Borobó, despedido

 

[Texto íntegro]

 

v2monchodefidalgocontosdefada008.html

 


BOROBÓ, DESPEDIDO

(UN ARTIGO CRÍTICO ARREDOR DA PROFESIÓN E O EXERCICIO DO XORNALISMO HOXE)
 


     Este é un artigo simple e pouco elaborado. Directo. Alguén dira: simplista e demagóxico. Tirádeo ao lixo. Este artigo quixera ser coma un Anaco. Que escribo, iso si, pola noite. E que quere falar de Borobó e do xornalismo que facemos hoxe. Ou igual non quero falar diso e do que quero falar é da crise. Da económica e da do xornalismo. Non o sei ben. En calquera caso é un anaco arroutado que nace dunha pregunta: ¿tería cabida un borobó nos medios de comunicación de hoxe en día?
     Intúo que non. Entre outras cousas, porque os medios foron literalmente papados por un sistema, hoxe en crise, que os arrastra ao abismo. Por iso agora reclaman -e reciben- axudas públicas. Tales axudas, inexistentes na época de La Noche (máis ben a Administración facía o posible por dinamitar -e con éxito- certos proxectos xornalísticos), supoñen, ademais dun cepo económico que vencella a supervivencia dos medios aos avatares políticos de cada momento, a vulneración do espírito democrático e de vixía dese propio sistema que paradoxicamente o alimenta. Se Borobó se xogaba a pluma, e non só a pluma, dándolle aire fresco aos rapazolos galeguistas que querían comezar a intervir na realidade, hoxe os medios viven amedrentados diante da posibilidade de non gustar ou molestar a quen detente o poder, e xa que logo, perder certos favores económicos. Así que é imposible deixar de facer outra pregunta, a segunda xa, ¿a quen pertencen hoxe as cabeceiras? Probablemente xa non a un editor ou grupo editor, senón aos que moven os orzamentos públicos. Xa avisei no subtítulo deste artigo que este era un texto crítico coa profesión. A quen lle proa que rañe. É o espírito Borobó que me invade. É o espírito dos vellos xornalistas, que gozaban de respectabilidade e, como consecuencia, de influenza. Hoxe, nas redaccións dos grandes medios fálase sen escrúpulo de que tal ou cal directivo é un home de tal ou taloutro poder político, partidista, ou o que sexa. E así o xornalismo prostitúese e perde nivel. E reláxase todo. Os soldos dos xornalistas para empezar. E o rigor. E por suposto, a credibilidade.
     Cando Borobó morreu, todos os sectores xornalísticos, empresariais, políticos (de todos os bandos)... amosaron o seu respecto unánime á súa figura. Porque Borobó vivía na verdade ou, cando menos, nunha certa idea da verdade. Hoxe, o único certo é que Borobó duraría pouco nun xornal dos nosos.

 



 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega