A voltas co concepto de compromiso. Alexandre Bóveda

 

[Texto íntegro]

 

v2xcgarridoconceptocompromiso.html

"Libertad! Democracy!
Século vinte ao longe!
Pum! Pum! Pum! Pum! Pum!
PUM!"


Álvaro de Campos (Fernando Pessoa)


     A dificultade maior que atopamos para indagar nos adentros de Bóveda é a falta dunha obra escrita sistemática, mais sobre todo, o feito de que ás veces non dicía o que pensaba porque non conviña para a acción e outras dicía o que conviña aínda que non o pensara. Por exemplo, Bóveda esborranchou a palabra "nacionalista" e substituíuna por "galeguista" nos estatutos do PG para lograr o seu obxectivo de desarmar os usurpadores que se dicían galeguistas sen partido ou en partido foráneo; tamén o fixo con obxecto de construír unha organización de masas que aglutinara todas as capas populares que, non tendo unha formación teórica nacionalista, si sentían en carne propia a súa condición de galegos; para evitar equívocos cos mal chamados "nacionalismos" de corte fascista ou mesmo coa intención de librarse da asociación interesada que se facía co nacionalismo catalán ou vasco de características moi diferentes, ben co ánimo de equiparalos ás súas eivas, ben co propósito de imputarlle estar ao servizo de intereses alleos a Galiza. En definitiva, esborranchaba a palabra nacionalista dos estatutos para comezar a edificar un auténtico partido nacionalista.
     Como debemos analizar o pensamento destes "galeguistas por fóra e nacionalistas por dentro" —en termos de Otero Pedraio— se o que coñecemos son as aparencias? Queda a codia, a cuncha, os seus libros, os seus xornais, os seus panfletos... Mentres non atopemos a "caixa negra" que rexistra as conversas dos pilotos do nacionalismo de preguerra teremos dificultades para desentrañar o que realmente acontecía nas súas cabezas. E a "caixa negra" son, por exemplo, as cartas persoais. Alí atopamos moitas das claves do que ocorría, mais iso non é suficiente para sentar as bases do pensamento de Bóveda.
     Neste caso, o que máis deixou en evidencia as súas conviccións foi o seu previsíbel final. Se Marx di que quen non vive como pensa, acaba pensando como vive; da vida dunha persoa podemos deducir o seu pensamento, sobre todo, cando esa vida continxente e polisémica se entrega nun acto definitivo e irreversíbel onde non cabe contemplarse máis que desde un punto de vista exclusivo xa que non deixa lugar a dúbidas o que alí se manifesta rubricado con sangue. Isto é o que Noé Jitrik chama "facer unha escritura do seu corpo", expoñéndoo e arriscándoo, mentres outros optan por facelo durar un pouco máis. E non só tras o 18 de xullo, senón que moito antes, Bóveda escolle correr riscos. Son eleccións que se van facendo e que determinan o que un é e como un pensa.

     Pódese crer que Bóveda é contraditorio, ten dúas caras. É quen de facer garabatos nos estatutos dun partido que vai dar acubillo ás máis egrexias personalidades do país. Fai trasladar o centro de gravidade do nacionalismo desde A Coruña e Ourense á súa vila de adopción, Pontevedra, na que se funda unha organización que, en última instancia, sempre acaba facendo o que el di. Este mozo de 28 anos que pon firme toda a vella garda, e coloca no seu sitio as inestábeis e convulsas mocidades. Desde a sombra, desde o desterro, move os fíos sen querer encabezar ou acaudillar publicamente un movemento que el dirixe con todas as consecuencias. Se é quen corta o bacallau, quen di a Víctor Casas que é o que vai e o que non en A NOSA TERRA, quen chama a capítulo a Suárez Picallo, quen dá instrucións a Castelao sobre a política de alianzas... por qué non amosa a súa faciana de xefe real do PG? Pois porque todas esas actuacións están encadradas dentro dunha estratexia de facer do PG unha auténtica organización de masas abandonando ao fin os vellos vicios elitistas.
     Non hai un Bóveda distinto por fóra que por dentro, senón, pola contra, hai un Bóveda que busca a coherencia entre as súas intencións subxectivas e a consecuencia obxectiva dos seus actos. Polas súas obras se coñecerá o seu pensamento, obras tanto escritas (artigos na prensa con obxecto de intervir no debate social), canto praxe biográfica e política, obras todas elas que no seu conxunto axudan a facer o retrato completo das súas concepcións (teoría do partido, Autonomía e autodeterminación, política económica e fiscal, clases sociais e loita nacional, relixión e marxismo, etc.)
     O problema non é se hai unha realidade aparente e outra auténtica porque a realidade non se presta a suxeitar por estas categorías por canto é proceso, é devir, é estratexia. Do mesmo xeito que un non mostra os seus sentimentos na primeira de cambio, un non se presenta en sociedade nu senón coas mellores galas, e isto non quer dicir que oculte a realidade; polas mesmas razóns en política tampouco se mostran todas as cartas baixo pena de perder a partida. Mesmo o que se tapa serve para entender o que se quere por canto permite comprobar que obxectivos axuda a acadar o ocultalo, así como apreciamos como amosalo serve para abortar o seu logro.
     Neste sentido, hai que entender a marcaxe sobre Álvaro de las Casas encomendada a Castelao por Bóveda para que o coute na viaxe a Cataluña. O arredista botaba a lingua a pacer para maior beneficio do centralismo, no que finalmente el mesmo se integrou após o 18 de xullo, mais entrementres non dubidou en dar leña ao PG por impuro e morno.
     Para entender o contexto no que Bóveda se movía lembremos un episodio da loita polo Estatuto no que o seu papel é fundamental. Cando xa estaba feito todo o traballo e se dispuñan a pasar ao plebiscito, o 1 de agosto do 1933, sae un grupo da Coruña asinando un manifesto contra o "Estatuto caciquil de Galicia" e mesmo proclama a "Guerra Civil contra el nacionalismo" (1) . Estes señores que pretendían dinamitar o proceso estatutario reclamaban da boca para fóra unha autonomía máis ampla e sen restricións, e baixo a escusa de "más gallegos que nadie" pretendían malograr a autonomía. Autonomía que por un banda pedían que fose maior —eso si, coa capital na Coruña— e pola outra se descualificaba aos promotores do Estatuto cos argumentos de sempre: suplantan a vontade do pobo (o pobo non quere autonomía), pretenden poder local para enchufar os seus e van duplicar os gastos ao crear unha nova administración paralela. etc.
    
O caso é que desa suposta "agrupación a la Tercera República" ningún grupo político de primeira fila recoñece a paternidade aínda que os seus "abajo firmantes" estiveran na órbita do Partido Radical e na banda dereita dos Radical-Socialistas. Parece que ninguén quería cargar cos custes de opoñerse a que Galiza obtivera a autonomía se ben facían todo o posíbel para evitalo. E isto é a política? Dicir que se quere unha cousa para lograr todo o contrario? Pérdese totalmente o nexo entre palabra e realidade. Foi o PG quen desde a súa fundación, denunciou esta hipocrisía. Incluso antes da súa fundación. De feito, é para iso Alexandre Bóveda fundou o Partido Galeguista.
    
Cando se pretende reconstruír o nacionalismo para afrontar o réxime republicano que se agardaba, os restos das irmandades xa superaran relativamente algún dos debates que os dividira e enfrontara con anterioridade (política contra cultura, organización de masas ou partido de notábeis) mais os novos retos que se presentaban xeraba novas controversias. Por unha banda dicíase, partido de masas? si, evidentemente, no novo sistema electoral moderno, non queda outro remedio, mais, onde están as masas?
    
As masas estaban no republicanismo progresista. Había que subirse ao carro deste movemento para conseguir tirar del a prol do Estatuto. Esta foi a aposta de ORGA, pola contra, tamén había quen dicía que debía prescindirse das masas, que estaban alienadas, e non se podía perder a pureza nacionalista. Por último, houbo quen, como é o caso de Bóveda, apostou por unha solución de compromiso entre estas dúas e que se sustanciou no PG e a súa complexa política de alianzas. Aquí aproximámonos á cerna do pensamento de Bóveda nesta primeira achega ao concepto de compromiso.
    
Tendo en conta que nos dous gallos do galeguismo, entre os que el tiña que navegar, destacan figuras teóricas que podemos identificar cun programa escrito concreto quizais da súa síntese que é o labor que desenvolveu Alexandre se logre entender mellor as súas conviccións.
    
En ORGA desembocan os irmáns Vilar Ponte mentres que o referente do suposto purismo sería Risco. Certo que na escisión da ING estaban os tres xuntos na súa polémica coa irmandade da Coruña mais se rastrexamos a súa obra, e no caso dos Vilar Ponte, concretamente a de Ramón, entenderemos o porqué desta bifurcación do ano 1931.
    
Podemos dicir que o marco teórico no que se move o nacionalismo pre-republicano é a "Teoría do Nacionalismo Galego" de Risco do ano 1920 e a "Doutrina Nacionalista" de Ramón Vilar Ponte, do ano 1921.
    
Mentres o primeiro funda o nacionalismo sobre as bases que proporciona o irracionalismo alemán, isto é, exaltación dos sentidos, fuxida das abstraccións, reivindicación do vital fronte á letra morta das leis; o segundo, bebe máis do federalismo proudhoniano, pola vía Pi y Margall. Máis chegan a conclusións semellantes: Galiza é unha nación e ten dereito a autogobernarse.
    
Galiza é unha nación entre outras razóns porque é unha raza distinta ás outras peninsulares, sexa para un unha raza superior, sexa para o outro unha do mesmo nivel; e ten que ser soberana, sexa por rachar coa moral de servos, sexa polo dereito universal Kantiano á autodeterminación. Xa terá tempo Castelao de superar o concepto de raza, agora o que tocaba era usalo.
    
Mais, o problema será a aplicación práctica disto cando chega o momento e hai que pórse mans á obra no panorama republicano no que non abonda con ter razóns teóricas, compre ter forza organizativa, e o nacionalismo non era quen por si só de alcanzar os seus obxectivos políticos. A opción dos Vilar Ponte está clara, apostamos polo pacto co republicanismo triunfante a cambio da autonomía. A opción risquiana tamén é evidente, imos defender o nacionalismo inmaculado, aínda que teñamos que prescindir da xente. E equidistante de ambos os dous, un Alexandre Bóveda ou un Castelao facendo números para que non se lle desintegren os galeguistas acomodándose a calquera destas dúas opcións. A cerna do parecer e quefacer de Bóveda é converter o galeguismo nunha auténtica organización de masas cun programa nacionalista.
    
No plano especulativo, introdúcese un novo elemento espurio ao nacionalismo, o Estatuto. Ramón Vilar Ponte co seu "Breviario de autonomía" e Risco con "Ideas que defende e fins que se propón o PG" tentan integrar no marco teórico nacionalista a este estraño artefacto que xorde da Constitución da II República. Mais a cuestión práctica, de novo é que para conseguir vencer os obstáculos que o artigo 12 impón, non abonda con seguir a facer o parvo, militando no republicanismo español, máis español que republicano, agardando que na súa axenda toque a vez a Galiza; nin manterse á marxe do negocio de alianzas que se aveciña. Hai que ir ata onde se poida chegar coas propias forzas, e senón con axuda se é para ir máis lonxe.
    
Forzas que son escasas se falamos en termos de capacidade (estrutura propia) mais non en termos de poder (consenso social favorábel ao Estatuto, esquerda federalista no papel, agravio comparativo a respecto de Cataluña, etc.) aínda así é evidente que o requisito dos dous terzos dos electores obrigaba a ter "amigos" no aparato do Estado para vencelo. A loita de clases estaba servida e nese contexto tiña que escoller o nacionalismo os amigos e os inimigos. Mais as cousas viñeron dadas e non quedaba outra que axuntarse cos oprimidos (proletariado), que era cos que se tiña máis en común, sobre todo a propia opresión, e conseguintemente a represión (bienio negro).
    
Os teóricos atópanse presos dos seus propios discursos, mais así como os Vilar Ponte non lles queda outra que pórse ao servizo do PG, a Vicente Risco hai que forzalo a quedarse, mesmo Bóveda terá que manipular os seus textos para facelos publicábeis en A NOSA TERRA co fin de dar a sensación de que aguanta no partido fronte á desbanda que se prevé.
    
A cuestión é que o pensamento de Risco lle facilita virar de chaqueta. Se o nacionalismo é cuestión de sentimento, cando se deixa de sentir xa se cancela toda obriga, pero ademais, na medida en que o sentimento é algo interno, non precisa de correlato manifesto que suxeite (un partido, unha palabra). En última instancia, o vitalismo irracionalista é a coartada perfecta para o oportunismo.
    
Pola outra banda, o federalismo racionalista, tamén permitía desentenderse da promesas de autonomía. Como dixo Castelao, o famoso lema de Casares Quiroga "tanto para Galiza como para Cataluña" podía ser interpretado como así o fixo inxenuamente os galeguistas da ORGAen prol de máis autonomía para Galiza ou, como sospeitaban no PG, rebaixar Cataluña á nosa situación. Despois de todo, estar a favor do dereito de autodeterminación das nacións mesmo pode usarse encontra da autodeterminación de Galiza como tamén o fixo o PSOE porque Galiza, segundo eles, non quería ser autónoma e darlle autonomía iría en contra da súa vontade.
    
Á hora da verdade, sen a carga emocional que lle dean contido, as palabras lévaas o vento. Mais os Vilar Ponte estaban excesivamente implicados como para desdicirse, e se Antón morre antes de que o maten, Ramón aguanta como pode ata 1953, mais segue fiel á súa palabra lastrada de militancia e patriotismo, cuns textos teóricos que non teñen volta de folla. En cambio, na dereita galeguista e no arredismo disfuncional non teñen escrúpulos en unirse aos vencedores porque o seu irracionalismo así llo permite.
    
Bóveda e Castelao, non tiñan ese condicionamento pola palabra mais por isto tamén eran os que corrían o risco de seren mal entendidos. Manexábanse no mundo informal da escuridade gris da organización ou na ironía artística, susceptíbel de pluralidade de lecturas. Os seus textos de circunstancias podían perder valor cando cambiaran esas circunstancias Por qué complicarse a vida, precisamente, nuns momentos onde conviña dar a volta a anteriores reflexións conxunturais?
    
O caso é que neles do texto máis ocasional se deduce unha mesma estratexia estrutural. Mesmo cando se contradín. Bóveda sae na defensa da dereita galeguista e de Filgueira ("Filgueira Valverde e Nós", ANT nº 368) para conseguir conservalos nas filas pro-estatuto ("os que foron irmáns no Partido e o seguen sendo na causa sacra da nosa Terra"), e reserva a Castelao o papel de darlle o seu merecido na sección "Verbas de chumbo" para disuadir posíbeis imitadores. Debemos pois acreditar na súa gabanza Filgueira ou na viaxe que lle manda Castelao? O xogo de linguaxe da política debe entenderse máis en termos pragmáticos que descritivos, e para lograr o obxectivo é preciso repartirse os papeis. Debe avaliarse os textos en termos de logros e fracasos nos efectos buscados máis que en termos de verdade ou falsidade que non é o caso.
    
Ata os seus silencios e borranchos eran elocuentes. E se todo na súa vida era expresión do que pensaban, a súa morte, a súa derradeira declaración, non podía ser mal interpretada. Tanto nun caso como noutro. Lembremos como Castelao quixo ser enterrado no Centro Galego a pesar de estar pelexado cos seus dirixentes porque consideraba que a autoestima dos galegos sufriría se tivera que ir parar a calquera cova cedida por outra comunidade, non quería que pasara como con Curros.
    
Bóveda trataba de acumular poder para dar o asalto definitivo á Estrutura do Estado, para isto momentaneamente era necesario xogar a carta do Estatuto gardando silencio polo momento sobre o seu obxectivo final, o Estado Federal, a autodeterminación. A idea era que unha vez entrara Galiza no club dos gobernos autónomos, xunto con Vascos e Cataláns, puidera consolidarse a idea do Estado Plurinacional.
    
Lembremos que en teoría política nas relacións de poder temos que distinguir dous niveis. Poder RELACIONAL, cando se respectan as regras de xogo porque non hai forza para mudalas, e METAPODER, cando se atopa un con forzas para establecer regras de xogo novas.
    
O poder relacional é calado e con isto evítase a represión para poder medrar ata equilibrarse co poder dominante (os escravos traballan de noite para que chegue o día de librarse dos amos. Hegel). Agora ben, unha vez que a represión se desata e a estratexia de consecución de METAPODER se cancela, é cando hai que deixar as cousas claras para evitar que o posible sexa testado como tope. Se se impón o silencio, antes hai que dicir a última palabra, é necesario fixar ben os conceptos, amarrar as ideas para que non as leve a treboada e no futuro haxa que volver a empezar de cero.
    
Fracasada a estratexia galeguista, pola intencionalidade do PSOE de provocar unha guerra para perdela, tal como dixo Castelao, unha vez que o Estatuto aínda non entrara en vigor, cunha Galiza que tiña todo a medias, a Bóveda non lle queda outra que deixar testemuño da vontade do país. Pero fixo máis, escribe co seu martirio as teses fundacionais do novo nacionalismo, superando xa a dicotomía racionalismo-irracionalismo ou federalismo-vitalismo, e sobre a base de asumir que o corpo ha de pagar o que a boca di, defendeu que as ideas non son nada sen organización e como a organización non é nada sen ideas. Avogou que a súa vida debía correr parella sorte que o seu pensamento para manter a tese de que natureza e a carne non se poden antepoñerse esquizofrenicamente coa cultura e o espírito, pasando dun polo a outro sen solución de continuidade, segundo conveña senón que é preciso un compromiso entre ambas as dúas dimensións humanas.
    
Volvemos ao concepto de compromiso, que no plano ético supón a posibilidade de fundar o sentido do deber sen ter que recorrer a un a priori formal baleiro ou a un fin pragmático oportunista, senón que enraizado nunha comunidade da que se é suxeito e obxecto á vez, a relación que o individuo establece coa humanidade está mediatizada polas condicións concretas socialmente obxectivadas. A ética é posible porque non é necesaria e a liberdade que a funda non reside nunha substancia desconectada do mundo (na alma) senón que se funde co corpo que se expón e se arrisca na medida en que se asume responsable/culpable dos seus actos.
     E é no marco deste proceso no que se conquista tamén a verdade no plano do coñecemento: O debate sobre se Galiza quería ser libre ou non resólvese na evidencia en que deixan ao partidarios da falla de vontade o feito de que os galegos que opinan doutro xeito sexan fusilados. Dalgún xeito, o uso da forza quítalles a razón.
    
Mais isto será unha carga insoportábel para os intelectuais galeguistas de posguerra polo grao de concreción que lle legou o escándalo da morte de Bóveda, facíase imposíbel recoller a súa posta se non é poñendo en perigo a propia vida. Moitos recuarán cara ao galeguismo entendido como procesión que vai por dentro, e o nome de Bóveda faise a cada paso máis impronunciábel. Só o exilio será quen de tender a ponte co futuro celebrando a súa lembranza.
    
Así pois, do mesmo xeito que a historia do pensamento occidental principia cun filósofo que non escribiu nada pero que deu a súa vida polo que pensaba, o caso de Sócrates; a historia do pensamento nacionalista arrinca irreversibelmente de Bóveda quen coa súa inmolación consegue que os conceptos previos de Risco e Vilar Ponte, de Murguía e Brañas, tomen finalmente corpo, en definitiva, cando nel o verbo se fai carne, e xa non hai volta atrás. Con Sócrates restitúese o perigoso vencello entre palabra e acción como base sobre a que Platón xa pode soster que a verdade existe a pesar do devir, que a retórica baleira do relativismo sofístico deixa á fin paso as ideas que non se venden e non se someten aos nosos caprichos, que se elevan sobre as aparencias. Pero sobre todo, Sócrates dá conta da crise que agroma na fusión entre ética e política que manexaban os gregos e que esmorece por moito que Platón pretenda pór freo utilizando a morte do seu mestre como dique de contención. A sociedade cambiaba e as ideas non resistirían inmutábeis eses cambios. As Polis gregas deixaban paso ao imperio de Alexandre Magno, as comunidades nas que se fundía individuo e sociedade disólvense nun universo cosmopolita helenístico no que florecerán xa éticas desconectadas da política: cínicos, epicúreos, escépticos,... e os que máis éxito terán son os estoicos que logo tamén no imperio Romano serán moi útiles para desentenderse da res publica ou non, segundo conviña nun contexto tan represivo e discrecional. Mais aínda había quen se remitía a Sócrates para insistir no compromiso entre ética e política. Logo viría Cristo e xa Sócrates non será necesario, mais o retorno á fusión entre ética e política do cristianismo oficial e imperial pois en San Paulo a cousa estaba claramente separadaterá que construírse sobre outra radical escisión, ética fúndese coa política á custa de separar o terreal do celestial, únense no plano da vontade divina á custa de separala e abstraela da vontade dos homes. Isto é, cun Poder lexitimado pola Graza de Deus, a vida ética consistirá en servir a divindade, podendo, á fin, atopar desculpa para as masacres humanitarias (agora tan de moda). As cruzadas non se contemplaban motivadas por intereses políticos e económicos, senón que se presentaban á consciencia dos seus autores recubertos dunha moralidade construída sobre o sangue dun cristo que reclamaba ser rescatado a través da liberación da Terra Santa. Terá que vir Maquiavelo para deixar en evidencia esa falsa unidade entre ética e política amosándonos como realmente funcionan as cousas e como se utiliza a ética como coartada dos intereses políticos.
    
Pero, que é a política? Pois, efectivamente, a guerra por outros medios (Clausewitz). A guerra civil latente faise patente, o diálogo deixa o seu lugar á violencia. O debate deixa paso ao asasinato. Persuasivo e eficaz método de resolver as diferenzas. Pero ten que ser lexítimo e proporcional para permitir aos asasinos reintegrarse no negocio político (a guerra non é eterna). Debe xustificarse como resposta a asasinatos previos inxustos. Isto é, fúndase a moralidade do homicidio nun anterior crime ilícito (Sócrates, Cristo, Calvo Sotelo) para dar cobertura finalmente ao crime lícito, o que é tanto como dicir, ao Estado ("monopolio lexítimo da violencia" Weber). No asasinato de Calvo Sotelo e José Antonio basearase a coartada que exculpará do millón de mortos só no plano da lei de deus é na que se miden as equivalencias das vidas humanas que se poden considerar adecuados para satisfacer a débeda, pois a ollos de Deus non todos somos iguais.
     Mais de Bóveda non se deriva a xustificación para o homicidio pois o Estado que se deriva do seu martirio pode que sexa quen de quitar a vida aos seus cidadáns, pero terá que ter en conta a opinión de ditos cidadáns. Pois nel o compromiso entre ética e política non se realiza no plano da vontade divina xa que a súa resistencia a claudicar obedece a deixar en evidencia a súa reivindicación da vontade humana como elemento a ter en conta na aceptación das institucións sociais, isto é, a defensa da democracia, da autodeterminación.
     Trata de desmontar os alicerces do réxime do 18 de xullo e non simplemente servir de cobertura para eliminar adversarios. Por moito que se mitifique e se idealice a Bóveda, del nunca poderá deducirse del un Estado autoritario e violento. Nel a política volverá a substituír a guerra para que o diálogo simétrico que favorece os débiles (Habermas) substitúa á violencia, que favorece os fortes como xeito de resolver os conflitos de intereses. A lembranza de Bóveda empúxanos á Política, á Palabra, e por moito que se venere o seu espírito, ese espírito xa nunca poderá amosarse alleo ao que pasou co seu corpo, un corpo furado que nos fai patente que a política mata pero que só podemos librarnos dela desfacéndonos de dito corpo. Mais de "corpo presente" no mundo, hai ausentes que nos impiden escorrer o vulto coa conciencia tranquila.
     Mesmo, nalgún caso é o catalizador que impide aos perdedores darse por vencidos. Castelao escribe a Sebastián González García-Paz no 1939: "Eu non esquezo os nosos mortos e vivo soamente para vingalos e glorificalos. E Bóveda é o noso Deus". Polo que se entende que non lle queda outra que escribir o "Sempre en Galiza", xa que con Bóveda se queimaron as naves de regreso ao culturalismo e o nacionalismo xa non ten escapatoria. Outras veces os seus membros deixáronse arrastrar pola marea ata outras costas, como o carlismo, o federalismo, o socialismo ou calquera outra táboa de salvación que lles librara do naufraxio nacional.
     Coa súa morte, Bóveda meteu todo o nacionalismo nun compromiso. Un galeguista xa non acougará no seo dun partido foráneo. Facendo acto de presenza nas filas dos dominantes non poderá alegar que a súa alma segue cos dominados porque as balas que atravesaron a Bóveda demostraron que cando dispararon contra as súas ideas alí había un organismo físico ocupando o seu lugar. E é evidente que Boveda se mantivo no seu sitio e non esquivou a súa sorte para defender esa tese.
     Os galeguistas non poden facer como as prostitutas que quererían separar a súa mente do seu corpo, sentirse ausentes dunha relación física que a súa vontade non desexa. Despois de Bóveda un xa non logra desprenderse do corpo, da organización, da autoorganización sen renegar do galeguismo. Galeguismo sen partido ou en partido alleo. Despois de Bóveda o galeguismo só pode ser nacionalismo. Un xa non pode borrar os textos do "Sempre en Galiza" inspirados por el. En definitiva, non hai escapatoria moral porque non hai marxe de manobra para desdobrarse (a cidade de Deus de S. Agostiño, precipítase no chan desde as alturas esmagando de xeito explícito aos cidadáns que non se corresponden cos arquetipos da mente divina). Máis Bóveda compromete tamén, como queda indicado, no plano da verdade.
    
Bóveda actúa por fidelidade dunha idea ou dunha teoría, senón ao revés, é a teoría nacionalista a que nace por fidelidade a Bóveda, o pensamento nacionalista atopa sustento na súa actitude insubornábel. Hoxe, o nacionalismo permítese edificarse sobre o axioma "Galiza é unha nación e por tanto ten dereito á súa autodeterminación" porque Bóveda sostivo esta tese coa súa vida, e lembremos que o concepto de axioma que hoxe asociamos a verdade indubidábel formal e abstracta, na súa orixe grega significaba DIGNIDADE, REPUTACIÓN, RANGO. Dicíase do que é digno de ser valorado, estimado e crido. Grazas a Bóveda, puido refutarse a tese racista de Unamuno que xulgaba o pobo galego "afeminado" (partindo, naturalmente, dun estereotipo negativo e discriminado das mulleres) ou a definición de Ortega: "Galicia, tierra pobre, habitada por almas rendidas, suspicaces y sin confianza en sí mismas, el particularismo será reentrado, como erupción que no puede brotar, y adoptará la fisonomía de un sordo y humillado resentimiento, de una inerte entrega a la voluntad ajena, en que se libra sin protestas el cuerpo para reservar tanto más la íntima adhesión".
    
O pensamento non se limita a descubrir verdades, senón que é, sobre todo, estratexia para producir verdades. O casamento entre sentimento galeguista (particular e irracional) e dereito á autodeterminación (universal e racional), non é unha revelación divina senón un intelixente e calculado labor de alcaiote. O pensamento nacionalista nunca poderá prescindir das contribucións previas a Bóveda e aínda que descarnadas ou desalmadas son imprescindíbeis para participar nos esponsais que tiveron lugar co escándalo do seu fusilamento. E se certamente podemos constatar relacións prematrimoniais e citas á cegas anteriores á inmolación do secretario xeral do PG, será este acto indiscutible o que sele finalmente a unión dos elementos anteriormente citados, e consume á fin o compromiso sobre o que refundar o nacionalismo na medida en que el encarnaba á Galiza soñada e o seu falecemento só podía subsanarse coa execución do planeado: Se a vida humana é proxecto, a súa supresión é corrixida pola realización de dito proxecto. Un proxecto que neste caso se fundía de tal xeito con dita vida que non se podía traizoar a vida sen traizoar o proxecto e as avesas, para abandonar o proxecto que daba sentido a esa vida ata o punto de entregala ao seu servizo era preciso esquecer a quen o personificou.
     Co desembarco de Castelao en Arxentina o nacionalismo porteño recupera o pulso, e no primeiro número da reeditada A NOSA TERRA chámase á celebración do "Día dos Mártires Galegos" o 19 de agosto do 1942, na honra de Alexandre Bóveda, "mártir máximo da Patria Galega". O segundo número co titular "No día dos mártires galegos" e cun retrato de Bóveda, conta en portada con dous artigos de Xerardo Álvarez Gallego e Castelao dedicados ao aniversario.
    
Pero xa en plena guerra se forxaba a lenda de Bóveda cara a levantar a moral dos combatentes republicanos galegos, e mesmo os do PCE o situaban á beira do seu Benigno Álvarez como referente do descabezamento do país, chamándolle "paladín de las libertades autonómicas de Galicia, uno de los caudillos de la nueva generación de jóvenes que ante la nacionalidad oprimida alzaban sus voces de rebeldía" (2). En agosto do 38 na "seizón da Terra" do "Nueva Galicia" (órgano dos combatentes republicanos galegos) ábrese un apartado que continuará nos números seguintes co título "forxadores caídos" no que se publica por entregas un artigo de Alexandre Bóveda do ano 35 coa seguinte advertencia previa "Ao dalo de novo á pubricidade, animamos o desexo —era tamén o seu— de que iste traballo do irmán sagrificado pola besta feixista 'sirva pra aguilloar a todos', a todol-os que o destiño impúxonos, pra despois de conquerida a victoria, a grande tarefa de reconstruír o país" (3). A funcionalidade de lembrar Bóveda queda en evidencia. E o seu pensamento cobra creto no empeño que tivo en defendelo ata as últimas consecuencias: "a fe que Bóveda puña no seu proiecto faime creer que debemos realizalo" (Castelao).
    
Pero a represión non se reduciu a Bóveda, e a súa elección como símbolo da Galiza mártir non é arbitraria. Certo que ten un peso persoal forte na consciencia de Castelao que o fai omnipresente nas súas cartas ("Bóveda está presente antre nós e os seus mandados non deben desatenderse. El nosa guiará ben co seu exemplo de vida, de conduta e de morte. Peróenme esta apelación sentimental, pero eso é o que a min me sostén e me dá forza". Castelao a Manuel Meilán, 15-1-1941). Pero tamén que detrás da súa recuperación hai unha intencionalidade política: "... todo Bos Aires era unha pura 'españolada', tanto nun bando como no outro, e no dos republicáns tiña un soio arcanxo: García Lorca. Algo fixeran os meus albums de guerra e os galegos sabian o marteiro de Galiza e doíalles que todo fose Madrid e García Lorca; pero non tiñan azos para impoñer os seus sentimentos. Pois ben; nós regaleguizamos ás nosas entidades desviándoas e diferenciándoas das demais... espuxemos a historia do Estatuto eisaltando a figura de Bóveda, fixemos chorar ás xentes galegas que asistían aos actos e así logramos que os galegos se sintan o que realmente son" (Castelao aos galeguistas do interior, 31-3-1946). Os reproches de Castelao a un Blanco Amor que choraba máis a Lorca que Bóveda ou aos galeguistas do interior que xa non choraban a ningún, respondía a un calculado interese político de sentar unhas determinadas bases teóricas e éticas nos que a dor cultivada tivera un marco nacional, e dentro deste, un chan firme e fértil sobre o que agromar no futuro. Bóveda representaba a introdución da base económica e a toma da consciencia do interese das clases populares no proxecto nacionalista. Bóveda ía ao gran e con el o nacionalismo deixaba de vender fume ("Fume de pallas V.N.G." ANT nº 311) para centrarse no material co que están construídos os soños ("Da nosa servidume Económica y Tributaria" ANT nº 441).
    
É a materia, será a Terra e os corpos os que farán que volva medrar a herba alí onde pisaron os cabalos de Atila, pero non só a herba, senón tamén o espírito, a cultura, a arte. Recobrarase a continuidade entre ambas as dúas dimensións nun patriotismo que encherá de contido emocional as formas abstractas de ben e verdade, pero tamén, en última instancia a de beleza, porque non abonda con saber o que é certo e o que é o correcto, hai tamén que querelo, sentilo, amalo.
    
As alusións citadas aos albumes de guerra denotan xa unha determinada concepción da arte. O deseño de Castelao da cabeza de Bóveda cun tiro na testa, publicado na prensa de combate, aspira a provocar unha determinada reacción emocional, non se trata dun panfleto senón dun produto estético, e como tal ten unhas obrigas coa beleza. Máis onde reside a súa beleza?
    
Castelao na súa teoría estética (Diario 1921) sitúa a beleza no asunto e non no suxeito ou no obxecto, e no Ollo de Vidro —que é unha especie de ensaio sobre a arte— síntese atraído polo esqueleto dunha muller moza que cría mártir das revoltas de Oseira, Nebra ou Sofán; leva unha grande decepción cando comproba que morreu de pena pola morte dun sarxento mozo seu. O asunto da dependencia, da debilidade, da asimetría buscada, do titor, do amo, da produción en serie está asociado nel coa fealdade, co noxo; mentres a dignidade, a autoafirmación, a autoestima, o poder sobre un mesmo, o vigoroso de non ser receptor da influencia allea; isto é o que atrae a un nacionalista: amar o que só pode ser visto unha soa vez —en termos de Hegel— máis como enerxía vital conquistada. O realismo socialista non é máis revolucionario que unha obra abstracta se a experiencia estética non xera ese revulsivo responsabilizarse do propio ser por moitas fouces e martelos que amose. A construción social do gusto está interrelacionada coa madurez ética e política que se promova de tal xeito que finalmente Verdade, Ben e Beleza se concilian só como produto dun compromiso no que o artista terá que escorrentar canta morte habita na realidade para lograr facer o seu traballo de arremedar a vida, non só no lenzo que pinta senón tamén intervindo na paisaxe que quer pintar.
    
E para rematar este circunloquio como empezamos, carecendo da capacidade de Castelao para expresar todo isto nun pequeno deseño de poucos trazos como o retrato de Bóveda asasinado, temos que axudarnos de novo do poder de síntese do poeta, Pessoa sempre, aínda que sexa desta volta en prosa para rematar de comprender a calculada consecuencia estética da conduta de Bóveda: "não há beleza, como não há moral, como não há fórmulas senão para definir compostos. Na tragédia físico-química a que se chama a Vida, essas coisas são como chamas —simples sinais de combustão. A beleza começou por ser uma explicação que a sexualidade deu a si própria de preferência provavelmente de origem magnética. Tudo é un jogo de forças, e na obra de arte não temos que procurar 'beleza'ou coisa que possa andar no gozo desse nome. Em toda a obra humana, ou não humana, procuramos só duas coisas, força e equilíbrio de força energia e harmonia".




(1) Antuña Souto, Carlos A. O galeguismo na provincia de Pontevedra (1930-1936). Ed. do Castro. Sada. 2000. p. 195-196
(2) Gómez Gayoso, José. "Dos simbolos de unidad del pueblo gallego (Benigno Álvarez y Alejandro Bóveda)". Nueva Galicia, nº 4. 6 de Xuño de 1937.
(3) En Nueva Galicia, nº 48, Barcelona, 9-8-1938.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega