A vella sensación do prohibido. Peza pintoresca e Pinteriana.

 

(Texto íntegro)

 

Néboa

                                                                                                            Ós meus pais

    Néboa. Parella con colchón no alto dun monte.


ELA- ¡25 anos!
EL- Si.
ELA- Durou moito, ¿eh?
EL- Agora non aguantan tanto.
ELA- Esgótanse antes (Pausa) ¿Estás cansado?
EL- O camiño...
ELA- Segue igual. ¿Decatácheste?
EL- Non puiden velo.
ELA- Xa, a néboa.
EL- Non, o colchón.
ELA- Pesa, ¿non?
EL- Só puiden ver as pedras e...
ELA- Daquela subimos máis rápido.
EL- Daquela non tiñamos colchón.
ELA- ¿Lembras? ¿Estará cambiado?
EL- Non se ve nada...
ELA- ¿Clareará?
EL- Sempre a néboa.
ELA- ¿Sempre?
EL- A primeira vez... e agora.
ELA- A primeira vez non había néboa.
EL- ¿Non? Ben, sempre hai unha primeira vez.
ELA- ¿Lembras? Asomámonos desde a balaustrada, ¡que marco, que vista! Había barcos, árbores, peirao, faro e ó lonxe...
EL- ¿Que?
ELA- Non me lembro que había ó lonxe.
EL -É difícil mirar ó lonxe.
ELA- Horizonte, auga, prata, sol...
EL- ¿Non estaba nubrado? (Pecha os ollos) Se pecho os ollos podo velo mellor.
ELA- ¿Qué ves?
EL- Negro.
ELA- ¡Vaia!
EL- Tápasme.
ELA- ¿Qué dis?
EL- Puxécheste diante miña e non podía ver o horizonte... Logo collinte pola cintura, ¿lembras?
ELA- É probable, si.
EL- Suspiraches unha, dúas veces, e apoiaches a cabeza sobre a miña meixela esquerda.
ELA- ¿Seguro?
EL- Eu só podía ver o teu pelo longo, negro, e dragóns, cervos, dromedarios... monstros.
ELA- ¡Caramba!, ¿na miña cabeza?
EL- Entre o teu cabelo... as nubes, xa sabes... entre o teu cabelo mexido pola brisa.
ELA- Si, había brisa, herba, árbores, pólas, follas axitándose.
EL- Si.
ELA- Caendo.
EL- ¿Tanta brisa?
ELA- As follas.
EL- ¿Outono?
ELA- Era verán.
EL- Por iso.
ELA- Follas sobre nós.
EL- Nús. Sobre os nosos corpos nús.
ELA- Vas moi rápido.
EL- ¿Ti cres?
ELA- Collíchesme da man...
EL- (Volve pechar os ollos) Recordo labios...
ELA- Demos uns pasos...
EL- Orella, pescozo, caluga...
ELA- Logo deches a volta.
EL- Recordo ombros, peito, peito... (Vai excitándose)
ELA -Apertáchesme contra ti...
EL -Ventre, coxa, perna, coxa...
ELA -E bicáchesme na boca...
EL- Recordo bosque... (Excitado) hmm, hmm...
ELA- E murmuraches o meu nome...
EL- Negro... bosque negro... hmm...
ELA- Tres veces o meu nome... ¿Lembras?
EL- Metéuseme un pelo no nariz.
ELA- ¿Ah, si? Entón non tiñas bigote.
EL- Gustábache facelo, ¿verdade?
ELA- ¿E a ti...? Pero non viñemos para iso.
EL- ¿Botámolo xa?
ELA- ¿Así, sen máis preámbulos?
EL- ¿Queres que falemos máis?
ELA- Silencio.
EL- ¿Qué pasa?
ELA- Podemos gardar un minuto de silencio.
EL- Boa idea. (Gardan un minuto de silencio) ¿Preparada?
ELA- Cando queiras.

    Os dous balancean o colchón no aire.

OS DOUS- Unha, dúas e...
ELA- ¿Non haberá ninguén?
EL- ¿Con esta néboa?
ELA- A néboa axuda, ¿a que si?
EL- ¡Oh, oh, déixame saboreala!
ELA- ¿A que?
EL- A vella sensación do prohibido...
ELA- ¡25 ANOS!
El- ¿Facemos balance?

    Seguen a balancear o colchón no aire.


ELA- Tres fillos.
EL- Si... Dous coches...
ELA- Unha casa.
EL- E dúas hipotevas...
ELA- Unha casa nos arredores...
EL- Unha casa só.
ELA- Claro... unha... nos arredores.
EL- A nosa casa está no centro.
ELA- Nos arredores.
EL- ¿Ti cres? Ben, depende de cómo o mires... Hai 25 anos si que estaba nos arredores.
ELA- ¿Imos discutir hoxe?
EL- Non, perdoa...
ELA- É o noso aniversario.
EL- Xa.
ELA- Dez viaxes...
EL- ¿Tantas?
ELA- Dez viaxes ó estranxeiro.
EL- E miles de partidos.
ELA- ¿Onde?
EL- Na tele.
ELA- A ti non che gusta o fútbol.
EL- ¿Cómo dis iso? (Dubida) ¿Segura?
ELA- Nunca che gustou...
EL- Daquela, ¿Por qué sento tódalas tardes dos domingos diante da televisión e miro os partidos de...?
ELA- ¿Bromeas? Ti nunca miras o futbol...
EL- Xa... Supoño que as cousas de tanto repetilas... esquécense.
ELA- Ás veces esquécense por non facelas... ¿Por qué tardamos tanto?
EL- Porque... subimos a pé.
ELA- Digo en volver.
EÑ- Porque antes era novo.
ELA- ¿O amor?
EL- O colchón.
ELA- Daquela tamén.
EL- Daquela non tiñamos colchón.
ELA- Pero eramos novos.
EL- Por iso tardamos menos en subir...
ELA- ¡25 anos!
EL- Aínda durou... agora esgótanse antes...
ELA- ¿Quéresme, aínda?
EL- Si. Claro. Estamos xuntos, ¿non?
ELA- Foi unha boa decisión...
EL- O tempo.
ELA- Si. Tardamos moito...
EL- Foise gastando co tempo...
ELA- Había que maduralo...
EL- Nós xa non somos os mesmos...
ELA- ¿Por qué o dis?

    Pausa

EL- Maduramos...
ELA- Si... percorremos xuntos moito camiño... ¿Lémbraste do camiño? Ti querías parar... eu quería chegar arriba para ver...
EL- ¿O que?
ELA- Todo... A paisaxe... o mar.. o horizonte, supoño... ver de lonxe...
EL- É difícil ver de lonxe... Faise borroso.

    Pausa.

ELA- ¿Queres facelo?
EL- Pois si... xa é tarde...
ELA- ¿Qué présa temos?
EL- É que ás 8...
ELA- ¿Qué?
EL- ¿Estás segura de que non me gusta?
ELA- ¿O que?
EL- O fútbol.
ELA- Non sexas parvo...

    Intentando balancear outra vez o colchón.

EL- Unha, dúas... e...
ELA- ¿Non queres facelo?
EL- ¿Refíreste a...? (Deixan caer o colchón no chan) Si.. claro... ¡A vella sensación do prohibido!
ELA- Tiñamos fame, ¿verdade?
EL- ¡Hai tanto que non o facemos?
ELA- ¿A quen se lle ocorrería?
EL- Supoño que a moitos. 
ELA- ¿O de vir co colchón?
EL- O de facelo. 
ELA- ¿Aquí? 
EL- ¿Agora? 
ELA- Si. 
EL- Digo nas súas casas... 
ELA- Fame de algo diferente... 
EL- Xa. O colchón estaba vello e... 
ELA- ¿Que me dixeches entón, lembras? 
EL- ¿Cando?
ELA- Cando me colliches pola cintura...
EL- A ver... hai tanto tempo... 
ELA- Inténtao... 
EL- (Mira para arriba) ¿Follas?
ELA- ¿Que? 
EL- Tiñas razón... había follas caendo... agora tamén... 
ELA- Agora é como a primeira vez... 
EL- Tés razón... somos moi orixinais. 
ELA- Non estaba anunciado nos xornais.
EL- Nin na televisión. 
ELA- Non oín que se comentase na cola do pan. 
EL. Nin nos bares. 
ELA- Nin no café do traballo.
EL- Nin nas conversas xunto das chemineas.
ELA- Nós non temos cheminea. 

    Pausa.

EL- Pero imaxino que hai cousas coma esta que se comentan diante das chemineas.
ELA- Pode ser... 
EL- Igual que ti dis no café do traballo sen coñecelo... 
ELA- Refirome ó café das 11... 
EL- Eu non tomo café a esa hora. 
ELA- Pero eu si... no traballo. 
EL- Ti nunca traballaches.
ELA- Seguros. 
EL- ¿Seguro? 
ELA- Traballo nos seguros... 225.000, ¿lembras? O teu pelo negro.
EL- Si. O meu salario... Tódolos meses. 
ELA- E o meu... 
EL- ¿Dous traballos? 
ELA- ¿Que che pasa? 
EL- Eu traballo nos seguros... 
ELA- E eu tamén... 
EL- Na Gran Oficina de Seguros.
ELA- Si. A Gran Oficina do Centro. 
EL- Si, a oficina si que está no centro, pero a casa... 
ELA- ¿Como pensas que iamos mantela...? ¡co teu salario!
EL- ¿Temos o mesmo salario?
ELA- Hai cousas que os homes vos empeñades en esquecer... temos dúas hipotecas, ¿lembras?
EL- Si. Diso lémbrome... e dous coches.
ELA- E tres fillos... 
EL- ¿Con quen quedaron?
ELA- ¿Quen?
EL- Os nosos fillos. ¿Non estarán esperando?
ELA- ¿O que?
EL- Por nós. Quedou só.
ELA- ¿O pequeno?
EL- Si. O pequeno.
ELA- Ten 18 anos.
EL- ¡Como pasa o tempo!
ELA- Nunca te lembras dos anos dos teus fillos.
EL- É certo... ¿Que estará facendo?
ELA- Sairía cos amigos... ou estará na casa vendo a tele...
EL- A el gústalle o futbol, ¿verdade?
ELA- Ás veces...
EL- Xa. Se cadra por iso sento eu os domingos...
ELA- (Impaciente) ¿Xa non queres facelo?
EL- Para iso viñemos, ¿non...?
ELA -Exacto... iso mesmo foi o que dixemos, ¿lembras...? Eu asomei á balaustrada, o miradoiro estaba moi alto, eu tiña algo de vertixe e ti...
EL- Eu collinte pola cintura...
ELA- E dixeches:
EL- "Para iso viñemos"
ELA- Non, iso díxeno eu... ti collíchesme pola cintura.
EL- Para que non caeras.
ELA- Non, a balaustrada estaba segura...
EL- Dixeches que tiñas vertixe...
ELA- Pero ti non o sabías... eu dixen: "estou cansada", e...
EL- Si... e suspiraches unha, dúas veces, e apoiaches a cabeza sobre a mina meixela esquerda...
ELA- Entón dixeches iso...
EL- "Para iso viñemos", ¿non?
ELA- Non, dixeches: "¿xa non queres facelo?"
EL- ¿Daquela foi ó revés...?
ELA- Si... eu dixen: "Para iso viñemos ¿non?"
EL- Eu  estaba detrás de ti...
ELA- Si.
EL- (Colócase detrás dela) Diante dos meus ollos tiña o teu pelo negro.
ELA- Sigue...
EL- ¿Desde cando tes o pelo loiro?
ELA- ¿Non che gusta?
EL- Tiñas o pelo negro.
ELA- Hai 25 anos... tampouco ti tiñas bigote...
EL- É certo.
ELA- Sigue.
EL- Cervos, monstros, dromedarios, dragón...
ELA- Nubes...
EL- Brisa.
ELA- Herba, árbore, follas.
EL- Si. Daquela eu dixen:" ¿Outono?"
ELA- Si... E eu dixen: "era verán".
EL- Follas sobre nós. Nús.
    Vanse espindo.
ELA- Vas moi rápido.
EL- ¿Ti cres?
ELA- Eu dixen "Collichesme da man". 
EL- E eu pechei os ollos e dixen: "Recordo labios..." 
ELA- E demos uns pasos.
EL- Si. Lémbroo perfectamente, dixeches: "demos uns pasos".
EL- Recordo ombros, peito, peito, ¡hmm! 
ELA- Apertáchesme contra ti.

    Déitanse no colchón.

EL- Eu dixen: "Ventre, perna,coxa" ¡hmm!
ELA- Eu dixen: "Bicáchesme na boca" 
EL- (Excitado) Recordo bosque, hmm, hmm. 
ELA- E murmuraches o meu nome. 
EL- Si, dixeches iso... e eu dixen: " negro... bosque negro".
ELA- Tres veces o meu nome... tres veces... hmm.. ¡Ah, Ah!
EL- ¡Ah, ah, ah...! 
ELA- Di o meu nome.., si... agora... agora... (interrómpese) ¿Que fas? 
EL- Metéuseme un pelo no nariz.
ELA- Entón non tiñas bigote.
EL- E ti tiñas o pelo negro, ¡ah, ah...! 
ELA- Levabamos dúas semanas saíndo. 
EL- Si. Era a primeira vez. 
ELA- Había outras parellas. 
ELA- Estaba húmida.
EL- ¿De pracer? ,
ELA- A herba estaba húmida... ¿Lembras? 
ELA- O ceo era azul.
EL- Non. Estaba nubrado coma boxe. 
ELA- Azul.
EL- Había nubes, monstros...
ELA- Brisa.
EL- Si. Era verán... iAah!
ELA- "¿Lembraste? Dixeches o meu nome.
EL- Eu pechei os ollos...
ELA- E dixeches o meu nome... dío...
EL- Si... o teu nome... téñoo na punta da lingua... Agora... si... xa ven... xa ven... ¡Aaaaaaaaaaah!
ELA- Agora... ¡Ou, Ou...! Di o meu nome... Si, agora ¡Aaaaaaaaaaaaaaah!

    Soan outras respiracións ó lonxe... e a voz doutro home que di... ¡Elisa, Elisa!

EL- ¿Elisa?
ELA- Ese é o meu nome.
EL- ¿Quen dixo Elisa?
ELA- Ti.
EL- Non. Eu non fun...
ELA- ¿Imos discutir hoxe...?
ELA- É o noso aniversario.
EL-.Xa... Había máis parellas...
ELA- ...Sobre a herba. 
EL- Nós non somos os mesmos.
ELA- ¿Estará cambiado?
EL- Non se ve nada.
ELA- A néboa axuda, ¿verdade?
EL- (Incorporándose) ¿Botámolo xa...?
ELA- (Espreguizáse, aínda enriba do colchón) Déixame saboreala... ¡Aahh! ¡A vella sensación do prohibido!

    Clarea... A luz descobre, entre moreas de colchóns, un cartel que di: "Prohibido botar colchóns".


                                                                                PANO

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega