Banquete

 

(Escolma)

 

Pagina nueva 1

EUROPA


o desemparado xace no gabinete do desastre
as criaturas obscenas excitan o líquido do fatal
hai quen chupa sen remédio endemoniados arrebatos
e a dama do diván é unha cinza imunda

lentamente o emperador invade un escenário

as medallas son lánguidas palideces
o o sábio          a tristeza que fica
nunha póla suave e brillante

acenderemos a miséria coa florazón do alcool

un estúpido pianista deposita cravos na memória

arrecende o vómito poderoso do teatro
en lábios refinados polo acougo e o insulto
consternazón e triunfo da monstruosidade

resistir

padecer

colgar estandartes

exibir mortallas

espantados e invitos pola desolazón de Europa
UN VAMPIRO PROFUNDO E PATÉTICO QUE SE OCULTA DO SOL
















WAGNER PRECISA DE NÓS

 

Mais onde está o valeroso Carlomagno?
F. VILLON


neste ceu imensamente tráxico
acouga o prazer da harmonia
en recónditas rexións hiperbóreas
de lápidas fenecidas no abrente

falo desde a púrpura isolada da paixón
onde entrecruzo un espazo de mal entolecido
na Creta antiga e dominada pola luz
acariciada dos deuses e preferida do calmo

Ícaro é unha estrela da noite
no oráculo de Delfos mil druidas inician o banquete
o cisne habita en Rodas no cabelo do coloso
Homero move a miña pena plena de gozo e vitória
comeza un novo naufráxio

deszo ao profundo desastre
transmigro máscaras micénicas por un bou muxián
a Costa da Morte ventera relatos
e hai un mascato perto do bosco
a aniñar no seu canto o ouveo do lobo

as pólas da árvore acochan un filtro de gnomos
percevo a maxia na miña extrema languidez

anúncio a derrota con profundo laio
e mergullo-me a amar o desespero
embriagado de mitos
neste ceu imensamente tráxico
no que Wagner precisa de nós

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega