Balteira

 

 

v2elvirariveirotobiobalteira.html

     Agora medra sobre min o poexo mais xa fun a vosa musa, a máis fermosa dama das romarías e da corte de El-Rei Afonso. Eu que tanto vos amei, en leitos de nébedas ou en rexias camas, e en troca recibín de vós tanta afronta. Eu que rexeitei o plácido hábito para min reservado de abadesa en Vilar das Donas por danzar libre de Santiago a Toledo, por facer aquilo que, en má hora, nunca fixo muller: danzar e ben danzar, cantar e ben cantar, trobar e ben trobar? E vós, meus crueis amadores, todo achastes pracenteiro non sendo a miña arte de compor cantigas, superior á vosa.
     Agora cantarúxanme meniñas sobre o peito na estación da ceifa mais outrora, ao son da miña cítara, entoastes vós a danza falada que eu tanxía. E habiades gran sabor dela. E vós, meu rei e señor, ¿a que tanto me escarnir se seducido gozabades non sei se máis cos meus versos ou cos meus beixos? E vós, meus Pedro Amigo, Joan Baveca, Fernán Velho, Pero da Ponte, Vasco Pérez, Joan Vásquiz, Pero Malfado e máis? Fun cerva libre e libre vos amei tanto como vós amastes as trobas das que agora facedes público deosto. Home non pode perdoar muller sabia que goste de libros e compoña ben rimados cantares. E vós me amastes mais non me perdoastes.
     Nin ti, meu sempre ben querido Pero, dito d'Ambroa, señor de San Tirso, ben sabes que as túas mellores cobras miñas son e compracida chas ofrecín como doncela che outorguei a miña torpe arte de amante aprendiz. Nin ti apagaches o agravio, que o brandiches con forza.
     Agora os cervatos pacen trevo sobre os meus pés derrotados mais as miñas lágrimas seguen a chorar a vosa aldraxe. ¡Meu séquito de trobadores e ruíns namorados por quen xazo agraviada! Para os vosos herdeiros e as vindeiras estirpes serei a xograresa, a soldadeira, a puta licenciosa. Con certeza, ninguén ha lembrar que fun a esguía danzarina, a citarista virtuosa, a mestra trobeira cos seus infames -por femininos- versos consigo sepultados.
     Agora, receosos amos do cálamo e o pergameo, érguese sobre o meu xácigo o perfume espeso do tomentelo e canda min dormen para sempre mil cantigas e os fillos que xa nunca vos darei.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega