol.
PAXES. O Tempo, noso Rei, 
Falou e dictaminou: 
¡Cúmprase a súa vontade!
CORO. ¡¡¡Cúmprase a súa vontade!!!

 

     En dicindo isto, o ENTROIDO é erguido ben alto e levado dun lado a outro; fáiselle xirar en derredor, subir e baixar, entre berros, asobíos, palmas e mostras de ledicia xeral. Esta barafunda durará aínda unha boa miga. Trátase de celebrar unha festa que ocupe o que resta de noite ata o mencer no que se ha de efectuar a queima, e nesta festa debe participar o público. Os membros do CORO irán baixando do escenario e mesturándose entre os asistentes, cada un con algunha improvisada leria caótica, e falaranlles e preguntaranlles cousas sobre eles, sobre a súa presencia alí, sobre a súa relación co ENTROIDO. Este será paseado polo medio, será pasado dunhas a outras mans, e será insultado e vilipendiado sen recato. Pódese incluír un fondo de instrumentos musicais e/ou cancións, preferibelmente do país. Sobre o escenario ficarán só o REI e os PAXES, estáticos, como ídolos dunha festa pagá. Entretanto, o mencer vaise ir abrindo pouco a pouco. Para a figuración do mencer, a iluminación, de haber posibilidade, sería unha valiosa axuda.
     Chegados aquí convén pararse na posibilidade de que a función se faga coa idea de recadar diñeiro, ou, doutra maneira, non se queira desaproveitar a oportunidade para iso mesmo polo método clásico de "pasar a gorra" ao remate do espectáculo. Nese caso propoñemos un inciso neste punto do xeito seguinte: usando a socorrida argucia do bastón do REI, ou, se a coordenación o permite, sen que haxa un sinal advertido polo público, faise o silencio súbito e total; entón óese unha voz que non se sabe de onde provén (pode vir de fóra do escenario ou de varios puntos previamente acordados), a cal di ben alto e claro:

 

VOZ. Donas e cabaleiros, amigos nosos,
Veciños todos deste lugar,
Unha esmola vos queremos pedir
Para que de hoxe nun ano poidamos voltar.

Unha esmola para beber unha fecha de viño
E xantar chourizos e xamón e pan
E cantar e bailar á saúde do Entroido
Deste pobre do Entroido que van queimar.

Nós non pedimos por pedir
Que a xente de pedir ten outro cantar
Pedimos para poder ir de excursión
A conta do Entroido, non vos pareza mal.

 

     Naturalmente, o pretexto '"para poder ir de excursión" pódese trocar por outro calquera.
     Outravolta o bastón do REI ou outro sinal devolve a vida ao barullo anterior, pero esta vez os personaxes do CORO dirán compasadamente unha mesma cantinela dirixida a solicitar a doazón:

 

CORO. ¡Unha esmola por caridade!
¡
Por caridade unha esmola! 
¡Unha esmola polo Entroido
Para botar carne na pota!
¡Unha esmola polo Entroido. 
Ou dúas, xente de ben! 
Unha para a señora Lola
E outra para o señor Xosé, 
Que de tanto andar polo mundo
Xa non nos temos de pé, 
E se non nos enchedes a gorra
Non poderemos volver.
¡Dádenos unha esmola, paisanos, 
Portádevos como debe ser!

 

     Despois desta leria conxunta, cada un dos personaxes segue a pedir pola súa conta, ata retomaren o fío da festa anterior a este inciso.
     No caso de que a intención do grupo teatral non sexa a de recadar cartos, ou que non se queira usar este método, o inciso que vimos de relatar suprimiríase.
     En ambos os dous casos, a obra continuaría do mesmo xeito:
     Os membros do CORO áchanse espallados entre o público, coa luz do mencer abríndose no ceo. Nalgún intre o rebumbio vai amainando. Con algún canto de galo, oiranse as votes que seguen e que provirán dos membros do CORO, aínda espallados entre o público. Os nomes de vilas e de persoas propostos son a modo de exemplo; substuiranse por outros próximos ao lugar onde se celebre a función. Sería aínda mellor que os nomes de persoas citados fosen reais e presentes entre o público. A distribución dos versos entre os personaxes do CORO farase a pracer, buscando a alternancia no espacio e no tempo.

 

VOCES. ¡O mencer está chegando! 
¡Está a punto de saír o sol!

¡Os veciños de Vilacamba axiña despertarán
E saberán que polo mundo aínda andamos nós!

¡E saberán que non somos un soño que soñaron
Esta noite nas súas habitacións!

Ollade para aquel que está naquela casa,
¿Non é Ramiro Páez, o ferrador?

¿E aqueles non son Xoán e Manuela
e máis arriba Anselmo e Leonor?

¡Están tan tranquilos nos seus leitos!

¡E coidan que están soñando connosco!

¡Que non temos existencia real,
Que só somos producto da imaxinación!

¡Que sigan pensando iso mesmo!

¡Que vivan tranquilos arroupados de calor!

¡Xa virá a noite negra para todos,
Xa virán formar parte da nosa procesión!

¡O mencer está perto! ¡E aínda nos queda
Procurar agacho ata que de novo se vaia o sol!
Para que estas almiñas non nos vexan e sigan coidando
Que só somos pantasmas de farrapo e de cartón.

¡Cómpre rematar axiña coa comedia!

¡Cómpre poñer fin a esta función!

¡Imos a facer a queima do Entroido
Como nos mandou o Tempo, noso señor!

E mentres imos indo ao lugar destinado, 

¡Recemos todos por el unha oración!

 

     As últimas frases anteriores convén que sexan oídas con claridade, para o cal o barullo será xa mínimo.
     O REI levántase. Diríxese ao centro do escenario. Tras del van os PAXES.

 

REI. Velaquí que chega un novo día
Para os mortos e para os vivos.
Nós debemos retomar a viaxe,
Debemos encetar outro camiño. 
Que me sigan sen demora
Os que para sempre moran comigo,
E os que non, que fiquen nas súas casas 
Rezando polos mortos e polos vivos.

 

     O REI, e os PAXES detrás, simularán que van camiñando, sen moverse do sitio, a marcha lenta.
     Comeza a "oración" final. Todos os personaxes, excepto o REI, berrarán a unha voz o retrouso "¡Preguemos polo Entroido!", dicindo logo un a un, alternadamente e desde desordenados ángulos, as fórmulas que seguen ao retrouso. Ao mesmo tempo van tornando ao escenario. Conforme soben, recollerán cadaquén o seu facho de onde o deixaran ao comezo. Móvense con moita lentitude, e irán formando unha dobre fileira detrás do REI e os PAXES, marcando asimesmo o paso coma se andasen. Os xestos durante a "oración" serán uns resignados, outros vehementes, outros choqueiros; as votes, turdias, implorantes, irónicas, oscilando como sempre do tráxico ao cómico.
     Cando a ladaíña vaia pola metade aproximadamente, a tropa porase en movemento e baixará do escenario, e dirixirase, polo medio do público, cara ao exterior do local ou onde se teña previsto realizar a queima do ENTROIDO. Cando a tropa vaia por entre o público, débese conseguir que este coree con eles o retrouso da "oración", o "¡Preguemos polo Entroido!", e que se sumen á procesión para asistiren á queima.


CORO.

1 PERS.

¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo corno da vaca!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Pola flor da pataca!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polos dentes do gato!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo boneco de trapo!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo lume do sol!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo lume do farol!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo frío e o quente!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo río de augandente!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Pola noite trasnoitada! 
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo aire da montaña!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo rabo da cabuxa!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Pola vasoira da bruxa! 
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polos ollos da serpe!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo mango da caxata!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo anel do rei!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Pola lúa de prata!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo peteiro do moucho!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo cu da galha!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo sangue da sardiña! 
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo castelo do mouro!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo fígado do touro!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo cabalo do vento!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo cabalo do mar!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo cabalo famento!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo cabalo acabalado!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo cabalo do demo!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Pola espada de lume!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Pola pedra sanguenta!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Pola auga derramada!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo tempo que nos leva!
¡Preguemos polo Entroido! ¡Polo corpo e pola alma!

 

     A ladaíña debe durar ata que se chegue ao lugar da queima; os mesmos actores a poden aumentar, se for preciso. Unha vez alí, con todos os personaxes en círculo arredor do ENTROIDO, toma a palabra o REI.

 

REI. ¡Entroido, espantallo do mundo,
Ti que fuches causa de tantos males, 
Sufre agora o tormento do lume
Que che dará descanso para toda a eternidade!

¡Váiase co demo o mal raio do Entroido
E teñamos todos a festa en paz,
E que o ano que vén todos xuntos
Outra coma esta poidamos celebrar!

¡E a vós, amigos todos,
Compañeiros e veciños deste lugar,
As gracias vos damos pola vosa compaña,
E xa sabedes que vos estamos a agardar!
CORO. Amén.

 

     Acto seguido os PAXES préndenlle lume ao ENTROIDO. Escóitase de novo a gaita e as pandeiretas. Os personaxes e os espectadores, mortos e vivos, vivos ou mortos, mesturados e ben remexidos, celebrarán o acontecemento bailando coas mans en alto arredor do lume.
     Cando o espantallo estea consumido, pódese dar por rematada a representación.
     Existe a posibilidade doutro final alternativo que nos permite as seguintes variantes, todas ou algunhas segundo se queira: non queimar o ENTROIDO; non sacar o público do local; e poñerse en camiño para realizar a representación noutro lugar, tal como se adiantou no Limiar, o cal reforzaría o carácter errante da obra. Velaí:
     Se non se quere sacar o público fóra, a "oración" dirase enteira dentro do local. Rematarase cando a procesión vaia pola metade do corredor central entre o público, figurando que van cara ao lugar da queima. En calquera dos casos, se non se quere queimar o ENTROIDO, haxa ou non unha posterior representación, inmediatamente en canto remata a "oración ", os dous últimos personaxes que se incorporaron ao grupo adiántanse e dinn ben alto:

 

PERS. 1 ¡Quietos, compañeiros, quedádevos quedos,
Que un aviso nos acaban de dar!

 

     A procesión detense e atenden. Di o outro:

 

PERS. 2 ¡Que seica no lugar de Cotarelo
Moita xente nos está a agardar!
PERS 1. Eles non queren que se queime o Entroido
Porque disque alí fixo moito ben!
PERS 2.  ¡Vaiamos alá coa nosa leria
Xa que aquí nada nos detén!
PAXES.  ¿Que é o que ordena nesta circunstancia
O noso señor O Rei?
REI.  Eu xulguei o Entroido unha vez
E o meu xuízo nunca é van;
Pero a misericordia do Rei sempre é máis grande.

Que todo canto se poida considerar

Din que no lugar de Cotarelo
o Entroido fixo moito ben.
Que non quede ningunha testemuña por oír, 
Que non quede nada por saber.

Vaiamos aló escoitar esa xente
Que tan ben lle quere ao Entroido.
E a vós dámosvos as gracias
Polo ben que nos tratou este pobo.

 

     0 final da obra será unha volta ao seu comezo. A procesión toma forma outra vez, co REI diante, os PAXES, o ENTROIDO en alto, e detrás a caterva de almas vagabundas recitando a viva voz a mesma pregaria con que fixeran a súa aparición pouco antes. Agora móvense de novo, lentas e vagarosas, e vanse polo medio dos espectadores dirixíndose fóra do local cara á escura noite dos soños de onde proceder, pantasmas co seu cargamento de penas e de esperanzas ao lombo, e nos beizos, mentres se van afastando cos fachos acesos, a súa eterna canción:

 

CORO. Rampatamplán     abride camiño,
Rampatamplán     andade para adiante, 
Rampatamplán     seguídelle os pasos
A aquel que nos guía     polos camiños das idades

Rampatamplán     rampatamplán
Rampatamplán ...

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega